BiosBardia

O país dos libros en galego

Mercedes Martínez Modroño: “Dragóns hai en todos os contos, ata nas series de moda, cal é o problema?”

Mercedes Martínez Modroño.

Coñece os participantes do Torneo Aira de Novelas: Mercedes Martínez Modroño

Seguimos a coñecer os e as participantes na competición.

Para Mercedes Martínez Modroño, esta é a súa primeira participación nun torneo de Biosbardia.

Coruñesa de nacemento, leva máis de dúas décadas na Ribeira Sacra ourensá, onde traballou no sector do turismo. É autora de Viaxe desde os cantís á memoria, guía libre para entender Parada de Sil (Toxosoutos, 2014) e do poemario A falta dun Edén, a terra (Chan da Pólvora, 2022). Recita acotío no dúo Versofonía, ou no Poetry Slam de Compostela. O resto do tempo pásao entre o activismo e o sacho. No inverno, especialmente, escribe.

Así explica como encara o proxecto narrativo que presentará no torneo:

“Que dragón nin que!

Meigas pode que haxa, pero de dragóns nin me fales. Hai que estar moi tola. Ou chamarse Laura e traballar neste supermercado no que a media do cadro de persoal está para que a internen. Así falou a encargada, ou podería ter falado. A tola do dragón, como a van acabar chamando nesta historia, chámase Laura. O seu carácter ten unha mestura de inocencia e fantasía que deseguida pon os compañeiros na súa contra. Sucede tamén que comezan a aparecer ratas, a montóns, e xusto xustiño cando comeza Laura, xusto cando chega a tola do dragón.

Botaranlle a culpa a ela, total, alguén tiña que levala. Pero Laura atopa unha aliada en Olga, unha compañeira que tamén está de paso, ou iso pensa ela, que non comprende que lle boten as culpas á nova só por ser un pouco rara.

E de que vai a historia? Vai de xente normal que non quere crer cousas que non son normais. De cantas barreiras temos que derrubar antes de escoitar algo que non agardabamos, ou cantas rutinas temos que cambiar para facerlle sitio ao que non tiñamos previsto. Así podería terlle falado Olga ao seu mozo, que prefire que prepare as oposicións e se deixe de perseguir nin ratas nin dragóns. Pero a Olga cáelle ben Laura. En parte porque ten pinta de boa persoa, en parte porque non lle gusta como a tratan os demais. E total, dragóns hai en todos os contos, ata nas series de moda hai dragóns, cal é o problema?”.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *