BiosBardia

O país dos libros en galego

A Biblioteca Ideal: Críticas verdadeiramente libres

Fina Casalderrey.

Xesús González Gómez.

No ano 2000, P.A.U. Education publicou un libro titulado La Biblioteca ideal europea. Els nens i les nenes opinen sobre cent llibres. O libro recollía as críticas emitidas por unha serie de alumnos de 5º e 6º de primaria (é dicir, de 10 a 12 anos), de oito escolas de Barcelona e a súa periferia, sobre libros que lles recomendaran. Participaron no proxecto máis de cincocentas nenas e nenos. O obxectivo do proxecto era a creación dunha Biblioteca ideal europea para crianzas destas idades.

A metodoloxía seguida foi a seguinte: partiuse dunha selección de cen títulos, «elaborada e consensuada por diferentes profesionais do mundo literatura infantil e xuvenil e por xente vinculada á animación da lectura (críticos, escritores, ilustradores, mestres bibliotecarios..)». Estes «expertos» formaron un grupo de traballo, un «foro de debate e de reflexión» que serviu de base teórica para o desenvolvemento do proxecto». Tívose en conta «que todos os títulos seleccionados estivesen publicados en lingua catalá (agás os autores en lingua castelá)». Tamén se tivo en conta que todos os títulos estivesen presentes no mercado.

Os criterios de selección foron os seguintes:

Títulos universais, europeos, cataláns, etc. Determinación da lingua dos libros e do número de títulos. Os títulos seleccionados foron consensuados «polos educadores e/ou os alumnos». Os títulos tiñan que ser adecuados á idade dos «críticos», e que, como se dixo, estivesen no mercado ou, cando menos, na biblioteca da escola.

Pasouse logo a presentar os libros aos críticos (cousa que fixeron ben os educadores ben os alumnos que participaron na selección); distribución dos libros e dos tests de avaliación entre os críticos. Lectura dos libros, avaliación escrita (test). E foro dos críticos (intercambio de opinión na aula). A duración foi de tres meses.

O test que se lles entregou aos «críticos» que quixeron responder mediante a escrita foi o seguinte:

Tema. Resume nun par de liñas o tema central do libro. A Opinión. Que é o que che gustou máis deste libro? Explica por que. Que é o que menos che gustou deste libro? Explica por que. Que opinas do libro en xeral? Que puntuación lle darías entre o 0 e o 10? Comparado con outros libros… Liches algún libro que se semella a este?

Entre os cen libros escollidos había títulos de L. Tolstoi (O amo e a criado; Martin o zapateiro), R. Kipling (O libro da xungla), R. L. Stevenson (A illa do tesouro), C. Perrault (Carapuchiña vermella), os Irmáns Grimm (Contos), C. Collodi (As aventuras de Pinocho), Juan Ramón Jiménez-F. García Lorca (Mi primer libro de poemas), Selma Lagerlöf (A lenda da rosa de Nadal), Ted Hughes (O home de ferro), Roald Dahl (As bruxas, A marabillosa medicina de George), Michel Tournier (Venres ou a vida salvaxe), G. Durrell (O paquete falante), María Gripe (Hugo e Xosefina), Josep Vallverdú (El fill de la pluja d’or), Pere Quart (Bestiari, poemas), Salvador Espriu (Salom, el caminant, poemas), J. K. Rowling (Harry Potter e a pedra filosofal), Josep Carner (Bestiari, poemas), Marià Manent (Espígol blau, poemas), M. Martí Pol (Bon profit/Per molts anys, poema), Joaquim Carbó (En Felip Marlot), Sebastià Sorribes (O zoo de Pitus), Elvira Lindo (Manolito Gafotas), Miquel Obiols (Ai Filomena, Filomena!), Gianni Rodari (Atalanta; Contos por teléfono), Emili Teixidor (L’ocell de foc), J. Sierra i Fabra (Un cabell blanc en un cap pelut), B. Atxaga (Memorias dunha vaca; Shola e os leóns), Oscar Wilde (O fantasma de Canterville), Pere Calders (Cepillo), Jordi Sarsanedas (L’Eduard el Mariner i el Pais de Sota l’Aigua), etc. etc.; e entre eles dous títulos de escritores galegos: El misterio de los hijos de Lúa, de Fina Casalderrey e Quan de nit truquen a la porta, de Xavier P. Docampo.

Antes de entrarmos en «materia», botemos unha ollada ao que pensan algúns dos rapaces e rapazas que leron unha novela, teoricamente dirixida a un publico xuvenil pero que os «expertos» fixeron ler a nenos de 10 a 12 anos: Venres ou a vida salvaxe, de Michel Tournier (Edicions Xerais). A rapaza que fixo a crítica por escrito foi Agnès M, de 12 anos, alumna de 6º de Primaria do Centre d’Educació infantil Grimm, de Barcelona. Primeiramente, seguindo a orde imposta polo test que lle entregaron, resume a novela: «Robinson naufraga no mar e pérdese nunha illa e atopa un home o día de venres e por iso lle pon Venres [de nome]». Á pregunta que máis lle agradou do libro, responde: «O principio, cando Robinson naufraga. Porque naufraga e se perde e, cando chega á praia, atopa cantidade de peixes mortos ao seu redor». O que menos lle gustou: «Cando se encontra na illa sen saída, porque pensabas que atoparía algún pasadizo secreto a unha cidade». Que opinou do libro en xeral: «Que algunhas palabras eran un pouco complicadas e facían servir unha linguaxe un pouco difícil. Tamén era un pouco aburrido». Puntuación entre 0 e 10: 6. Os críticos, é dicir, os rapaces e rapazas que participaron no foro de discusión, dixeron, entre outras cousas: «O tema é moi bonito, pero o libro faise bastante pesado ao principio, pero despois xa non tanto. Depende do momento. Puntuación: 6»; «A min gustoume todo o libro, porque a Robinson pásanlle moitas aventuras. O que non me gustou é que o libro é moi pesado»; «Home… é un pouco pesado porque é longo»; «A maneira de explicar fíxoseme pesada»; «É bastante pesado»; «O título é como se tiveses que escoller. Escoller Venres ou a vida salvaxe»; «Non! É o mesmo. Porque Venres está dentro da vida salvaxe»; «É como a película [Robinson Crusoe], máis ou menos. Na película chorei… Ben, depende de como o imaxines. A maneira como cho explica o libro e a maneira como cho explica a película son totalmente diferentes. Penso que a maneira como cho explica a película é mais triste que o libro». Os libros foron escollidos, como se dixo, por «expertos»: a un gustaríalle saber quen lles deu o título de expertos: como se pode recomendar a rapazas e rapaces de 10 a 12 anos un libro como este de Tournier, dirixido, máis ben, xa a rapazas e rapazas de 15 e máis anos. Logo se queixan, estes expertos, de que as crianzas ou ben se aburren cando len ou deixan de ler en canto abandonan a escola.

Mais vaiamos ao que din estes lectores sobre os dous libros galegos que foron escollidos para conformar esa Biblioteca ideal europea.

O libro de Fina Casalderrey (cuxo título orixinal é, como sabe todo lector, O misterio dos fillos de Lúa), do que se usou a versión castelá realizada por María Jesús Fernández, foi ilustrada por Pep Brocal e editada por SM (os xesuítas, por se alguén non o lembra), colección ‘El Barco de Vapor’, nº 103, consta de 128 páxinas e apareceu no ano 1997. Lémbrese que este libro gañou en 1996 Premio Barco de Vapor.

Fixo a «crítica» do libro Marta, de 11-12 anos, cando cursaba 6º de Primaria na escola ACESCO, de Parets del Vallès. Velaí o que escribiu esta rapaza.

Tema: «Novela de intriga e aventuras protagonizada por David e Blanca, que deberán resolver o misterio da desaparición dos fillos de Lúa, a súa gata». A pregunta do test de que é o que máis lle agradou deste libre, Marta escribe: «Que a nai queda enganchada con cola e os nenos comezan a pegala. Porque penso que é o máis interesante» O que menos lle agradou: «O principio, porque fala moito deles [dos fillos de Lúa].» A súa opinión do libro en xeral: «Un aplauso para o AUTOR DA IDEA DE FACER O LIBRO, felicidades Ricardo Alcántara. Un 10 para o libro e para o tema máis aínda.» A puntuación que lle daría entre 0 e 10 é a de 9 (nove). Á pregunta de que o compare con outros libros que se semellen a este, Marta non responde.

No foro de discusión sobre El misterio de los hijos de Lúa, producíronse catro críticas ou opinións. Unha por escrito: «Non me gustou moito, porque a historia non ten moita fantasía. Non ten moitas ilustracións e as que ten non me gustan.» As opinións orais foron as seguintes: «Está bastante ben, porque ten moitas aventuras e moita imaxinación»; «O argumento está ben»; «A min gustoume pola súa orixinalidade, ten misterio».

Comparado con outros libros, este de Fina Casalderrey non tivo demasiado éxito de crítica ou participación dos nenos. Non foi o caso, como veremos, da novela de Xabier P. Docampo que se puxo a discusión neste foro.

A obra de Docampo escollida para esta posíbel biblioteca ideal europea (de libro infantil e xuvenil), foi Quan de nit truquen a la porta, que traduciu ao catalán Mireia Alegre e ilustrou Pere Formiguera (cuberta). Foi publicado pola Editorial Barcanova (daquela Grupo Anaya), na colección Antaviana Jove, núm. 11, en 1996, 80 páxinas. (Lémbrese que o orixinal, Cando petan na porta pola noite, fora publicado por Edicións Xerais, daquela do mesmo grupo editorial, en 1994.)

O neno que fixo por escrito a crítica da novela foi Eduard B., de 11 anos, que cursaba 6º de Primaria na Garbí Escola, de Esplugues de Llobregat (non vén a conto, pero digamos que as escolas que en Cataluña levan o nome de Garbí adoitan ser do Opus Dei).

Velaí o que escribiu Eduard B. a respecto de Quan de nit truquen a la porta.

Tema: «Como que este libro ten catro historias, collerei a que máis me gusta: «El mirall del viatger [O espello do viaxeiro]. Trata dun home que vai a unha casa onde hai un señor que é moi semellante a el. A única diferenza é unha cella

Do que máis lle agradou do libro, escribe: «O que máis me agradou deste libro foi o feito de que ten catro historias de medo nun mesmo conto. Tamén que estas historias as narra un home calquera. A min, persoalmente, como que me fascinan as historias de medo…»

O que menos lle gustou foi «que lle faltan ilustracións

Do libro en xeral opina: «Está bastante ben. É para a miña idade. Non é moi longo nin complicado de entender. As historias non poñen moito medo. A tapa é en branco e negro, o que non me gusta moito.»

A puntuación, entre 0 e 10, é de 8 (oito).

Comparación con outros libros. Como a lectora de Fina Casalderrey, Eduard B. deixa a resposta en branco.

Xabier P. Docampo. XERMAR/AELG.

No foro de «discusión» houbo máis participación que no orixinado por O misterio dos fillos de Lúa. Escritas, reprodúcense dúas opinións ou críticas:

«Este libro está moi ben, xa que o autor explica contos que lle explicou seu pai. Pasan tanto cousas boas como malas. Puntuación: 10.»

«Agradoume todo. Acho que todo era moi interesante e pagou a pena perder o tempo para ler esta historia. Puntuación: 10.»

As intervencións orais foron un total de sete:

«É un libro que está moi ben. Ten uns capítulos moi interesantes, pero hai algún que é un pouco sádico. Por exemplo, no capítulo dous mallan nunha dona e en El celebramorts [título dun capítulo] o pobre home [o protagonista] está sempre preocupado [porque a morte o persegue].»

«Talvez a crítica que lle faría é que non é necesario ser tan sádico. Ás veces [o autor] pásase unha miga. Por exemplo, no canto de queimala [refírese á protagonista do capítulo dous], faría que lle acontecese outra cousa.»

«Canto máis sádico mellor, porque ten máis graza. Mentres non sexa verdade…»

«Recomendaríao á xente que lle agraden as historias de medo. Da mesma idade [entre 11 e 12 anos] e a algúns de Quinto tamén.»

«Eu prefiro que todas [as historias] sexan de medo, que non sexan ora de amor, ora de intriga…, pois non. Xa non hai libros de aventuras que teñen outras historia, non si? Se pos catro historias nun libro de medo, aquel a quen lle agraden os libros de medo collerao. Se pos dúas [historias] de medo e dúas de aventurase hai algún a quen lle agrada o medo pero non as aventuras, lerá só medio libro.»

«É o libro que máis me gustou de todos os que lin, porque as historias son de medo.»

«Cando de noite petan na porta e non esperamos a ninguén, dá medo.»

E isto é todo por hoxe, faltaría unha «suite», no sentido genetiano do termo. E a suite sería un traballo de investigación que informase se os rapaces e rapazas que participaron neste proxecto de Biblioteca ideal europea cando tiñan de 10 a 12 anos, hoxe continúan a ler. Ou cantos destas rapazas e rapaces continúan a ler hoxe… literatura.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *