BiosBardia

O país dos libros en galego

A carta morreu, viva a correspondencia! Sobre o epistolario Otero Pedrayo-Filgueira Valverde

Xesús González Gómez.

Ramón Otero Pedrayo (esquerda) con Ramón Cabanillas.
Ramón Otero Pedrayo (esquerda) con Ramón Cabanillas.

Hoxe escribir cartas é un feito anacrónico. Teléfono fixo e móbil, whatsapp, correos electrónicos, facebook, etc., danlle a razón a Theodor Adorno cando, presentando en 1966 unha escolma de cartas de Walter Benjamin, afirmaba, e subliñaba, que xa no momento en que as escribira o autor de Sentido único eran unha forma anacrónica. Cincuenta anos despois non fixeron máis que acentuar esta obsolescencia. Hoxe, por exemplo Madame de Sévigné, de cuxa correspondencia nos fala tanto Marcel Proust na Recherche…, se se falase coa filla, falarían por teléfono se tivesen moito que falar. Se, simplemente, se desen as noticias de cada día, con whatsapp ou cun simple e curto correo electrónico, a cousa estaba arranxaba. Talvez por un, digamos, prurito de melancolía, non de nostalxia, as correspondencias (como os diarios “íntimos”, e non tan íntimos) están de moda e mesmo coñecen bastante éxito: máis que moitas novelas que acaban por aborrecer os seus lectores. Con todo, tamén haberá que afirmar, ou cando menos, insinuar, que as correspondencias, sexan de quen for, de maior ou menor calidade literaria, seméllanos máis un xénero cultural que un xénero literario, o que non quere dicir que non teñan a súa importancia no desenvolvemento dunha literatura ou que non existan ou mesmo “correspondencias” máis ou menos literarias. E, sobre todo, penso que é máis que sabido que o lector de correspondencia non procura nelas un “pracer” literario, senón unha fonte de informacións: políticas, sociais, culturais, literarias e mesmo persoais: a famosa rexouba. Tampouco estará de mais dicir que a rexouba é, como a curiosidade, unha das fontes primordiais da literatura.

Non imos agora e aquí facer unha recensión de correspondencias non galegas editadas e que entraron, ou están a entrar, na historia da literatura, ou da filosofía: a maioría delas está na mente do lector, pero anotemos as últimos correspondencias “exemplares” que viron lumes a finais do século pasado ou principios deste: a de Walter Benjamin con Th. W. Adorno, con G. Scholem e con Gretel Adorno; as cartas de Paul Éluard a Gala; as recentemente publicadas de André Breton ao modisto, mecenas e coleccionista Jacques Doucet; as cartas cruzadas entre Pedro Salinas e Jorge Guillén; os diversos volumes da correspondencia de Julio Cortázar; os até o de agora 14 volumes da correspondencia do valenciano Joan Fuster; ou a recentemente publicada entre Mário Cesariny e Arthur do Cruzeiro Seixas, etc.

Si, xa non se escriben cartas, ou escríbense moi poucas e case todas máis ou menos “telegráficas”, mais non nos inquietemos polo futuro das correspondencias, os nosos antepasados escribían con moito gusto e sexa cal for o destino das administracións de correos, o filón de cartas inéditas, ou insuficientemente editadas, está moi lonxe de se esgotar. Bibliotecas e arquivos fornecen ampla materia para novas publicacións. Nos últimos 15 anos, sen irmos  máis lonxe, porque máis lonxe non se pode ir, no que se refire a “correspondencias” de próceres e menos próceres galegos, foi bastante, non moito, pero si bastante, editada: correspondencia entre Francisco Fernández del Riego e Ramón Piñeiro (correspondencia que habería que reeditar, mais na súa totalidade e engadindo os cortes que lle impuxo Fernández del Riego ás xa publicadas), entre o primeiro e máis Luís Seoane, Carvalho Calero, Rodrigues Lapa, Álvaro Cunqueiro. De Ramón Piñeiro con Basilio Losada, Isidoro Millán González-Pardo, e outras “menores” ou de menor importancia ou interese, etc, etc.; a correspondencia case completa de Castelao e de Dieste; as cartas de Otero Pedrayo á súa nai, a Filgueira Valverde, a Primitivo R. Sanjurjo; correspondencia de Neira Vilas ou cartas enviadas a este; de Vicente Risco a Lousada Diéguez, a correspondencia case íntegra de Manuel-Antonio (contando a primeira edición realizada por Domingo García-Sabell e máis a editada por Xosé Luis Axeitos –que non reproduce algunhas das epístolas que aparecían na edición de García-Sabell, a correspondencia íntegra do poeta rianxeiro), as cartas intercambiadas entre Luís Seoane e Isaac Díaz Pardo, e de seguro algunha máis que esquezo. Ou as Cartas de republicanos condenados a morte, que argallou Xesús Alonso Montero. E tantas e tantas correspondencias que aínda están esperando ver lume

Mesmo, nunha editorial mallorquina (e isto xa é propaganda) unha selección das cartas que enviou Albino González González a María Gómez Torres –os meus proxenitores– tres meses despois de o primeiro ser liberado polas tropas estadounidense do campo de Mauthausen até pouco antes de se casaren dous anos despois. Sen esquecérmonos do excelente libro de Xosé Manuel Seixas e Raúl Soutelo, As cartas do destino. Unha familia galega entre dous mundos 1919-1971. Podo afirmar que, persoalmente, me interesan, e me divertiron e alegraron as miñas horas de lecer lector, moito máis algunhas destas correspondencias que a maioría da novelas galegas que lin nos últimos 15 anos.

Ora, as correspondencias poden pecar de “desinterese” por diversas e variadas razóns. Normalmente cando se edita a correspondencia dun escritor, os primeiros volumes, ou libros, publicados concéntranse en xeral nun único destinatario. As cartas de Otero Pedrayo á súa nai. Interesantes, non o dubidamos, pero moito menos que outras correspondencias do de Trasalba con outra xente e que, de momento, permanecen inéditas. Tamén é de lamentar que a correspondencia de Otero (como a de Ramón Piñeiro, e esquezámonos hoxe de valoracións políticas e pensemos na cantidade de información que deita, por exemplo, a correspondencia deste con Basilio Losada) estea a ser publicada ás veces case “secretamente” por institucións que deberían dedicarse a outras cousas e deixar facer o seu traballo ás editoriais ou, senón, cando menos subvencionar a esas editoriais para que publicasen eses libros que editados por tales institucións acaban nos sotos de calquera edificio cheo de humidades e de ratos, e os libros sen coñecelos ninguén. Tal acontece por exemplo coa correspondencia da que queremos falar hoxe. Publicada hai anos, até este verán non souben dela e por puro azar ou casualidade. O único “punto” a favor, ás veces, destas edicións “institucionais” é que cando o curioso, o lector ou o estudoso topa con elas, os prezos son irrisorios. Tal pasa co libro de que queremos falar hoxe: vendíano na institución que o publicou a cinco euros.

Hoxe queriamos falar un pouquecho do intercambio epistolar de Otero Pedrayo con Filgueira Valverde[1]. É, on le veuille ou non, exemplar. Exemplar polas cartas enviadas tanto por Filgueira como por Otero. Cartas que hai que dividir en dúas seccións: as enviadas antes de 1936 e as posteriores a esta data. Antes do 36, Otero Pedrayo trata a Filgueira, como era corrente entre os homes das Irmandades e do Partido Galeguista, de querido amigo e irmán. A partir de 1936, desaparece o irmán, aínda que se manteña o «querido amigo» ou «benquerido amigo» ou mesmo «benquerido e ademirado amigo», e mesmo ás veces engade o substantivo «mestre».

As cartas do pontevedrés só fan mostrárnolo vendido a quen se vendeu, e máis nada: non din nada e, ademais, intenta por todos os medios parar a edición da historia de Galiza, que dirixía Otero e que se ía publicarse en Buenos Aires, para poder publicar unha historia de Galicia que argallaría o moi franquista Instituto Padre Sarmiento de Estudios Gallegos[2], é dicir, o ladrón dos fondos do Seminario de Estudos Galegos. Ademais, se algún dos lectores destas liñas leu este volume de correspondencia, percibira diversas cousas: a) a ironía, e mesmo humor, de Otero; ironía e humor nunca correspondidos por Filgueira Valverde[3]; b) a elisión por parte de ambos correspondentes de calquera problema político –evidentemente, Otero sabía a quen se dirixía[4]; c) a pesar do “cariño” con que se escriben, percíbese, sobre todo en Otero, un distanciamento non só ideolóxico do seu correspondente; e) para acabarmos, Otero sabe a quen se dirixe, e así se nas cartas anteriores a 1936, sempre máis que respectuosas por parte de ambos correspondentes, Otero xoga o papel de “mestre”, a partir de 1936, e aínda que Filgueira o trata ás veces de “mestre”, o de Trasalba, en certa maneira, subordínase a Filgueira, quen é o “posuidor” e/ou o representante do poder. A correspondencia déixao percibir claramente, Filgueira, que é o máis novo, cuxa obra aínda non estaba “formada” antes do alzamento militar, é o que “recibe” por parte do seu correspondente, quen xa tiña a súa obra formada na súa maior parte antes de 1936, o tratamento de mestre, de sabio, etc. Filgueira, dá a impresión de que nos poucos “grandes temas” que “discute” con Otero toma a posición do censor, do mestre. O gran tema que percorre a correspondencia despois de 1950 é o da historia de Galiza: as respostas de Filgueira, con débil contestación por parte de Otero para non romper ningún fío, por tenue que fose, aínda que as veces use dunha ironía que se ben Filgueira pode percibir, nunca responde ou fai como se non “existise”, son as do mal pagador: é dicir, ir adiando até que as cousas podrezan para logo intentar actuar e emendar a situación.

Ora, non quero afirmar, de maneira ningunha, que Filgueira usara dunha estratexia da dominación, simplemente, tanto un como outro correspondentes saben onde están e que agora a súa relación se basea nunha situación obxectiva concreta: a creada polo alzamento militar e o esmagamento da República. Evidentemente, Filgueira non creou a situación, mais acomodouse a ela (non falo do golpe de estado, senón da súa relación con Otero; e, supoño, con outros galeguistas), asumíndoa e facéndoa súa de maneira consciente. (Polo que tamén se pode deducir que Filgueira, conscientemente por parte súa, se sabe unha arma máis do xenocidio cultural e lingüístico que intentou perpetrar o franquismo en Galicia. Obviemos, por hoxe, o xenocidio humano[5].) Non hai que esquecer tampouco que as condicións materiais, e sociais, dun e doutro cambiaran radicalmente, en detrimento de Otero, e este sabíao: é tamén por mor destas condicións que a correspondencia de Otero con Filgueira cambia a partir de 1936: case semella que o “mestre” sexa o pontevedrés e non ourensán. Por outra parte, se ben é certo que o pontevedrés pasa axiña a tratar de “mestre” ao ourensán, este non deixa de lle conceder a Filgueira unha autoridade que habería que ver se tiña –está claro que si tiña unha autoridade política que emanaba da súa colaboración ou entrega ao franquismo, e o seu correspondente ten consciencia clara deste feito. Nunha palabra, Otero é consciente de que a partir de 1936, ou 1940, se non é debedor de Filgueira si é, en certa maneira, dependente. Dependencia, porén, da que vai “liberándose” pouco a pouco, sobre todo a finais do 1950, cando xa Otero tiña arredor del unha serie de persoas que o arroupaban: García-Sabell, Fernández del Riego, Ramón Piñeiro. Sen esta axuda, a situación de Otero fronte a Filgueira continuaría a ser, estamos seguros, de dependencia; velaí o que nos mostra esta correspondencia, por iso é necesario, acho, publicar as correspondencias de Otero con Piñeiro, García-Sabell e Fernández del Riego, así como as cartas que puido cruzar con outros homes e mulleres, tanto pertencentes ao grupo Galaxia ou non, que estiveron con el nos momentos difíciles e continuaron a consideralo o que sempre foi: un mestre de conduta exemplar. Conduta exemplar que mostra esta correspondencia: «Procurarei algunha colaborazon  si podo por ali [Madrid]. Pois ista man miña tén gota, reúma e perlesía para lle escribir ó Ministro» [Ministro de Educación para que o restitúa na cátedra –carta do 16 de febreiro de 1948, entre outras.]

 

[1] Xosé Filgueira Valverde-Ramón Otero Pedrayo, Epistolario, compilado por Mª Jesús Fortes Alén. Estudo preliminar de Ramón Villares, Pontevedra, Museo de Pontevedra. Sociedad Estatal de Conmemoraciones Culturales, 2009, 470 páxs., con índice de nomes incluído. O volume que recolle este epistolario (completo?) é unha mostra de como non se deben editar epistolarios. De primeiras, o formato, 21×25 cm. É inmanexábel, a «compiladora» non pon nin unha nota e, por último, o prólogo e os pés de foto van en bilingüe, non se sabe moi ben a santo de que. Salvemos, porén, o limiar de Ramón Villares, que se está a converter nun especialista en Otero. (O de completo en interrogante vai porque moitas das cartas de Otero non teñen resposta por parte de Filgueira. Por exemplo, as cartas 107 e 115, que falan respectivamente da doenza e da morte de Castelao, entre outros temas, non teñen contestación por parte de Filgueira, etc.)

[2] Historia, por outra parte, que, grazas a Deus –e o di un ateo recalcitrante–, nunca viu lume. Por outra parte, como pode imaxinar o lector, esta historia, contra a de Buenos Aires, sería en español, faltaría máis

[3] Se Filgueira se decata da ironía e de, en certos momentos, un chisco de mal líquido lácteo (léase a carta 56), e pensamos que si se decata, o silencio é a resposta. Sobre o poder de Filgueira, asumido por Otero, véxase, como mostra, a carta 126, etc.

[4] Nunha carta de Ramón Piñeiro a Basilio Losada (2-VII-1963), pódese ler, a respecto duns Xogos Florais realizados en Ourense en 1963: «[…] Por certo que, en relación coa convocatoria dise certame ocurriron os feitos seguintes: ofrecéronlle a presidencia do Xurado a D. Ramón Otero Pedrayo, que a refugou por non estar de acordo coa convocatoria, ofrecéronlla entón a Filgueira Valverde, que, naturalmente, aceptouna decontado» (na convocatoria, o galego era relegado á categoría de lingua exótica) Do sentimento á conciencia de Galicia. Correspondencia (1961-1984). Ramón Piñeiro/Basilio Losada, Vigo, Editorial Galaxia, 2009, p.251. É dicir, dá a impresión de que, desde outra perspectiva ideolóxica e cultural, Filgueira quixese pisar alá onde Otero non quixo deixar pegadas, porque pisar en segundo que lugar producíalle, como escribir ao ministro, gota, reuma e perlesía e quen sabe cantas cousas máis. Non pensamos, nin moito menos, que Filgueira quixera “borrar” a Otero (o alcalde franquista de Pontevedra era consciente da valía de Otero e da propia), senón, simplemente, suplantalo.

[5] O gran xornalista catalán Eugeni Xammar, en 1948, nunha revista do exilio, publicou un artigo sobre os homes da revista Destino –coñecidos como os cataláns de Burgos. Xammar dicía que os franceses fusilaran o catalán francés Robert Brasillach por colaboracionista. Brasillach era fascista, pro-nazi, colaboracionista, antisemita, etc., pero nunca antifrancés. Non axudou os nazis a reprimir a lingua francesa, a proscribila das escolas, da administración, etc. Os homes de Destino, que proviñan a maioría da Lliga, axudaban o franquismo a proscribir o catalán de calquera espazo público, relegando este idioma a uso particular na casa (nunca en público –hai fotocopias de multas que emitía a autoridade por falar en catalán por teléfono): é dicir, axudaban ao xenocidio cultural. Non aconteceu o mesmo cos “galeguistas” que colaboraron co franquismo? Aínda que as diferenzas entre as situacións catalá e a galega era, e son, abismais; e, por outra parte, xa é hora de que alguén comece a estudar o “galleguismo franquista” que existiu: Ramón Fernández Pousa, Carlos Rivero, Cipriano e Eugenio Torre Enciso, Julio Sigüenza, Ánxel Sevillano, etcétera etcétera.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *