BiosBardia

O país dos libros en galego

A censura franquista: unha historia de delatores e libros feridos

Camilo-José-Cela-baja-definición
Camilo José Cela.

Xesús González Gómez.

En verdade o que me levou a redactar esta parella de artigos non era nin unha defensa da pornografía (sexual) nin tampouco lembrar casos máis que coñecidos e rechamantes de censura por parte de gobernos denominados democráticos. O que, inicialmente, me empurrou á redacción das presentes liñas era unha falta ou ausencia que veño notando desde hai tempo: un estudo da censura exercida polo franquismo sobre, mellor dito, contra a literatura galega. Hai traballos parciais: X. M. Dasilva sobre Blanco Amor, Teresa Bermúdez sobre a censura exercida contra os libros da “nova narrativa” (ambos traballos publicados na revista dixital Represura ). Sabemos tamén que tanto A Esmorga (na súa edición galega) como  Xente ao lonxe sufriron cortes que non foron recuperados máis que tardiamente. Todo o mundo coñece o feche dos Cadernos Grial por parte de Juan Aparicio, e o atraso que sufriu a publicación da tradución galega de Da esencia da verdade, de Heidegger, a condena de Xosé Luís Méndez Ferrín por unha novela inédita e que nunca foi publicada, os meses de cárcere de Alberto Míguez por editar unha antoloxía de Sempre en Galiza baixo o título de El pensamiento político de Castelao, publicada por Ruedo Ibérico. Ou que o libro Los Gallegos, de Xavier Costa Clavell tivo que ser publicado en Buenos Aires porque a censura non permitiu a súa publicación en España, que as poesías completas de Ramón Cabanillas só viron lume coa chegada da “democracia”, ou que a censura se cargou case completamente o poemario de Celso Emilio Ferreiro Antipoemas, polo que o celanovés o traduciu ao español, presentouno ao premio Álamo, convocado pola Secretaria General del Movimiento da provincia de Salamanca e lle concederon o primeiro premio, etc. A verdade é que así, de memoria, non lembro moitos máis casos.

A situación en Catalunya e en España

Os cataláns levan estudado (parcialmente) os efectos da censura nos seus escritores, e nas traducións publicadas de 1950 a 1975. O máis interesante dos traballos escritos en catalán é o libro de Quim Torra & Jaume Clotet: Les millors obres de la literatura catalana comentades pel censor (Barcelona, A contravent, 2010). Neste libro reprodúcense os informes sobre as máis importantes obras catalás que se publicaron de 1940 a 1975: delirantes, os informes. É unha “obra mestra” de cómo saltarse a censura. Joan Sales presentou en 1956 á censura a súa obra Incerta glòria, unha das grandes novelas sobre a guerra civil, en calquera idioma. A novela ganara o premio Joan Martorell de 1955, Sales presentou o orixinal á censura e lle foi devolto coa notificación de que non era publicábel polos seus ataques ao dogma (católico). Loitou e falou con membros do comité de censura, volveuna presentar e continuou sen ser publicábel polos seus ataques ao dogma. Sales, que se (re) convertera ao catolicismo durante o seu exilio en México, pediu un informe ao arcebispado de Barcelona, que considerou a novela conforme ao dogma católico: o censor en vista do informe do arcebispado barcelonés deu o placet. En español, ademais do pioneiro (xa que é de 1977) libro asinado por Georgina Cisquella, Jose L. Erviti e José A. Sorolla: La represión cultural en el franquismo: diez años de censura de libros durante la Ley de prensa (1966-1976), que no seu día publicaron conxuntamente toda unha serie de editoriais (Anagrama, Laia, Ariel, Edicusa, Barral Editores, Lumen, etc.) e que no 2002 viu unha nova edición corrixida e aumentada publicada por Anagrama, existe o madrugador, e básico, Censura y creación literaria en España, de Manuel L. Abellán (Barcelona, Ed. Península, 1980), e desde  aquela apareceron diversos e importantes traballos, tanto en revistas como en libros colectivos e/ou individuais. Ao lector interesado remitímolo tanto á citada revista dixital (Represura) como ao catálogo da editorial de Xixón, Trea, catálogo hoxe por hoxe imprescindíbel (e non só no tema dea censura en España, senón en todos os aspectos referentes ao libro).

O militar José María Gárate,  para que pasara a censura aconsellou ao autor que no canto de situar a acción en Galicia e coas tropas franquistas, a situase en Asturias coas tropas republicanas, así as barbaridades cometidas polos franquistas pasaban a ser barbaridades cometidas polos republicanos.

Precisamente a Editorial Trea publicou no 2014 un libro xa ineludíbel para o estudoso da novela española desde o final da guerra civil até a morte do ditador Francisco Franco: Letricidio Español. Censura y novela durante el franquismo, de Fernando Larraz. Libro, ademais, penso eu, de lectura obrigatoria para saber moitas cousas.

Larraz deita tanta información que deixa pampo ao lector. Vai, case, ano por ano percorrendo os caixóns da censura e describindo a súa acción sobre as novelas publicadas ese ano. Hai casos de novelas ás que lles riscaron entre 40 e 50 páxinas (El vengador, de Castillo Puche; Palabras en el muro, de Ramón Hernández). A algunhas máis de oitenta: La cálida risa, de Luis Goytisolo ou Los días de amor y omnipresencia de “David el Callado”, de Isaac Montero. A novela, escrita en castelán, Manso, de Lueiro Rey, foi editada en 1967 en Oviedo, xa que ganara o premio Ciudad de Oviedo, mais publicouse con 28 páxinas riscadas: o ano seguinte apareceu en Buenos Aires a edición íntegra. O máis curioso de todo, sinala Larraz, é que o censor, o militar José María Gárate, autor de diversos libros sobre a guerra civil, para que pasara a censura aconsellou ao autor que no canto de situar a acción en Galicia e coas tropas franquistas, a situase en Asturias coas tropas republicanas, así as barbaridades cometidas polos franquistas pasaban a ser barbaridades cometidas polos republicanos e a censura non tiña nada a dicir. A coñecida novela de Juan Benet, que marcou un cambio de rumbo na narrativa española do seu tempo e na posterior, Volverás a Región, foi publicada con retoques que debeu facer o autor unha vez xa impresa a novela. Benet eliminou as frases riscadas polas censura e para non cargar de gastos á editorial (Ediciones Destino) meteu outro tanto número de frases co mesmo número de carácteres, frases, porén, que, como afirma Larraz, non se entenden ben que fan alá. Só no 2010, e xa morto Benet, en edición de Ignacio Echeverría apareceu finalmente a versión íntegra da novela (De bolsillo).

Manuel Lueiro Rey.
Manuel Lueiro Rey.

Outra novela que sufriu abondo cortes foi Los Abel, de Ana María Matute: as edicións actuais continúan cos cortes. O mesmo acontece coas edicións en democracia de Nosotros los Rivero, de Dolores Medio, gañadora no seu día do Premio Nadal. O máis curioso de todo é que a autora non autorizara a Ediciones Destino a publicación da novela coas riscadas da censura. O mesmo acontece coa novela de Ignacio Aldecoa Con el viento Solano, da que dificilmente o lector poderá algún día ler a versión íntegra. Máis curioso é o caso de La Zanja, de Alfonso Grosso: recuperada a edición sen cortes  en 1984 (Cátedra) dous anos despois a Editorial Orbis, na súa colección Grandes Autores Españoles  del Siglo XX, reimprimiu a versión cortada. As edicións actuais que circulan de Tormenta de verano, de Juan García Hortelano manteñen os cortes da censura. Outro caso curioso. En 2002 a editorial Tres Fronteras Ediciones, dependente da Consellaría de Cultura e Turismo da Región de Murcia, publicou Trilogía de Hécula, de J. L. Castillo Puche. A triloxía está composta polas novelas El Vengador, Hicieron partes e Con la muerte al hombro, desta última entrégase a versión íntegra, sen as riscadas da censura, cousa que non acontece coas outras dúas, cando El vengador, por exemplo, tivera 43 cortes. A primeira edición íntegra de Yo maté a Kennedy, de M. Vázquez Montalbán, aparece despois de 1975, a edición de 1972 perdera case 30 páxinas. Outra das novelas que non foi restaurada é La trampa, de Ana María, polo que o lector actual ler a mesma novela que leu o lector do tempo franquista. A que si foi restaurada foi La señorita B., do coruñés Ramón Nieto (1974), que antes, en 1971, fora secuestrada. Na edición de 1974 o autor eliminou as partes que lle indicara a censura, no 2004 apareceu unha edición co texto completo. Máis mala sorte tivo a novela de J. Leyva, un escritor interesante e case secreto, a súa novela La edad de Cristo non foi editada debido aos cortes e ficou inédita. Walter, ¿por qué te fuiste?, de Ana María Moix, aparecida en 1972 non foi restaurada até 1993, etc. Por último, e para non aborrecer, digamos que Las mocedades de Ulises, de Álvaro Cunqueiro foi publicada con algunhas riscadas e que El bosque de Ancines, de Carlos Martinez Babeito ficou estragada polos cortes dos censores, segundo di Larraz.

Outro tanto pasou coas novelas que proviñan do exilio, “unha póla apartada” e unha “sucursal efémera” da literatura española, como escribía en 1956 no seu Panorama de la literatura española contemporánea o escritor falanxista Gonzalo Torrente Ballester. Que fose apartada, como di Larraz, ben se empeñou o franquismo; efémera, non o foi. Neste apartado, o lector galego “sorprenderase” cunha fervorosa reivindicación da obra de Blanco Amor. Sábese que Los miedos, que o escritor galego presentara ao premio Nadal, e publicara posteriormente Destino, dise que foi denunciada por José María Castroviejo: a novela non foi retirada, mais non se puido facer publicidade dela. A sorte de Max Aub foi mala: deixaron editar Las buenas intenciones, con cortes: todas as edicións españolas, agás a integrada nas Obras completas, que corren desta novela, publicada anteriormente en México, están censuradas. La calle de Valverde foi restaurada en 1981, na edición de Cátedra: as outras que corren por aí continúan a ser a edición censurada. Etcétera etcétera.

Á parte destas e moitas informacións sobre libros, sobre novelas, Larraz deita outras que son máis que interesantes e curiosas: demostra claramente que Camilo J.Cela era un espía de Manuel Fraga nas reunións internacionais de escritores e que, ademais se facía pagar os favores. Que non diría Cela a Fraga dos seus colaboradores e correspondentes de Papeles de Son Armadans que vivían no exilio e que confiaban nel? (O único dos seus correspondentes do exilio que cortou radicalmente con el foi Luis Cernuda). Tamén o lector poderá saber o nome dos censores e de como actuaba cada un deles. Digamos que o grande escritor Ángel Vázquez, autor de La vida perra de Juanita Nairobi, exerceu de censor; segundo Larraz, os seus informes eran máis ben literarios e limitábase a riscar aquelas palabras (sempre poucas) que sabía que non deixarían pasar, é dicir, cubría o expediente, Vázquez morreu en 1980 case na miseria[1]. Outros censores tiveron máis “sorte” coa chegada da democracia: Valentín García Yebra –un dos censores máis duros–, foi elixido membro da Real Academia Española en 1984; Fernando Fernández-Monzón, nomeado xefe da policía de Madrid en 1993, Salvador Oratalá, nomeado maxistrado do Tribunal Supremo en 1984, Carlos Robles Piquer, o cuñadísimo de Fraga, ocupou entre outros cargos o director xeral de RTVE: corolario, así se fixo a chamada transición.

En fin, este artigo só quere ser un chamamento aos estudosos para que traballen sobre a censura exercida sobre a literatura galega no franquismo.

Xavier Costa Clavell, á dereita, entrevista a Uxío Novoneyra.
Xavier Costa Clavell, á dereita, entrevista a Uxío Novoneyra.

O libro de Larraz serve para nos informar de que aínda estamos a ler moitas novelas tal e como as “peiteou” a censura franquista. Se isto acontece con escritores españois, que non acontecerá coas traducións que se publicaron nos anos franquistas e que aínda están no “mercado”? Por exemplo, e pregunto, Por quen soan as campas?, de Hemingway, viu lume por vez primeira en España, Editorial Planeta, en 1973, as edicións que corren polas librarías é a mesma? En 1973 non sufriu cortes e riscadas da censura? Outro tanto aconteceu con La Tregua e outras novelas de Mario Benedetti, supoño que se restauraron nas novas edicións, ou non? O mesmo aconteceu con El siglo de las Luces, de Carpentier, que publicou con cortes e riscadas Seix & Barral en 1965, restaurouse a edición? E así podiámonos facer centos e centos de preguntas. O que si sei de certo, porque o comprobei persoalmente, é que a edición que corre en España de Los manifiestos del surrealismo, de André Breton é a tradución de Andrés Bosch, publicada por vez primeira en 1969 por Editorial Guadarrama. A edición contiña diversas riscadas da censura e nunca se restauraron nas edicións posteriores tanto de Guadarrama como de Ediciones Labor ou de Visor. O mesmo acontece cos pequenos cortes que introduciu o censor nos 7 manifestos dada, de Tristan Tzara, publicado en 1972 pola Editorial Tustquets: nas posteriores edicións, xa en democracia, non se restauraron as riscadas. O mesmo aconteceu co ensaio de Octavio Paz, “El cine filosófico de Buñuel”, recollido en La búsqueda del comienzo (Madrid, Editorial Fundamentos, 1974). Este ensaio, integrado en Corriente Alterna, cuxa primeira edición foi publicada en 1967 por Siglo XXI Editores de México acaba, nesta edición así: “Falta algo en la obra de nuestros contemporáneos: no Dios, sino los hombres sin Dios”. Na edición de Fundamentos de 1974, e nas posteriores, xa en democracia, o final é o seguinte: “Falta algo en la obra de nuestros contemporáneos: no Dios, sino los hombre de Dios” (o subliñado é meu). A substitución dunha preposición por outra cambia completamente o sentido e o significado do ensaio de Paz.

En fin, este artigo só quere ser un chamamento aos estudosos para que traballen sobre a censura exercida sobre a literatura galega no franquismo. Supomos que na recente tese doutoral de Malores Villanueva sobre a Editorial Galaxia se dedicará algún apartado á censura e poderemos estar minimamente informados. Por outra banda, todo aquel que traballe sobre a censura exercida contra a literatura galega deberá ter en conta que a censura realizada contra as literaturas que eles denominan”periféricas” non intentaba, só, entregar textos conformes ás Leis fundamentais do Estado e á relixión católica; non, a censura exercida contra estas literaturas o que intentaba era a “destrución do lector” (é dicir, segundo que textos, aínda que fosen “anódinos” non se deixaban publicar porque afirmaban que esas linguas servían para algo máis que para textos máis ou menos folclóricos ou para uso de elites: durante anos prohibiuse a edición de libros de receitas de cociña en catalán), e destruíndo lector intentábase destruír a literatura e, polo tanto, a nación que producía esa literatura, polo que se deduce doadamente que as prohibicións por parte da censura española non eran arbitrarias, senón que respondían a un plano ben definido, que non só era a defensa do Estado e das súas institucións (por ilegais que fosen, como nacidas dun criminal golpe de Estado). A censura española (a oficial, logo existía a para-oficial, a da Igrexa, que denunciaba todo aquel libro que lles semellaba non conforme ao dogma, aínda que pasara a censura oficial) até a derrota dos seus aliados fascistas en 1945, intentou a eliminación de todo ámbito que non fose o privado –acantoando unha lingua ao ámbito unicamente privado, esa lingua acaba por desaparecer: ver os casos occitano e mesmo bretón en Francia, o irlandés e o gaélico en Gran Bretaña, etc.– daquelas linguas que existían dentro do Estado e que eran diferentes da lingua oficial –e iso ben o souberon os catalanistas que pactaron desde o 19 de xullo de 1936 co franquismo, con Francesc Cambó á cabeza[2].

[1] O enterramento de Vázquez pagouno a Editorial Planeta debido á miseria en que vivía. Como chegou Vázquez a exercer de censor? A falta de investigacións, aí vai unha hipótese. Ángel Vázquez naceu en Tánxer en 1929, onde viviu até 1965, ano en que se trasladou á península; acabou recalando en Madrid e tivo diversos empregos non moi ben pagados. Outro dos censores, e dos máis duros, Valentín García Yebra fora director do Instituto Politécnico Español de Tanxer entre 1955 e 1966:n on lle ofrecería García Yebra a Ánxel Vázquez a colaboración na censura para que gañase uns cartos? Por outra banda, Ángel Vázquez gañara o Premio Planeta 1962 con Se enciende y se apaga una luz, un dos mellores premios Planeta, xa que logo, un dos menos vendidos. A novela (cuxa visita se recomenda) acaba cunha frase que, visto o desenvolvemento da trama e a psicoloxía dos personaxes, así como a da voz narrativa, dá a impresión de que foi unha imposición da censura… ou da auto-censura, xa que Vázquez, léase La vida perra de Juanita Nairobi, era un home fundamentalmente antifranquista.

[2] Nestes artigos limitámonos nos exemplos ao tema da novela; o estudoso da censura exercida contra a literatura galega deberá abranguer os outros xéneros literarios e os apartados dedicados as diferentes ciencias sociais, así como o que acontecía (ou aínda acontece) nos xornais e nas revista e tamén deberá investigar quen foron os denunciantes en certos casos, cando en 1979 a Frente Cultural da ANPG publicou unha historia de Galicia, foi denunciada no xulgado por certas expresións: quen foi o denunciante? Lembremos que naquel mesmo tempo algunhas das grandes editoriais españolas iniciaron a publicación de historias de Galicia para uso de escolas e institutos e talvez vían na historia publicada pola Frente Cultural da ANPG unha competidora que lles podía chimpar parte do negocio.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *