BiosBardia

O país dos libros en galego

‘A cidade dos nenos’, primeira lectura para os novos gobernos municipais

100_1087-767x1024César Lorenzo Gil.

A poucas horas de que se constitúan as novas corporacións municipais que gobernarán até o 2019, é bo momento para recordar que no labor político tan importante como escoitar a cidadanía e saber decidir é ler, aprender, aproveitar coñecementos e experiencias alleas que poidan servir para mellorar a vida de vilas e cidades de Galicia.

Unha desas lecturas imprescindibles para concelleiros e alcaldes é A cidade dos nenos, de Francesco Tonucci, editado en galego por Kalandraka nunha versión das tradutoras Mónica Baleirón, Sonia Santos e Rut Vázquez. É un libro manual, con certos trazos de ensaio e de manifesto político que desmonta moitos tópicos sobre a construción da cidade contemporánea, sobre o papel das persoas na configuración urbana, sobre as prioridades inconscientes que se nos impuxeron dun xeito aparentemente democrático mais baseado nunha óptica deshumanizadora.

Tonucci, pedagogo e educador italiano nacido en Fano no 1940 (Fano é unha cidade de máis de 60.000 habitantes na rexión das Marcas, na provincia Pésaro-Urbino, encostada no mar Adriático), propón neste libro unha desas revolucións silenciosas pero efectivas, un cambio de enfoque sobre a realidade cotiá que consiga devolverlle a cidade á xente.

O mecanismo de reversión da propiedade cívica do espazo urbano ten como motor os nenos. A infancia é, para Tonucci, unha metáfora dos marxinados na cidade contemporánea, que responde unicamente aos intereses do home branco con traballo e coche. Todo o que non encaixe nese modelo queda fóra, perde a oportunidade de desenvolverse, sofre as consecuencias dun dominio asoballador do individuo medio, o que o pedagogo chama votante medio.

Segundo o autor italiano, a cidade ten un deseño deshumanizado porque o votante medio mantén un equilibrio perverso co poder político. O alcalde quere asegurar o voto dese votante medio e cúmprelle todos os seus desexos; o votante medio acaba por converterse nun ideal; todos os veciños da cidade queren parecerse a el, copian a súa forma de vida porque así (coidan) poderán ocupar o centro do sistema e fuxir das marxes. Este sistema baséase nunha cidade pensada para adultos con coche: tránsito intenso, barullo de bucinas, aparcamento en calquera sitio sen o mínimo respecto para beirarrúas e prazas, consideradas obstáculos, cada vez máis escasas. Os nenos adáptanse a ese modelo sen posibilidade de decidiren e acaban empobrecidos no seu desenvolvemento cognitivo e nas súas potencialidades vitais. Casas-fortaleza nas que a pesar do grande aumento das comodidades seguen acollendo máis accidentes domésticos ca accidentes de tránsito se producen en todos os países ricos. Casas nas que os nenos pasan moito tempo, aterrorizados polos adultos que lles contan que fóra están todos os perigos. O neno convértese nun ser asustado, con medo a camiñar pola rúa, a ir á escola só, a xogar cos amigos, a emporcarse, a dar urros, a ocupar a rúa… Até os parques infantís están deseñados por adultos (explica Tonucci) para contentar os adultos: “Foméntanse as actividades repetitivas en vez das creativas, os nenos deben comportarse coma se fosen hamsters”. Detrás do neno os demais cidadáns que non acepten unha vida ordenada, da casa ao traballo ao centro comercial á casa ao traballo…

Propostas

A cidade dos nenos é un manifesto, un manual de acción política, con medidas concretas e factibles. Unha parte do texto explica punto por punto como mudar o concepto urbano para que responda aos intereses dunha poboación diversa e permitan a recuperación do espazo público por parte das persoas.

Entre os pasos que os poderes políticos deben dar para cambiar as cousas, Tonucci diferencia conceptos de participación e medidas de reequilibrio entre os poderes dos peóns e dos coches nas rúas.

O pedagogo defende a creación de diversas canles de participación cidadá dos propios nenos. Entre moitas propostas, hai algunhas moi revolucionarias, caso do dereito ao voto universal e para todas as idades. Segundo Tonucci, en cada casa debería haber tantas opcións de voto como individuos vivan, sexa cal for a súa idade. Entrementres fosen menores de determinada idade que se considere como suficiente para ter criterio político cívico propio, os votos dos menores estarían tutelados polos seus pais, ao xeito que están tutelados outros dereitos básicos coma a saúde e a educación. Para Tonucci, darlles ese plus ás familias con nenos na casa serviría para romper determinadas dinámicas individualistas e favorecería unha efectiva protección da familia por riba de dogmas relixiosos ou ideoloxemas reaccionarios.

Fronte a un modelo que considera a casa o espazo de confort, Tonucci propón inverter o sistema, converter o espazo colectivo, público, na gran riqueza que os veciños queren manter bonito e funcionando.

As medidas concretas de actuación pública pasan pola redución do espazo do coche no tecido urbano. Segundo o educador italiano, o coche debe diminuír o seu poder, en especial nos centros das cidades, que deben recuperar a beleza, a participación pública, a súa función colectiva fundamentada nas rúas nas que a xente pasa, conversa, intercambia coñecementos, se sente responsable da estética e ética do que pasa, coida o público e participa como compradora, como cidadá, como usuaria dun elemento que sobrepasa os límites do urbanístico para se converter en metáfora da propia identidade cívica. Fronte a un modelo que considera a casa o espazo de confort, que merece o principal investimento e coidado e a cidade unha fronteira cara ao descoñecido e perigoso, Tonucci propón inverter o sistema, converter o espazo colectivo, público, de todos, na gran riqueza que os veciños queren manter bonito e funcionando.

Reducir as velocidades medias dos coches na cidade, afastar os coches do centro urbano, potenciar o transporte público, reconfigurar as funcións da policía local cara á protección das persoas (que os axentes vaian a pé ou en bicicleta, que deixen de ter como principal obxectivo coidar a hexemonía dos coches sobre todo o demais), implicar os comerciantes da rúa no coidado dos menores, que van sós á escola, que se afán a vivir e a xogar fóra, entre eles e con persoas doutras idades, que substitúen o medo ao “fóra” pola determinación de que ese “fóra” é un dentro no que collen todos. Estas son algunhas das propostas para esa revolución cidadá.

la-propuesta-politica-de-Tonucci
Francesco Tonucci diante dunha das súas ilustracións, que asina co acrónimo de FRATO.

Experiencia xa en marcha

Tonucci é profeta na súa terra. En Fano encontrou eco entre os políticos e colectivos locais e foi alí onde se deron algúns pasos importantes cara ao cambio de modelo. No libro aparecen estas e outras experiencias, tanto mediante fichas de iniciativas concretas como coa reprodución de entrevistas que o pedagogo lles fixo a outros estudosos da renovación do concepto da rexeneración urbana. Aparecen recollidos diversos casos de éxito que comparten un punto en común. No primeiro momento, cando os gobernos municipais decidiron cambiar as cousas, mudaren comportamentos, inercias e dogmas, encontraron resistencia e incomprensión, multitude de argumentos contrarios destinados a perpetuar ese modelo de cidade pensada para o votante medio, para o curto prazo. O educador gaba (tacitamente) a valentía deses políticos locais que se impuxeron ao ambiente xeral conservador (no sentido de conservar o poder sexa como for) e convenceron con diálogo pero coa firmeza deses cambios, os seus veciños de que a cidade do futuro había ser máis cómoda, máis bonita, máis habitable, e polo tanto un sitio no que paga a pena vivir, pagar impostos e participar da vida pública. Aínda que Tonucci non ten a soberbia de presentar o seu concepto de educación cívica como unha maneira de recuperar taxa de natalidade, si que podemos pensar que máis alá de fáciles axiomas sobre a relación entre precariedade económica e falta de fillos, si pode haber unha correlación entre unha sociedade capacitada para facer felices os seus cativos e as ganas dos adultos por participar activamente no seu florecemento.

Entre as experiencias que se inspiraron neste libro e que, arestora, inflúen sobre a propia visión teórica de Tonucci, está Pontevedra, que segue desde a chegada ao poder do BNG no 1999 os ensinos do pedagogo de Fano na súa reconfiguración urbana. A relación de Tonucci con Pontevedra é fluída, visitou varias veces a cidade do Lérez e mantén contacto persoal cos responsables do Concello, caso do alcalde Miguel Anxo Fernández Lores ou outros concelleiros e cargos técnicos. Quizais de aquí en diante, Francesco Tonucci teña que visitar máis cidades de Galicia, convidado por políticos que se sumen ao seu modelo dunha cidade na que son os nenos e non os coches os que marcan a maneira de convivir.

 

2 thoughts on “‘A cidade dos nenos’, primeira lectura para os novos gobernos municipais

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *