BiosBardia

O país dos libros en galego

A coidada documentación

Documentación do Arquivo do Reino de Galicia.

Eva Moreda.

É este un sintagma, o da coidada documentación (coas súas variantes: exhaustiva, esforzada, etc.), que atopamos adoito en ditames de xurados; tamén, con menos frecuencia se cadra, en críticas de novelas. En principio, poderiamos pensar, todo ben, e máis tendo en conta que se dá no noso sistema unha certa sobrerrepresentación da novela histórica (non tanto en cantidade, senón máis ben en visibilidade e recepción), que é o xénero que a priori máis precisa da famosa documentación. O problema é que louvar a “coidada documentación” sen estenderse máis nin dar máis explicación pouco nos di, a maioría das veces, da literatura (que será do que se trate, digo eu, cando falamos de novelas).

Para empezar, aínda que sexa de Perogrullo e aínda antes de meternos no puramente literario: para ditaminar se a documentación dun determinado libro é coidada, exhaustiva ou esforzada suponse que o que ditamina deberá ter unha formación máis que básica no tema en cuestión para ter a seguridade de que non está levando gato por lebre. Do contrario, poderás dicir que a documentación che parece, en efecto, coidada, pero non podes asegurar que o sexa. Por exemplo: hai dous libros  recentes do noso sistema, os dous publicados por unha grande editora, os dous criticamente aclamados, un premiado e outro non (pero case como se o estivese), nos que a música ten un papel fundamental. Sendo como é que eu entendo algo do tema, e sendo que entrambos libros foron abondosamente louvados pola súa “coidada documentación” no eido musical (entre outras cousas), para min a lectura dos dous foi un continuo non dar creto: termos de teoría musical utilizados ao chou; escenas de clases ou conferencias especializadas sobre música nas que eu, se fose asistente, ergueríame e esixiría que me devolvesen os cartos por manifesta incompetencia do docente ou conferenciante; falta total de conciencia de que termos como a partitura, a notación, a obra musical, son construtos históricos que cambian segundo a época e o lugar, etc. (Todo isto sen ningunha intención irónica, entendo, por parte dos autores).

Diráseme: ti o que es é unha repunante, unha novela non é unha lección de historia ou teoría musical, de todas formas destas cousas só se darán conta tres ou catro, etc. Con todo isto non podo estar máis de acordo. Teño comentado aquí unha novela histórica na que pasan abondo de cousas anacrónicas e pouco acordes co que podemos supoñer que fose a mentalidade medieval, e pouco me molestaron eses anacronismos: porque o autor tivo a suficiente intelixencia literaria como para darnos a entender, desde o principio, que non era iso o importante, que a súa non era unha novela de dicir grandes cousas sobre nós senón máis ben de consumo, se cadra máis próxima ao western cinematográfico ou televisivo que á novela histórica propiamente dita, etc. O quid nas dúas novelas ás que me refería antes (e aquí xa imos indo para o terreo do literario) é que a construción do mundo literario e, por tanto, o papel que neste se lle concede á documentación entran en contradición co xeito, máis ben desleixado, en que logo se trata de facto esta documentación. É dicir, en ambos casos (e isto é algo que comparten grande parte das obras de ficción que se premian e se promocionan entre nós, por iso este exemplo é relevante) faise que se propón unha narrativa realista como escusa para presentar en realidade un licuado ideal do mundo (por usar unha expresión do director desta revista). Logo, como nin sequera se procura que os detalles máis elementais da parte realista queden realistas, porque a documentación non se asimilou como se debía, cae todo o invento estrepitosamente.

Se imos un paso máis aló e damos por boa a hipótese de que a documentación é, en efecto, coidada, correcta, etc., isto seguirá sen dicirnos moito sobre a súa influencia sobre a calidade da literatura. Parecería que evitar o wikipedismo é de primeiro curso de escritor, de escritora; porén, segue amolando a cantidade de escritores serios (é dicir, non os que optan por licuar, senón os que están a outras cousas) do noso sistema aos que o bendito wikipedismo lles pexa as súas, por outra parte, moi apreciables novelas (aquí, aquí). Este andazo, é por contentar aos xurados dos premios? Por amainar á crítica? Por un aquel de non deixar que se perdan as horas que con toda seguridade investiches nos arquivos parroquiais ou, por que non, no Google? Para min hai aquí algo de misterio. E aínda cambiaría a cousa se houbese por parte dos nosos escritores e escritoras un intento algo máis visible por atopar e elaborar estratexias literarias que, encaixando co ton xeral da obra, che permitan presentar a documentación de xeito, digamos, menos plúmbeo. Por poñer un exemplo ben obvio, é o que fai Umberto Eco n’O nome da rosa poñendo a erudición e a retórica medievais como escusa; as páxinas e páxinas dando detalles rebuscados sobre herexías e miniaturas non importan tanto polos detalles en si que nos transmiten, senón porque o xeito de transmitilos e filtralos nos serven para coñecer mellor os personaxes e os seus contextos.

Se as mencións á “coidada documentación” viñesen acompañadas de reflexións sobre como esta documentación é tratada seguindo estratexias deste tipo, non tería eu nada que dicir. Pero falar de “coidada documentación”, sen máis, como se fai, sen sequera asegurarse de que a documentación é coidada, da literatura nos di o mesmo que comentar sobre os atractivos físicos (ou a ausencia deles) de quen a escribiu: absolutamente nada.

4 thoughts on “A coidada documentación

  1. O esforzo de documentarse para unha novela penso que non debería resaltarse tanto como se fai. Paréceme que se fai así porque ó crítico lle costa atopar cousas boas que dicir da obra en cuestión. Non debería resaltarse igual que non se valora se para escribir a novela o/a autor/a fixo dieta durante a escrita, viaxou moito, gastou 2 libretas enteiras, só usou os dedos índices para escribir no teclado ou tomou un ano sabático.
    Tampouco sei ata que punto se pode valorar a diferencia entre o que para un autor sería documentarse -un ourensán que ambienta a súa novela no Nepal nos anos 50- e para outro non -alguén que viviu no Nepal nos anos 50 e escribe a mesma novela que o ourensán-. Ten máis mérito o que se documentou? Ten máis valor literario a novela do que viviu naquela época e lugar? Eu creo que a resposta é non a ambas preguntas.

    Documentarse é bo. Facer pasar información por literatura, non. Estou lendo unha novela (xa sairá a crítica un día destes) ó que lle sucede iso: as primeiras 200 paxinas poderian borrarse e a trama resultaría inalterada. Por iso, a non ser que se trate dun traballo académico, darlle un papel relevante á documentación ó valorar un texto, é síntoma de que algo no foi ben.

    1. Este é o quid. Que ás veces dá a sensación de que se resalta a documentación porque é avaliable ao peso: calquera pode contar cantas liñas ou páxinas hai de “coidada documentación” (sen entrar en se é correcta ou non), pero xa xustificar que a novela ten un ritmo trepidante, que retrata personaxes ben construídos ou que é quen de evocar espazos literarios únicos dá máis traballo e está, por suposto, sometido en último término á subxectividade de cada un (o que non quere dicir que non se poidan e deban proporcionar argumentos nun sentido ou noutro).

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *