‘A confesión’ vs ‘Tres pecados’
Xornada 2. Grupo A. Ana Vigo fronte a César Ariza. Tema: Segredo de confesión.
Tres pecados
Rematara a misa de 12. O padre Anselmo xa soñaba co cocido que agardaba na casa. Pero antes tiña que escoitar a Carolina. Estrañáralle que quixese confesarse. Recibira a primeira comuñón alí mesmo, anos atrás; dende entón non volvera pisar a igrexa.
Notábase na súa forma de dirixirse a el que non estaba no seu ambiente. Mentres o padre Anselmo falaba, a rapaza semellaba inqueda:
—Mire, é que non teño todo o día.
O crego armouse de paciencia.
—Moi ben. Escóitote.
—Pois, verá… Xa sei, non veño moito por aquí, por non dicir nada. Pero desta vez necesitábao.
—Alédome. Se o teu arrepentimento é sincero, o Señor perdoarate.
—Eh? Que señor?
O padre Anselmo suspirou.
—Continúa, por favor.
—O caso é que son moi curiosa. Hai un par de semanas deume por pensar sobre o que pasará nesta igrexa cando non queda ninguén.
«E que vai pasar?», preguntouse o crego, pero calou e prestou atención. Carolina proseguiu:
—Ese sería o primeiro pecado, pero non é o que me trouxo aquí. Mire, o que de primeiras era unha idea converteuse en obsesión. E como vin que instalaran esas cámaras para evitar que lles volvan roubar os santos…
—Que cámaras? —interrompeu o padre Anselmo, moi tenso de socato. A rapaza sinalou coa cabeza.
—Ah, pode que non llelo contasen a todo o mundo. Temerían que chegase a oídos dos delincuentes. Que desconfiados son, non cre? —El tragou cuspe e non dixo ren—. O meu segundo pecado foi o furto desas gravacións. Quería ver o que pasaba, non sabía que a policía abrira unha investigación polo seguinte crime…
—Xa abonda —pediu o pai Anselmo. Carolina sorriu.
—Non rematei. O terceiro é o peor de todos, necesito contarllo. De primeiras pensei en devolverlle as cintas á policía. Pero claro, despois decidín que sería mellor gardalas e negociar con vostede. Son unha persoa horrible, non creo que teña perdón de Deus.
O padre Anselmo non sabía que dicir. Suaba coma nunca antes na súa vida.
—Por favor, que non saia de aquí —murmurou. A rapaza asentiu con lentitude e ampliou o sorriso, coa calma de quen logrou a absolución do seu deus
………………………….
A confesión
—Ave María Purísima.
—Sen pecado concibida.
—Veño confesar os meus pecados, padre.
—Estou aquí para escoitarte, filla.
—Pois… —Ana dubidaba—. Non sei por onde empezar.
—Empeza polos sexuais.
—A cona, Paco! —saltou ela enervada.
—Tranquila —o cura comezou a rir—. Que estou de brincadeira!
—Déixate de lerias! Se estou aquí é porque mañá caso. Xa sabes o pouco que me gustan estas cousas.
—Pero que me vas contar que eu non saiba? Acaso non nos criamos xuntos? Ademais, o que facedes na cama confesoumo Demetrio antes.
—Seredes porcos! Verás como quedo viúva antes de casar!
—Que é broma! —dixo Paco entre risos.
—A túa curmá non che vai contar os seus segredos inconfesables. Non terás ti máis ca min? —agora era Ana quen ría.
—Eu si que son un pecador.
—Que vas ser! Sempre fuches un bo tipo. Eras o preferido da avoa, lembras? Que contenta se puxo cando tomaches os hábitos…
—Matei un home, Ana —respondeu el sen escoitala—. No seminario… había un cura, o Padre Mariano, que tocaba moito os novicios. Era alto, cos ollos azuis e cunha expresión de maldade sempre na faciana. Pero cun mozo propasouse. Co meu compañeiro de cuarto. Aproveitando unha finde que eu viñera a casa, meteuse no cuarto e violouno…
—Se é unha broma non ten graza —dixo Ana enfadada, mais o home tras a cortina falaba cun ton moi serio.
—…Andresiño contoumo días despois, choraba e choraba… era moi bo rapaz, delgado, pequeneiro, coa pel moi branca e un corazón grandísimo. Desde entón sempre durmín cun coitelo baixo a almofada. Unha tarde que estabamos a xogar no patio chegou un mozo dicindo que vira o padre Mariano entrar no cuarto de Andresiño e aló fomos uns cantos. Botamos a porta abaixo e o fillo de puta aquel, aínda cos calzóns nos nocellos, berrounos que marchásemos de ali. Tremendo dos nervios, collín o coitelo que gardaba e abalanceime sobre el, chantándollo no peito e no pescozo… despois outro dos mozos acoitelouno no estómago e despois outro e outro… Ao parecer, Andresiño non fora o único.
—Pero… pero… iso é…
—Apareceron outros curas cando o sangue chegou ao corredor. Pensaron no escándalo que se ía formar e decidiron tapar todo. Nunca máis se falou do acontecido.
—Por que mo contas? —preguntou Ana tras un breve silencio—. Sabes como son, posme nun grande apuro…
—Para limpar a miña alma. Síntoo moito meterte neste aperto.
Ana ergueuse, abriu a porta do confesionario e abrazou a Paco, mesturando as súas bágoas coas del.
—Entendereino se queres que mañá te case outro cura —farfallou Paco.
—Es meu curmán e a min sempre me demostraches ser boa persoa. De aquí non vai sair o teu segredo.
—Non che importa que sexa un asasino?
—Ese porco merecíao. Non sei Deus, pero eu absólvote.
Creo que ambos relatos son estupendos e conseguen o seu obxectivo. Diálogos conseguidos e estilo fluído. Non creo que ningún supere ao outro. O meu voto vai para Tres pecados. Moitas grazas aos autores polo esforzo¡
O meu voto vai para ‘Tres pecados’. A historia que pretendía contar ‘A confesión’ está demasiado acelerada, non lle sentou ben o formato.
Saúdos, e grazas ós autores.
Tres pecados
“—Eh? Que señor?
O padre Anselmo suspirou.
—Continúa, por favor.”
Era necesario isto?
“pasará nesta igrexa cando non queda ninguén.”
creo que queda mellor “pasa”.
“Ese sería o primeiro pecado”
Mira que a igrexa é rabuda, pero non sei se se pode considerar pecado pensar nunha igrexa baleira.
O relato remata coa extorsion ó cura por parte da rapaza. Supoño que non o fai para que lle de a absolución e xa está. Digamos que o relato queda cun final aberto. É un bo candidato a facerlle un spin-off.
Paréceme un relato moi limitado na súa proposta, coma se estivera sen rematar.
A confesión
Como di Adrián, a historia de Confesión empeza e remata de forma repentina sen deixar apenas pouso en nós. A primeira parte do diálogo é irrelevante para o que se quería contar. A confesión en si non está mal, pero non ten recorrido. Temos a alguén que solta o seu speech e nada máis, nin sequera importa en realidade o que conta, non ten ningunha consecuencia esa confesión.
Ningún dos dous me gustou, pero hai que votar. Fareino por “Tres pecados”, por suxerir máis que o seu rival.
«Tres pecados»
Non hai espazo entre raia e diálogo.
Encántame o detalle de que o cura deveza polo cocido e só pense niso cando remata a misa e que vaia ao saco na conversa porque non ten todo o día (o que ten é gula). Tamén o de «que señor?» da Carolina está moi ben. Eu puxen a cara esa do WhatsApp cunha cella en pico ao lelo. Hahaha.
Encántame. O xeito de falar do cura encántame e o final tamén, pero fico coas ganas de que si saia de aí! Non hai nin pistas! Isto non se fai.
«A confesión»
Non hai espazo entre raia e diálogo e xa neste último relato da xornada penso que o problema son eu, porque son moita coincidencias.
Encántame a visión que se ten neste duelo dos curas. Igual que o de «Tres pecados» tiña gula polo cocido, aquí sóltalle moi a saco tamén que comece polos pecados sexuais. O que tira, tira; iso é así.
Gústame moito a volta que se dá á confesión. Ao final, confésase o cura. É como Javier Coronas na terapia que lle fai (supostamente) a Buenafuente. Gústame moito a coincidencia no tratamento do tema co anterior e o texto en si. Penso que flúe, que está ben construído e que respira o suficiente. Entre irmáns, paréceme unha conversa plausíbel. Gústame moito, pero hai que votar.
O meu voto vai para «Tres pecados».
Eu nunca vin iso do espazo entre a raia e o diálogo. No manual de correcións da USC di especificamente que non se deixa espazo entre raia e diálogo. No da UdC tampouco. En varias novelas que teño na casa de Xerais e Galaxia do ano pasado non hai espazo entre raia e diálogo.De onde sacaches iso?
pd: no sexto libro que abrín si que había espazos sempre tralas raias, tamén nas dos diálogos. Era unha edición de hai 30 anos, en castelán (de Luis Sepúlveda, para máis señas). Igual te tes que actualizar.
Lois, moitas grazas polo teu comentario. Efectivamente, eu son de español. Aínda que estudei os dous primeiros anos de Galego, son filóloga en español e seguro que podedes verme erros neste aspecto. Por iso tamén o pregunto.
Mireino aquí antes de comentarvos: https://wikidog.xunta.gal/index.php/Signos_de_puntuaci%C3%B3n#Raia
Aí podes ver que é como en español. Os manuais das universidades (como nas revistas) moitas veces teñen que ver con outros criterios… Pero non o sei. Se alguén o souber seguro, eu agradeceríalle moitísimo que mo dixese.
Como ben sabedes, traballo nunha libraría, polo que puiden ver até 12 libros de 12 editoriais, en castelán e en galego, e ningunha deixa un espazo após o guión. En cambio, si é tradicional na edición portuguesa. En Biosbardia vai ir sen espazo. Grazas.
No link que posteas fala do uso da raia para enumeracións, e aí si que vai con espazo (non é un uso literario). Pero para diálogos non, tampouco en castelán.
Tes razón, Lois.
Pois creo que o vin toda a vida mal no uso literario.
Grazas, eh? De verdade.
En galego e en castelán puntúanse igual os diálogos; o espazo entre raia e texto é para as enumeracións como dice Lois.
Clara, penso que o manual da USC si é unha boa fonte de información, mellor que o manual de estilo do DOG que enlazas, dado que ese si que é un manual de estilo e non un compendio de normas ortotipográficas.
A min o dos diálogos tamén me está custando: que si con espazos entre liñas, que si comiñas francesas… É superior a min e recoñezo que estou xulgando textos por culpa de erros ortográficos e de puntuación. Deformacións pseudoprofesionais que quedan aí! :*
Vaia, os dous relatos levaron o tema por camiños parecidos. A tentación de facer unha confesión dialogada era moi forte, imaxínomo.
“Tres pecados”
A idea é interesante, a muller que acode a unha confesión para extorsionar ao cura. Pero non sei se se conseguiu artellar ben os detalles da trama. Xa o primeiro pecado, pensar iso xa é pecado? E por que pensa iso unha muller que non vai á Igrexa? Tiña sospeitas? Por que se convirte en obesión? Despois, cando lle confesa que roubou as cintas, non debería o cura reaccionar de inmediato, se sabe que nesas cintas pode haber algo incriminatorio? El traga o cuspe só cando lle indica que hai cámaras, cando lle di que roubou as cintas, aínda que ela non as vira, a resposta de “Xa abonda” a min seméllame absurdamente morna. E por último, a frase final “A rapaza asentiu con lentitude e ampliou o sorriso, coa calma de quen logrou a absolución do seu deus”, parece unha boa frase, pero se penso nela non a comprendo, cal era o Deus da muller, para que lle absolva? O diñeiro quizais que pretende obter da extorsión, pero en que sentido a absolve?
Non sei, hai cousas que me gustan neste conto, o estilo e a idea ten potencial. Pero teño a sensación de que pasan moitas palabras nas que non se engade nada e ao final todo pasa como a medias, sen que teñamos datos suficientes como para interesarnos máis pola historia.
“A confesión”
Teño con este relato os mesmos problemas que apuntan os compañeiros máis arriba, e que no fondo é un pouco o mesmo problema que acontece no outro relato. Teño a sensación de que hai moitas partes do conto prescindibles, que non engaden ambientación, nin información ou imaxes poderosas e que acaban por abafar a historia que se ve obrigada a sobrevivir en moi pouco sitio. Neste caso a idea tamén é interesante, a confesión que se revira e acaba sendo o cura o que fala dos seus pecados. Pero ao final esa confesión é unha parte pequena do conto, que non ten o sitio suficiente para pousar e deixarnos marca. O final chega e deberiamos sentir esa catarse da curmá que perdoa e confia nel para que a case, pero polo menos eu, non son quen de conectar.
Non me gusta moito ningún dos dous relatos e é unha pena porque non tiñan malos mimbres. Quédome con “Tres pecados”, porque penso que quizais ten menos eivas.
Vai o meu voto para “A confesión”. Con pouco convencemento. A min tampouco me convenceron os relatos, por ritmo, por historia, por estilo… Pero votatum est 😀
O meu voto é para “A Confesión”, están igualados porque o tema tampouco dá para grandes ideas (segundo o meu punto de vista), pero aposto por este relato. Como di Sabela, está votado.
Voto por “Tres pecados” malia non convencerme nada alguén que pregunta “que señor?” pero ten un deus.
Ola, Amador! Agora que se pechou o prazo de votación, queríache responder ao comentario. Seguro que é culpa miña por non deixalo claro no texto; Carolina é atea, nin vai a misa nin sabe nada de relixión, de aí que pregunte “que señor?” (Non me excuso, está pouco claro no texto, pero para explicar esa saída que ten). Grazas polo voto, con todo.
Eu entendérao como que ela non cría en ningún deus, pero que dicía iso non por descoñecemento, senón como burla. Como unha brincadeira: que señor? Eu non teño ningún señor.
Con todo, funcionoume. Non me sobrou esa frase dialogada para nada. Fíxome rir. Dígoo porque hai xente que dixo que sobraba. Para min non e si que está ben explicada, Ana. 😉
Non hai nada que desculpar 😛 Iso entendino perfectamente e o relato gustoume. O texto é clarísimo todo el. Só que a frase final, “logrou a absolución do seu deus”, non a entendín (ou entendín que o seu deus eran os cartos). O resto moi ben <3
De Tres pecados gustoume a idea de sacarlle partido ás cámaras dunha igrexa, da chantaxe… pero non acaba de convencerme o xeito de darlle credibilidade a todo o que acontece. o cura non sabe que hai cámaras na igrexa?
De confesión gustoume o de darlle volta a quen é confesor e quen confesa. A historia do seminario é potente: Os seminaristas a matar nun cura… un crime que igual a igrexa tapou para evitar un escándalo (imaxino). Falla o xeito de integrala no resto do conto pero VOTO por este segundo relato por que creo que amosa ben os recunchos escuros da igrexa e algo acabo empatizando co cura confesor/confeso
“Tres pecados” é un relato cunha boa idea. Que mellor momento para extorsionar a un cura que unha confesión? Ademais xoga con iso de contar sen contar que me gusta tanto en relatos curtos, fai que andes a matinar no que hai nas cintas e iso está ben. Inda que polo medio todo resulta moi confuso. Non entendes para que están as cámaras, nin que pinta a policía, nin como unha nena pode roubar esas cintas. O detalle do deus da rapaza está desaproveitado (adoradora de Satán?). Con traballo isto pode brillar máis.
En “A confesión” temos, pola contra, uns diálogos de inicio moi naturais, do que máis me gusta do relato. A confesión do cura como idea tamén é algo potente, pero o recurso do speech acelerado o que fai e desnaturalizar o anteriormente contado. A confesión podía ser un dialogo continuado co anterior, con frases curtas, sen contar todo. Pensa (fáloche a ti autor/a) que contarlle o detalle do sangue á curmá o día antes da voda é de mal gusto e pouco natural nun diálogo. Arranxando, naturalizando e dándolle continuo á parte da confesión, este relato pode gañar moito.
Con todo, quédome co que non se conta en “Tres pecados” e doulle o meu VOTO.
Voto a “Tres pecados”, o diálogo ten moita “chispa” e humor, cousa non fácil. O da “absolución do seu deus” non me convenceu, pero non dá para tirar o meu voto abaixo.
O da “Confesión” non me convenceu tanto. Ben escrito, pero a historia truculenta que lle envorca por riba á súa curmá xunto antes do seu casamento… non moi verosímil. Pero se competise con outros relatos desta rolda de outros grupos, tería o meu voto.
Como xa acenaron xs compañeirxs, os dous relatos teñen un potencial que non acaba de agromar (a ver, que tamén temos pouco tempo para artellar a historia, escribila e correxila, e moitas veces quedámonos cun proxecto de conto máis que cunha historia redonda e ben pechada).
De “Tres pecados” descolocoume a presenza das cámaras, imaxino que algún fregués malintencionado (ou non) a deixaría colocadiña nun esquina, pero aínda así paréceme que falta un amalló co resto da historia.
De “Confesión” gústame a idea do confesor confesado. Non sei se ese paso abrupto da brincadeira entre os dous curmáns á confesión terrible dun asasinato está ben levado, pero certo é que 500 palabras non dan para moito.
O meu voto vai para “A confesión”.
Comento:
‘Tres pecados’ é un relato, na miña opinión, ben fiado, con potencia e que dá o que promete. É certo que hai algunhas incoherencias, caso das cámaras ou a frase un pouco absurda de preguntar quen é o señor. É un deses relatos que necesitan unha reescritura parcial para puír os erros argumentais. Así lograría quedar redondo de todo.
‘A confesión’: Non entrei nesa historia truculenta porque non entendo cal é o clic que consegue que o cura de repente necesite confesar. Parece unha boa idea no papel que logo na realidade quedou inverosímil. E xa sabemos o que ocorre coa literatura: non ten por que ser real pero si verosímil. Sen esa calidade, o andaime corre perigo de caer. E coido que neste caso foi xustamente iso o que sucedeu.
Voto por ‘Tres pecados’.