A Converxencia. Capítulo 2
Pablo Pesado.
O pregamento da extensión física anexionou involuntariamente Franza, o Seixo, Mourelle e Mugardos, dando lugar a unha vila grandeira, disforme e xipófaga que ao comezo foi denominada Franza por ser esta a máis próxima ao vacuo central e a que mellor conservara a súa vella integridade. O enclave resultante estaba lonxe de toda harmonía; as rúas levaban a ningures, entre os casais habitados mediaban ás veces centos de metros vougos, as casas ruídas necrosaban as tentativas das zonas vivas por formaren entre elas algo que fixese un mínimo sentido. A pasaxe do tempo, que empobreceu os fogares e degretou o concreto dos carreiros, unificou as rúas, teceu alianzas, esqueceu estremas. Por volta do ano 100, as aldeas conformaran xa un só organismo que arrodeaba a Converxencia como unha membrana celular ou un anel de casamento. Todo o que ficou fóra desa sección deveu entullo que axiña foi reaproveitado para construír no círculo central. Mais isto aconteceu moito despois.
Se unificarmos o total poboacional de Franza, o Seixo, Mourelle e Mugardos a noite antes da converxencia teriamos unha cifra de noventa e cinco persoas; logo que a converxencia foi consumada, había un total de oitenta e seis almas nese local —que, aliás, moi logo deixou de ser Franza e pasou a ser, simplemente, isto, aquí, este lugar, esta banda—. Quere isto dicir que un 9,47% da poboación da aldea foi extraviada, paradoxalmente, no mesmo momento da súa fundación. A gloriar esas pobres vidas os primeiros sobreviventes consagraron holocaustos anuais, dando lugar a unha festividade que acabaría esquecendo as súas orixes no volver do tempo, e que no entanto foi encontrando novos simbolismos para se reproducir a través dos séculos.
Deste total, un 17,4% era menor de 18 anos; ficando, de feito, a mediana dese subgrupo en 9 anos. O 37,2% da poboación superaba os 65 anos. O 45,4% restante agrupaba o que, na altura, era considerado como adulto. As mulleres conformaban un 59% do total, contra un 41% de homes.
Demostra a existencia dunha deidade se non bondadosa si comprometida —ao menos naquela altura— coa existencia da humanidade o feito de que o grupo de persoas fértiles ultrapasase por moi pouco o número máxico de cincuenta individuos —53, con efecto—; algarismo marabilloso que garante a viabilidade xenética do grupo mais que, por desgraza, non chega a asegurar a súa fortuna a longo prazo. Os problemas da escasa riqueza xenética patentizaríanse, porén, moitas xeracións despois.
Após uns primeiros meses de dó, vellos e vellas comezaron a comprender que o día da converxencia pasaran a ser un epílogo de si mesmas. A súa existencia neste mundo, feita como era de carne e pensamento, parecía sólida, de certo. Non gozaban moitas delas, incluso entre as nonaxenarias (8,14%), de boa saúde? E, no entanto, a súa nova fraxilidade sería conferida o día en que calquera perigo, o que for, apousase un dedo mínimo sobre a súa pel arrugachada; entón a súa milagrosa lonxevidade —unha miraxe, un fósil dos tempos primevos destinado a non se repetir máis no novo ordenamento— desvendaría a súa verdade: que era incapaz de subsistir por si mesma. Eran as últimas Vellas vellas. Luísa Varela —tiña catro anos o día da converxencia— habería falar ás netas dos tempos en que as persoas vivían máis do que as árbores, da época en que os devanceiros sabían prolongar a vida a través de emplastros, beberaxes e graxeas de receitas esquecidas e aparencias industriais, talvez extraídas das raíces e das pedras. Miles de anos despois, a lembranza deformada desas Inmortais motivaría unha xeración de mulleres e homes novas a procuraren no mundo algunha daquelas Sabias que resistise bebendo as súas apócemas destiladas da ferruxe e meditando na perfecta solitude do seu propio pensamento.
Toda unha xeración sacrificou os seus desexos, os seus soños, os seus praceres á existencia dun futuro para a comunidade. Dez persoas acabaron coa súa vida nos trinta anos posteriores á Converxencia; quere dicir, un 10,5% da poboación tivo o suicidio como causa da morte. Que sería, aliás, a causa de morte máis común se non a ultrapasase a epidemia de gripe do ano 15 que levou por diante nove vellos e vellas (9,47%) —o total da súa franxa etaria. Cada suicida —e isto era mellor non pensalo— era unha candea escurecida nunha noite que comezaba a asolagalo todo. Unha muller con certa formación científica asentou que o contaxio era bioloxicamente improbábel, xa que transcorreran quince anos sen infeccións e ningunha estranxeira chegara nese prazo; como naquela altura a ciencia aínda gozaba dun certo prestixio, a comunidade decidiu de consún que a gripe era unha segunda converxencia mandada para os decimar.
A morte das persoas máis idosas da aldea foi especialmente dramática, pois fechou de maneira subitánea toda conexión cos tempos antigos; quere dicir, os tempos onde, intocada, descansaba a posibilidade de redención da Historia. Dentro da poboación máis avellentada, un 66,67% coñecera a sociedade agraria tradicional e posuía coñecementos intermedios de agricultura. Os dous primeiros anos ninguén quixo cultivar; houbo unha tácita consagración da acedía, talvez inspirada na certeza de que, no momento de laboraren, recoñecerían tamén a irreversibilidade dos tempos novos —en tanto que o traballo, recoñecida forma de tortura con que a deidade submete os humanos, é o medio a través do cal a realidade advén pesada e, en fin, acaba de se materializar—. Homes e mulleres, montados en bicicletas de montaña a enferruxar, varrían cada vez máis quilómetros ao redor —seguindo, sen o saberen, a forma dos raios da Converxencia— na procura de alimentos envasados ou enlatados, colleitas a medio estragar, sequeiros con algunha castaña —ou, se callar, algún chourizo—, colmeas que depredar até as esgotaren de mel, animais vivos que mataren ou a súa carniza xa podre, froita, bagas ou raíces.
No terceiro ano —o comportamento errático do Sol impugna a noción de ano, que manteño agora apenas de forma orientativa e convencional— foron alcanzados dous puntos sen volta que estiveron a piques de eliminar a especie: a cantidade de alimento necesario para xerar a enerxía suficiente para colectar novo alimento fíxose superior á cantidade de alimento colectado: as exploradoras debían marchar tan lonxe para encontraren comida que, para o día de retorno, xa non tiñan provisións e tiñan fame. A resolución de cultivar foi adoptada no último momento, cando o primeiro punto sen volta xa fora atravesado. A cantidade de semente viábel alén da primeira xeración, atesourada por algunhas das persoas máis vellas, era pequena. Foi preciso esperaren á seguinte anada para poderen plantar alimento abondo como para soster a depauperada demografía da aldea de Franza. No inicio do terceiro ano, pois, os fundadores da nova humanidade souberon que nos seguintes meses ían presenciar en dúas ocasións o evento máis estarrecedor da historia dos seres pluricelulares: unha inanición calculada, un desaxuste espontáneo e incorrixíbel entre a materia nutritiva dispoñíbel e a necesaria para a reprodución celular.
[Debo agora dirixir brevemente a atención para un feito derivado da consciencia da chegada do colapso e relevante varias centurias despois. Un home avellentado, de nome Simón Cartelle Ortueta, aproveitou un período prolongado de ausencia solar para roubar, como un cuatreiro ou como un frautista de Hamelin, o pouco gado que aínda existía na aldea. O vello sabía que os seus conxéneres, esfameados, devorarían as limitadas reses e extinguirían, así, a posibilidade futura da gandaría. Roubouno e afastouno da Converxencia dúas semana de viaxe; suficientemente lonxe como para que o alimento gastado en perseguilo deixase de ser lucrativo; quere dicir, suficientemente lonxe como para el mesmo ficar sen provisións. Consciente de dirixirse a unha morte por fame, certo da case irrevogábel extinción dos últimos representantes do xénero Homo, trocou a súa vida por unha oportunidade de futuro. Logo que as derradeiras vacas do mundo estiveron salvas, e coa xentileza propia dos santos, bebeu dun par de grolos unha botelliña de anís e enforcouse dun eucalipto].
O quinto ano iniciou como unha primavera que, ao fin, revezou o inverno nuclear previo. Decorrido un prazo —por volta de douscentos días contemporáneos— case deixaran de se intuír as olleiras e as cavernas nas bochechas. Con esforzo, a humanidade recuperaba o andar ergueito que durante meses fora substituído por unha amargurante corcova. Algunhas mulleres mesmo descubriron con sorpresa que volvían menstruar.
Abril foi o mes da paixón indecente e torrentosa, o mes en que as vellas se achegaron aos adolescentes e en que proliferaron as combinacións e os desconsertos; naceron e morreron os amores, forxáronse vínculos precarios e malditos que levaron ao convivio persoas que se haberían detestar por sempre. Un podería pensar que, so a imaxe superficial dunha humanidade inflamada de volupia, o que había era o último sacrificio dunha xeración que xa dera todo de si —até a proteína, até os lípidos—; que o que acontecía era, en fin, non unha festa, non unha primavera, senón un rigoroso exercicio de planificación da natalidade, un tratado de euxenia colectiva. Case todos os amores murcharon logo; a promiscuidade introduciu a preocupación pola correcta filiación; a veciñanza volveuse sospeitadora.
Con todo, a segunda xeración soubo multiplicar, como dispuxeran esquecidos mandatos relixiosos, a primeira. Os Segundos Nados acrescentaron á aldea 53 novas vidas. Os cultivos alastraron a terra circunveciña, os outeiros estráronse de socalcos, as ruínas foron reerixidas e as rúas reencarreiradas para irrigaren os novos tecidos… Os Primeiros, Os Adánicos, Os Que Máis Sufriron, consumiron a súa vida toda, o tempo todo dos seus días, en posibilitaren o prodixio demográfico de daren vida a unha nova humanidade. Após cen anos, porén, a estatura media diminuíra en vinte centímetros —feito, este, de que ninguén se apercibiu. Vinte centímetros foron a portaxe de existiren. Moitos anos máis tarde, cando Lorena, a máis nova de entre todas as que chegaran a coñecer o mundo antigo, finou aos 43 anos, díxolle á súa sobriña favorita ao ouvido, sen que esta puidese entender ben a que se estaba a referir:
—Era mellor termos morrido.
Esta tiña que ser a primeira, por suposto. É curiosa a estrutura desta novela. É coma unha goma elastica, que encolle e estira a historia en cada parágrafo. O autor cóntanos como estaban as cousas no momento da converxencia e a continuación as consecuencias ou efectos diso nos seguintes séculos. No seguinte parágrafo volvemos ó punto de partida (por exemplo coa distribución de idades) e de novo se nos mostra unha imaxe posterior (“moitas xeracións despois”).
Preguntome se non sería mais natural (posto que o narrador fai as veces dun ser omnisciente que coñece pasado e futuro) establecer como punto de partida o futuro mais lonxano (é dicir, o presente do narrador) e retroceder cara o pasado na busca de orixes ou respostas. Vouno dicir doutro xeito: entendo que o autor conta as cousas como as elexiu contar porque forma parte do que quere transmitir, pero ese mecanismo elástico que a el lle serve tan ben, non lle serve igual de ben ó lector para meterse na historia. Non diria que é un erro, non o é: é un obstáculo. Igual que o é (ou o foi) a miña iniciativa de meter tantas personaxes no primeiro capítulo da espada do metal.
Faime graza o uso das %, para min iso redunda na idea de que o verdadeiro protagonista é o narrador, ou polo menos é o que pon toda a personalidade, a falta doutras personaxes recurrentes.
Tamén vexo que cara o final comeza unha cronoloxia mais tradicional e entendible sobre os primeiros anos. Non sei se vai ser esa a tónica habitual a partir de agora, non creo que sexa tan doado coma iso nunha historia de séculos, pero si que é boa cousa darlle ó lector varandas ás que agarrarse, porque podemos perder pe rapido se a cousa se volve demasiado descriptiva sen un aparente destino ó que chegar (que é importante e que non?).
Unha vez deixada atrás a converxencia (como espectaculo narrativo) o que se nos narra semella unha nova historia da humanidade, será capaz o narrador de manter a nosa atencion e interese a través das accións de personaxes que so permanecen 1 minuto en pantalla?
Moi bo capítulo, paréceme. Ou será que vpu eu entrando na historia, nesta túa maneira especial de escribir, parabéns.
Inquiétame que a trama derive a unha situación apocalíptica sen máis, como parece nos últimos parágrafos, igual podía dar máis de si o tono da primeira entrega.
Encántame o uso das porcentaxes, resultan case ridículas no contexto no que se atopan, de incerteza, de nebulosa, pero creo que funcionan como unha anclaxe ao real. Ou como un gag, non sei cal era a intención.
Gustoume especialmente ” o comportamento errático do Sol impugna a noción de ano, que manteño agora apenas de forma orientativa e convencional” (paréceme divertidísimo).
Tamén me sorprendeu a introdución dun narrador en primeira persoa, intrígame o personaxe, quen é? : unha boa razón para seguir lendo.
Para min os protagonistas son o narrador, o espazo e esa humanidade que se reinventa e se esquece a si mesma en repetidas ocasións. Todo envolto no caos.
A forma de escribir seméllase a ese universo que soamente ten como orde (ou non) a converxencia. A terra pregada nesas liñas (imaxino coma unha alfombra sen estirar) creou un novo territorio que garda paralelismos cos párrafos, con ese ir e vir no tempo, con desmenuzados de certos momentos (a enruga máis alta)…
Quedan recollidas as calamidades, sobre todo a da fame. E tamén a do sacrificio de individuos polo ben da especie, moi ben ilustrada con ese home que salva o gando. Pregúntome que pensarán, cando o atopen.
En concordancia coa escaseza de alimentos, a raza encolle.
Os números seguen rompéndome a cabeza. Agora véxoos de diferente maneira a como os valorei no primeiro capítulo. Paréceme que as Matemáticas son o único firme neste mundo distorsionado e en distorsión permanente.
É unha continua improvisación fronte ás novidades, sen facer plans como colectividade. Pola contra, algúns individuos teñen papeis destacados na supervivencia do grupo: pensou no futuro o señor que roubou o gando e aseguraron os cultivos eses vellos que gardaron sementes.
Mención aparte merece ese instinto colectivo de procrear, que fixo aumentar a poboación. Un celo que vemos programado pola natureza en moitas especies. É como se a humanidade retrocedera e se portara coma os animais.
A medida que ía lendo, atopaba paralelismos co noso mundo real.
Tremenda imaxinación e creatividade!
Como lectora, pérdome moito. Non atopo a que agarrarme. De todas formas, paréceme un proxecto moi potente. E teño moita curiosidade en coñecer a evolución.
Gústame moitisimo o que vou lendo desta novela. Para min, de calquera xeito, o uso das porcentaxes paréceme unha arma de dobre fío: por unha parte gústame que se use, porque indica que Pablo ten moi ben construída na súa cabeza a historia,e que non deixa puntada sen fío, que é meticuloso nos datos e na trama. Por outra, sen embargo, paréceme que por veces embarra dalgún xeito a prosa, porque a min descolocoume ler números entre tantas palabras e datos.
Tamén me gusta moitísimo a linguaxe que se emprega, un galego moi depurado e conciso.
Respecto o outro capítulo penso que o narrador tende a describir todo dun xeito sublime pero coma Rosa aínda non atopo un punto da trama na que sucedan cousas fiadas máis que unha descrición de cousas.
Pasamos a unha narración máis clásica neste capítulo, que ben pdoería ser un primeiro capítulo se o primeiro, reducíndoo un pouco, se empregara coma prologo.
A narración resulta máis fluida, pero o emprego continuo de porcentaxes, como se estivesemos a ler un texto ciéntifico, ou ben frea un pouco a lectura, ou simplemente pode non prestarlles demasiada atención, convertíndoos en texto de recheo, salvo para xsque somos de sumar as porcentaxes para ver se son correctas, ou xs que temos conta dos horarios e datas nas narracións.
O paso do 3º ao4º e 5º ano pareceume escueto con respecto ao resto da narración.
Gústame moito a narración do mes de abril, que lle concede un punto de poesía á narración científica. Pode ser un instrumento narrativo moi poderoso-
Estou un 85% desexoso de ler o seguinte capítulo ; )