BiosBardia

O país dos libros en galego

A corrección sen riscos de María López Sande

DIARIO DUN CRÍTICO RESUCITADO.

 

A-forma-das-nubes-reducidooooooooooooooMaría López Sández era para min unha completa descoñecida até que collín dos andeis da biblioteca municipal a novela curta A forma das nubes, premio Repsol 2012, publicada por Galaxia. Lese ben, non está mal escrita (ou debería dicir que está ben redactada?), aínda que lle sobra un pouco de glamour, xa que ás veces semella que esteamos a ler as páxinas dun deses suplementos dominicais dos xornais, tan fashion, que amosan personaxes, móbeis, receitas de cociña, casas, etc., que abandonamos por imposíbeis. Non obstante, a presente noveleta non se abandona por imposíbel, porque se pode ler. Nin mesmo as referencias literarias e cinematográficas, que poden semellar pedantuelas, nos fan abandonar as páxinas do libro. Non hai pedantería, mais existe a posibilidade de que algúns lectores interprete que si. Por outra banda, os personaxes gozan de case todas as características de que falamos ao final do comentario sobre o Tinta, de López Silva: xorden da universalidade e van cara á particularidade.

Un pequeno inciso: nun momento da noveleta afírmase que Rosebud, a última palabra pronunciada por Orson Welles en Cidadán Kane, refírese á nai de Kane, que Kane está a chamar pola súa nai. Se ben pode ser discutíbel tal afirmación, López Sández invita a “ler” o filme de Welles como unha variación do complexo de Edipo. Con todo, eu quedo cos comentaristas que afirman que Rosebud era o nome con que R. Hearst, o magnate ultradereitista da prensa americana no que se basea o personaxe de Kane, se refería á cona da súa amante, unha actriz da que agora non lembro o nome.

A autora cando publicou esta novela tiña perto dos corenta anos, e a unha narradora desa idade talvez hai que demandarlle algo máis, e, por outra banda, pedirlle que esqueza os consellos de Susan Sontag –que non sei se os coñece e os seguiu, pero dos que semella tirada esta novela: o aburrimento como un dos recursos estilísticos da modernidade. Porque confeso que a min me aburriu.

Pillado e Lorenzo

Falando do Premio Repsol, este que gañou Sande debeu ser o primeiro ou o segundo que non contou entre os membros do xurado o home a quen se lle debe a súa realización: Francisco Pillado Mayor. Pillado foi fulminado do premio por negarse a saudar durante o evento de entrega do certame ao entón responsábel de Política Lingüística da Xunta e hoxe “viceconselleiro” de Cultura, Anxo Lorenzo. Cando ocorreu tal cousa nin a AELG (da que Pillado era membro, non sei se continúa a selo) nin a Academia nin ningunha outra institución ou colectivo protestaron. A AELG e a RAG manteñen, sen problemas, os postos que lles corresponden no xurado que graciosamente lles ofrece a Fundación Repsol.

Xesús González Gómez.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *