BiosBardia

O país dos libros en galego

‘A crueldade de abril’. unha novela negrísima e lírica

Intervención de Diego Ameixeiras nun programa cultural da Televisión de Galicia.

César Lorenzo Gil.

Unha moza e un mendigo morren durante o incendio dun local abandonado. Ela, unha poeta antisocial, convértese, logo de morta, nunha autora de culto. Mais en realidade foi todo un accidente?

Diego Ameixeiras compón en A crueldade de abril a súa novela máis contida, máis íntima, máis poética. Sen deixar nunca de inscribirse nos marcos do xénero negro, esta última proposta do escritor ourensán fai prever un novo xiro na súa traxectoria literaria.

Non en van, esta obra é a primeira dun novo ciclo: tras unha xeira de sete novelas (unha por ano) entre o 2009 e o 2015 volve publicar con Xerais unha obra narrativa. Ameixeiras conclúe un longo proceso de destilación da súa prosa na procura de quedar unicamente co esencial da trama. Nun tempo no que a novela de xénero engorda en páxinas para contentar os devoradores de libros, o autor opta pola economía de recursos e técnicas.

O esquelete da novela está asentado sobre os diálogos e os acenos dos personaxes. Ameixeiras crea climas a través de escenas cotiás, descritas asepticamente, nas que os protagonistas interactúan dun xeito natural. Tan natural que, como na vida mesma, o máis interesante non é o que deixan manifestamente dito ou indicado senón aquela corrente interna e equívoca que se desenvolve en silencio. Neste sentido, A crueldade de abril non aspira a involucrar o lector nunha complexa trama e conducilo cara a algunha conclusión final senón que se vale do engado do misterio e de certa intriga para pasear o lector por determinados ambientes do noso tempo. Este método converte a novela nun testemuño, por suposto, mais penso que o principal obxectivo do autor é máis ben intentar expresar a violencia máis profunda, aquela que non se manifesta con grandilocuencia senón que oprime cunha aparente baixa intensidade que no fondo é máis insoportable, máis inhumana da que nos asusta con barullo e sangue.

Co tempo e a experiencia, Ameixeiras perfeccionou outro dos seus obxectivos literarios: mostrar a súa pegada de autor dunha maneira diáfana sen por iso “literaturizar” as súas novelas, que seguen a fluír perfectamente, pezas deseñadas para contentar os fans do xénero negro (non policial). Esta capacidade de elevar a aparente artesanía da narrativa popular de xénero ten gran valía porque en realidade é como xunguir dous mundos en aparente contradición segundo moitos teóricos da literatura galega: a alta literatura enraizada na nosa tradición e os libros funcionais destinados preferentemente ao entretemento. Este tabú, coido, estalle a facer dano ás letras propias porque crea como compartimentos estancos que se senten cómodos nos seus respectivos límites. Ameixeiras, xunto cun pequeno grupo de escritores actuais, prefire explorar. No caso do ourensán, esa investigación sobre o texto non procura tanto unha nova fronteira expresiva senón asentar unha literatura moi do noso tempo, a que procura favorecer que o lector faga a súa parte dentro da obra literaria, que teña espazo para desenvolver a súa imaxinación e acabe, seguindo as súas propias regras, por construír o relato.

♦ A crueldade de abril, de Diego Ameixeiras. Xerais, 2018. 136 páxinas. ♠17€

One thought on “‘A crueldade de abril’. unha novela negrísima e lírica

  1. Son fan das novelas de Ameixeiras, xa que logo, pouco obxectivo. Mais o meu ver é unha boa novela, na que nada é o que parece, e iso é un dos seus atractivos.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *