BiosBardia

O país dos libros en galego

‘A dama da noite’. A visión borrosa de Rosalía

Xavier Seoane.
Xavier Seoane.

Toda novela ten o seu principio e a súa fin, e pensar que entre estes dous puntos se pode meter calquera cousa é cometer un erro, non de inxenuidade senón de soberbia; e a soberbia adoita ser mala conselleira. Na novela cabe todo, mais seleccionado, porque a novela non é nin un bulldozer nin un contedor. O bulldozer arrastra, sen seleccionar: é a súa misión. No contedor pódese seleccionar o material a introducir, mais, normalmente, non está disposto en compartimentos estancos, para colocar ordenadamente os materiais, polo que fican uns enriba, ou a carón, doutros, sen ordenamento posíbel. Se ben na novela se pode meter de todo, a verdade é que os materiais que se introduzan deben estar ben “colocados” para que a estrutura non acabe rebordada ou “enfraquecida”. Porque a novela non é un amontoamento indebido de materiais, nin unhas páxinas excelentes: a novela e un “conxunto”, e se nese conxunto algo desafina, o que adoita saír é un produto que non se pode case nin nomear. Eis o que lle acontece a A dama da noite, de Xavier Seoane, publicada hai uns meses por Edicións Laiovento.

A novela é, en certa maneira, unha “biografía” novelada de… Rosalía de Castro. Ou unha novela cuxa “protagonista” ou principal “personaxe” é a poeta. (Subliñemos, de pasada, que a estas alturas alcanza graos de incomprensibilidade que aínda non contemos cunha boa biografía de Rosalía.) Na novela, argallada a base de capítulos máis ben curtos, fala Rosalía en primeira persoa, reprodúcense cartas da poeta e doutros personaxes (cartas, porén, maiormente ficticias), falan voces: do pobo, xentes descoñecidas, escritores, provincialistas, os fillos de Rosalía, a nai, o pai, a irmá do pai, etc., dispostos máis nunha serie de, digamos, viñetas do que en capítulos debidamente estruturados. Mais todo o conxunto de voces non alcanza a categoría de novela, nin, por suposto, de “biografía”. A intención, en primeira instancia, do autor era, supomos, escribir unha novela deixando de lado a “biografía”: o resultado é, simplemente, unha haxiografía.

Cando se novelan personaxes históricos, o autor de tal novela pode (e normalmente adoita) atribuírlles aos protagonistas o que estes, na súa vida real, nunca souberon, nin mesmo intuíron, de aí o “fracaso” da maioría desta caste de novelas, a non ser que se boten polo camiño do humor ou do “pastiche”.

O problema non é que A dama da noite non resulte unha biografía, nin mesmo que resulte unha haxiografía, o problema é que non é unha novela. E se é novela, concedámolo, é unha obra completamente falida, fracasada. Fracasada na estrutura, fracasada no estilo. Non hai vontade de estilo, hai unha escrita pseudo-poética, con demasiadas chiscadelas ao lector –chiscadelas a base de frases tiradas dos versos da poeta que se poden identificar axiña: “[…] revolvíanme de tal maneira, que me subía o afogo até a cabeza, cegándome co desexo de coller a fouce da xustiza pola man…”, “a sombra… sempre a sombra…”,  “Pero xa pasará, que non hai males que duren cen anos, nin cravo de tal condición que non se poida arrancar”, etc.; chiscadelas baseadas nos datos máis coñecidos da vida da poeta ou que promoveron tanto os seus contemporáneos como as “xeracións” subseguintes, sobre todo de pre-nacionalistas e nacionalistas: “Mais nada me importaba. Que dixesen a galega…, ou a tola… Ben afeita estivera sempre, pois decote me sentira a rara en todas as partes […]”; chiscadelas, finalmente, de matiz culturalista que o lector dubida se está perante un autor inxenuo ou un autor pedantuelo: “Bicos da túa vella, viúva inconsolábel / princesa de Lestrove, na súa torre derruída…” (dunha carta de Rosalía ao seu marido Manolo Murguía). (Unha paráfrase dos versos de Nerval pertencentes a “O Desditado”: Rosalía debía coñecelos, xa que segundo Nicole Dilon Bondue na biblioteca de Murguía, entre os diversos volumes que posuía do poeta francés, hai unha edición de Poésies complètes, de 1877 (El granito y las luces II, Xerais, 1987, p. 509)). Nunha palabra semella que o autor mais que confiar na súa novela, confía no lector, é dicir, nun lector que coñece a obra de Rosalía e os trazos fundamentais da súa vida; ou, o que sería peor, nun lector que no instituto aprendeu (ou está a aprender) catro datos básicos sobre a poeta e Xavier Seoane entrégallos agora ampliados e “novelizados”.

En verdade, cando se novelan personaxes históricos, o autor de tal novela pode (e normalmente adoita) atribuírlles aos protagonistas o que estes, na súa vida real, nunca souberon, nin mesmo intuíron, de aí o “fracaso” da maioría desta caste de novelas, a non ser que se boten polo camiño do humor ou do “pastiche”. O humor, na presente, non existe. E de “pastiche”, nada de nada. O pastiche, xa se sabe, é situar o estilo propio na beira do abismo, cousa que non acontece nesta novela, xa que o autor non semella que estudara en profundidade o estilo das novelas da poeta, mais ben limítase a parafrasear versos, frases de Rosalía. Por outra parte, xa se dixo, non ten vontade de estilo, intenta, iso si, unha prosa poética a base de “palabras” poéticas coñecidas por todos, ou que poden inducir o lector a pensar que está a ler unha prosa poética: “Volve poñer os lentes, que reflicten por un intre as lapas da xenerosa lareira e, mentres le, os lampexos axitados polo lume ilumínanlle a nobre cabeleira grisalla e as mestas sombras prendidas no cello”; “Mentres as tres figuras se mergullan na escuridade, un lóstrego anuncia unha sonora trallada no ventre das sombras”; “A señora, mentres, permanece allea, como unha rosa pálida no sofá. Malia a gravidez, que debía vigorizala, parece envellecela un mórbido cansazo”, “A luz do serán carente de esperanza e louzanía, fíltrase entre as cortinas amaiadas”, etcétera, etcétera. O autor, no canto de intentar unha prosa tensa, no que o narrativo se troque en algo máis puro e sublime –poesía–, bota man de sintagmas e palabras poéticas como se intentase, a cada liña procurar “le mot juste”. E o “mot juste”, como afirma G. Josipovici, conduce á ampulosidade, ao aburrimento e a proliferación de adxectivos.

En canto á trama, xa se dixo, parte da vida de Rosalía, narrada, maiormente, por esta, en primeira persoa, nun modo de monólogo máis ben teatral –homenaxe á actriz afeccionada que foi a poeta?– do que narrativo, porque no verdadeiro monólogo narrativo, sobre todo se é interior, sempre existe, por parte do autor, unha desexada confusión entre a realidade física e a idealización co inconsciente: algo venta Xavier Seoane, mais no canto de producir esa “confusión”, bota man de soños de Rosalía, ou son cousas que a ela lle aconteceron e a memoria, as “gadoupas da memoria”, engánana? Por outra parte, hai que sinalar que a elección deste punto de vista –a primeira persoa– é un intento para que desde a primeira páxina (“Tanto balbordo cansa. Ou é o silencio? Será o vento? Canto durmín? Que día será? A almofada abrásame, súame a fronte, as mans… Amañecería? Iso que… Rozoume… e logo no cristal…// Unha sombra? Un paxaro? Unha…”) o lector se identifique co personaxe que está a falar, é dicir, Rosalía, máis que procurar un sentimento de empatía e conivencia co lector, o como se autor dera estes sentimentos por feitos e procurase, por tanto, esa identificación: é dicir, unha lectura non-crítica.

Estrutura feble

A memoria, que é moi traizoeira, non engana a Rosalía: é o autor, o novelista, quen se engana a si mesmo por falta dunha estrutura forte que inicie desde as primeiras páxinas un proceso narrativo no que o lector vaia identificando os feitos, os personaxes, as voces, etc. Ese proceso non chega case nunca, e así a narración avanza lentamente, con cansazo e demasiadas veces fica diluída por unha falta de concreción, ou quizais polo uso innecesario de personaxes e elementos narrativos (as voces populares, as escenas do pai de Rosalía, da nai, dos fillos, etc.) que non están sequera deseñados, que son material aleatorio que non lle engaden nada á trama, que non son unha voz contraditoria da principal, que non son outros tantos puntos de vistas que enriquezan trama e personaxes, senón que, simplemente, se limitan a “engordar” e afirmar a voz principal, as súas teimas, a súa “memoria”, os feitos da súa vida. Por outra banda, nin Rosalía nin o seu marido, que puideran ser as voces máis importantes da novela, non están ben deseñados, (nin directa nin indirectamente) xa que resultan ser homes e mulleres dunha peza –e non de mil pezas, como todos os homes e mulleres–, sen ángulos, sen sinuosidades, sen matices, sen dobreces, etc. (Como homes e mulleres dunha peza resultan ser, pola súa voz, polo que din ou fan tanto o pai como a nai de Rosalía, e case todas as voces que o lector pode identificar.)

Pódese afirmar que o autor non “viu” a novela, que non confiou nela nin na súa propia forza literaria (do autor), e para “salvarse” delegou a confianza no lector coñecedor da obra e a vida (aínda que sexa esquematicamente) da poeta. Non inventou (imaxinou) “nada”, só os monólogos e un diálogos que poñen nos labios dos que falan cousas que, moitas veces, como avisabamos, non podían saber; ou concepcións que naqueles anos eran difíciles de sustentar.

Pódese afirmar que o autor non “viu” a novela, que non confiou nela nin na súa propia forza literaria.

Por outra parte, e sabendo que a “novela” está escrita por un poeta, as poucas referencias ao “nacemento” dos poemas de Rosalía, aos problemas e procesos da creación poética, son pobres e case sempre auto-referenciais (é dicir, da propia Rosalía).

A dama da noite reproduce todos os tópicos “nacionalistas” sobre Rosalía, sobre Murguía e sobre a sociedade galega do XIX e os séculos posteriores). Unha haxiografía o autor se limitou a que os seus personaxes se laiasen pola incomprensión que cae sobre eles –e sobre os poetas en xeral, reproducindo outro deses tópicos que acaban por cansar– por parte da sociedade a que pertencen, unha sociedade que só aparece difuminadamente, como un decorado –é dicir, estaticamente.

Xavier Seoane, en primeira instancia, argallou unha haxiografía novelada de Rosalía. En segundo grao, unha alegoría nacionalista na que a crítica e a autocrítica brillan por ausencia. e en terceira instancia fallou flagrantemente ao esquecer que a novela é un mecanismo que obedece a unhas leis propias e que para dicir a súa verdade (o que Adorno denominaba “contido de verdade”) non ten que seguir os ditados da Historia da Literatura, nin neste mecanismo a ideoloxía (progresista, reaccionaria, nacionalista ou non-nacionalista, ou antinacionalista, etc.) nunca debe triunfar por enriba das ideas, o que, infelizmente, acontece neste “artefacto”.

♦ A dama da noite, de Xavier Seoane, Laiovento, 2014. 158 páxinas. ♠15€

XGG.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *