A danza do abellón, unha tradición dos Fieis Defuntos
Nati Rey.
Achégase o día dos Fieis Defuntos e comeza o tempo idóneo para coñecer tradicións perdidas que se efectuaban durante os velorios galegos. Unha delas era a danza do abellón. Foi no ano 1884 cando Alfredo Brañas describiu a dita danza nun poema titulado “O avellón”, premiado con accésit nun certame de poesía. O historiador Manuel Murguía explicou que este rito se iniciaba despois do xantar fúnebre (que adoitaba ser a medianoite) e entraban os asistentes no cuarto onde se velaba o morto, todos en rigoroso silencio; pero cando comezaban a xirar, formando unha roda ao redor do cadáver, fungaban coma se emitisen o zunido das abellas. Quen deixase de xirar ou de zumbar carrexaría unha mala fada e sería o seguinte en morrer.
Para Murguía, esta danza é un acto simbólico de moita importancia, pois a abella está vencellada desde tempos arcaicos a certos ritos fúnebres. Crese que producindo o zunido durante a danza axudaban a facilitar a saída da alma do defunto[1].
O comportamento peculiar das abellas espertou no home un grande interese e admiración, que determinou a aparición dunha serie de crenzas e manifestacións simbólicas na cultura popular de moitos pobos apicultores. Por esta razón existen apuntamentos sobre as abellas en Galicia que son interesantes, un deles é a crenza de que son almas que descenden da lúa e outro é o feito de que se lles chaman benditas nos Ancares[2]. Isto, entre outras características, puido dar lugar á existencia de certas prácticas vencelladas ás abellas e á morte, e de aí puido xurdir a tradición do Abellón.
En Galicia, a Danza do Abellón celebrouse até principios do século XX nalgunhas parroquias de Vigo. Aurora Iglesias Vilar lembraba este peculiar rito, onde eran os familiares quen se colocaban arredor do morto collidos das mans, e soaban coma abellóns. Despois de zoaren durante un tempo, o máis vello do grupo lanzaba un aturuxo e disolvíase o círculo e finalizaba a danza. Parece ser que era neste momento cando se confirmaba que o defunto estaba realmente morto e comezaba o loito[3].
[1] FA Romero. “Las almas y las abejas en el rito funerario gallego del abellón”. Anuario Brigantino, nº 23, 2000
[2] Íbidem
[3] Pablo Carpintero Arias. Os instrumentos musicais na tradición galega. Páx 405. Difusora de Ideas, 2010