BiosBardia

O país dos libros en galego

A decadencia comercial do conto na literatura galega

Libros de relatos.

César Lorenzo Gil.

O conto é a célula narrativa da literatura galega. A novela chegou tarde á nosa tradición e sempre como “imposición necesaria” para normalizar as nosas letras e axeitalas ao común das literaturas próximas. Non é casualidade que Rosalía de Castro estea considerada a matriarca das nosas letras. Á parte do seu gran valor como autora, esquivou a competencia dalgún figura novelista, que ocupa o topo das letras en case todos os sistemas. O conto favoreceu a transición entre a lingua popular e a culta, entre o rexistro oral e o escrito. Entre a temática e o ritmo rurais aos urbanos.

Contos escribiron os dous grandes referentes da literatura galega contemporánea: Xosé Luís Méndez Ferrín e Suso de Toro. Mais tamén Álvaro Cunqueiro e Ánxel Fole; Castelao e Manuel Rivas. Contos escriben Emma Pedreira e Lara Dopazo Ruibal.

O conto moderno, sigamos o teórico que sigamos, segue a considerarse o mecanismo onde máis complicado é facer brotar a literatura. A novela permite o erro, a remontada. Un relato (pois é a mesma cousa un relato ca un conto) contén nas súas poucas páxinas técnica e tradición; linguaxe e silencio; influencias doutras voces e innovación.

Escriben contos autores de todos os continentes e raro é o grande escritor que non acomodase a súa literatura ao formato máis breve. Nas escolas de literatura, case todos os profesores empezan aprendendo a confeccionar contos, que para min é como aprender a conducir empezando polos tráilers, pero esa é outra historia.

Pero resulta que o conto non vende. Agás casos contados, os libros de relatos teñen peor saída comercial. Non en van apenas cultivan o relato os autores con vocación de venda masiva.

Evidentemente, un mercado frío provoca tamén frío nos autores. Aínda que algúns manteñen a súa preferencia polo relato, saben que poderían optar a maior recoñecemento na libraría con novelas. Ese dominio, no caso galego, é palpable tamén nas convocatorias de premios. Hai algúns certames que premian relatos soltos, algún cunha espléndida dotación, caso do Manuel Murguía. Pero agás o Torrente Ballester e o Ánxel Fole, ningún outro premio de narrativa admite coleccións de relatos. Curiosamente, a maior parte dos certames de narrativa, en cambio, restrinxe a extensión, o que espalla unha mensaxe curiosa: Preferimos novelas a relatos, pero que non sexan demasiado extensas.

Apenas se publican coleccións de relatos de varios autores. En silencio polo momento a iniciativa de Contos estraños, que reunía novos valores da literatura de xénero en formato curto, a única iniciativa estable é a dos volumes colectivos coordinados por Xosé Manuel del Caño. Miño (Xerais, 2023). Tamén algunhas compilacións de textos froito de obradoiros de escritura creativa ou similares.

A explicación habitual á falta de interese polos contos é que para un lector custa moito máis, paradoxalmente, entrar en ducias de universos literarios, aínda que sexan de reducido tamaño, ca mergullarse nunha novela, cuxa trama e personaxes non han variar ao longo do texto. Mais hoxe esa división interna dista de ser exacta. Malia o envoltorio, Pascal Quignard, Olga Tokarczuk ou W. G. Sebald non escriben novelas con ese espírito. É Cadeas (Premio Xerais de Novela 2013), de Xabier López, unha novela?

A resposta é si. E igual que estes e moitos outros autores son necesarios porque entenden a narrativa como un ser vivo e variable, todas as literaturas precisan cultivar o conto. Quen en galego haxa poucos contistas a día de hoxe e que se vendan pouco seguro que ten a ver co baixo peso específico do conto en castelán, de cuxos tentáculos o noso sistema literario apenas dá escapado. O curioso é que o conto non funciona en España, pero si en América latina, onde á par dunha gran tradición segue a florecer o formato breve con boa saúde e audacia.

Que o mercado non atenda ao xeito a produción de relato non debería desanimar a súa creación. Ante a gran cantidade de premios de novela curta, quizais estaría ben que algún destes admitise tamén coleccións de contos. Así cumprirían os concursos a súa principal misión: favorecer aquela literatura, que pola razón que for, ten máis difícil atopar vías de publicación pola vía convencional. Considero máis útil esta vía que convocar certames onde se premie un só relato, xa que ese é un formato incompatible coas canles comerciais.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *