BiosBardia

O país dos libros en galego

‘A Diagonal dos Tolos’, a carreira dos tópicos

9788498655636Santiago Lopo (Vigo, 1974) é un narrador con encanto para os xurados literarios. Ten catro obras publicadas das que tres recibiron galardóns prestixiosos. A súa última novela gañou o Premio Repsol de Narrativa Breve a pesar de que a edición de Galaxia alcanza as 217 páxinas, case cen máis que a obra que gañou no 2013, O derradeiro libro de Emma Olsen, de Berta Davila. É unha novela de aventuras con escenario exótico. O relato central lévanos á Diagonal dos Tolos, unha carreira só para grandes atletas que convoca aventureiros do mundo enteiro na illa da Reunión, xeograficamente en África, un dos últimos territorios de ultramar da República francesa. O protagonista, Pierre, é descendente dunha estirpe de patricios coloniais cun pai cun sentido do humor moi especial. Logo de morrer, obriga o fillo a correr a Diagonal se quere quedar coa mansión familiar.

Cabo deste relato, Lopo propón outro: a fuxida do escravo P. dos seus amos, no primeiro terzo do século XVIII, en pleno proceso de colonización da illa polos franceses. A través da técnica do contrapunto paralelo, o autor pretende crear no mesmo espazo narrativo dúas historias comúns, dúas carreiras tan diferentes que fagan nacer no lector dous sentimentos: certa condescendencia cara ao Pierre que decide correr para salvar o seu pasado e a riqueza e completa admiración polo escravo que pena polo soño da liberdade. A estratexia narrativa é tan obvia e previsible que a partir da páxina 30, a lectura convértese tamén nun desafío para que o cerebro atenda. Quizais sen querelo, o lector entende o que é a tortura de camiñar sen rumbo; os personaxes na Reunión, nós agatuñando por unhas páxinas previsibles, ateigadas de tópicos.

Á parte dos epítetos do estilo “branca coma o leite”, “máis branca ca o marfil”, “as pingas golpean os seus beizos, os seus dentes branquísimos e a súa lingua rosada”, e símiles tales que “corre coma unha gacela”, o escritor vigués cae habitualmente na frase feita do xornalismo máis banal: “Non vai efectuar declaracións?”, “condenando a pedra ao ostracismo”, “a deshidratación estaba gañando a batalla e a hipotermia chamaba á porta”. Na miña opinión, estes recursos, pura graxa literaria, teñen a ver cunha certa présa por construír unha novela cuxo argumento quizais non daba para algo máis ca un relato. A través da sintaxe automática vai engordando os parágrafos, vai cubrindo capítulos (deliberadamente curtos para dar a sensación de velocidade na lectura).

Cando non pode contar coas angarellas do tópico, opta entón pola adxectivación excesiva, os diálogos feitos de oído (parecen todos tirados de series tipo O Equipo A), os xerundios incorrectos e certos efectismos que manteñan tenuamente acesa a chama do suspense. En realidade, a construción narrativa deste libro transloce todas as inseguridades do seu autor. Son parágrafos construídos ás apalpadelas nos que constantemente se introducen pistas para que o lector connote, para que non se lle perda ningunha referencia. Todo se nos dá mastigado: feitos e significados.

Persoalmente, coido que a historia do escravo P. ten un bo enfoque e é pena que Lopo prefira tomar o camiño da tradición narrativa da escravitude que se basea en certo complexo de culpa, no folclorismo africano e na caricatura dos antagonistas, un maniqueísmo que a estas alturas, tras Raíces ou propostas máis modernas como 12 anos de escravitude ou a serie canadense The Book of Negroes, é impropio dunha obra que se dirixa ao público adulto e informado.

A Diagonal dos Tolos nace dunha idea orixinal, nun lugar afastado do foco público, con moito interese narrativo. Esa Illa Reunión da que o autor dá pinceladas acertadas, non funciona co protagonismo que merece nin que se lle acomodaría ao argumento; aos poucos vaise convertendo nunha especie de fondo de croma. O mesmo lles pasa aos personaxes secundarios, figuriñas de cartolina que lles van saíndo ao paso aos protagonistas simplemente para que el teña ocasión de as esquivar.

♦A Diagonal dos Tolos, de Santiago Lopo. Galaxia, 2014. 217 páxinas. ♠17€

César Lorenzo Gil.

 

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *