BiosBardia

O país dos libros en galego

A Eira das Meigas, un círculo lítico a través da memoria

‘El Gran Cabrón’, de Francisco de Goya. Pódese contemplar no Museo do Prado de Madrid.

“En el monte Neme o Nemio (…) hállase en su cumbre un cromlech, al que los habitantes bergantiñenses llaman Eira das Meigas, porque según la tradición, la víspera de San Xuan se reúnen las brujas en la fuente de Santa Cristiana (…), y después de bailoteos y otras ceremonias suben a la Eira, en la que acomodadas cada una en su sentadoiro, toman acuerdos para dañar a los humanos”.

            Uxío Carré Aldao

 

Nati Rey.

Ultimamente rexorden das terras galegas círculos líticos que piden a gritos que se protexan e se dean a coñecer para se valorizaren como deben, xa que acotío vemos nos medios de comunicación como perigan os monumentos megalíticos, as máis das veces por culpa de maquinarias pesadas que os destrúen para sempre. Estas son perdas irreparábeis que nos fan perder parte da nosa historia.

Os círculos líticos e as súa interpretación

Os círculos líticos ou crómlechs son monumentos megalíticos formados por unha serie de pedra fitas que cerran un espazo de terreo en forma circular. A súa cronoloxía hai que situala arredor do III milenio a.C. Crese que tiveron relación cos ritos funerarios, con funcións astronómicas ou que se empregaron como lugares sacros e de reunións cerimoniais. Inda que os arqueólogos investigaron moito sobre a orixe e o significado do megalitismo atlántico, moi pouco se traballou sobre a interpretación que se lles dá a estes monumentos no folklore galego. Si sabemos da existencia dalgunhas antigas prácticas de celebracións en torno aos megalitos, como é o caso da testemuña galega localizada no monte Neme: a Eira das Meigas.

A orixe da Eira das Meigas

O monte Neme marca o límite territorial entre os concellos de Carballo e Malpica. É un lugar sagrado dende a antigüidade. O seu topónimo é de orixe prerromana e procede da voz celta nemeth ou nemeto, que significa “bosque sacro ou santuario onde se practicaban culto ás pedras, fontes e árbores”1. Mais a súa sacralidade vén dende moi atrás debido a que neste monte estaba o desaparecido círculo lítico chamado popularmente Eira das Meigas, do cal hoxe só nos queda a súa lenda.

Segundo a lenda deste lugar, nos solsticios reuníanse as bruxas da zona para pautar co demo, facendo os correspondentes aquelarres. Pero antes tiñan que facer un ritual de purificación, así como lavarse na Fonte das Meigas de Rabo de Lobo (Tordoia) e na Fonte de Amén Xesús (Entrecruces). Para ir polo camiño axeitado recitaban as ladaíñas. Iso si, debían evitar a igrexa de Santa María de Ardaña, onde está a imaxe de san Vicente, que protexe contra o meigallo. Cando chegaban á Eira comezaban a bailar acariñando as pedras que formaban o cromlech e celebraban a “media misa”; tamén contaban as súas argalladas e ao rematar sentaban cada unha no seu “sentadoiro” (pedras que formaban o círculo lítico) coa finalidade de planificar as maldades que farían durante o ano para danar os seres humanos. Unha das máis sonadas eran as tan temidas pragas de piollos.

A orixe desta lenda é moi probable que estea relacionada con costumes atávicos e reunións celebradas tradicionalmente polo pobo no crómlech e que foron posteriormente censuradas, ben pola Igrexa ou por outros poderes locais opostos a estas tradicións. Co tempo, na imaxinación popular, aquelas reunión foron transformadas en conciliábulos de bruxas.

Crenzas lendarias

Nos anos vinte do século pasado F. Maciñeira puido recoller na comarca de Ortigueira –cando buscaba información sobre os monumentos megalíticos– outra das crenzas en torno aos círculos líticos galegos. Os campesiños contáronlle que os crómlechs: “foron feitos polos mouros para utilizalos como eiras de mallar o trigo e recollían e reuníanse os mesmos mouros para xogar aos birlos”2. Neste caso vemos os personaxes míticos, os mouros, que na maioría das veces están conectados a monumentos megalíticos e tamén como se conserva o recordo da celebración de reunións cerimoniais na tempada da sega do trigo. A memoria colectiva troca ese costume polo de xogar aos birlos ao perderse o recordo da verdadeira función, e aludindo posiblemente a un antigo culto pagán que se realizaba no interior do crómlech.

Podemos destacar o feito de xogar aos birlos en Zoñán (Mondoñedo) que se menciona cando hai tormenta, xa que os mouros teñen un enorme xogo dos birlos áureo co que producen tronos ao xogaren. Sabendo que son moitas as teorías que hai sobre o “ser” dos mouros, neste caso vemos que é posible que sexa a lembranza de deuses primixenios, xa que posúen caracteres sobrenaturais.

A Eira das Meigas agredida

O círculo lítico da Eira das Meigas sufriu unha agresión no ano 2015 causada por “unha pa ao abrir unha pista, parece ser, coa intención de pasar uns vehículos para transportar os materiais destinados á construción da base dun poste do tendido eléctrico”, segundo a asociación ambiental Senda Nova e o Insituto de Estudos Bergantiñáns. Inda que o crómlech deteriorado era unha reprodución (o orixinal xa fora agredido anteriormente no tempo da explotación de minerais na época do volframio), sempre seguiu sendo o punto de referencia a nivel histórico e centro de supersticións e lendas do monte sagrado. Tamén no lugar desapareceu a ermida de santa Cristina coa súa fonte sacra, costruídas para cristanizar o lugar e ocultar os antigos costumes pagáns.

O negativo legado de Vázquez de Orxas

A destrución do patrimonio megalítico galego vén dende moi atrás, talvez dende principios do século XVII, cando un cura chamado Pedro Vázquez de Orxas conseguiu unha Célula Real na cal o rei Felipe III autorizaba rexistrar e escavar os túmulos que había en todo Reino de Galicia, coa finalidade de obter uns supostos tesouros que había no seu interior. Cando se soubo destes plans de excavación e o conseguinte murmurio sobre a existencia de múltiplas riquezas baixo os megalitos, proliferaron as exacavacións furtivas que supuxeron a destrución de numerosos depósitos arqueolóxicos. Outros foron destruídos con pólvora polo buscadores de imaxinados tesouros pertencentes (por exemplo) ao mítico mundo dos e das mouras.

1SÁNCHEZ PARDO, J. C. (2008). Territorio y poblamiento en Galicia entre la antigüedad y la plena Edad Media. Teses de doutoramento da Universidade de Santiago de Compostela. Editor Univ Santiago de Compostela.

2MACIÑEIRA, F. (1927). Círculos Líticos y túmulos dolménicos de la cuenca superior del Eume. (Arquivos de Seminario de Estudos Gallegos, vol 1)

2 thoughts on “A Eira das Meigas, un círculo lítico a través da memoria

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *