BiosBardia

O país dos libros en galego

‘A Eneida’, traducida ao galego en verso

Estatua que representa a Virxilio.

Héitor Mera.

Hai un tempo trouxen a este foro a feliz noticia da tradución e edición das Xeórxicas, de Virxilio. Hoxe a novidade é a aparición, na mesma colección ‘Vétera’, da Eneida, obra mestra do mesmo autor.

Dende logo, as motivacións superficiais non teñen moito que ver entre este e aquel libro virxilianos, mais antes de entrar noutro tipo de consideracións, hai que ter presente que a orixe de ambas as dúas é a mesma: a intencionalidade política. Neste caso, o emperador Augusto encargoulle esta epopea alá no S. I a. n. e. na procura dunha orixe mítica de Roma. Non é preciso explicar todo o que significa un encargo destas características. No mito está a lexitimidade, aparente para un pobo, moi proveitosa para o poder político. Xa que logo, nesta procura do mito inicial está o aleccionamento e control da masa perante un ente superior común.

Para facelo, Virxilio bota man da afastada no tempo guerra de Troia. Ao xeito homérico aproveita o personaxe de Eneas como supervivente do masacre e, despois dunha viaxe ao xeito da Odisea aparece en Roma como fundador e iniciador dunha estirpe. Esta viaxe comporta os seis primeiros libros. A segunda parte, redactada seguindo as pautas d’A Iliada conta o enfrontamento entre os troianos capitaneados por Eneas e os latinos, que terá como resultado a fundación da cidade.

A obra está composta por case 10.000 hexámetros dactílicos, mais quedou para a posterioridade como incompleta. No seu afán perfeccionista —aspecto, salvando as distancias, que nos lembra ao noso Pondal— non só non rematou a obra senón que mesmo ordenou que se botase ao lume ao el morrer, orde que, felizmente, non se atendeu.

Índomos á versión galega a cargo de Alfonso Blanco Quintela, destacamos a teimosía en forma de anos de traballo que facilitou que a tradución do latín ao galego fose en verso. Evidentemente, é imposible respectar o hexámetro dactílico, mais o gusto, o coidado e o bo facer lingüístico, tradutolóxico e literario agasallan o lector galego cunha versión con atención ao ritmo, cuestión importante, creo eu, en calquera obra literaria. Logo pois, Blanco Quintela non queda na simple tradución destinada a deixar evidenciado o que o autor deixou dito —hai unha chea delas por aí—, senón que pretende achegarnos o distintivo literario que, en canto a estético, ten esta arte.

Acompañado deste esforzo, o libro está apontoado por un estudo previo facilitador dun maior horizonte hermenéutico para o lector non iniciado e interesante para os xa coñecedores de Virxilio e a literatura da época. As notas que acompañan a lectura están, tamén, cheas de erudición e didactismo.

Non cansarei de reivindicar o labor ímprobo do equipo de tradutores e editores da colección ‘Vétera’, capaces de facer chegarnos boa parte dos monumentos da literatura universal. Este é un exemplo máis.

A Eneida, de Virxilio. Tradución de Alfonso Blanco Quintela, Rinoceronte, 2025. 376 páxinas. ♠23,00€

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *