BiosBardia

O país dos libros en galego

A Espada do Metal: 1. Asemblea infernal

Lume. ICON.COM/PEXELS.

Lois Z.

O inferno son os outros

Jean-Paul Sartre

 

―Non vexo a Soberbia ―rosmou Guerra, un vello diaño cos cornos romos e artrose nas ás.

―Sá-sá-sá-bese algo de Egoísmo? ―preguntou Pánico pechando a porta de soto tras el.

―Vino pola mañá relaxándose nas piscinas de lava, hihihi ―deixou caer Aberración.

―Que se foda Egoísmo! ―petou Rabia na mesa―. Estou farto das súas historias.

―É que me-me-me debe unhas a-almas ―insistiu o outro.

―A ver, que, cando empezamos? ―protestou Agonía axitando un brazo desde o fondo―. Non quero botar toda a noite aquí con vós neste soto fedorento, teño un montón de cousas por facer.

―Paciencia, Agonías, paciencia ―contestou Guerra―, xa sabes que non podemos comezar sen el. ―Sinalou co caxato cara a un asento baleiro detrás da mesa.

―Pois non sei se poderei esperar máis, eh? Xa debía ter feitas tres tentacións, unha posesión infernal e amañado unha ducia de paraugas. E iso sen contar co risco que corremos por acudir a unha reunión clandestina ―porfiaba o demo.

―Agonía é parvo de carallo ―atallou Avaricia―, pero ten toda a razón. Levo tempo facéndolle doazóns ó Movemento e nunca vin que se movese nada. Aposto a punta do rabo a que hoxe non vai ser diferente.

―Moi certo! ―berrou Mentira axitando as ás con furia.

Pánico tentou calmar á multitude de demos enfurecidos.

―Que nos devolvan as almas que pagamos! ―esixían cada vez máis dos presentes.

―Poñédevos quietos ou esgázovos o intestino a dentadas! ―pediu amablemente Rabia, subido á cadeira e espumando pola boca.

Cada lastra da estrada, cada ladrillo das vivendas de protección infernal e cada baguette son almas que foron manufacturadas e convertidas nun recurso aproveitable aquí no inferno. Os demos que acumulan baixo a súa marca o maior número delas gañan o dereito a reclamar a Espada do Metal Absoluto e con ela o título de Maligno dos Infernos. Para manterse no máis alto conspiran entre eles e forman lobbys que se alternan no poder sustentados por pactos, traizóns e desapiadadas carreiras polo recrutamento de almas para os seus alxubes.

―Qué demos pasa aquí?

Ese era Peste.

Ante a presenza do secretario xeral os diaños volveron ás súas cadeiras rosmando polo baixo, agardando que a primeira asemblea secreta do Movemento Radical pola Liberación Infernal comezase dunha vez.

Cando Peste gobernara o Inferno, eóns atrás, fora un ditador razoable e cabal. Mofábase dos máis febles, mallaba nos seus opositores, facía o que se lle antollaba e empregaba a Espada do Metal Absoluto en dilapidar a súa fortuna sen pensar no que pasaría mañá. O seu poder procedía do seu grande éxito entre os mortais, non desas desprezables argalladas infames e trampulleiras do novo Maligno. Peste foi o primeiro en rebelarse contra o disparatado sistema que se lles impuxo. Podía soportar calquera forma de depravación moral, pero ter pagar impostos superaba todos os límites. Coa axuda dos corenta demos máis fortes do inframundo confiaba en restablecer axiña o caos no inferno.

―Irmáns ―pronunciou o líder da seita tras ocupar o seu lugar principal―, alédome de ver hoxe aquí tantas caras coñecidas. Avaricia…

―Que hai, Peste.

―Nugalla…

Nugalla saudou coa man.

―Mentira, que tal?

―Xenial.

―Aberración…

―Hihihi…

―Corrupción, como vai o choio?

A Corrupción tocáralle ser enterrador.

―Un pouco parado ultimamente, Peste. É que como somos inmortais.

―Xa. Claro. Autoodio?

―Muy contento de estar aquí, Peste.

―Traizón, Ignorancia, Calamidade… Moi ben, moi ben. Por desgraza advirto algunha ausencia importante. Soberbia segue coa súa teima, non é?

―Iso parece, Peste ―informou Guerra―. Vicio deu aviso de que non podía vir. Non sei onde imos ir parar con esta xuventude.

―E Egoísmo?

―Desaparecido. Xa sabes como é Egoísmo. 

―Daquela demos por comezada a primeira asemblea secreta do… Si, Agonía? Querías dicir algo? Non? Entón continúo. Sei, meus irmáns, que os vosos ánimos fraquean debido ás inxustas leis proclamadas polo Maligno e a opresión que sufrides forzándovos a realizar actividades profesionais remuneradas. Avaricia, non che tocou a ti ser arquitecto? E a ti, Ignorancia, non te puxeron a dar clase na Demiversidade? Eu mesmo veño agora do Clínico. Traumatólogo, que vos parece? É indigno da nosa caste! Pero aínda máis anoxados estaredes ―a voz de Peste ía subindo de volume― por ter que entregarlles as almas que segades coa suor das vosas ás e cornos a eses badulaques que vos malgobernan. Agonía, queres mirar para adiante e atender, por favor. Grazas. Por que vós, os demos superiores, habedes ter que repartir a vosa fortuna entre os descastados do Inferno? Por que habiades ter que compartir as vosas mansións con demos de baixo valor? Cantas almas condenaron ó inferno pintamonas como Indiscreción ou Impuntualidade? Ningunha! Agonías, pero onde vas con iso, volve ó teu asento! Que dereito teñen entón estes que gobernan a confiscar os vosos deportivos e os vosos iates para que esa escoura lacazana os desfrute? Róubanvos e din que é polo voso ben! Non o podedes consentir! Asegúrovos, irmáns, que se facedes todo o que vos mande pronto deixaredes de ser escravos do Estado Infernal. Derrocaremos o Maligno! Viva o mal! Viva o capital! Sálvese quen poida!

A audiencia respondeu cunha paixón contida. Ningún deles posuíra nunca unha mansión, un deportivo ou un iate. De feito co novo goberno algúns melloraran a súa calidade de vida, pero os argumentos de Peste, así como as súas mansións, deportivos e iates, eran irrefutables. Se eles os tivesen tampouco quererían compartilos.

―Eu estou contigo, Peste! ―aplaudiu Falsa Modestia.

―Si, si… ―interveu Envexa―, pero como o imos conseguir exactamente? Xa editamos unha ducia de xornais para desacreditar as súas ideas, convocamos manifestacións, folgas de fame, repartimos panfletos, fixemos pintadas… Todo en van. Mentres o Maligno sexa dono da Espada do Metal Absoluto nada podemos contra el.

―Si. Ese é o verdadeiro problema. E por iso o que faremos será arrebatarlla… pola forza ―sentenciou o líder da rebelión.

O soto de Pánico estoupou en berros de desaprobación e incredulidade.

―Como que pola forza, Peste? En que estás pensando, en baterlle cun pau nas canelas ata que nola dea?

―A maioría destes sedentarios non sabe pelexar, e nin sequera temos armas!

―Non te preocupes por iso, Rabia. Non será un de nós quen se enfronte a el.

―Que criatura sería tan estúpida como para enfrontarse ó Señor dos Infernos? ―preguntou Traizón.

Fíxose un silencio de 1/16. Todos miraron a Peste. Peste mirounos a todos. Sorriu.

―Un humano, por suposto ―dixo por fin.

―Pero que clase de humano podería…?

―UN PALADÍN! ―revelou Peste emocionado.

―Un paladín?

―Non, non, “un paladín” non. UN PALADÍN! ―recalcou.

―Uf, eu téñolles unha manía ós paladíns ―confesou Agonía―. Son irracionais. Un caso perdido.

―Iso é unha loucura, Peste. Volvamos ó tema das pintadas, teño algunhas ideas.

―Traer un humano ó Inferno non é doado. Refírome a un humano vivo. É antinatural ―falou Envexa―. E se é un humano do que non sabemos nin a súa localización, nin o nome, nin os seus vicios… está fóra do noso alcance. Primeiro teríamos que…

Peste ergueu unha pouta para que atendesen. Despois quitou un pergamiño da bulsa e puxo a súa mellor cara de autocompracencia.

―Está todo aquí, meus queridos irmáns.

―De-de-de onde sacaches i-i-i-iso, Peste? ―Pánico deulle voz á pregunta que se facían todos.

―Non o podo revelar, forma parte do acordo de compravenda. Concretamente foi un Pacto Demoníaco de Clase III. O documento está en regra e é vixente. Este pergamiño contén unha Chamada Máxica a un paladín humano altamente cualificado.

―Vale, vale, supoñamos que o conseguimos ―interveu Calamidade facendo un esforzo imaxinativo―. Por que nos ía axudar ese paladín?

―Enganarémolo con astucia e coidado, somos máis intelixentes ca os humanos, non será complicado. O infame mandato do Maligno caerá, estou seguro! Estades comigo ou non? ―Peste tentaba contaxiar o seu difícil público―. A ver, Nugalla, que fan os humanos cando se enfrontan a algo que os supera e que con todos os seus medios humanos non son capaces de resolver?

―Non sei, Peste… renderse?

―Algúns supoño que si, pero… un humano desesperado, un humano tan desesperado que o daría TODO con tal de acadar o seu obxectivo… que faría, Ignorancia?

―Admitir os seus erros?

―Algo máis definitivo ca iso, moito máis! ―insistía o líder―. Aberración, en que situacións nos entregan os humanos as súas almas voluntariamente?

―Hihihi… cando teñen algún desexo que só nós podemos satisfacer. Chámannos, firman o contrato, e hihihi… xa están pillados.

Peste fixo un xesto coa man invitando a que alguén sumase dous máis dous.

―Imos pactar co paladín? ―Avaricia non acababa de crer que se puidese formar unha frase lóxica con esas catro palabras.

―Iso mesmo ―confirmou o pai da iniciativa.

―Agarda, agarda, a ver se te estou entendendo ben ―achegouse Envexa á mesa de Peste―. Imos invocar un paladín aquí no inferno e pedirlle que pelexe co Maligno por nós?

―Exacto.

Houbo murmurios por toda a sala. Algúns aproveitaron a ocasión para contar anécdotas da fin de semana, pero basicamente borboriñábase sobre o asunto da invocación. Peste deulles as costas e comezou a esborranchar esquemas cun xiz na parede do soto con gran mestría (a verdade era que os traía ensaiados da casa).

―Aproveitaremos o fresco da noite para optimizar o resultado do ritual, xa que liberará un intenso pico de enerxía. Se combinamos toda a nosa memoria de acceso aleatorio poderemos renderizar ese poderoso guerreiro cunha boa definición, minimizando o tempo de carga.

―E cando propós facer semellante cerimonia sen precedentes, que sen dúbida poñerá en perigo as nosas vidas? ―interesábase Agonía―. Mira que eu teño as tardes ocupadísimas. Xa sabedes que me tocou ser afiador e…

Unha mirada asasina saltou dos ollos do orador e apuñaloulle o cello a Agonía.

―A invocación cómpre facela canto antes! Hoxe mesmo! ―berrou Peste golpeando a mesa co puño de Rabia―. Ademais o paladín non nos poderá matar… nin facernos dano sequera ―Peste volveu ó improvisado encerado para explicar o protocolo de seguridade a través duns cadros sinópticos inintelixibles―. Está todo pensado. Lanzaremos protección contra o ben nun raio de vinte ou trinta metros e dirixiremos os vectores de entrada do humano dentro dunha gaiola de aceiro.

―Hoxe, Peste? Non sería mellor sopesalo uns días? ―Nugalla quería consultalo coa almofada.

―Nugalla ten razón ―apoiou Envexa―. A idea é boa, admítoo, pero paréceme un pouco precipitada. Igual deberiamos discutilo máis a fondo na próxima Asemblea e, despois, se tal, votámolo.

―Votar? ―arrepiouse Peste―. Votar foi o que provocou todo este quilombo. Esta noite ás tres en punto quérovos ver os corenta na vella sala de torturas onda o Abismo Infinito. E acordádevos de levar a sotana de ritos impíos, manipular os elementos necesarios para a invocación é perigoso.

****** ****** ******

Soberbia zoscáballe á masa de almas coma se fose un saco de boxeo.

―Así que quere enganar un humano para que lle faga o traballo sucio. Cres que iso pode funcionar? 

―El está convencido de que si ―Envexa pasou un dedo pola artesa rebozada de fariña―. Os humanos son seres con moitos recursos. Son versátiles. Ocórrenselles cousas que a nós nin se pasarían pola cabeza. Quen sabe ―rematou, chuchando no dedo.

Soberbia limpou as mans co mandil. Colleu unhas rachas e botounas para dentro do forno de pedra cun algo de gasoil. Despois, prendeulle lume cun cuspe. O demo verde petara na porta de panadaría había un anaco e contáralle o que se falara na reunión.

―Haberá que telos vixiados. Só por se acaso. Se ese paladín consegue quitarlle a Espada ó Maligno… Non vai suceder, unha idea tan parva non pode ter éxito, pero… ―O forno non tardou en adquirir temperatura― se eses macacos teñen sorte e o conseguen de veras… ―Soberbia colocou a masa sobre unha pá, onda as outras, e foinas achegando ó forno facendo equilibrios para que non lle caesen― temos que estar aí para quitarlla nós a eles… e tería que ser antes de que o humano lla entregase a Peste.

―Descoida. Fareille unha marcaxe ben de preto a ese humano ―Envexa mirou a hora no reloxo da panadería―. E, falando diso, teño que ir tirando para aló. Quere facer a invocación agora de madrugada.

Soberbia guindou os boletes ó lume e apoiou a pá nun ombreiro.

―Merda, non lles botei o fermento.

O pan ardía entre as rachas carbonizadas.

―Non creo que ninguén o note.

7 thoughts on “A Espada do Metal: 1. Asemblea infernal

  1. Parabéns Lois, este primeiro capítulo paréceme moi completo. Ademáis de ter un galego magnífico, cun montón de palabras que fan moi, moi rica a narración, sinto que está narrado cunha liberdade grande, que as paréntese que acotan fana moi doada de ler e devolven á lectora a un punto de realidade entre tanta fantasía. Ademáis, sei que facer tantas personaxes engaioladas entre sí é un traballo moi complicado, e nada máis entrar na narración imaxineime ao Lois cun esquema moi grande onde se dispuñan as personaxes e as súas conversas. Outra cousa que me pasou moi guai foi que nada máis comezar imaxineime a escena, malia que ambigua, chea de cor, quente na mia cabeza.

    Como a proposta da novela e reinventar o xénero fantástico, penso que o autor fai un bo traballo cunha trama tan complexa, a cal me pregunto se será capaz de manter.

    Gustaríame que chegados a un punto o lector nos dera características máis específicas dunha personaxe, xa que moitas veces a imaxinación lectora haise de ver moldeada polas necesidades literarias do texto.

  2. Gostei moito deste primeiro capítulo. Paréceme detectar a influencia das teoloxías antropoloxizadas de Neil Gaiman, talvez filtradas polo ollar máis contracultural, se se quere, dun China Miéville. Penso que a mestura funciona ben: a introducción da burocratizacion no inferno é interesante e complementa personaxes que doutra maneira nos resultarían máis previsíbeis (os pecados capitais, por exemplo).

    Resulta difícil saber nesta altura para onde continuará a novela, especialmente no referente ao espazo: pasarán as deidades para un segundo plano, centrándose pois na acción na terra? Ou a trama continuará a acontecer no inferno? Persoalmente, preferiría a segunda opción, mais entendo que é máis arriscada e difícil de manter nun proxecto medio/longo.

    Se tivese que facer algunha crítica, sinalaría que a gran cantidade de personaxes presentadas nun espazo tan pequeno acaba por limitar o foco de atención da persoa lectora. Por outras palabras: un acaba o capítulo sabendo que aconteceu, mais non a quen lle aconteceu. O autor tenta dar algunhas pinceladas sobre cada “personificacion”; acumuladas, porén, son difíciles de apreciar. Non me parece un problema maior (hoxe tendemos a ler desa maneira pouco atenta, e o que valla a pena lembrar irase definindo co tempo), mais o carácter alegórico da novela (que parece importante) pode acabar extraviándose.

  3. Moi boa idea, sempre me gustan as alegorías, abren camiños moi divertidos na ficción.A historia queda perfectamente definida, aínda que as personaxes entran moi xuntas, resúltame algo difícil seguir os diálogos. A idea da profesionalización dos vicios paréceme brillante, ou intervencións como esta: “Xa debía ter feitas tres tentacións, unha posesión infernal e amañado unha ducia de paraugas. E iso sen contar co risco que corremos por acudir a unha reunión clandestina”, ou esta: “Poñédevos quietos ou esgázovos o intestino a dentadas! ―pediu amablemente Rabia”.

    En relación ao proxecto total da novela, creo que sitúa claramente o conflito entre os personaxes, arranca con forza e engancha ben.

    Paréceme algo forzado o paralelismo (profesións, organización da asamblea) entre a sociedade actual e a comunidade do inferno. Quizais pode ser menos directo, máis sutil.
    Encántame que cada vicio sexa un personaxe, penso que é unha idea que pode dar moito de si, e agradécense moito eses rasgos que os definen (tartamudeo, hihihi, etc).
    Quizais máis acotacións no primeiro diálogo, sen chegar a descricións minuciosas, axudaran a lembrar mellor as personaxes, sería cuestión de probar.

  4. Tal e como anunciaras, Lois Z, temos un amplo elenco de personaxes con nomes evocadores de pecados, de desgracias e de atributos do máis maligno. Póñennos en situación, sen moito esforzo, con diálogos sinxelos que debuxan as personalidades, os lugares e a organización dese mundo infernal. Valoro tremendamente este recurso e a súa eficacia.
    Vas creando un universo que ten o seu propio orde, con espazos, xerarquías e normas, liderado polo Maligno. E faslle guiños ao mundo dos humanos a través do que valoran (iates) ou deses oficios engadidos que tanto detestan.
    Xa neste primeiro capítulo vemos a trama da historia, que me lembra a Rebelión na Granxa de Orwell. Mesmo os postulados políticos de Peste, me traen o argumentario dos porcos. Aínda que, a túa, vai un pouco máis alá, pois aparece a traizón aos que traizoan.
    Efectivamente, este proxecto literario non vai ser so un parodio do xénero da fantasía heroica. A través dese “Viva o mal. Viva o capital. Sálvese quen poida” ou “votar foi o que provocou todo este quilombo” percibimos cales son os mantras do Movemento Radical pola Liberación Infernal. Busca que non se perdan luxos e prebendas e é defendido polos que nin sequera os gozan, arrastrados pola forte carisma de Peste.
    Adivíñase unha historia que pode enganchar a públicos de diferentes idades, cunha mensaxe ideolóxica e de autocrítica moi oportuna nos tempos que corren.

  5. Moi bo comezo de novela, parabéns Lois.

    Non é nada canónico entrar tan “a saco” nunha escena coral cun grupo grande de personaxes, todos con nome propio, discutindo en conversas paralelas. A teoría di que mellor focar nun personaxe e expandir, de feito este tipo de entrada como que remite máis a un teatro cómico, un comezo atrevido. Ao seu favor ten o feito de que os nomes dos demos son autorreferenciais e iso facilita moito saber, quen fala en cada momento, e que se pode esperar xa a priori de cada personaxe, polo que se pode permitir a velocidade e comezar xa sen necesitar moita explicación.

    A nivel de referencias, comentaba por aí Pablo os aires de Neil Gaiman, eu de feito vexo moito sabor das referencias bíblicas con coña de “Good Omens” de Pratchett e Gaiman, e en xeral do humor fantástico de Pratchett. Sobre o aspecto “burocrático” do inferno, penso en “The good place”, a serie de televisión, que explota moito este tropo tamén como recuros humorístico/filosófico. Son vimbios interesantes.

    O fundamental da comedia é que sexa graciosa e eu neste primeiro episodio soltei un riso en alto nun par de momentos (o chiste do Autoodio, e algunha intervención de Agonía, para min o mellor). Check esencial completado con éxito, ese gustiño, os chistes ben dosificados son o que máis fai que apeteza seguir lendo.

    Quizais o máis difícil deste primeiro episodio estaba en ir entreverando as reglas do mundo entre a coversa sen que se notase pero permitindo a entrada para quen le. En xeral penso que está ben logrado, a min persoalmente descolocoume un pouco o tema dos oficios, entendo que son como reglas da nova dirección, pero non entendo moi ben como se articula e, parecéndome unha idea orixinal e con potencial humorístico, botoume un pouco fóra do texto nalgún momento.

    Como comezo de novela, primeiro capítulo, penso que cumpre tamén moi ben. Pon sobre a mesa os intereses en xogo, cal é o premio e cales son as estratexias. Recordoume nisto un pouco a escena de Scar no Rei León falando coas hienas onde lles anuncia “que se preparen para a morte do rei! E logo, está enfermo? Non idiota, imos matalo!” XD. En definitiva, anuncia por onde poden ir os tiros e quero ver que pasa, que é o fundamental nun comezo.

  6. A espada do metal de Los Z salta enriba dun cunha posta en escena coral, cércana ao teatro e coa dificultade de presentar moitas, pero moitas personaxes nun primeiro capítulo. É unha revolta no frenopático infernal ben deseñada.

    Gustoume a referencia á Bruxa Avería, vou para vello, e tamén a atmosfera que pode vir das obras de cómic de Neil Gaiman, Alan Moore e que eu visualizo influenciado polo debuxo de Stephen Bissette, Dave McKean ou Sam Kieth.

    A obra pode ser moi divertida pero penso que é mellor ter coidado cos paralelismos coa realidade.

    Paseino moi ben coa lectura, e ten unha boa riqueza léxica. Parabéns.

  7. Estou bastante dacordo co que comentastes sobre o elevado numero de personaxes, por sorte a cousa non irá a mais. Tamén é certo que hai algunhas cousas ou referencias (as suas profesions) que puiden obviar porque non son importantes e pode dar a falsa impresion de que si. En fin, grazas polos comentarios, a ver como vai esta segunda xornada!

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *