A Espada do Metal: 10. O Maligno
Lois Z.
Todos os días, tamén os festivos, o Maligno esperta ben cedo pola mañá. Érguese da súa xigantesca cama de lume, pon unhas mallas e dá trece voltas arredor do Palacio Infernal. Despois agárdao a sauna lista, unha meditación e máis tarde un almorzo abundante, pero tardío, para cumprir os prazos do xaxún intermitente de catorce horas. Sobre a mesa, a carón da cunca de lava fumegante e as torradas de feldespato integral, repousan os xornais do día: A Voz do Inferno, O Correo Infernal, Liberdadeinfernal.
E aquí é onde remata sempre a paz.
―MENTIRAS, MENTIRAS E MÁIS MENTIRAS! ―berrou enfurecido―. MIRA, MIRA ISTO ―Amosoulle a un dos seus asistentes―: “O Maligno está edificando con almas públicas un casoplón na ladeira boa do Monte do Desatino”, “O Maligno dilapida en carruaxes oficiais a reserva de almas do Inferno”, “Expertos confirman que os traballos de parvulario do rexente foron plaxiados”―O papel arde nas súas mans―. ISTO É O QUE FAN COA LIBERDADE DE PRENSA. NON CHE PARECE ABOMINABLE?
―O señor quere máis caldo? ―O asistente ofreceu a culler acugulada con exquisita educación.
―MELLOR PONME UNHA DUCIA DE MADALENAS.
No inferno todos os demos temen o Maligno. E non é polo seu ameazante tamaño, que triplica o dos outros demos. Nin polos terribles cornos e a pel envolta en lume. Nin pola espada que leva sempre atada ás costas. O que os asusta de veras son as súas políticas sociais.
O Maligno fixera o posible por mellorar as condicións de vida no inferno. Reduciu as penas e castigos e creou un sistema de recompensas para alentar os demos a portarse ben. Subiu o salario mínimo de almas e aplicou políticas para empoderar os demos máis vulnerables. A rede de sumidoiros da vila, a sanidade e ensino públicos, a orde, a irrigación, as estradas, os baños. Por que o odiaban tanto?
Pasou a mañá traballando na forxa de almas. Primeiro firmou solicitudes, baixas, presupostos, informes, actas e reclamacións. Despois imprimiu, coa axuda da súa Espada, produtos de primeira necesidade para a poboación de Vilainferno. Os seus predecesores dedicáranse a crear obxectos de luxo e erixir esperpénticos monumentos a si mesmos. Os únicos signos de opulencia que se permitira o novo Maligno foron o de aumentar o seu tamaño e falar en maiúsculas. Os seus asesores insistiron moito nese último punto.
Antes do xantar, o Maligno inaugurou un pantano e acudiu a un acto no que nomeou a Pés Fríos novo membro dos Sete Capitais como substituto de Soberbia. Foi unha aposta persoal do rexente pola inclusión dos demos menos favorecidos no organigrama infernal. Coma sempre, a súa decisión foi moi criticada nos faladoiros, pero o Maligno estaba convencido de que había que rexenerar as institucións.
El non quería gobernar coma un novo rico. Non quería delegar as súas responsabilidades nunha miríade de cargos intermedios mentres paseaba polas instalacións saudando os traballadores e asentindo coa cabeza. Demencia era o único ó que lle permitía tomar decisións propias e aplicalas sen consultalo. Só el entendía a súa visión.
A media tarde o Maligno recibiu no seu despacho o informe dos martes sobre o estado do Inferno. Os índices macroeconómicos resaltaban en números de cor verde brillante e con liñas de frecha ascendente. Pero nada parecía suficiente para aumentar o ritmo de aprobación do seu pobo como gobernante. A súa nota era sempre a mesma. Un cero. Era o líder peor valorado da historia do inferno. Un cero redondo á súa xestión, sen unha coma sequera que o matizase un pouco. Pasou páxina para comprobar cales eran as maiores preocupacións dos seus súbditos. O gasto en carruaxes oficiais. O casoplón na ladeira boa do Monte do Desatino. O posible plaxio dos seus debuxos de parvulario.
O Maligno pediu que o deixasen a soas un anaco. Quitou as lentes de ler, pasou a man pola cara, suspirou. O seu enorme tamaño era unha metáfora que facía aínda máis evidente a súa soidade. Gustoulle a frase, pensou en apuntala no seu diario. Sacou o caderno e releu a última entrada.
“Cada día loito para erguerme da cama, enfrontarme ó mundo e facer algo produtivo. Pero non importa canto me esforce, nunca é suficiente. Estou atuado nun buraco negro e cada vez afundo máis na escuridade. Demencia di que debería estar desfrutando das cousas boas de ser un tirano, pero non podo evitar sentirme baleiro e sen rumbo. Cada erro é unha montaña insuperable, nunca serei bo dabondo coma para que me valoren. Non sei como fuxir desta negrura”.
Ergueuse da cadeira de coiro non inflamable e abriu a fiestra para que entrase o aire. Desde o alto da torre do pazo vía os curutos das casas de Vilainferno. Algunha cheminea fumegando. Baixoulle unha bágoa de lume pola meixela. Nunca o ían entender, sería un paria sempre, non importaba o alto que fose ou o alto que chegase. Pola fiestra aberta entraron algúns imps que voaron arredor del. Puxo unha man e un pousóuselle nela.
―Por que está triste, xefe? ―preguntou un deles coa súa diminuta voz.
―PEQUENO AMIGO, SEMELLA QUE ESTE NON É O MEU LUGAR. NINGUÉN ESTÁ CONFORME CO MEU GOBERNO.
―E logo que foi? ―achegouse outro.
O Maligno comezou a cantar.
SOÑEI UN SOÑO
DUN DÍA NO INFERNO,
ONDE EU ERA
O AMO E SEÑOR.
A música soaba na súa cabeza fíxose máis intensa.
TENTEI GOBERNAR CON XUSTIZA,
FACER FELICES OS DEMOS.
FOI INÚTIL, FIXERON SÓ CRÍTICAS,
QUE ME POÑEN DOS NERVIOS.
Os imps flotaban arredor del coma un enxame de abellas, facendo coreografías de fantasía.
SUBÍN SOLDOS, FIXEN REFORMAS,
PUXEN EN MARCHA O MEU PLAN SOCIAL.
NADA É SUFICIENTE, VAIA FORMAS!
TODOS ME QUEREN MAL.
A música foise apagando. Os imps marcharon. O Maligno acubillouse nunha esquina do cuarto, abrazado ós seus xeonllos.
SOÑEI UN SOÑO
DUN DÍA NO INFERNO,
ONDE EU ERA
O AMO E SEÑOR…
Riiiiqui, riiiiqui, riiiiqui… as rodas da carretilla que empuxaba Paranoia polo gran corredor central pedían a berros un chorro de aceite. Esquizofrenia ía amarrando o armario que transportaban para que non caese. Os demos chegaron ata a porta do despacho do Maligno despois de suar para subir con aquilo polos enormes chanzos do pazo.
O cuarto do Maligno estaba custodiado por dous demos un tanto aburridos. Os gardas fixéronse a un lado sen facer preguntas ó ver o que levaban na carreta. Os carreteiros bascularon coidadosamente a carga dentro dos apousentos do Maligno e marcharon de alí a fume de carozo, case tropezando cos gardas, os cales, dito sexa de paso, eran meros adornos, pois xa me dirás de que serve poñer a dous esmirrados a faceren garda perante o demo máis poderoso do Inferno.
O cuarto do Maligno era proporcional ó seu tamaño, o cal non é nada raro. Pero como o seu tamaño si é extraordinario, hai que facer un pequeno esforzo para idear a escena. O máis doado é imaxinar que o armario no que está encerrado Demencia é unha papeleira nunha habitación de tamaño normal.
―Meu señor… estás aí? Traio novas terribles.
―ESTOU DIANTE DE TI, DEMENCIA. SE SAES Ó MELLOR ATA ME PODES VER E TODO.
―Meu señor Maligno, debemos estar alerta. Un grupo de rebeldes planea atacar o palacio ―dixo Demencia.
―QUE NOVIDADE.
―Pero un paladín humano forma parte do grupo, súa Malignidade. Xa me enfrontei a el ―O armario estremeceu ó recordalo―, e saín vivo de milagre.
―UN HUMANO. MIRA QUE LLE DAN Á CABEZA. E PARA QUE MOLESTARNOS. PARA QUE. SABES COMO CONSEGUÍN TODAS AQUELAS ALMAS QUE ME LEVARON Ó TRONO? TRAMPAS, MALAS ARTES, COLLIN O CAMIÑO DOADO SEN PENSAR NAS CONSECUENCIAS. E AQUÍ ESTÁN. SEMPRE TE ALCANZAN.
―Iso todos o demos por feito, maxestade ―dixo Demencia restándolle importancia―. Pero non pense niso agora, hai que facer algo con est
―FIXEN UN PACTO CON QUEN NON DEBÍA. ISTO NON O SABE NINGUÉN MÁIS ―confesoulle ó armario―. VEUME VER E DIXO QUE ME CONSEGUIRÍA AS ALMAS PRECISAS PARA CHEGAR Ó PODER. E EU ACEPTEI SEN PREGUNTAR.
―Calquera o faría no seu lugar, Excelencia, non se torture, ho.
―PERO EU NON CUMPRÍN COA MIÑA PARTE ―O Maligno botou polo aire un mangado de notas manuscritas. “Paga as almas, primeiro aviso”, poñía nunha delas.
―Se non o sabemos non o podemos solucionar, meu señor ―tentaba redirixir a conversa Demencia―, pero temos un problema aquí e agora que si podemos solucionar antes de que ese paladín humano tente arrebatarlle a Espada do Metal.
―VIRÁN COBRAR A DÉBEDA. SEI QUE TEN ESPÍAS AQUÍ NO INFERNO.
―Que?
―QUE?
Demencia abriu unha porta do armario e arrimouse ata quedar sentado coas pernas fóra. Mirou para o Maligno cos seus ollos de esquío prehistórico.
―Meu señor, non sei que vai pasar no futuro pero quero dicirlle que estou moi orgulloso de traballar ó seu carón. Penso que fixo un bo traballo nestes anos, e se os demais non o ven, que vaian ó inferno!
―GRAZAS, DEMENCIA ―O Maligno sorriu―. SEN TI NON O LOGRARÍA.
―É vostede un líder valente, un iluminado. Nunca vin ningún Maligno facer as cousas que vostede fixo. E por iso terá sempre o meu apoio e o de todos os demos da ala psiquiátrica.
O Maligno deixou escorregar a cabeza entre as mans. Era hora de rematar con isto.
―REÚNE O GABINETE. VOU CONVOCAR ELECCIÓNS.
Como se coida este Maligno, que por fin coñecemos de cerca!
Coma sempre, o sentido do humor rezuma en cada liña e a creatividade engancha.
Polo que se ve, ese Maligno non é tan Maligno.
Sigo vendo a crítica ao mundo “normal” a través das actividades nese inferno tan humanizado.
Por outra banda, graciñas polo teu papel no torneo, por comentar rápido e por animarnos a aprender coa interacción.
Avisa cando este libro vexa a luz. Parabéns, Lois.
Vaia! Non contaba con esta análise política.
Gustame a retranca do capítulo, especialmente os dous gardas esmirrados. E tamén me gustan as profundas contradicións do personaxe, pero a verdade, quizais son demasiadas contradicións, tanto que non consigo imaxinalo.
O que me parece unha mágoa é que, tal como xa avisaras, fáltalle aínda para a resolución. É como ler media historia.
Moito ánimo para rematala, supoño que aínda che queda
Penso que faltan outros 10 capitulos para rematala.
Este proxecto paréceme o máis intricado e complexo de todos. O que me sorprende, con esta proposta, é que sempre estiveron mallados os capítulos, moi ben feitos, as personaxes congruentes e moi ben construidas. Penso que un formato coma iste, ao cal aínda lle quedan como dis case a metade, é complicado de valorar no torneo. De tódolos xeitos, parabéns.