A Espada do Metal: 5. A lagoa de lava
Lois Z.
Demencia dirixía a redada desde dentro do armario que lle facía de casa. Trouxérano ata aquí Orgullo e Prexuízo nunha carretilla. Coa porta entornada e un bocadillo de almas na man, Demencia foi tomando nota dos demos que saían da casa de Fobia e ían subindo ó carro policial. Cando viu pasar a Autoodio mandoulle ó garda que ía con el que o deixase ceibe.
Un dos seus subordinados achegouse ó armario e mostroulle a Demencia un fato de espetos afiados e pasamontañas de la que lles incautou ós disidentes, pero nin rastro do humano. Ó parecer fuxira por unha porta secreta xunto con outros tres demos. Iso lle estaba comentando Autoodio, o seu infiltrado na organización de Peste. Desgustado, Demencia deulle un bocado ó pan. Pero cuspiuno no momento. Soberbia volvera confundir o cal coa fariña.
Deberon actuar en canto Autoodio os informou do tema da invocación. A idea de que un humano lle arrebatase a Espada do Metal ó Maligno era un disparate, pero a bibliografía era contundente con respecto ó éxito nos seus cometidos das almas vivas que viaxaban ó inferno. De todos os xeitos, cos líderes golpistas prendidos, o humano xa non tiña razóns para cumprir con esa obriga. Habería tempo de ocuparse del máis tarde.
Os pensamentos de Demencia detivéronse cando viu unha luminaria que corría cara a onde estaba el. Debérono enganar os ollos, porque lle pareceu que entre o resplandor oscilaba un sacho. Pero non, aquilo non podía ser un sacho. Con todo, algo golpeou o seu fogar con tanta forza que o fixo envorcar. Demencia bateu coa cabeza contra o bidé e sentiu uns intres de pracenteira ingravidez que remataron con outro golpe, desta vez contra o chan, cousa que deduciu, pola posición horizontal na que quedou. Algo tirara o seu armario da carretilla. Pensou nun paquidermo, con toda probabilidade un rinoceronte. Albiscou por unha fenda que os seus carrexadores fuxían. Seguramente, o rinoceronte perseguíaos. Precisaba relaxarse. Inspirar, expirar. Dous dentes de metal apareceron diante dos seus ollos a través da madeira. Polo buraco que deixaron ó retirarse asomou unha face humana.
―Xa estou na casa ―cantaruxou Jincho.
Demencia chiou e fuxiu polo corredor, chegou á saliña, foi ciscando mobles por onde pasaba, pechouse no seu cuarto e puxo o escritorio diante da porta. A casa tremía, o teito víñase abaixo, a cabeza do sacho apareceu atravesando unha parede. Botouse pola fiestra sen pararse a abrila tan sequera.
Tres demos tentaron inmobilizar o paladín mentres outro sacaba de alí a Demencia, que levaba un anaco facendo a bicicleta no chan entre os restos do armario.
Jincho desfíxose deles cun remuíño e preparouse para o contraataque. Estaba pletórico, o único que o incomodaba era a armadura de latón, que lle rozaba un pouco no pescozo. Os disidentes comezaron tamén a revolverse contra as forzas da orde e animaban o humano a berros. Jincho partiulles os dentes a varios demos, pero deuse de conta de que o estaban flanqueando. Entón tivo unha idea e dun chouto subiu á carretilla.
―Coidado, ten o terreo elevado! ―berrou un dos demos.
Os fieis ó Maligno reagrupáronse. A inmortalidade dáballes un chisco de vantaxe no corpo a corpo e Demencia, a boa distancia, ordenou que atacasen todos a unha. Jincho recitou unha oración e da súa arma xurdiu unha luz brillante que os cegou. Tombou a cinco cun golpe en media lúa, pero o último conseguiu ferilo nunha perna.
―Ai, que me estragan o mantel! ―Agonías saíu do cortello e botou a correr cara a Jincho. Rabia e Vicio foron detrás.
Ó ver a ferida do humano, Demencia tivo unha idea para anular o paladín, cousa que urxía porque estaba quedando sen efectivos. Moveuse preto de Autoodio e bisboulle unhas palabras. Autoodio puxo cara de “por que eu?”, e Demencia explicoullo claramente cunha mirada fulminante. O infiltrado aproveitou o balbordo para escapulirse da vista de todos e apareceulle por detrás a Jincho, que seguía tombando inimigos a pesar da dor. Cando sentiu que alguén se achegaba, o paladín xirouse para soltarlle un trancazo nos morros.
―No dispares, humano! Soy eu, el Autoodio, tu amiguiño!
Jincho dubidou un intre, á fin e ó cabo un demo é un demo, pero ese segundo bastou para que Autoodio se lle botase enriba recitando a toda présa un conxuro sacrílego. Cando Jincho quixo darlle no lombo o sacho só golpeou o aire. O demo desaparecera.
O paladín continuou pelexando, apoiado agora tamén por Rabia, Vicio e Agonías e abriuse paso ata onde Peste e os outros estaban confinados e rompeu o cadeado dun golpe. Demencia ordenou a retirada dos que aínda podían camiñar.
Os demos rebeldes cantaron vitoria, pero Peste berroulle a Jincho por desobedecer as súas ordes e non fuxir cos outros tres desgraciados.
―Non son o único que ten un contrato por cumprir ―respondeulle Jincho, dándolle a entender que os liberou por medo a perder a posibilidade de volver ó seu plano―. Cando consiga a espada de marras devolverasme a onde pertenzo e despois, non sei aínda como, volverei aquí a por ti.
Peste tragou saliva e virouse cara a Rabia.
―Non van tardar en volver con reforzos. Collede o ferri e cruzade ó seguinte Círculo. Agora que saben cal é a nosa arma secreta ―sinalou a Jincho co polgar― é a única forma de deixalos atrás. Falando diso, alguén sabe onde está o traidor de Autoodio?
―Evaporeino dun golpe ―respondeu Jincho―. Estou algo mazado, voume curar ―O paladín estendeu as mans onde o mancaran e entoou un rezo. A ferida pechouse.
Peste mandoulles ós seus sectarios esparexerse en grupos por Vilainferno e crear tumultos para distraer os demos de Demencia. Despois despediuse advertíndoos de que esta vez lle fixesen caso.
―Estou algo mareado ―balbuciu Jincho termando da cabeza cunha man―, tanto sangue perdín? Me… me atopo fatal…
O paladín caeu redondo no chan.
―Humano, non é momento para durmires ―dixo Rabia estrañado.
―Igual se lle acabou a batería ―defendeuno Agonías.
Vicio fixouse no sangue sobre o mantel que lle facía de vestido. Agonías e Rabia erguérono e trataron de reanimalo. De repente o paladín reaccionou.
―No os preocupéis, ya me siento mejor.
―Jincho, estás ben? ―preguntou Agonías―. Falas raro.
―Aquí imponiendo vuestro idioma, como siempre! ―protestou o paladín―. Hablo como me peta.
―Antes dixo que Autoodio se evaporara diante del ―recordou Vicio, alarmado―. Debeu de tocar o seu sangue cando o feriron e está tentando posuílo.
―Que fatalidade, agora si que acabou todo! ―chorou Agonías.
―En cuanto tome cuenta deste cuerpo ―ameazou Autoodio movendo o paladín coma se fose unha marioneta― vais saber lo que es bueno.
Rabia adiantouse e deulle unha puñada na cara. Jincho fregou o queixo e mirou o seu agresor con furia asasina.
―NAI QUE TE PARIU! QUERES MORRER? QUERES QUE TE MATE?? ―O humano parecía fóra de si.
―Iso é humano, loita! ―animouno Vicio.
O paladín quedou un momento parado, pensando.
―Tedes razón… hay algo que no… que non vai ben ―Sentiu unha dor grande na lingua e volveu caer desmaiado.
Un minuto máis tarde ían os tres demos correndo rúa abaixo cara á casa de Agonías, que quedaba de camiño. Agonías ía diante, laiándose da súa inesgotable mala sorte, detrás del Rabia empurrando a carretilla de Demencia co corpo inconsciente de Jincho e na retagarda Vicio, pouco afeito ás carreiras.
Agonías saqueou a súa propia casa e colleu todo o necesario para a arriscada aventura que tiñan por diante. Taparon a Jincho cunha manta vella e saíron de novo disparados, esta vez cara ó porto de embarque do ferri que unía o círculo infernal no que vivían co seguinte inferior, onde o goberno do inferno tiña a súa sede e o Maligno morada.
Baixo a manta, Jincho remexíase en soños. Tentaba expulsar do seu corpo aquel demo que se lle metera dentro.
Desde aquí veo tus miserias y debilidades, humano.
―Que… que che aproveiten, maldito parasito.
Sé que te hicistes paladín por los bonos, que vergüenza. Nunca tuvistes vocación.
―Mentira!
Munchkin! Munchkin! Munchkin!
―Eu son un bo paladín…
No, eres un farsante. Un salvaje que intenta compensar sus carencias psicoafectivas blandiendo una espada de dos metros.
―Yo… soy…
Eres tan falso que te investastes el nombre, Jhonante Inzo de blablabla, jajaja, que ridícula forma de tapar que vienes de la casta más baja. Si hasta te pusistes una “J” de inicial!
Jincho arrepúxose instintivamente.
―Como… que… un “J”? ―gastou toda a súa enerxía en facer a pregunta.
Autoodio vacilou.
J de Jincho, no sabes ni como te llamas?
―É Gh… de Ghonante. De que carafio de J… me falas?
Pero si pone Jincho en todas partes.
Autoodio revisou folios atrás.
―O fonema kh ―Ghincho sentiu podía fiar mellor os seus pensamentos― represéntase como gh, criatura ignorante que non sabe falar o seu propio idioma.
O demo decatouse de que estaba perdendo o control. Tiña que fuxir dos debates lingüísticos. Ghincho aproveitou o lapso para repasar todo o que estudara na Academia sobre posesións demoníacas. Quen lle prestara aqueles apuntes case ilexibles?
Tus padres te abandonaron a la puerta de un casino.
Había unhas fórmulas nunha linguaxe arcana, era algo así como…
―Opressom…
Qué haces? Habla bien!
―Manifestaçom…
Deja el transmontano y atiende!
―Na sexta feira…
Quema! Quema! Quema!
―AUTODETERMINAÇOM!!! NOOOOOOM!!!
Ghincho acordou de golpe atado aávaranda de popa dun barco e coas faceiras a rebentar. Acomodou o corpo e trousou pola borda a Autoodio. O paladín contemplou con gusto como o demo que expulsara se licuaba no magma ouveando igual ca un can de Dinamarca. Despois mirou ó seu redor, pero nada do que vía lle resultaba familiar. Lava. Un barco. Algo enorme que se achegaba na distancia.
―Pero que capítulo é este? ―preguntou ó aire antes perder o sentido de novo.
A Regurxitación dos Mares era un piróscafo de bo tamaño. A cada lado posuía unha roda con paletas metálicas que xiraban introducíndose na lava para impulsar o barco. Na proa había un pequeno canón para pescar as inexistentes baleas que sucaban a lagoa. O casco estaba revestido dun metal que resistía as altas temperaturas. A calor constante na bodega do barco era a que vaporizaba a auga dos depósitos e facían funcionar o mecanismo de desprazamento sen necesidade de caldeiras de carbón. Era incrible que un barco puidese navegar sobre a lava e, con todo, movíase.
―E vós, meus amigos? ―berraba o capitán Mareo con Rabia, Vicio e Agonías na cabina de mando―. Como me metedes unha alma viva no barco sen avisar? Debía botalo pola borda e a vós con el!
―Non te preocupes, Mareo ―respondeu Vicio tentado calmalo―. Deixamos o humano ben atado na cuberta. Ademais, só vai ser un problema se esperta con Autoodio ó mando.
―Bah, demos de rocha volcánica! ―xurou o capitán quitando a cachimba da boca―. Amigo meu, non é o fodechinchos quen me mete medo.
―Cal é o problema entón? ―preguntou Rabia―. A ti o Maligno non che pode facer nada, tes a concesión de por vida.
―Meus amigos, hai cousas peores que o Maligno. Moito peores ―Mareo non quitaba ollo da lava―. Este anel de magma fundido que separa o círculo infernal da vila do gobernello non é o que garda o paso. É a morada Do Que Garda O Paso.
―Queres dicir que aquí, baixo a lava, vive un becho natatorio asasino? ―Agonías xa captara o punto dramático do asunto.
―Esas son historias para meter medo, Agonías ―reprendeuno Rabia―. Non existe tal cousa.
―Iso é o que pensades os mariñeiros de auga fría. Pero aquí, amigos meus, sobre o magma quente, cóntanse historias estrañas sobre un Terrible Monte de Lava. Unha criatura extraplanar ―relataba o capitán― que dorme no fondo do anel desde hai eóns, agardando eternamente a única cousa que pode espertalo.
―Que é? ―preguntou Agonías mordéndose ás poutas.
―O cheiro dunha alma viva ―desvelou o capitán Mareo cun fío de voz―. Amigos.
―Como é ese bicho exactamente? ―preguntou Vicio.
―Din que é un monstro de corpo humanoide e cabeza semellante á dun polbo, coa cara chea de tentáculos ―Mareo debuxou círculos coa man arredor do seu queixo poboado de barba infernal.
―E con tremendas poutas e unhas ás longas e estreitas… ―continuou Rabia erguendo o dedo cara algún lugar.
―E uns andares coma os dunha montaña que abanease… ―rematou Vicio o retrato.
―Se xa coñeciades a historia para que ma fixestes contar? ―protestou o capitán.
―Non, non. Non a coñecía ―tranquilizouno Vicio meneando a cabeza―. Só era por confirmar se era iso que nos está seguindo.
Mareo mirou polo retrovisor.
―Polas ondas do mar de Vigo ―O capitán deixou caer a cachimba, que era só de atrezzo―, se vistes meu amigo…
O Terrible Monte de Lava era tres veces máis grande que o barco, e iso que continuaba somerxido de cintura para abaixo. Viña cara a eles e ganáballes terreo rapidamente.
―Agonías, carga o arpón! Vicio, baixa ás caldeiras e pon a tope todas as válvulas! Rabia, colle a pólvora! ―berraba alporizado o patrón do Regurxitación dos Mares mentres se abalanzaba sobre o temón.
Con semellante inimigo, o único plan viable parecía o de poñer lava de por medio. Mentres cumprían as ordes do capitán os demos atoparon a Ghincho consciente e tratando de soltarse das cadeas que lle puxeran. Comprobaron que era el mesmo e liberárono. Ghincho, relatoulles o funesto destino do seu traizoeiro compatriota. Non fixo falta falarlle do Terrible Monte de Lava porque desde a popa, onde o deixaran tirado, era ben visible.
―Esa cousa está varias categorías de tamaño por riba de min ―analizou o paladín aínda atordado―. Pero farei o que poida. Onde tedes a miña arma?
―O sacho aquel? Pois non o trouxemos con nós ―admitiu Rabia lamentando a decisión.
―Ai, ai, que nos come, que nos come! ―choraba Agonías mentres cargaba o canón.
―Veña, Agonías, acaba dunha vez, demo de…! ―Rabia virouse cara ó humano―. Sabes manexar isto?
―Espero que si ―respondeu o paladín.
―Que fas, pailán! ―ladrou o capitán. Déronse todos por aludidos, pero neste caso, coma sempre, era Agonías o que estaba a facer algo mal―. Agonías, non metas o arpón atado coa corda de arrastre, ou pensas que queremos remolcar ó becho ese??!!
A cousa non pintaba ben. A Regurxitación ía a toda máquina, pero aquela criatura superábaos en velocidade. Non lles daría tempo de chegaren á terra antes de que os alcanzase.
Ghincho trataba de afinar a puntería co canón. Aínda non se recuperara do esforzo de expulsar o demo e as armas a distancia non eran o seu punto forte. Era un tiro difícil: debía facer un disparo en parábola dende a proa para que o proxectil cruzase por riba de todo o barco e batese na ameaza que os perseguía. Sería un desafío ata para un tirador en perfectas condicións, moito peor para alguén que aínda vía algo borroso por causa dunha posesión demoníaca. O paladín suaba coma un porco polo calor da lava e a presión do momento. Non tiñan máis que outro arpón de reposto.
Xusto no momento en que Ghincho cría que tiña o canón situado coa inclinación e ángulo correctos, o ser que os perseguía levantou as mans xuntándoas nun único puño que fixo caer violentamente sobre a lava. Do golpe xurdiu unha onda de lume xigantesca que elevou a embarcación ata a súa crista. O fortísimo balanceo case envorca a nave. Demos e humano rodaron polo chan. Agás Agonías, que se amarrou ó primeiro que atopou, o cal resultou ser o gatillo do canón. O proxectil espetouse na roda propulsora dereita do Regurxitación, inutilizándoa case por completo. Por se iso fose pouco, varias rochas incandescentes salpicaron a cuberta do barco, que comezou a arder por varios puntos. Todo parecía perdido, pero Mareo era un capitán con moitos séculos de experiencia e iso notouse.
―Volve cargar o canón, meu amigo!! ―ladroulle a Agonías―. Rabia, prepárate para cortar o cabo que recolle áncora!
―Pero é un tiro case imposible! ―esbagoou Agonías.
―Amigo meu, teño unha idea que pode funcionar, así que calade a boca e facede caso!!
Con gran dificultade por causa da resaca da ígnea ondada cumpriron a orde do capitán. Non ía ser fácil acertarlle ó monstro a pesar do seu tamaño… e xa non tiñan máis que un disparo. Ghincho volveu coller os mandos do canón. O seu rostro reflectía o esforzo e a tensión que estaba sufrindo. ―Non hei barqueiro, nen sei remar: morrerei fremosa no alto mar!! ―bramou o patrón amarrado ó temón―. Dálle, Rabia!
Rabia cortou dun bocado a corda que suxeitaba a áncora ó lateral do barco. O pesado ferro caeu na lava e quedou fundido nela rapidamente. A cadea tensouse e o lategazo fixo xirar o barco bruscamente cara a babor, que era onde a cadea da áncora se amarraba ó vapor. Tal movemento deixounos de medio lado, co cal Ghincho xa non tiña a popa estorbándolle para disparar.
―Adiante, meu amigo, mételle o arpón por onde ti sabes!!
O paladín acendeu coma un misto ó ver que o seu obxectivo estaba en perfecta liña de tiro. Recitou un conxuro e o arpón chispeou cargado de maxia divina. Durante uns intres humano e ser extradimensional miráronse conforme se achegaban as súas posicións. O Terrible Monte de Lava abriu as súas fauces e ruxiu un aire fervido que sacudiu ó paladín.
Ghincho apertou o gatillo e o proxectil voou ata cravarse no ollo esquerdo da criatura, a cal se retorceu de dor entre o que debían seguridade, insultos nunha lingua primixenia. Cortaron a cadea da áncora e o barco gañoulle ó Gardián unha vantaxe decisiva para chegar á terra. Ghincho, Rabia e Agonías saltaban abrazados nunha piña entre aclamacións e hurras. Vicio saíu da sala de máquinas tusindo fume e preguntando se aínda estaban vivos ou xa estaban no inferno.
―Sabía que funcionaría! ―exclamou todo orgulloso Mareo pola súa manobra―. Vino nunha película.
Apagaron o lume producido polas salpicaduras de lava, pero o barco quedara moi danado. Xa non poderían acadar o porto de destino e completar a travesía que tiñan en mente, polo que optaron por desembarcar e seguir a pé desde alí.
Parabéns pola resolución dese cambio de grafía de Ghincho! Excelente, pareceume.
Neste capítulo, os primeiros parágrafos andaba moi perdida, non lembro eses dous bandos, terei que reler. Pareceume un pouco lío de persoaxes. Ao bocata de almas de demencia penso que se lle podía sacar máis rendemento, cando se queixa de que confundiu cal con fariña non o pillei de primeiras, despois lembrei do forno que saía aí atrás. Quizais podes revisar, incluir (repetir) detalles para que sexa máis doado seguir o fío. Pode que sexa este formato, que nos obriga a lembrar a lectura despois de dúas semanas.
Con todo, colle o ritmo estupendamente (na segunda mención ao mantel lembrei que o levaba posto, non na primeira), e a resolución da áncora encantoume, do pouco que sei de navegación, o xiro que dá a embarcación é moi rápido, penso que nin sequera fai falla que o capitán diga que o viu nunha película.
O humor de Autoodio, tamén, gustoume moito (confeso que no primeiro pronome descolocado pensei que era un erro e pensei en advertirche, hehehe)
Noraboa, se segues neste ton funciona moi ben.
Colócoche unha frase na que penso que falta algo, por aportar : “a cal se retorceu de dor entre o que debían seguridade, insultos nunha lingua primixenia”.
O de que sigan o camiño a pe, sobre a lava, promete….
Que vos parece a idea de poñer, no encabezamento dos capitulos novos, un “en capitulos anteriores” para recordar os feitos clave que hai que recordar? Neste sería algo asi como… “A garda republicana de Demencia interrompe a segunda asemblea dos demos rebeldes esixindo a entrega do humano invocado ilegalmente. Peste dille a Jincho, Agonías, Rabía e Vicio que fuxan para levar a cabo a súa misión, pero o paladín humano decide enfrontarse a Demencia armado cunha peculiar e potente arma”.
Na miña fai falla algo ais porque alguns capitulos van ser no plano terrestre e vai pasar tempo entre as continuacions de uns e outros. Bueno, sempre que non quede eliminado no torneo antes!
tes razon coa frase esa, falta unha palabra: “entre o que debían SER, CON seguridade, insultos nunha lingua primixenia”
Moi boa idea, si. Non sei que opina César, pero a min paréceme estupendo incluir unha breve sinopse, unha entradiña para contextualizar. Se non se inclúe, hai que redactar parágrafos que fagan ese enlace e serán reiterativos se a novela chega a lerse enteira.
Tamén levas razón, que de eliminados xa non se dará o caso de que se poda ler do tirón. Supoño que segundo avancen as narracións será máis importante dar esa pista inicial.
paréceme boa idea
Canta acción! Cada vez está máis logrado ese mundo infernal, con río de lava e mecánica ad hoc para esas travesías.
Tamén me liei un pouco identificando cales eran os rebeldes auténticos e os traidores. Noutro capítulo parecíame que se apuntaba a outro dos demos cara a traizón, non cara Autoodio.
A min tenme enganchada este libro aventureiro, e non é só polo transcurso da historia ou o bo humor, senón polos persoeiros e o universo que se crea dentro del.
E teño que valorar a solución do cambio de nome de Jincho a Ghincho: moi ben resolta.
Estou de acordo convosco en que este formato nos fai perder o fio cos capítulos anteriores. Non é o mesmo ler todo dun tirón que deixar intervalos de 15 días. A solución que aportas, Lois, estaría ben. Ah! E creo que podemos continuar publicando ainda que o torneo nos deixe fora do premio.
anda, nin se me pasara pola cabeza que podiamos seguir publicando a pedar dunha eliminacion. Xenial, pois efectivamente seguiríao facendo… se a xente tamén segue comentando.
Sobran traidores no inferno, xa verás!
Gústame a idea, porque para min ás veces é dificil conectar e teño que voltar a capítulos anteriores, sí. Gúsame a resolución, coma din as miñas compañeiras, e tamén a parte humorística e sarcástica da novela. Do mesmo xeito, se no primeiro capítulo me pareceu que había moios, moitos diálogos, agora penso que topaches coa proporción clave de descripción-acontecemento e conversa. Parabéns
Botei unhas risas con este capítulo, o máis “despendolado” polo de agora. Esta proposta penso que é a que máis datos manexa, e certamente en momentos pode custar o seu seguimento. O tema da J e o GH que xurdira nos comentarios está ben metido, por exemplo. E o da montaña de lava moi chulo, iso si, na casa gústamos moito da Illa Remeira de Jacobo Fernández e non podía evitar imaxinala como nos seus debuxos.
Lois Z, parabéns, Estes dous últimos capítulos gustáronme moito e sinceramente non me preocupa como lector onde queiras ir, prefiro gozar da viaxe.
Pois… nunha segunda version non me disgustaria facer mais “monte de lava” o monte de lava, algo mais informe e mais adaptado á lava que un primixenio lovecraftiano. Si, comprocho totalmente.
Sempre hai capítulos mellores e peores… tiven a sorte de que estes 2 funcionasen ben, espero non pinchar!
Só o sintagma “Orgullo e Prexuízo nunha carretilla” xa xustifica o capítulo enteiro.
Fóra a broma, penso que gostei algo menos deste do que dos anteriores. O motivo é a acción. Para min, é demasiada e demasiado visual, contribúe a ese “cinematografismo” que xa criticara noutras entregas. Polo menos para min, que confeso que teño unha atención moi deteriorada polos videoxogos e outros entretementos moi directos, unha escrita demasiado “fílmica” dificúltame a concentración. En consecuencia, paso moi rápido por esas seccións, das que ao final importa sobre todo o resultado final (quen gañou a pelexa?, x ex.).
Realmente escribín o anterior sen ter acabado o conto, como unha anotación adiantada. Agora que xa acabei non estou tan de acordo. Primeiro, porque toda a brincadeira sobre o autoodio funciona moi ben (podía ter acabado nun exceso de retórica “normalizadora”/”pedagóxica”) e ten a mordida que lle falta ao anterior. En xeral, penso que a nivel humorístico é o capítulo máis arriscado mais tamén máis afiado. O mellor, vaia. Segundo, porque a acción que vén despois é máis interesante. Continúa a ser fílmica (e penso que a autoparodia de “Vino nunha película” non redime ese aspecto), mais convoca entidades xigantes e desproporcionadas que nos obriga a encher coa imaxinación. Penso que a boa acción narrativa debería ir nese camiño. Moi bo capítulo, en síntese, e contra o que dicía ao comezo.