BiosBardia

O país dos libros en galego

A Espada do Metal: 8. Unha noite no eido do mal

Enmascarado con catana. AZIS JS/PEXELS.

Lois Z.

Gustaríame ter infravisión coma os elfos, pero non chega con arrincarlles os ollos.

Xzar, o nigromante.

 

Pasaba un minuto da medianoite cando Stimpi e Carl ficharon para entrar a traballar. Foran contratados por algún Maligno do que xa non recordaban o nome para que desen boa conta dos que se atrevesen a pasar polos Eidos Malvados. Naquel tempo todos os señoritos querían ter dentro dos dominios un lugar misterioso de onde ninguén regresase. O caso é que cando aquel Satán foi expulsado do poder e substituído por outro ninguén os avisara do ERE que lles caera enriba e levaban centos de anos traballando sen cobrar nin saber o que pasaba máis alá do linde dos Eidos. Supoñían que a tardanza da nómina se debía a algún erro burocrático e o día menos pensado lles pagarían as horas atrasadas, pero ultimamente andaban xa algo desconfiados.

Stimpi era un fantástico exemplar duns 800 quilos da raza das lesmas —ou lermias— carnívoras do outro lado do monte do Desatino. Lucía unha saudable cor de pel rosa e o máis destacable da súa anatomía eran os ollos, que tiña na cima de dous tubérculos retráctiles. Non daba moito medo, o que o facía mortal de necesidade era o seu cuspe. Era dunha acidez tal que podería corroer o piso dunha nave espacial.

Pero se non fose por Carl escaparíanlle todos os intrusos, porque non esquezamos que Stimpi era unha lesma. Unha lesma moi grande, si, pero lesma a fin de contas, e iso implicaba desprazarse tarde, mal e a rastro. Era Carl o que poñía quietos os que se cruzaban con eles para que Stimpi cuspise con comodidade.

Carl tiña un corpo esférico e flotante do tamaño dunha pelota de ioga, coroado por unha ducia de tentáculos rematados nun olliño. Enriba da descomunal boca, que ocupaba a maior parte da zona frontal do seu corpo escamudo, posuía un único e enorme ollo. Se concentraba a mirada dese ollo sobre unha criatura esta quedaba paralizada ata que el a liberase apartando a vista. Entón entraba en acción Stimpi, que se achegaba ós incautos con toda a pachorra do mundo e se poñía a salivar. Eran un dúo letal.

―Sabes que che digo, Stimpi, que estou a piques de mandalo todo ó carallo ―comentou indignado Carl mentres levitaba a carón do seu compadre.

―Blblblb pfrlll bleb bleb… ―respondeu o seu colega con afán tranquilizador.

―Claro, claro! Ti velo moi fácil porque non tes unha familia que manter. A pensión do vello non dá para todo.

―Blll bluf glup blub brleg ―comentou Stimpi revirando un ollo en dirección a Carl.

―Disme iso e quedas tan pancho! ―alporizábase a pelota falante ondeando os tentáculos con crispación―. Pois éche un problema de consideración, máis do que ti pensas. Inda están por pagar os dereitos para empregar o tipo de raza de monstro que son.

―Burlp brualllb gllll blelb.

―Como que cheira a alcohol? Insinúas que veño traballar borracho?―protestou indignado o monstro―. Tes sorte de que non teña brazos, porque…!

Carl non rematou de ameazar o seu arrastrado amigo. Os seus receptores olfactivos percibiran un aroma estraño. Cerrou o ollo para concentrarse mellor nese rastro e caeu na conta de que o que Stimpi dixera era certo. Carl ordenoulle ó seu colega que agardase e avanzou por riba dos toxos que o separaban do lugar de procedencia daquela fragrancia alcohólica.

“Parece que hai choio”, pensou Carl cando viu o grupo de excursionistas. Durmían coma benditos, ou como malditos máis ben. O contemplador deu media volta coa intención de avisar o seu socio e poñerse mans á obra. Pero cando xirou decatouse de que tropezara de fociños con algo que non estaba alí antes; de feito parecía que nin estaba alí agora, porque o que lle cortaba o paso era transparente.

Chiscou un pouco o ollo. O único que viu foron catro dos seus tentáculos que caeron amputados ó chan. Se Carl tivese mans estaría executando con elas recoñecibles xestos de desesperación, non tanto pola dor, senón pola perda estética. O seu agresor fíxose visible ó mesmo tempo que lle gañaba as costas e o amarraba desde atrás, cunha man tirándolle dos tentáculos que lle quedaban e coa outra suxeitando unha catana sobre a boca do monstro, a falta dun pescozo no que apoiala. Foi todo tan rápido que Carl non tivo ocasión de usar os seus poderes paralizantes.

―Como deas un chío ábrrote en quianal― ameazou Suicidio en voz baixiña desde a súa posición privilexiada.

―Ai, ai, os meus tentaculiños!

―Perrro que che aquiabo de dicirr? Como esperrrten eses de alí atrrriás vaste acorrrdiarr… e aguiorrra móvete, vamos onda o carrracol ese que vai contigo.

―Stimpi non é un caracol, é unha…

―Chist! Moi ben ―continuou o cazarrecompensas cando chegaron onda Stimpi, sen deixar de ameazar a Carl coa catana― aguiorra que vos teño diante os dious vouvos explicar o que oquiorre aquí.

Mentres Suicidio falaba, Stimpi comezou a xirar lentamente ata que lles deu as costas ós dous.

―Mire, señor ―choraba Carl―, nós só somos uns pobres traballadores e non lle levamos cartos enriba…

―Cala, bocón! Estou faliando eu… Porr cerrrto, por que nos está a diarr o liombo o teu amigo.

―Aínda que non o pareza ―dixo Carl―, neste momento corre que se escaralla. Para ser el, claro.

―Vale, é igual. O caso é que é de vital imporrrtancia que eses que estaban a durrrmirr alí crrrucen este fedoriento luguiarr sen prroblemas. Contrratáronme para que consiga algo que lles arrebatarrrei despois e… ben, iso non importa. Que como vos vexa preto deles ídesvos acorrrdiarr de Suicidio!

O demo soltou o seu refén e activou a súa camuflaxe. Por fortuna, desta vez arrincou á primeira. Escapulise en dirección ó campamento dos seus protexidos para comprobar que non lles pasaba nada e tapou ben a Ghincho, que estaba durmindo coa manta nos pés. Despois subiu a unha árbore, apagou a camuflaxe para que non lle consumise combustible e quedou vixiando o resto da noite.

―Mimá, que susto levei! ―queixábase Carl marchando de alí― nunca en tantos anos de servizo me pasara algo semellante.

―Blblbl blup bloj bop!

―Xa, xa. En canto as cousas se puxeron feas fuches ti o que botou a correr coma unha prea ―recriminoulle―. Vaia amigo teño. Eh! Non oes voces?

―E en canto os topemos, eh? En canto os topemos, torturarémolos un pouco, non? Eh? Hm? ―dicía alguén por alí preto.

Carl e Stimpi agocháronse detrás dun eucalipto. Foron tres os demos que pasaron por diante deles sen sospeitar que os monstros os observaban.

―Ó mellor deixo que os torturedes un pouquiño, si ―dixo outro―. Todo depende de como vos portedes.

―Si! Haha! Hm, haha! Torturarémolos, si, hm, si.

―Viva, viva! ―comentou un terceiro.

―Bruub blblb? ―preguntou a lesma en baixiño revirando os ollos cara ó seu socio.

―Quítate deso, Stimpi. Nin de broma! ―respondeu Carl―. Déixaos pasar, déixaos pasar… Non vaia ser que tamén sexan amigos do da catana.

―Bluup, brlul bl glrublaj bllup! Bleb bolg!

―Tampouco hai que ser tan pesimistas ―quixo tranquilizar Carl o seu colega.

―Blip blop? Bleble ble! Blum!

―É que era un profesional! Ademais o que sufriu as consecuencias quen foi, eh? ―Blofp bkol blep blbllpf. Blfr blblbl…

―Non o estarás pensando en serio, que ías facer da túa vida? ―preguntou Carl preocupado polo evidente desánimo do seu amigo.

―Blufff… Blblbllble blim, bliblibl… Bleg!

―Pero Stimpi, non ves que naciches para ser monstro? Como te vas poñer a criar pitas agora, home, pensa un pouco? Coa peste que hai neste lares non che ían durar nin para a primeira ducia de ovos. Mira, xa sei que estás cabreado. Eu tamén o estou. Mellor imos á taberna do Mantecas, despois de tomar uns viños valo ver todo máis claro.

―Blll… ―respondeu a lermia pensativa.

―Xa sei o que imos facer. Imos pedir unhas vacacións, eh? Vannos vir na alma. Ademais eu teño que coller a baixa. Estamos asegurados, non?

―Blop-blim blbblglgk?

―Non era un tipo baixiño que lle chamaban “o maliño”?

―“Bl Bldebl”.

―“O Maligno”, tes razón, tes razón.

―Bli blgu fff blbls?

―Eu creo que si, non me tiña pinta de ser tan agarrado. Veña, non me toques máis a moral e váiteme arrastrando de diante agora mesmo.

―Blom bllbllbi. Blblbl bflgfl?

―Pois preguntamos, ho, non pode haber perda co famoso que debe de ser o tal. Iso si, imos con moito ollo que os camiños xa non son seguros…

Egoísmo estaba rebentado pola persecución.

―Non esaxeremos que non estou en tan mala forma.

E levaba encima un sono atrasado de séculos.

―Iso si, necesito durmir un pouco.

A escuridade era tal que non vía onde poñía o pé.

―Así non se pode seguir.

E o aire seco do Eido sentáballe fatal.

―Está claro que queres que paremos.

Pero o peor era ter que aturar os seu dous secuaces.

―Facemos un alto, rapaces ―murmurou á fin o derreado líder―. Malicia, home, por Satanás, para un pouco e busca un sitio onde sentar o cu.

―Si, amo, si, hm, hm, paramos a comer? Si?

―Shhh! Non fales tan alto, animal! Non sabes que este lugar está cheo de monstros? Pero si, paramos a comer e a descansar. Tomade ―ofreceu Egoismo sacando algo vivo do peto― velaquí as vosas racións, que non vos escapen.

―Vivaaaa…! ―exclamou en voz baixa o outro.

Egoísmo atou a Malicia ó pé dunha árbore. A continuación mirou arredor del, pero era imposible ver nada na escuridade dos Eidos. “Onde se meterían eses malditos traidores? Xa os debíamos ter cachado”, reflexionaba mentres sacaba con disimulo un melindre do peto e o metía na boca antes de que ninguén o vise. “Mañá haberá tempo de darlles caza, non creo que estean moi lonxe”, volveu pensar desfrutando do doce. Os feitos de Malicia sacárono do seu ensimesmamento. Estaba uliscando o aire inquedo, forzando a cadea ata case afogarse.

―E ti que fas? ―preguntou o xefe.

―Snif-snif… cheira a… snif-snif…

―A que, mala besta, a que cheira? ―preguntou o bo líder cando xa acariñaba unha rosca coa punta dos dedos―, non serás ti que fedes?

―Hm? Non, amo, non, é outra cousa… snif-snif… ah! Hm, haha, hm! Azucre e anís, si! Moi cerca, haha, hm, si! Déixeme, ir, amo, déixeme ir! Haha, hm, haha!

―Chist! Quietiño aí, Malicia!

―Amo, amo! As cadeas, si? As cadeas, as cadeas, quítasmas, si?

―Se queres que chas quite é que fixen ben poñerchas ―razoou Egoísmo―. Se te portas ben e fas garda toda a noite déixote libre toda a mañá, de acordo? E non deas unha palabra máis, entendido? Non queremos chamar a atención dos habitantes dos Eidos. Polo menos este parece un bo lugar para botar unha soneca.

Agonías espertou angustiado. Volvera soñar con que tiña un exame e non estudara. Estaba por quedar durmido de novo cando lle pareceu oír algo. Ergueu a cabeza e non viu nada. De quen era a quenda?

―Vicio? ―chamou en voz baixa.

Ninguén respondeu. Tamén deixara morrer o lume ese irresponsable. Achegouse ó vulto que parecía ser Vicio e zarandeouno para que espertase. Vicio revolveuse e protestou tapándose máis.

―Esperta, durmiñón, que che toca a garda ―insistiu Agonías.

―Viva, viva! ―respondeu o demo.

A Agonías dáballe igual que Vicio se contentase tanto por quedar de garda. Se só fose iso teríase ido durmir tan tranquilo, pero pasaba algo raro. Esa voz non era a de Vicio.

―Vicio?

―Viva?

Agonías temeu o peor, que é o que lle pasa sempre. Ó seu lado ergueuse outra figura.

―E ti de quen vés sendo? ―interrogou Egoísmo o intruso agarrándoo dun brazo.

―Ghinchoooo! Raaabiaaa! Acudídemeee!

Os aludidos, que durmían alí ó lado, saltaron dos seus sacos cun chute de adrenalina, dispostos a matar ou morrer. O primeiro rival que atoparon na impenetrable escuridade dos Eidos foi un ó outro, así que enseguida se enlearon nunha cruenta pelexa nada máis abrir os ollos, os cales de todas formas lle servían de pouco nese momento.

Vicio espertou cos berros e xuramentos de Ghincho e Rabia, e non imaxinando que se estivesen dando cera entre eles, senón que foran atacados por sorpresa por un inimigo mellor armado e adestrado, fixo o que calquera no seu lugar, saír de alí a fume de carozo. Na súa cega fuxida enredouse na cadea de Malicia e caeu sobre o revoltoso demo, o cal, asustado, se puxo a ouvear, patear, retorcerse e morder.

―Auxilio! ―insistía Agonías, quen non se daba librado da presa de Egoísmo.

―Son eles! Descubríronnos! ―exclamou o tal sen saber que facer.

Ghincho e Rabia, que se decataran do seu erro desde a primeira labazada, pero ningún dos dous quería ser o primeiro en deixalo, reaccionaron á chamada de auxilio de Agonía.

―Ti busca a Vicio, eu salvo a Agonías ―ordenou o paladín.

Rabia localizou a Vicio grazas ós desesperados berros que emitía ó tentar librarse daquela besta salvaxe á que estaba encadeada. Ghincho distinguiu tres sombras na escuridade. Unha delas daba brincos e braceaba babecando cousas sen sentido, ese tiña que ser o que buscaba. Saltou sobre as outras dúas, dándolle un porrazo na cabeza por sorpresa a cada unha e alzou sobre os ombreiros o seu amigo.

―Rabia, estás? ―preguntou antes de pórse a correr nalgunha dirección.

―Non, é imposible desenredar isto! Quita, biiiicho! Están os dous atados a unha árbore!

Desde unha póla desa árbore Suicidio observaba atónito a escena grazas ás súas sofisticadas lentes de visión nocturna.

―Veña, mingurrias ―apremábao Ghincho―, hai que saír de aquí!

Rabia soprou. Era a segunda vez na historia que tiña que morder unha cadea. Pareceulle redundante.

―Xa o teño! ―exclamou Rabia tras recoller a Vicio, que xacía atordoado no chan.

―Tranquilo, Agonias, xa estas a salvo ―dixo Ghincho cando levaban bo treito correndo, pois vía que se remexía de mala maneira.

―Viva, vivaaaa…! ―respondeu o ser co que cargaba.

Egoísmo e Malicia correran polo comunal cargando co demo secuestrado ata caeren nunha gabia. Egoísmo acordou cunha forte dor de cabeza e o seu primeiro instinto foi levar a man ó foco da dor. Pero algo non ía ben, o seu brazo non lle obedecía. “Quedei manco”, pensou. Case. Estaba atado a un eucalipto. Ante el estaba sentada unha figura embutida nun traxe de neopreno negro que lle facía marcar ó seu portador algunha que outra chicha. Ese estraño demo tiña unha catana coa que estaba a limpar as unllas mentres o miraba despreocupadamente.

―Vaia, vaia, vaia ―falou Suicidio―, piorr fin esperrtas, malfeitorr.

―Quen es ti, maldito escaravello pelotei…

―SBLAS! ―fíxoo calar un tremendo golpe na cara coa parte plana da espada.

―Son eu o que fiai as prreguntas.

―Non tes idea de con quen estás a falar.

―Sblas, sblas!

―Shhhhh! ―O cazarrecompensas apoiou o dedo índice sobre os seus beizos―. Ou querres leviar outrra? ―levantou a catana outra vez.

―Serás…!

―SBLAS, SBLAS, SBLAS! É que non fialo clarro ou que?

Egoísmo gardou silencio por fin.

―Ben, aguiora parriece que nos entendemos ―comentou satisfeito―. Non sei de onde saístes nin o que querriedes, perro andiades fiodendo e iso non me gusta. Ese de aí perrtence ó grrupo que ando a seguir ―sinalou coa catana a Agonías, que roncaba inconsciente―. Non sei que tiendes que vierr con eles, perro ídelos deixiarr en piaz… estamos?

Egoísmo ía dicir algo, pero botoulle unha mirada de esguello á espada e limitouse a asentir coa cabeza.

―Ben, pois aguiorra voute desatiar e a ver que fas para resolvier isto, porque como os outros non sigan o seu camiño por quiulpa diste disgrraciado incidente córtote en anaquiños e doullos de comer ó teu can ―e realizou un rápido xesto circular coa arma que fixo estremecerse a Egoísmo.

―Estarreite vixiando e… como fagas algo que non me guiuste… ―cortou de golpe coa catana as cordas que o ataban―, xa siabes.

O cazarrecompensas enfundou a arma, activou a camuflaxe óptica e desapareceu na espesura camiñando de costas, sen quitarlle o ollo a Egoísmo e axitando o dedo a modo de advertencia. O traballo que estaba a pasar con este choio estaba a desbordalo. Tiña que estar sempre pendente deses paspáns. Non recordaba a última vez que se estresara tanto, e iso merecía un extra. Xa lle parecían poucas as cen mil almas que acordara con Soberbia.

―Temos que volver por Agonías ―reflexionaba Ghincho rascando a queixada.

―Au! ―A Vicio proíanlle as rabuñaduras que lle infrinxira aquela mala besta―. Como doe… queda algo de alcohol?

―Ha! Como se o foses empregar para as feridas ―mandoulle Rabia a indirecta.

―Centrémonos no tema! ―cortou o humano―. Agonías está cativo dun exército inimigo do que só sabemos que os seus soldados son incriblemente disciplinados.

―Iso sen dúbida ―corroborou Rabia pateando con saña un vulto que había no chan―. Este elemento non solta prenda por moito que o mallemos PA! PA! ―Arreoulle outro par de couces―. Cantos sodes? Para quen traballades?

―Viii…va, cof, cof, vi…vivaaa… ―queixouse o golpeado cuspindo sangue e dentes.

―Que lealdade máis admirable! ―recoñeceulle Vicio o mérito―. Os tres mazando nel e o condenado négase a delatar ós seus compañeiros.

―Viva! Chuf, chuf, vivaaa!

―MECÁ! Cuspiume enriba! ―berrou Rabia―. E fíxoo adrede, vístelo todos, PA, PA! Vouche axustar o lombo ó meu pé, TACA, TACA!

―Vale xa, Rabia ―reprendeuno o paladín amarrándoo por un brazo―. Podémolo usar para intercambialo por Agonías.

―PA, PA! Quizais sexa unha boa idea ―O iracundo demo deixou de darlle patadas ó prisioneiro―, pero esa mancha de sangue vale unhas dez patadas máis ―Rabia xirou a cabeza e mirou a Ghincho desafiándoo―. Así que se non queres que llas dea a el, vas ter que levalas ti.

―Non creo que poidas facer iso… COAS PERNAS ROTAS!

Ghincho saltou coa intención de arrincarlle os ollos a Rabia. Vicio dedicouse a comer galletiñas de morcego mentres agardaba a que solucionasen as súas diferenzas.

―Apetéceche unha?―preguntoulle ó cativo.

―Viva, vivaaaaa…!

Egoísmo sentou aínda tremelicando e púxose a rillar unha rosca de anís para aclarar as ideas. Algo saltou detrás del e sobresaltouno tanto que o fixo atragoarse.

―Si! Roscas da feira! Xefe, hm, dáme un pouco? Si?

―Pfff cof cof cogh! Malicia, de onde saes, condenado! Cogh ffck cghgh…!

―Un pouquiño de doce para Malicia, hm, un pouquiño nada máis, si? Hm, si?― repetía o patético demo mentres corría dun lado para outro e daba choutos e viravoltas das que aterraba co lombo a maior parte das veces.

―Douche o buraco do medio, pero só se te portas ben! ―prometeulle Egoísmo.

―Beeeen! ―cantou ledo Malicia―. E ese que dorme aí, que facemos con el? Pintámoslle un bigote na cara para rir cando esperte? Haha, hm, haha, si? Eh? Si? Facémolo? Un bigotiño?

―Silencio maldito becho! ―berrou o xefe facéndoo calar dunha calugada que o tirou de fociños ó chan. Despois colleuno polo pelexo e achegouno á súa cara para falarlle á orella―. A este non lle imos facer nada. Non podemos… de momento. Teñen alguén que os protexe ―Egoísmo mirou ó seu redor―. Non sei por que pero ándanos vixiando. Seguro que nos esta espreitando desde algún curruncho… esperando a que faga algo que o desguste para caer sobre min coma unha sombra negra…

―Ei, vós! ―chamou unha voz non moi lonxe―. Temos o voso home e estamos dispostos a propoñervos un trato.

―Son eles, hm, son eles outra vez, xefe ―alarmouse Malicia, que se agochou entre as pernas de Egoísmo―. Deben ter prisioneiro o seu amigo, xefe, hm, o seu amigo, haha, hm.

―Que amigo meu, Malicia? De que falas?

―Ese… Non sei como se chama, pero… Hm, ese que vén con nós e non di máis que viva, viva! Hm, si, ese, si.

―Pero… que vai ser amigo meu! A ese non o trouxeches ti?

―Non. Hm, eu non, non.

―A ver! ―berrou o humano, incomodado polo pouco caso que lle facían―. Estades dispostos a intercambiar os prisioneiros ou non?

―Estamos deliberando! ―pediu tempo Egoísmo mentres analizaba a situación.

Aquel demo andaba con eles desde que Demencia alertara todas as unidades especiais. A Egoísmo xa lle estrañaba que… Seguro que era un indixente que se lles acoplara. Abriu a boca disposto a rexeitar a proposta cando as follas dun eucalipto se moveron por unha racha de aire. Aquilo era unha catana ou unha póla seca?

―Aceptamos o intercambio ―dixo por fin.

Ghincho virouse cara ós seus colegas levantando o polgar e chiscando un ollo.

―Pode ser unha trampa! ―advertiu Rabia agarrando ben do prisioneiro.

―Pero se o propuxemos nós! ―rebateu Vicio.

―Oídes, agora que hai algo de luz… ―comentou Ghincho―. Parece… Chamaime tolo, pero parece que só son dous.

Rabia e Vicio estiraron o pescozo en varias direccións escudriñando tras os eucaliptos do Eido.

―Pois non se ve a ninguén máis.

―Eh! Os de aí ―berrou de novo o paladín―. Como cantos sodes? Porque como non sexades máis ca dous vou aí e…!

―Non! ―oíron que respondían―. Somos vinte ou máis!

―Demasiados para min ―informou o paladín―. Facemos logo o intercambio!

―Vós primeiro! ―ordenou Egoísmo.

―De acordo!

―Como que? ―protestou Rabia ―. Que sexan eles os primeiros!

―Chist! Déixame a min, que eu estudei para isto ―insistiu Ghincho.

O paladín colleu o refén, colocouno diante del e empurrouno con forza en dirección ó grupo de Egoísmo.

―Aí vos vai!

―Viva, vivaaaa…! ―aledouse o demo ó verse libre.

Para sorpresa de todos marchou correndo e braceando polos Eidos adiante ata perderse na espesura do bosque. A situación era un tanto tensa. O primeiro en reaccionar, cando pasaran varios segundos, foi Rabia, que non se puido conter máis.

―Ves? Xa cho dicía eu! Era unha trampa! Caemos como colexiais!

―Silencio ―esixiu Ghincho, un tanto confundido polo que acababa de pasar―. Agora tócavos a vós! ―dixo por fin―. Liberade a Agonías!

―Pfff… Como que o van facer ―mofouse Rabia.

Malicia corricaba arredor do preso.

―Haha! Hm! Haha! Non o imos soltar, verdade? Haha! Hm! A que non, xefe? Eh?

―Pois… ―Na mente de Egoísmo pelexaba o medo polas catanas de Suicidio cos anos de adestramento como matón de baixa ralea―. Agh! Maldita sexa!

―Como? Non imos facer máis mal hoxe?

Egoísmo revirouse cara a Malicia cheo de veleno e descargoulle unha patada na boca.

―Chegouche ou queres máis?

―Hooooo… ―lamentábase o democadelo―, vostede si que sabe facer mal, xefe.

Marcharon deixando a Agonías alí tirado.

―Vedes como foi doado? ―presumiu Ghincho dos seus dotes de diplomático mentres corría a examinar o estado do seu amigo.

7 thoughts on “A Espada do Metal: 8. Unha noite no eido do mal

  1. O que máis me gusta nesta entrega son os personaxes de Carl e Stimpi. E como sempre, o humor. Nesta entrega, especialmente a redundancia de ter que volver cortar unha cadea.
    Sinalo unha frase que non entendo: ” Inda están por pagar os dereitos para empregar o tipo de raza de monstro que son.”, quizais fáltame algunha referencia.
    Nestes capítulos nos que aparecen os demos volvo perderme cos personaxes. Intento estar atenta e concentrada, pero creo que a escolla dos nomes dos demos (un mesmo campo semántico) fan que me resulte difícil lembralos. Con todo, algúns están o suficientemente caracterizados e diferenciados (especialmente vicio e agonía). Quizais mellorase metendo algún parágrafo-guía para lectores/as inatentos/as, lembrando quen é cada quen, por que está aí… O difícil será introducir esas pequenas pistas sen que o texto perda dinamismo, que o ten.
    En canto á trama, vai moi ben na miña opinión, encamiñándose a unha resolución.

    1. A frase que sinalas fai referencia a que non podo empregar o nome do monstro porque está baixo marca rexistrada da empresa que o creu. O nome é contemplador, se o buscas en google imaxes recoñeceralo. É iso, que nun libro non poderia incluir un (ó mellor si porque é parodia, pero non me vou arriscar), igual que non poderia meter a Sonic ou a Pikachu.
      O de perdese cos demos é algo que terei que arranxar dalgunha forma.

  2. Outra entrega de gargalladas. Pero non é só iso. Están moi ben descritos os persoeiros Stimpi e Carl (boas ideas para o merchandising do libro :)), e está moi ben desenvolta esa trama nocturna con enredos, pelexas e bofetóns demoníacos.
    Coincido con Mercedes no do problema de ter ben claro quen está nun lado ou no outro. Non sei ben como se podería solucionar.
    Vai avanzando a historia e xa estamos chegando a esas últimas páxinas do libro que dan pena por rematar tanto divertimento.
    Moitos parabéns!

  3. Desta historia o que máis me gusta –cousa que antes sinalei como unha posible fraqueza–, e que os diálogos lévannos a entender que pasa. Antes parecíame que non había demasiadas descripcións da trama, mais agora penso que esas descripcións, que xa hai, son complementarias aos diálogos tan ricos.
    Do tema que sinala Mercedes, de perderse, pásame un pouco tamén. Tamén me parece que a historia podería seguir moito, debido a que esa vidiña que teñen os demos podería dar un xogo tremendo, e facer un libro de 200 páxinas. De todolos xeitos, teño ganas de ver como esta novela se resolve, porque estando así de aberta penso que será complicado pechala.

  4. Encantoume o capítulo, especialmente a primeira metade. Paréceme que ten un equilibrio idóneo entre narración, descrición e diálogo. Metes personaxes novas e que van durar pouco, mais tamén introduces un contexto que fai que pague moito a pena “perdermos o tempo” con elas. A segunda metade do capítulo, porén, paréceme moito máis inclinada para o diálogo, e eu agradecería que parte dos acontecementos os sintetizase o narrador. Mais sei que é a miña teima de sempre; que a repita tanto indica que todo o resto me parece perfecto. Parabéns polo capítulo!

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *