BiosBardia

O país dos libros en galego

A execrable subliteratura do campo de concentración

A novela ‘Treblinka’, de Jean-François Steiner.

Ollar para Ánxel Fole no seu 120.º aniversario

Xesús González Gómez.

Vinte oito meses despois de aparecer o segundo e último artigo dedicado ao libro de Viktor E. Frankl, Fole, sempre co pseudónimo de Neumandro, o 7 de agosto de 1967 publica o primeiro de tres artigos dedicados a Treblinka, do francés Jean-François Steiner —artigos recollidos tamén por Rodríguez Fer—. Os dous seguintes publicaranse o 15 e o 26 dese mes de agosto. Digamos que o orixinal francés aparecera o ano anterior, na Editorial Fayard e cun prólogo de Simone de Beauvoir.

Inicia Fole este primeiro artigo afirmando que o libro de Viktor E. Frankl: «es uno de los mejores documentos que se hayan leído sobre el pavor de los llamados Campos de Exterminio. Sobre el terror nazi». A bibliografía sobre os campos é inmensa e en todas as linguas do mundo. A carón do culto ao Soldado Descoñecido xa se practica, di o lugués, o culto ao Exterminado Descoñecido. «Es más elocuente el crimen que el heroísmo. El hombre se retrata más fielmente en aquel que en éste». E continúa dicindo que o máis atractivo e fascinante do III Reich é «su abominable retaguardia. El supliciado y sus torturas, la horca y la cámara de gas. Los Campos de Concentración transformados en los más impresionantes “museos de lo humano”. El genocidio y toda su aparatosa documentación».

De entre os campos, escribe Neumandro, «el más impresionante y esclarecedor de la Europa del año cuarenta y tres es el de Auschwitz. El asesinato colectivo a ciencia y conciencia, bien calculado, metodizado y ejecutado…». E empeza a transcribir casos que aparecen en Treblinka, e di: «Después de leer esto, en el libro Treblinka del francés Juan Francisco (sic e resic) Steiner, el lector dirá si es más interesante o no la batalla del Alamein. El horror paraliza y atrae. […] Nos clava en el asiento, nos hace leer con avidez. ¿Qué espanto viene ahora?», e continua a narrar historias e a dar datos tirados do libro que está a comentar. Segundo ese libro, no campo de Treblinka foron asasinadas oitocentas mil persoas. O primeiro aniversario da súa «construción» cumpríase en xuño de 1943: o mes de agosto dese ano, os poucos superviventes que quedaban, rebeláronse. Vagaron por Polonia sen que ninguén os axudase: «No llegaron a sobrevivir más de cuarenta». Subleváronse ao ver medrar o número de execucións, todos eles estaban condenados á «solución final» programada polo Führer, e apostila Fole: «una epopeya que será mañana cantada por algún gran poeta de raza hebrea».

O escritor lugués transmítelles a lectores e lectoras o seu asombro de que a existencia dos campos de concentración non fose revelada ao mundo até 1943, cando eran moi poucas as posibilidades de vitoria dos alemáns. E lembra que o ano seguinte, ou sexa, 1944, Himmler, nun discurso aos xenerais das SS, «calificaba el exterminio de los judíos de “gloriosa página” del III Reich, que nunca será escrita». E remata Fole o seu artigo coa afirmación seguinte: «Esa singularísima página que que hiela y quema. De espanto para unos, de bochorno para otros. La que tantos millones de Europeos quisieran que jamás fuese escrita», foi (é) a máis lida de toda a historia do III Reich.

Fole, como case todos os que leron o libro de Steiner cando se publicou, caeu na trampa. Mesmo un historiador como Pierre Vidal-Naquet. Este, nun excelente escrito, «Quen son os asasinos da memoria?», de 1992 e recollido no volume Réflexions sur le génocide, di: «O primeiro libro que en verdade me ensinou o que era o campo de Auschwitz foi La Nuit, de Elie Wiesel, libro publicado en 1954 nas Éditions de Minuit. Tiña xa vinte e oito anos. En realidade detesto a obra de Elie Wiesel, con excepción deste libro. Era para min unha razón suplementaria mencionalo. Oito anos máis tarde publicábase en Fayard, con gran lanzamento e grande escándalo, o execrábel libro de Jean-François Steiner, Treblinka, e non obstante foi este libro quen me fixo comprender o que era un campo de puro exterminio»[1]. Por que execrábel? Antes de nada, hai que dicir que o libro se presentaba como unha investigación sobre o día a día nun campo de exterminio: en realidade é unha falsa novela presentada como un verdadeiro documento sobre a realidade dun campo de exterminio. Case todo o que narra Steiner no seu libro é produto da súa imaxinación. Por outra banda, tamén é verdade que hoxe en día, despois das serias investigacións realizadas sobre os campos de exterminio e a Shoah, é doado descubrir os elementos tramposos que lanza Steiner. Un deles, o que fai o libro execrábel, divídese en dous. Para Steiner, os nazis montaron os campos, todo o demais fixérono os propios xudeus[2], que ían ao matadoiro sen protestar nin rebelarse. A que foi debido, xa que logo, o éxito do libro, e non só en Francia? A aquilo que moi ben soubo ver Ánxel Fole: o máis fascinante e atractivo do III Reich é «su abominable retaguardia». Steiner, e outros autores como Christian Bernadac ou Silvain Reiner entre os máis coñecidos, cuxos libros se publicaron en España, non son máis que produtores dunha subliteratura que, segundo Vidal-Naquet, «representa unha forma inmunda de chamamento ao consumo e ao sadismo», unha literatura que debe ser denunciada. E iso que Vidal-Naquet non coñecía os libros que sobre os campos e o terror nazi se publicaban nos anos 1960 en España, de autores españois, maiormente utilizando pseudónimos.

Steiner, pola súa parte, tivo unha deriva que o achega aos negacionistas do exterminio dos xudeus de Europa. (Chegou a afirmar que a memoria da Shoah era unha invención fantasiosa dos xudeus.). Pero non nos trae agora ese tema. Con todo, adiantemos que a maioría dos promotores do negacionismo ou son nazi-fascistas ou proveñen da extrema esquerda, como o grupo da libraría La Vielle Taupe, fundada por dous homes que formaran parte de «Pouvoir Ouvrier», organización creada por elementos de Socialisme ou Barbarie, Paul Guillaume e Jacques Baynac. De libraría «drusgtore» de libros esquerdistas, a partir de 1969, e o «descubrimento» do primeiro negacionista francés, Paul Rassinier[3], pasa a se converter en central do libro negacionista. Jacques Baynac e outros, a finais de 1969, abandonaron a libraría e denunciaron a súa deriva[4].


[1] Pierre Vidal-Naquet, «Qui sont les assassins de la mémoire», in Réflexions sur le Génocide, París, 10×18, 2004, p. 331-332. O libro foi publicado por vez primeira en 1994.

[2] É certo que os alemáns, para axilizar a gasificación, usaron os «Sonderkomanmdos» (comandos especiais) formados por xudeus internados. Estes sonderkomandos acababan sendo asasinados como os outros xudeus. A vida nos campos ten páxinas escuras, e que? Ningún xudeu deportado, que se saiba, condenou os Sonderkomandos, e moitos deles suicidáronse e outros rebeláronse contra os seus carcereiros.

[3] De Paul Rassinier, a hoxe desaparecida Editorial Acervo, de Barcelona, editorial achegada ás formulacións da extrema dereita, publicou os seus libros máis coñecidos, todos negadores do exterminio dos xudeus: La mentira de Ulises (1962), La verdad sobre el proceso Eichmann (1962), La operación vicario (1966) defensa encarnizada de Pío XII contra aqueles que o acusaban de ser, cando menos, indiferente ao exterminio dos xudeus), El drama de los judíos europeos (1976). O primeiro destes libros foi comentado a toda páxina nos xornais do Movimiento, e La verdad sobre el proceso Eichman apareceu en folletón en Pueblo, o diario dos sindicatos franquistas. Sobre Rassinier é indispensábel o libro de Nadine Fresco, Fabrication d’un antisémite, París. Ed. du Seuil, La librairie du XXe Siècle, 1999.

[4] Sobre o tema do negacionismo en Francia é esencial o libro de Valérie Igounet, Histoire du negationnisme en France, París, Éditions du Seuil, 2000. Tamén é recomendábel ler «Cultura e diferenza. Visita ao zoolóxico do discurso político (non dean de comer á extrema dereita)», de Samuel Solleiro, in Non conciliados. Argumentos para a resistencia cultural, Santiago de Compostela, Cineclube de Compostela, 2010, p. 171-185.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *