BiosBardia

O país dos libros en galego

A exótica historia da flor de Santiago

O libro ‘Flor de Santiago’, capa e interior.

César Lorenzo Gil.

Non é habitual que se publiquen en galego libros-obxecto. O reducido mercado e o paulatino pero absoluto abandono do apoio institucional (incluídas fundacións relacionadas coas principais empresas) fan practicamente imposible a aposta por edicións custosas. A pesar de que os prezos de impresión e maquetación se reduciron tras a crise e a ameaza do libro electrónico, os andeis das librarías apenas teñen no noso idioma ningunha grande obra desas que tradicionalmente se adquiren ou se regalan para engalanar os andeis das bibliotecas particulares.

É por iso que chama máis a atención o proxecto Flor de Santiago,de Ruth Varela, coeditado por Flor de Santiago e o Colexio de Arquitectos de Galicia. Un libro enciclopédico ao redor da “flor de esplendor vermello”, unha especie orixinaria de México que andando o tempo tomou o nome da capital de Galicia.

Este libro é o punto inicial dun proxecto de recuperación desta flor, encabezado pola autora deste libro, arquitecta de profesión e divulgadora dun posible símbolo de Galicia até agora apenas coñecido. Amais da publicación, a sociedade Flor de Santiago promove o cultivo desta belida flor, entre outras actividades. A principal fonte de financiamento é unha tenda de xoias na que a representación da flor de Santiago é a principal protagonista.

A flor de Santiago era coñecida polos aztecas como atzcalxochitl. Segundo Varela formou parte do xardín botánico de Moctezuma II e o seu espectacular aspecto converteuna nun elemento non só de ornamentación senón tamén de respecto e reverencia sagrada.

Flores de Santiago.

Conta a autora que esa beleza tamén seduciu os conquistadores españois, que levaron a flor a Sevilla. Os españois rebautizaron a flor como flor de Santiago. A cor vermella, a forma de cruz e a influencia que a tradición xacobea e galega tivo na primeira colonización do que hoxe é México (de feito un territorio apegado ao Pacífico foi coñecida como Nueva Galicia) teñen moito a ver nesta curiosa historia pola que este libro fai un percorrido minucioso e moi rico en canto a documentación.

O libro convértese así nunha xoia para os afeccionados á botánica, á historia e á bibliofilia. Afeitos a unha historiografía que se preocupa principalmente da historia política, os diferentes requeixos da historia social permiten que alumeen proxectos tan orixinais coma este, que nos explican outro aspecto do choque cultural, a reapropiación da Natureza que tivo lugar tras a conquista de América e como a cultura humanística inflúe dun xeito decisivo e ás veces pouco recoñecido sobre a ciencia empírica.

A autora pesquisou máis de corenta bibliotecas na busca de material bibliográfico e información. Do resultado desa busca tamén conseguiu Varela a maior parte das ilustracións do libro, que conseguen transmitir a relevancia da planta e fan unha moi interesante ponte entre a cultura precolombina, a ciencia renacentista e o propio esplendor desta flor.

 

One thought on “A exótica historia da flor de Santiago

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *