‘A falsa autónoma’, un bo libro sobre o diñeiro

Héitor Mera.
Fronte á clasificación das liñas temáticas concretísimas que adoitamos empregar por comodidade, pragmatismo e economía cando falamos ou estudamos a nosa literatura, destacamos esta máxima, no caso da poesía: hai tantos temas como sentimentos se queiran ou poidan expresar. Con todo, sendo un enunciado facilmente identificable co que entendemos por poesía, no caso deste A falsa autónoma vai máis alá. O sentimento, as inquedanzas e o lugar onde o leva Yolanda Castaño é un presuposto de máximos. Primeiro pola sorpresa que xera e logo pola capacidade de espirse, de confesar un pensamento que non todo o mundo está disposto a expresar nin tan sequera en conversa habitual. Ese tema ao que nos referimos é a preocupación que a poeta ten polo diñeiro. Desde a ansiedade de ter que cubrir uns gastos mensuais ata o soño, que calquera pode ter, de posuír unha contía que se relaciona basicamente con ese colchón que achega seguranza e tranquilidade. Non é que sexan desexos inconfesables, pero expoñelos desta maneira para moita xente pode raiar no inadecuado desde unha perspectiva de relación social. Coido que Castaño é valente.
Máis se temos en conta a polémica suscitada a raíz do seu último ensaio sobre poesía e economía e a defensa que fai sobre a profesionalización da actividade poética. Estando en desacordo neste aspecto con Castaño —que é o de menos— si que podo entender a súa postura. Mentres eu escribo as miñas críticas despois dunha xornada laboral, ela, segundo nos di no propio libro, creou este poemario na súa estancia en dúas residencias e con premio engadido —como o ensaio— que dalgunha maneira cobre o esforzo investido. Cando les estes versos percibes a ansiedade por “producir” que ten Castaño. Por momentos, ao lela, parece que escoitas amigas e amigos, traballadores de banca, que se queixan polos obxectivos leoninos que lles impoñen estas empresas. A diferenza está en que Castaño o expresa dun xeito poético, mesmo fermoso.
Cando alguén, coa perspectiva do tempo, quixese facer un estudo sobre a obra da poeta coruñesa, atendendo ao que expresa no seu citado ensaio e este poemario, ben podería falar de “O ciclo pecuniario” pois roza a obsesión.
Fágome unha pregunta observando esa necesidade imperiosa de facturar coa poesía: que estaría disposta a facer unha persoa baixo estas premisas? Non é o mesmo a liberdade de crear baixo o paraugas laboral que crear baixo a presión de vivir desa actividade. Esta pregunta non a soluciona a autora neste poemario.
Desde o punto de vista artístico coido que o poemario ten mérito. A poeta ten táboas, ten talento e a poesía xorde honesta, rítmica e con pulo, o cal está ben cun tema tan delicado como o que escolle. De feito, percíbese a diferenza entre unha poeta experimentada e as novas xeracións que están lonxe de dominar a técnica e a expresión poética como ela ou outras das súas coetáneas/os e anteriores. Esta técnica e saber facer, empregado para outros mesteres máis excelsos e non tan prosaicos, darían resultados máis excelsos. Con todo, Castaño pon enriba da mesa un tema no que teima e que é utopía. Por iso ten mellor cabida na poesía ca no ensaio.
♦ A falsa autónoma, de Yolanda Castaño. Xerais, 2025. 64 páxinas. ♠13,50€
Diñeiros e Literatura
Según un estudio reciente de Ana González Duque, un 50 % de los escritores no superan los 100 euros al mes de ingresos por sus libros; un 30% apenas llegaría a los doscientos euros; un 10%, acaso alcanzaría los 500 a 600 euros y solo un 7% tendrían unos ingresos de entre 1.000 y 3000 mensuales contando tanto los derechos de autor como trabajos colaterales en plan bolos, recitales, conferencias, etcétera y únicamente un 3% ingresarían más de cinco mil euros al mes pudiendo por consiguiente dedicarse a escribir de jornada completa. El verdadero diagnostico sobre nuestro mundo editorial descansa sobre el innegable hecho de que un 80% de los escritores no llegan a cobrar ni siquiera 1000 euros como adelanto de los derechos de autor.
https://mundoobrero.es/2025/01/05/la-industria-editorial-ya-no-es-lo-que-era-pero-todo-sigue-igual/