BiosBardia

O país dos libros en galego

A familia Risco e a literatura fantástica, outra vez xuntos nun premio literario

Antón Risco, segundo desde a esquerda, a carón de seu pai Vicente Risco.
Antón Risco, segundo desde a esquerda, a carón de seu pai Vicente Risco.

A editorial Urco, especializada en literatura fantástica, de terror e de ciencia-ficción, vén de convocar o I Premio Antón Risco de Literatura Fantástica. Nesta primeira edición, a obra gañadora percibirá 3.000 euros.

O Premio Antón Risco ten dúas características que o fan senlleiro entre os galardóns literarios. É un certame aberto non só ao idioma galego senón tamén ao portugués. Por outra banda, é un premio que xa nace con varios patrocinadores, vinculados moitos deles a Allariz, vila moi vencellada á familia Risco.

As obras que se presenten ao Premio Antón Risco deberán oscilar entre as cen e as duascentas cincuenta follas e poderán presentarse até o 31 de agosto do 2015. Os autores concursantes poden presentar os seus orixinais en galego, en portugués ou na norma ortográfica da AGAL.

Nese protagonismo do portugués como lingua literaria pode ser que teña algo que ver que unha das entidades patrocinadoras do premio é a Livraria Traga-Mundos de Vila Real. Os outros patrocinadores son a Fundación Vicente Risco, a libraría Aira das Letras, a rede de confeitarías Fina Rei (as tres de Allariz) e o restaurante Pingallo, da cidade de Ourense.

Existiu até o 2005 un Premio Vicente Risco de Literatura Fantástica, que gañaron Isidro Novo, Xabier López López, Ramón Caride, Xosé Carlos Caneiro e Xosé Luís Martínez Pereiro. Mais no 2006 pasou a englobar toda a literatura. Hoxe aínda permanece en pé, apoiado polo Concello de Ourense, sen apenas prestixio e con case clandestinas edicións en Sotelo Blanco.

Agora Urco recupera a esencia daquel premio a través da homenaxe a Antón Risco, fillo de Vicente e destacado autor e estudoso da literatura fantástica. Tras o esgotamento do Premio Avilés de Taramancos de Narrativa de Aventuras, esta nova proposta recupera o interese pola literatura especializada a través dun xénero moi apreciado e cultivado na tradición galega.

Aquí as bases do I Premio Antón Risco de Literatura Fantástica.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *