‘A ferida do vento’, os riscos dun autoencargo
Lois Z.
Xinzo, 1978. Antón volve á casa despois duns meses estudando no internado e descobre que, nese tempo, a súa moza, Gabriela, morreu de cancro sen que ninguén lle dixera nada.
Coello narra con gran sensibilidade e moi boa técnica o trauma que supón para Antón a desaparición de Gabriela, a dor de non poder despedirse dela e de ignorar o seu sufrimento. A historia profunda na culpabilidade de Antón cando entran en conflito a súa paixón humana, imperfecta, co recordo idealizado de Gabriela. El nunca poderá equilibrar o sacrificio realizado por ela, que elixiu unha morte en soidade para non danar a súa imaxe na memoria do mozo, e iso fará que Antón desespere e mesmo se pregunte se ten dereito a volver namorarse. Como logrará Antón superar esa morte? Poderá perdoar a os que sabían da enfermidade e llo ocultaron? Riveiro Coello trata con soltura estas cuestións a través das reflexións do rapaz e a súa relación con algunhas das personaxes.
O gran problema d’A ferida do vento é que a traxedia de Antón e Gabriela é só o mastro argumental no que Riveiro Coello iza o pano que realmente quería amosar: a colección de seres memorables rescatados dos recordos da súa xuventude, que o unen coa figura de Carlos Casares. Esta homenaxe en forma de inventario de persoas peculiares é unha rémora coa que carga a historia de Antón. Cada vez que o protagonista se move pola vila atópase con algunha personalidade carismática que se detén a falarlle ou é el mesmo quen nos conta calquera anécdota que convenientemente veña ao caso. Deste modo unha ringleira de figurantes entrará en escena, soltará a súa frase e seguirán co seu camiño cara á intrascendencia, como sucede co propio Casares, cuxa presenza non se xustifica pola súa achega (ínfima) á historia, senón por ser quen é.
Un percibe nesta mestura algo irreconciliable, a sensación de estar lendo a través dunhas lentes bifocais. A narración en primeira persoa presente, por exemplo, funciona cando se trata de transmitir o que sente Antón, pero fracasa cando o protagonista se ve forzado a darnos unha descrición case científica de cada persoa relevante ou lugar de interese na vila, porque é difícil interiorizar que un rapaz diseccione con lucidez o sentir e as carencias dos tolos da vila. Esas reflexións semellan en realidade froito da madurez do Antón-autor tras a perspectiva dos 40 anos que pasaron desde 1978. Tampouco axuda o breve espazo de tempo no que transcorre a novela: en apenas cinco días Antón coñece a perda da súa primeira moza, sofre a dun vello amigo, mantén unha ducia de encontros extravagantes e por último cae nun novo namoramento.
A ferida do vento é un libro escrito sen ambición, un autoencargo ―con respecto a isto o limiar foi un grande exercicio de honestidade― que só grazas á habilidade do autor quedou un paso por diante de converterse nun anecdotario novelado. Así e todo, penso que paga a pena lelo. A min as palabras de Coello transportáronme a eses veráns dos 90 que pasaba na miña aldea, onde habitaba outra boa recua de seres memorables, e ese acto de mesmerismo non é algo co que un se atope con facilidade. Sería mellor obra A ferida do vento se borrásemos os tolos das súas páxinas? A paradoxal resposta, despois do que levo dito, é que non. A alma da novela quixo poñela Colleo precisamente aí, lobotomizala na busca dun produto máis pulido sería unha tolaría.
♦ A ferida do vento, de Antón Riveiro Coello. Galaxia, 2016. 144 páxinas. ♠14,50€
Dende o respecto e cariño (persoal e lector) que lle gardo a un dos mellores narradores que temos, a eiva principal desta obra chámase “Casas baratas”.
Pero así e todo foi unha auténtica delicia ver ao sistemiña aplaudila coas orellas. Só por iso, xa paga a pena.
É curioso coma dúas persoas poden ler unha mesma obra de xeito tan distinto. Non concordo coa critica que se lle fai, nadiña. Quizais sexa porque cada lector le o texto dende claves vitais é literarias propias, e iso é o chulo da literatura. No único que concordo é en que (e con todo respecto de lector) non me gustou moito. É moi desigual e desequilibrada nas situacions é persoaxes, malia non escribir mal.