A flor da auga na mañanciña de San Xoán
A flor da auga é un dos misterios máis estraños e máis poéticos da noite de San Xoán.
Vicente Risco
Nati Rey.
O San Xoán é unha das festividades máis populares en toda Galicia. Corresponde á cristianización do solsticio de verán (a data exacta sería, daquela, o 21 de xuño). O carácter liminal deste día fai que se forme un escenario cheo de maxia onde todo pode acontencer, como se menciona no folclore onde na mañanciña de San Xoán as mouras saen cos seus encantos; as campás das cidades asolagadas tocan a defunto e as galiñas aparecen nos castros e nas fontes cos seus pitiños de ouro. A auga é tamén un elemento cun papel importante en San Xoán. Xosé Manuel González Reboredo, no seu traballo A Festa de San Xoán, describe como en Galicia “aparecen cheas de carga simbólica as augas das fontes, dos ríos, o orballo, a auga do mar, e mesmo a das lagoas, pragadas estas últimas de relatos lexendarios”.

A flor da auga
Como Vicente Risco di, na noite de San Xoán fórmase un dos fenómenos máis misterioso, estraños e poéticos, a flor da auga que tanto se menciona nos romances galegos coma españois.
Ata o mediar o século XX en Galicia había a tradición de ir coller a flor da auga nas fontes. En todas as fontes hai esta flor que ten numerosas propiedades: afastar o mal, o porviso, e tamén as meigas da casa. Só se pode coller no solsticio de verán. As mozas collían unha xerra e, madrugando ben cedo, tan pronto raiase o sol, acercábanse á fonte para recollela; metela na xerra e gardala durante todo o ano. Esta flor só se mostra unha vez en cada fonte, porén quen a collía para seguir coa tradición tiña que deixar un ramiño con algunhas das plantas aromáticas que xa empregaran na tarde anterior para facer a auga purificadora e protectora de San Xoán ou tamén chamada auga de rosas. Así mo relatou unha señora de avanzada idade en Rianxo:
«Deixabamos un ramiño pequeno que o faciamos na tarde antes, coas herbas milagreiras que xa puxeramos en auga ao orballo da noite, o orballo da noite é a benzón de San Xoán. Era preciso deixar o ramiño para que se soubese que xa estaba colleita a “flor”, porque só ten as virtudes para a primeira moza que se acerque a collela. Entón se viamos o ramiño, tiñamos que ir a outra fonte a collela, e así así, corriamos na procura dela.»
Que é a flor da agua e para que serve
Despois de recoller o anterior relato, puiden preguntarlle á señora como era esa flor da auga e coas descricións que me deu observamos que a citada flor é algo intanxíbel, como é a luz do sol reflectida na auga:
«A “flor” preséntase na auga que sae da fonte ao chegar a alba; coa primeira luz do día. A luz dos primeiros raios do sol reflicten na auga orballada a forma dunha estrela de luz, esa é a “flor” da auga. Eu só a vin unha vez sendo unha cativa cando fun coa miña irmá, cando iamos para regar á leira, collémola de casualidade cun caldeiro, na Fonte de Abaixo, a que está na Aldea Maldita».
Eduardo Lence Santar (1879-1960) publicou no xornal El Compostelano o 27 de outubro de 1938, un relato que entronca co xa mencionado e di así: “N-o concello de Pastoriza, o día d’o San Joan, ben cedo, fan un ramo de follatos de carballo ou de ramallas de xesta e van con eles c’unha xarra, unha sella ou unha caldeira e, si non hai rampo ningún, póñeno e collen auga, a que chaman frol.
”A frol d’a yauga é moi estimada. Din que se garda tod’o ano; que axota as meigas, ao trasgo y-ó mesmo demo e que fai levedar o pan”.
Para Eladio Rodríguez a flor da auga está no mar e non nas fontes, así o escribe no seu Diccionario Enciclopédico Gallego-Castellano onde fala da Flor da auga fría e di que a buscan catar as mozas casadeiras ao bañárense a noite de San Xoán para recibir as nove ondas prodixiosas que tamén menciona Manuel Murguía no seu romance:
Madrugada de San Xoán, madrugada a máis garrida,
que baila o sol cando nace e ri cando morre o día.
Onde vai Nosa Señora, onde vai Santa María?
Vai cara á banda do mar, vai cara á banda da ría.
Qué diz a Virxe, que diz, qué dice Santa María
Cal será a meniña, cal, que colla a fror d’auga fría?
Non será dama, nin deuda, que será a princesa Aldina,
a princesa namorada, filla do rei de Galicia.
Non hai outra coma ela, tan feitiña e tan bonita.
c’aqueles seus ollos craros, do color d’auga da ría.
Só ti Aldina serás, quen leve a fror d’auga fría:
Érguete do teu leito nena, ven cara á banda do mar
qu’anque ti soiña veñas tornaras en compañía.
Na torre do real palacio, anque inda está lonxe o día
móvense os liños dun leito, algunha xente s’erguía.
E a princesa dio-la garde! era a moi garrida Aldina
que vai día de San Xoán catar a fror d’auga fría.

A impalbábel flor da auga que se discirne coa mestura da auga e coa luz dos raios do sol na madrugada de San Xoán, foi (e pode seguir sendo) un misterio para os expertos; mais segundo o antropólogo Xosé Ramón Mariño Ferro esta é a auga dunha fonte recollida cando dan os primeiros raios do sol nela, por isto ten o seu valor sagrado. Tamén apunta a que esta auga era empregada para realizar o sacramento cristián do bautismo durante os primeiros séculos do cristianismo.
Noutros lugares, como en Cantabria, pódense apreciar as mesmas tradicións pero definindo a mesma flor como auga branca que sae das fontes e dura só uns segundos tan pronto chega a mañanciña de San Xoán, ou tamén chamada “escuma” ou “tona” da auga que aparece na capa máis superficial. Esta considérase que ten unhas propiedades excepcionais para ter saúde, felicidade, fertilidade, fermosura e tamén existe a crenza dos seus poderes para conseguir a eterna xuventude.
A simboloxía do sol e da auga:
O sol veu ocupando ao longo da historia unha posición preeminente na cultura e na existencia humana. A súa simboloxía dentro das antigas culturas parte da constatación de que a existencia do sol determina as estacións que forman o clima e o ecosistema dun lugar. Ante estes fenómenos, o home primitivo tivo que adaptarse para subsistir cultivando a terra e facer modificacións precisas para que dese froito o cultivado. O sol mostraba ser unha fonte de vida e a dependencia del deu orixe a un conxunto de cultos ou veneracións, sendo considerado un símbolo de divindade.
O filósofo e historiador das relixións Mircea Eliade explica que a auga inspirou no ser humano desde tempos remotos un sentimento de veneración debido ao valor sacro que ten como elemento cosmogónico e tamén porque mostra poder e semella “viva”, co seu continuo movemento, tal e como se ve no mar, nos ríos e nas fontes. A auga cura, purifica e dá fertilidade e vida. O ser humano primitivo comeza a ver a auga como un elemento sacro. E nas augas dos ríos e fontes poden manifestarse as deidades, presenzas sagradas ou atribúenselle propiedades milagreiras. Incesantemente mostra a súa peculiar forza sagrada e poder, podendo dar ou quitar a vida. A devoción pagá e o culto das augas mantívose ao longo dos séculos dunha maneira soprendente, terminando estes cultos por seren tolerados e aceptados cando chegou o cristianismo e así, afortunadamente perduran ata o día de hoxe.
Por tanto, do que podemos estar seguros é de que a misteriosa flor da auga representa o renacer cíclico anual, onde vemos o poder e a maxia da auga coas súas virtudes mesturadas cos raios de sol cando este está na súa plenitude vencellada ao solsticio de verán.
Andamos de ferias, Biosbardia?
Boa tarde. Biosbardia interrompe sempre as súas publicacións entre final de xuño e primeiros de outubro. Graciñas polo interese. Apertas
Mágoa! Pois desfrutade dun ben merecido descanso. Apertas