BiosBardia

O país dos libros en galego

‘A fregoneta’ vs ‘Ep. 1 Temp.1 A aldea de San Río Branco’

A Team

Xornada 4 da Liga Maruxairas do Outono 2021. Duelo entre Carlos Vega e Pilar Vilaboy.

Traba: Cinco versións da mesma historia.

A fregoneta

Pilar Vilaboy.

Vane levaba tempo teimando en mercar unha furgoneta. Gustáballe aquela negra do anuncio resaltada pola raia vermella e que tivese os cristais tinxidos para lograr certa intimidade dentro.

Estaba farta de viaxar cos seus compañeiros da orquestra, nese tráiler que se converte por arte de maxia en escenario. Quería un lugar íntimo sen ter que compartir espazo nin cambiarse de roupa no medio de tanto home. Así podía volver á casa un chisco antes, ela remataba de actuar cando empezaba a pachanga final. Ao final do anuncio aparecía o número de teléfono do vendedor. Gustoulle que fose de Ferrol.

…….

O vendedor ferrolán chamábase Tino. Mercáralla a un feirante que insistía en chamarlle fregoneta. Empezoulle a fallar o arranque e o home prefería aproveitar para cambiala por unha máis grande. Tino era un mañoso dos coches e deixouna coma do trinque. Sempre tivera ansias de investidor e agora vendíaa por 4.500 euros, e aínda lle quedaba algo de ganancia. Viu que tiña un whatsapp dun número que non coñecía. Gravou o móbil descoñecido e quedou abraiado coa foto que lle apareceu. Vanessa era a cantante feminina da sonada orquestra Costa Verde. Pero el non a coñecíaa por iso.

…….

Vanessa fora a profesora de bachata de Tino durante case seis meses. Antes de que ela deixase o mundo do baile para dar o salto á música, onde o soldo era máis digno. Nacera artista e desprendía sensualidade bailando co seu toque de cadeiras.

A Tino parecíalle humillante non saber levar o ritmo. Menos mal que Vane sempre tiña un sorriso animoso, un brillo feliz nos ollos e unha paciencia infinita. Cando se despediu do grupo, Tino pensaba que ela se esquecería del nun suspiro. Pola contra, el mantívoa moito tempo na súa memoria. Foi daquela cando mercou a fregoneta.

…….

Cando lle ofreceron o posto de cantante non o pensou dúas veces. Podía deixar atrás centos de clases mal pagadas. Collérana porque ademais dunha boa voz bailaba calquera estilo: tanto lle daba a un pasodobre coma a unha cumbia.

Comentoulle a Pepe, o batería, o seu propósito de facerse cunha furgoneta de segunda man. No fondo pensaba que era unha diva, nin que fose Madonna para ir no seu propio vehículo. Advertiulle que tivese coidado, que as fraudes por internet eran algo habitual. Vanessa non sabía aínda que Tino, o dono, tivera algo que ver co seu pasado.

…….

Quedaron un venres en Betanzos. Vane estaba convencida de que facía unha boa compra. Cando se achegou á furgoneta, Vane deuse de conta de que coñecía esa cara pero non sabía de que. E díxollo a Tino que lle contestou cun:

Un, dos, tres, “tap” movemento de cadeira. Non deberas esquecer un dos alumnos máis arrítmicos da túa clase…Vane recoñeceu a un Florentino que cinco anos antes pesaba quince quilos menos e tiña bastante máis pelo. Lembrou aquelas mans suorentas que lle apertaban de máis os dedos. Faloulle dunha rebaixa de 500 euros e selaron a compra cun abrazo.


Ep. 1 Temp.1 A aldea de San Río Branco

Carlos Vega.

Templo de Erek | Taboíña de arxila | Épica

Catro heroes babilónicos, encabezados pola dourada armadura de M.A. “Gilgamesh”, emprenden unha misión outorgada por Ànat, deus da guerra. Deben atacar a fronteira veciña, que está envelenada polos vapores da guerra. Golpean por sorpresa e conquistan a cidade amurallada de Ndosor, arrasando con todo ao seu paso, pero ao regresar descobren que foron manipulados por Taná, sultán do engano. Son acusados e condenados a vagar polo deserto, a lombos dun cabalo negro, por un crime que non cometeron.

Castelo de Tragonéboa | Representación de banquete| Compañía “O espello da raíña”

O nobre ladrón Fénix “Dick” lidera a súa banda de mercenarios que asaltan os camiños. Nun destes atracos secuestran unha fermosa rapaza que pronto embruxa o corazón do protagonista. Trátase da única herdeira ao trono, quen os arenga a atacar o castelo, en nome do pobo famento. Tras arrasar a fortaleza descóbrese que a rapaza non é a filla do rei, senón a súa irmá, Morgana, quen toma o trono tras  derrocar a Artur. Os protagonistas son condenados a morrer por unha traizón que non lles pertence. No último momento conseguen fuxir, grazas aos recursos da maxia negra. 

Telecinco  | Dobre capítulo | Comedia

Durante a guerra de Vietnam, o coronel Samuel Morrison ordena ao escuadrón de John “Hannibal” Smith que reduza a cinzas o Banco de Hanoi. O Equipo-A dinamita o edificio ata que non queda nin a terra sobre a que o ergueu. Cando volven a base, descóbrena atacada polo Viet Cong, con todos os soldados mortos, incluído o coronel ao mando. Sen unha autoridade que xustificase as súas accións, son encarcerados en Fort Nite. Non tardan moito en escapar, grazas a un vehículo tisnado. A día de hoxe aínda son perseguidos, en nome dun estigma do que son inocentes.

Refuxio Nº76 | Cintas descontaminadas | Aventuras atómicas

Historia poshecatombe. Narra as aventuras dun mozo mutante ( “Toxic P” Murdock) e o seu equipo nuclear na procura de auga pura. Un confidente sópralles a localización dun antigo manancial que permanece intacto nos baldíos. O único problema é que está custodiado por unha manda de garrulos lisérxicos. Tras masacrar o asentamento, Murdock e compañía danse de conta de que non é auga, senón auga con gas. Escapan loucos de terror, presa dunha sede negra que non poderán saciar.   

Hemeroteca solar | Referencia a restos arqueolóxicos | Xénero humano

Un guionista benevoliano do quinto planeta, de turismo pola Terra, colleu o RE-AKE nunha festa sen protección. De volta en casa, preso de febre, devorou todas as series terrícolas que puido e compuxo, nunha soa tarde, o guión dun novo episodio piloto no que unha furgoneta intelixente guiaría catro humanos en polo menos tres temporadas de refritos. Seguindo a lexislación creativa do ano 3241, foi guindado a un burato negro, imputado por un remake que ninguén lle pediu.

7 thoughts on “‘A fregoneta’ vs ‘Ep. 1 Temp.1 A aldea de San Río Branco’

  1. A fregoneta

    “O vendedor ferrolán chamábase Tino”.
    penso que o narrador non debia continuar o relato desta maneira, coma se esta frase viñese tras un punto seguido da anterior.
    Se non fose polo puntos suspensivos este relato non se distinguiría demasiado dun relato sen atranco. Habería que traballar máis o modo de afrontar o atranco das 5 versións.
    Dito isto, estou por afirmar que o/a autor/a se tomou o atranco de modo filosófico. A maioría de nós usamos 100 palabras seguidas para cada version, cun corte claro tras cada unha. Aquí o que vexo é que a historia vai seguida (eses puntos suspensivos postos por César non axudan nesta ocasion) e as versións van fluindo na narración en forma de mutacion argumental. Vane, unha cantante dunha orquesta, vaille mercar unha furgo a un descoñecido qe logo resulta ser un antigo alumno da escola de baile que tiña. Non sabería enumerar as 5 versions concretas pero paréceme que a intención era esa, introducir ramificacións, coma se fose un cadaver exquisito.
    Isto non é excusa, claro. O relato é frouxo. Dito con poucas palabras, é o relato dunha rebaixa de 500€ na compra dun automobil. Pouco máis hai que rascar.

    Ep. 1 Temp.1

    E de non mencionar o Equipo A pasamos a ver varios capitulos de golpe. Gústame a maneira de fundir foto e
    atrancos nunha soa idea: cada version é un capitulo.
    Se o relato estivera en alemán pareceríame fantástico. O malo é que ó lelo non se cumple a expectativa creada. No cap 1 dise que non cometeron o crime, pero si que o cometeron. Igual son demasiado puntilloso pero era mellor dicilo doutra forma. Ó mellor usando a palabra “delito” coma no texto orixinal da serie, ou cambiando o arrasar unha cidade por algo mais resersible.
    Pasa algo similar no cap 2. Son bandidos que asaltan un castelo por beneficio propio. Non cadra nada ben.
    O cap 3 é tal cual a serie. O 4 é unha tolada de Murdock (ok a iso, e ata me parece pouco tolo) e o 5 é un remate pouco satisfactorio.
    En fin, que o relato non logra crear un continuo que se retroalimente do que un vai lendo capitulo a capitulo. Poderías quitar calqeura deles e non se notaria (excepto polo feito de uqe o equipo A son 4). Non se suman, só están aí postas, a mancha Rorschach do relato non ten forma de nada.

    Voto por Ep 1 Temp 1. A foto mandeina eu.

  2. Boas compañeiras:

    A fregoneta:
    Gústame o escrito, pero penso que as versións están algo difusas, coma se non houbera un conector demasiado explícito entre elas. Quizás tampouco ten por que habelo, epro botei algo en falta a cohesión.

    Ep. 1 Temp.1:
    Encantoume o relato, pareceume moi orixinal o dos títulos e o xeito de fiar as historias, moi bo fío.

    Voto por Ep. 1 Temp.1

  3. Os meus comentarios van na liña do xa exposto por Lois.
    A fregoneta
    Tamén tiven dificultades para identificar as cinco versións da historia. O primeiro parágrafo interesoume moito. Era unha historia ben escrita e que prometía, mais logo quedei coa sensación de que non se lle sacou todo o partido aos personaxes que se podería.

    Ep. 1 Temp.1
    Gustoume o de usar 5 episodios da serie como fío conductor. Paréceme orixinal e moi apropiado tendo en conta a fotografía tan emblemática. Tamén me gustou que os “episodios” fosen completamente diferentes entre si, que o autor/a non se vise na obriga de seguir o argumento da serie de referencia, senón que deixase voar a imaxinación. Consegue un conxunto moi divertido.

    O meu voto vai para Ep. 1 Temp.1

  4. “A fregoneta”: O punto de partida, a historia que se quere contar, paréceme que está ben e podería dar un bo resultado despois de traballala máis. Pero non son cinco versións da mesma historia. É unha historia normal, que corre cara adiante. Fai falta máis…

    Inda por riba, ten un rival duro…

    “Ep. 1. Temp. 1”: …moi duro, porque que fermosa frikez, por favor. Con garrulos lisérxicos incluídos. Certo que é un texto que precisa da bagaxe do lector para cumprir, pero paréceme un exercicio marabilloso.

    Voto por “Ep. 1. Temp. 1…”.

  5. Boas. Veño tarde de coidado desta vez. Os duelos dos atrancos das cinco historias están sendo todo un espectáculo.
    “A fregoneta”. O bo da historia son as persoaxes tan cribles que ten. Está ben narrado, inda que algo atropelado. Non lle favoreceu o de querer plegarse ao das tres historias. Ademais o conflicto é algo anecdótico, e en xeral os lectores piden máis punch nestas cousas (isto é culpa dos lectores sobre todo).

    “Ep. 1. Tempo 1…” é un exercicio máis orixinal que explota mellor a traba. Poida que sexa unha das aproximación máis imaxinativas a esta traba. Iso si, non me parece tan ben contado, e creo que en moitas historias incluso hai certo recheo (malditos refritos). Se se conseguise implantar un fío en cada episodio máis alá da coñita… perfecto.

    VOTO a “Ep. 1 Tempo 1” porque meteu o Fallout aí polo medio.

  6. Boas.
    Xa sei que chego tarde, pero por se aínda valeran para algo, aí van dúas palabras.

    Creo que A fregoneta narra ben a historia dun desencontro, tan habitual como intrascendente. Quizáis necesita algo máis de chicha na relación entre os protagonistas.
    Por outro lado, en “Ep. 1 Temp.1 A aldea de San Río Branco” hai como unha dexeneración do mito que se vai reproducindo en diversas versións, ata quedar reducido a unha trivialidade insulsa. Tamén encontro algo de confusión nas diferentes versións.
    Voto por “A fregoneta”.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *