BiosBardia

O país dos libros en galego

A frustrada tradución do ‘Fra Vernero’, de Otero Pedrayo con Cunqueiro ao fondo

Ramón Otero Pedrayo.

Xesús González Gómez.

O número 52 da revista Grial (abril-xuño, 1976) está dedicado integramente a Ramón Otero Pedrayo, que finara o 10 de abril dese ano. Neste número, Álvaro Cunqueiro publica unha «recensión» (digámolo así, aínda que en realidade é un artigo) da novela do ourensán Fra Vernero. É talvez, ou sen talvez, o escrito mais intelixente que se escribiu sobre a novela oteriá. No número 90 (outubro-decembro,1985) da devandita revista, quen isto asina publicou unha «Relectura de Fra Vernero», lanzando a hipótese dunha influencia de Rimbaud sobre Otero, influencia digamos estilística e, menos, pero tamén real, «poética», nesta novela. Novela publicada en 1934 pola Editorial Nós e que 60 anos despois aínda non fora reeditada. A reedición realizaríaa a Editorial Galaxia dous anos despois, levando como prólogo o excelente escrito de Cunqueiro mencionado liñas atrás. Unha edición que debía eliminar erros e grallas da primeira, mais a cousa non se detivo aquí –infelizmente– e o corrector doulle por corrixir non só erros e erratas, senón a propia lingua de Otero e a puntuación deste. Quen isto asina, e pido desculpas polas autocitas, no número 322 d’A Nosa Terra (10-IX-87) publicou unha recensión que titulei «Fra Vernero: o debido respecto aos clásicos»[1]. A segunda edición, ou a nova edición da novela de Otero seguiu o seu curso, e, seica, no 2015 foi reeditada, supoño que coas correccións que lle perpetraron aquel malfadado 1987. Polo demais, dende hai un tempo, parece ser que Otero Pedrayo, o Otero novelista, é o albo de novelistas que argallan novelas que, moitas veces, cando un as le non sabe se está a ler unha novela de humor voluntario ou involuntario. É dicir, se o autor ou autora é un/ha humorista ou se a cousa lle saíu así sen el/a decatarse. Por outra banda, xa lles gustaría a esta/es afeccionada/os ao tiro ao pato escribir unha novela como Fra Vernero, como Devalar, como Os camiños da vida

Pero queriamos falar da mala sorte ou fortuna de Fra Vernero. Mala sorte que nada ten a ver coa intervención invasiva do corrector na edición publicada por Galaxia. Non. A mala fortuna é que a novela estivo a piques de ser publicada dúas veces en español. (Traducida do galego, e pómolo en cursiva porque estamos ver como se publican novela escritas en galego en versión castelá sen que se indique que está traducida do galego. Só na lapela, ou na contracapa, ás veces, dise que a obra publicado foi escrita orixinalmente en lingua galega, etc.; outras veces nin iso se di, e non sei se a/os autora/as protestan ou non. Quizais non, por aquilo de que o medo garda a viña; é dicir, que logo esa editorial diante da cal protestaches xa non che publica nada máis etcétera etcétera.)

A mala sorte é que, segundo as miñas noticias, a novela oteriá estivo a piques de ver publicada unha versión castelá ou española que, infelizmente, nunca viu luz.

En 1941, o 31 de outubro, venres para máis sinais, na páxina 3 de Arriba. Órgano de las Falange Española Tradicionalista y de las JONS (Juntas Ofensivas Nacional Sindicalistas). Diario de la mañana[2], aparecía a primeira parte (I) dun artigo titulado, único artigo publicado aquel día en tal páxina,  «Dos libros: Un Werner y un Napoleón». O citado artigo iniciábase desta maneira: «Escribí estos días sendos prólogos al Napoleón de Teixeira y al Fra Vernero de Otero, dos libros de próxima publicación». O libro de Teixeira de Pascoaes editouse, en español, en 1946: Editorial Apolo, de Barcelona, tradución do escritor menorquino (supravalorado para uns; infravalorado para, outros) Mario Verdaguer e sen o suposto prólogo do galego. Como pode imaxinar lector ou lectora que siga estas liñas, o autor de tal artigo non era outro que Álvaro Cunqueiro. E continuaba a mindoniense a afirmar que de Napoleón se escribiu todo e de Werner nada. Segundo Cunqueiro, Werner «es un desconocido: un artículo en El Museo de las Familias, las citas de Mad. de Staël en su De l’Allemagne, unos párrafos en un libro reciente de Romano Guardini, eso es todo.»[3] Werner, engade Cunqueiro, sufre xeracións de esquecemento.

A Ramon Otero (Cunqueiro nunca dá o seu segundo apelido, nunca di que o libro foi escrito en lingua galega: por que?; respostas hai moitas, mais cal sería a certa?, polo que non facemos cábalas sobre tal decisión do de Mondoñedo), afirma, obsesiónalle Werner, o Werner que se achega un día a Madame de Stäel e lle di: «Señora, son profesor de amor», O Werner que quere escribir un drama, San Francisco, que faga esquecer o seu Lutero (entre tanto, convertérase ao catolicismo), etc. Con San Francisco, Werner quería destruír o seu Lutero, e de aí que nesa obra debían vencer o Amor sobre a Razón, a Liberdade sobre a Fatalidade, unha obra na que Adán aparecería libertado e bautizado, e Adán expulsado do Paraíso. Werner, Fra Vernero «disponía su imaginación para las grandes batallas que por el Cristo deben ser libradas en la tierra». Eran os tempo, os días, da retirada de Rusia.

Para uns, dinos Cunqueiro seguindo a Otero Pedrayo, Werner era un demo, para outros o poeta da Reforma, para os máis: «un tipo extraño y fantástico». Cando estrea o seu Lutero, os aplausos, di «Ramón Otero, no encubrieron en la crítica una especial reserva, motivada por la repugnancia a la dramatización de un tipo y un problema de alta moral». «Los espíritus religiosos se escandalizan al contemplar a Lutero en las tablas, como se escandalizarían los profesores con una obra dramática que tuviera por asunto la Razón Pura (Otero Pedrayo)», etc. Vén despois a conversión ao catolicismo de Werner. Fíxose franciscano, e conta o mindoniense: «El manto del olvido cayó sobre sus hombros como sobre las cumbres altas de las montañas bávaras el manto de la noche». Mais «O Réquiem de Mozart, que Werner, Fra Vernero, amaba tanto, sonó como nunca en el funeral del poeta, del hermano de san Francisco. Las pomaredas comenzaban a florecer, camelia y luna y nieve…»

En realidade todo o artigo é un resumo (?) do libro de Otero. Un resumo que, supomos, formaba parte dese misterioso prólogo a Fra Vernero que (como tantos libros que prometeu ou proxectou) Álvaro Cunqueiro nunca escribiu. [Outro misterio (sic) ou enigma sería, quen traducira esa versión de Fra Vernero ao castelán, xa que dificilmente imaxinamos que en 1941 se publicase en galego, cando o franquismo quería facer dos idiomas catalán, galego e vasco simples linguas familiares e/ou folclóricas? A tradución era do propio Cunqueiro?] E acaba o artigo dicindo: «Werner no es un gran poeta, aunque sí sea una figura extraordinaria a la que una crítica injusta ha lanzado a la oscuridad. El libro de Ramón Otero es un libro apasionado, en el que nunca sabemos donde la fantasía deja las alas y la realidad toma el potro de una prosa fresca y suculenta.»

Dous días despois, o domingo 2 de decembro daquel 1941, aparece, na mesma páxina 3, a segunda parte do artigo cunqueirián; artigo acompañado nesta ocasión de escritos de Azorín, «Españoles sin adjetivo. Ramón Cabrera», de R. Ledesma Miranda. «Perfiles de la semana. Uno, de siempre», do doutor Manuel Gª. Egea, «El pan y las vitaminas», e dunha recensión musical: «Rosa Más, violinista, en la Asociación de Cultura Musical», asinada coas siglas F. S., que pertencen ao musicólogo falanxista, e aínda non sacerdote, Federico Sopeña; artigo que se inicia da seguinte maneira: «El Napoleón de Teixeira de Pascoães es todavía más apasionado que el Fra Vernero de Ramón Otero». Continúa logo afirmando que «poderosas y antiguas razones», que van desde G. B. Vico a Spengler, e numerosos puntos de vista, poden oporse á interpretación romántica «quizá se me permita añadir: y medieval» de Teixeira, que considera Napoleón como «el Anticristo, como el ser humano por excelencia, llevando al campo de la historia todo su poder zoológico y bíblico, toda la herencia darwínica y adámica, una fantástica y otra natural”». Preguntarse cal é a verdade, di o escritor galego, é inútil neste caso: «“Ningún hijo tuvo tantos padres”, dice Teixera unamunescamente», de Napoleón. O que é certo, porque, continúa a dicir, hai o Napoleón de Walter Scott, o de Goethe, o de Beethoven, o, de Byron, o de Vigny, o de Stendhal, o de Dumas, o de Thiers, e de Puskin, o de Manzini, o de Heine, o de Nietzsche, o de León Bloy, o de Mevejovski… «trabajado por los hombres como ningún otro hombre. ¿Y la verdad?» A verdade é que o corso «realiza lo que sueña, avanza desde el sueño a la realidad, “cristaliza la niebla con una facultad verdaderamente mineral». E a terra nai considera a Napoleón «el más perfecto de sus hijos –asevera Teixeira».

O poeta portugués está en discusión permanente sobre o home, o seu pasado e o seu futuro, afirma Cunqueiro, e con Napoleón, como onte con São Paulo e São Jerónimo e a trovoada, Teixeira quere advertirnos «contra unha monstruosa ilusión: a de considerar historia o pasado y profecía el futuro. La historia es profecía; es el futuro en plena vida», e, engade Cunqueiro, esta vez usando da retórica falanxista, «es sobre el rostro de los muertos donde nace el espejo de las próximas primaveras.»

«Werner olvidado, Napoleón labrado cada día por la memoria de los hombres: dos sombras de las que apenas sabemos nada, pese al silencio que cubre al uno y al bullicio que rodea al otro», e, di Cunqueiro, que non é certo que non exista un limite para as interpretacións, e levantar ese límite corresponde non á historia, non a iso que denominamos «verdade histórica», senón que corresponde «al corazón humano, a su capacidad de ilusión, entendimiento y fantasía».

Son Napoleón e Fra Vernero dous libros cheos de «santa pasión y –por veces– de santa ira [que] nos ayudan a reafirmarnos». E despois de afirmar que todas as utopías son realizábeis, «salvando pequeños detalles de técnica. Todos los monstruos pueden ser domados. Pero no todas las esperanzas saciadas», acaba, esta vez, malia que poida semellar o contrario, pouco falanxisticamente: «Aquí se rompen, como muralla de la China o línea Maginot, las grandes polémicas de la Historia, incluyendo, como prólogo o epílogo –¿no es lo mismo?–, la Historia Sagrada».

Fra Vernero apareceu, como dixemos, en segunda edición en 1987, cun prólogo de Cunqueiro. Prólogo que non é o que, teoricamente, estaba a escribir en 1941 para unha edición, en castelán?, da obra de Otero Pedrayo. Polo que respecta ao suposto prólogo para presentar o Napoleón, vertido ao castelán, de Teixera de Pascoães, acontece o que acontece co prólogo á novela do galego: iniciouno algunha vez o mindoniense? Lembremos que tiña en proxecto traducir este libro do poeta portugués, libro do que traducirá uns fragmentos que apareceron no número 58 (agosto 1942) de Vértice. Revista nacional de la Falange Española Tradicionalista y de las JONS, pero que, como se dixo máis enriba, acabou traducindo o escritor menorquino Mario Verdaguer.

Ramón Otero Pedrayo, primeiro pola esquerda, en compañía de Álvaro Cunqueiro, terceiro pola esquerda.

É dicir, que en 1941 Álvaro Cunqueiro proxectara que se publicara (en castelán, evidentemente, e supomos que con tradución súa) a novela de Otero Pedrayo. Non foi posíbel. Ou, quizais, tal proxecto só estaba incluído na mente do escritor mindoniense e serviulle de tema para un (dous) artigos. En todo caso, se acreditamos no que escribe Cunqueiro neste artigo, quizais deberiamos engadir un libro máis aos proxectados, soñados polo noso escritor, co que, ao final, teríamos un total de cincuenta e cinco (55) libros, soñados, inventados, proxectados polo autor de Merlín e familia e que nunca se realizaron.

Como nunca se realizou a tradución ao castelán de Fra Vernero, aínda que, segundo noticias, a editorial dependente do xornal Heraldo de Aragón, de Zaragoza, tiña en mentes (os seus responsábeis, claro) editar a novela de Otero en castelán, traducida por Ángeles Cardona Castro, que asinou moitas veces como Ángeles Cardona de Gibert, e que era responsábel da serie «Libro Clásico», da colección Libro Amigo, da Editorial Bruguera. A versión de Ángeles (ou Ángels, xa que así asinou sempre os seus libros de creación) Cardona debía levar un prólogo de Benito Varela Jácome, amigo dela e codirector de Libro clásico, e que nesta colección publicou unha Obra poética, de Rosalía de Castro (os poemas galegos en versión bilingüe), que chegou, cando menos, a tres edicións. Por outra banda, Ángeles Cardona presentou unha comunicación no Simposio internacional (sic), celebrado en Compostela en setembro de 1988, Otero Pedrayo no panorama literario do século XX[4]: «A literatura do século XVIII a través dunha novela galega, Fra Vernero (Zacharias Werner), de Ramón Otero Pedrayo.

Porque, finalmente, non se publicou esa tradución de Fra Vernero?


[1] Véxase como exemplo e paradigma das ocorrencias dos correctores de Otero, o traballo de Luís Gonzales Blasco, «Estudo crítico do léxico da ediçom “Os camiños da vida”», Algalia, nº 39, Outono 1994, p. 269-295

[2] Segundo Laín Entralgo, Descargo de conciencia, o falanxista de primeira hora Agustín de Foxá propagaba en faladoiros e conversas que no momento da próxima unificación, o nome do partido debería pasar a se chamar Falange Española Tradicionalista y de las Juntas Ofensivas Nacional Sindicalistas y de los Grandes Expresos Europeos.

[3] Cunqueiro, aquí, fala de «oídas». O de El museo de las familias, tírao do propio Otero («De neno eu tiña lido moitas veces un artigo curto, mestura de admiración e piedade, encol de Zacarías Werner, na vella revista europeizante El Museo de las familias.). O mesmo acontece coa cita a Madame de Staël, mais Otero di que atopara «a mesma figura e uns fragmentos dos seus dramas no sonado libro De l’Allemagne de Madame de Stäel», é dicir, algo máis ca unhas notas, xa que no citado libro a Werner se lle dedica o capítulo XXIV («Luther, Attila, Les fils de la vallée, La croix sur la Baltique, Le vingt-quatre février, par Werner p.309-321) e unhas notas no capítulo XVII «De la déclamation» (p. 346), ambos capítulos da segunda parte do libro: «De la littératture e des arts». A numeración é a partir da edición De l’Allemagne, de Madame de Stäel, nouvelle édition revue d’après les meilleurs textes, Librairie Garnier Frères, París, s/d, pero despois de 1835, xa que a presentación é un fragmento dun escrito de Sainte-Beuve dedicado a Madame de Stäel. O de Romano Guardini, non sei a que libro deste se refire o escritor galego.

[4] As actas do Simposio están recollidas no libro: Anxo Tarrío (Coord.), Otero Pedrayo no panorama literario do século XX. Santiago de Compostela, Consello da Cultura Ggalega, 1990. A comunicación de Cardona ocupa as páxinas 183-199 de tal volume.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *