‘A horta de Simón’. O comunitarismo explicado aos nenos
Ía titular esta crítica: “O comunismo explicado aos nenos”. Mais coido que máis alá do sensacionalismo, atribuírlle tal cousa ao libro de Rocío Alejandro é temerario.
Pero empecemos polo principio.
Rocío Alejandro gañou o Premio Compostela para álbumes ilustrados 2017 co’A horta de Simón, libro publicado por Kalandraka co apoio do Concello de Santiago. Nesta obra, a arxentina utiliza un argumento moi sinxelo: a decisión de Simón de plantar cenorias na súa veiga fechada, para facerlles entender aos lectores, primeiros lectores, as vantaxes do comunitarismo, da colaboración.
Cheos están os andeis das librarías de libros pensados para primeiros lectores que empregan a escusa dunha historia (conto, xeralmente destinado a ser repetido ducias de veces como lectura polas crianzas ou como lectura en voz alta dos seus parentes adultos) para expresar consignas. É o que se chama literatura infantil dos valores; unha especie de ferramenta pedagóxica que serve para acabar de armar o libro como produto “útil” fronte a supostas historias que non teñen maior intención que prender a imaxinación dos lectores.
A unión de pedagoxía e literatura pode crear monstros. Libros cuxos destinatarios rexeitan por pesados, azucrados ou falsos. Os denominados libros balsámicos, comprados por pais que queren que os seus fillos adquiran determinados comportamentos ou coñecementos non seguindo a lóxica educativa desde o punto de vista do neno senón a través dos fantasmas e arelas dos adultos, que achan que dando a ler determinados libros aos seus fillos cumpren a función paterna de “levalos polo bo camiño”.
Mais, pola contra, a literatura non ten por que renunciar a expresar diferentes niveis de lectura. Non é mellor por si só unha lectura simple, alienada completamente dun contexto real, guiada só pola fantasía do autor. Hai ducias de exemplos de libros fallidos que só intentaban “entreter” a rapazada.
A horta de Simón ten, ao meu ver, dúas virtudes. Unha temática e outra estética.
No que ten a ver co debuxo, Alejandro consegue transmitir beleza e emoción mediante debuxos “á altura” das crianzas. Non coido que sexa nada novidoso o uso de figuras “infantilizadas” de animais pero hai que dicir que segue a funcionar ese esquema. Deseños que lle ofrecen aos lectores a proximidade necesaria para que lles naza logo a seguir da lectura debuxar os personaxes sen a sensación de incapacidade para facelo que moitos nenos sofren logo de ver os debuxos executados por un profesional. A ilustradora, ademais, fai un intelixente xogo de composición da “horta do Simón” mediante follas milimetradas, que combinan coa sinxela dos demais trazos, o que lle dá ao libro un aspecto de collage moi agradable, en texturas de papel envellecido (amarelos, laranxas, castaños claros…)
En canto ao tema, o libro fai unha reflexión sobre os límites da propiedade privada. De aí a tentación de cualificar o libro como un micromanual de comunismo. Os lectores quedamos coa idea de que a vontade individual e individualista non abonda para ter unha vida plena e que só a través da experiencia colectiva é posible conseguir todo o necesario. Pero a autora do libro non se conforma coa idea máis habitual de “autoconvencemento” ou toma de conciencia persoal senón que introduce unha variable moi novidosa; neste libro é a colectividade, o conxunto de veciños de Simón quen decide intervir directamente na horta e facela medrar “sen permiso”. O libro está moi ben porque incluso explica que ocorre cando o colectivo abusa da súa potestade e deixa o pobre do Simón “fóra do plano”.
A horta de Simón é moito máis ca un libro que lles aprende aos nenos o bonito que é compartir. Introduce unha liña de pensamento afastada a mantenta de todos os espazos de reflexión na actualidade. E se só a través do comunitario é posible vivirmos mellor?
♦ A horta de Simón, de Rocío Alejandro. Tradución de Manuela Rodríguez, Kalandraka, 2017. 44 páxinas. ♠15€