‘A identidade fascinada’, as voces nas sombras

Cabería clasificar A identidade fascinada, de Antonio Piñeiro no xénero ultimamente tan de moda da autoficción. Este xénero e certos xeitos de practicalo levan ás veces a etiqueta de innovador ou experimental cando o certo é que levan ben de décadas sendo moeda común (por poñer un exemplo socorrido, boa parte da mellor literatura española do exilio é autoficcional: Barea, Sender, Aub). Piñeiro, non obstante, introduce un elemento literario que o diferencia da marea de obras que se están a publicar e que, ao meu ver, é o grande achado da obra e, en boa parte, o responsable de que esta sexa exitosa: en vez de narrar en primeira persoa de singular, Piñeiro faino en primeira persoa de plural.
É esta unha primeira persoa de plural bastante maleable e por isto mesmo literariamente interesante. Este narrador é, sensu lato, o conxunto dos estudantes que chegaron en masa a Compostela a comezos dos 80, entre os que se inclúe o propio autor. Esta primeira persoa de plural ás veces refire o que, por pura lóxica, só poden ser vivencias individuais (se cadra do propio autor, se cadra de outros), causando así no lector unha certa sensación de indefinición: quen fala aquí e con que autoridade? Moi axeitadamente, este narrador (ou narradores) evita (con excepcións que detallarei a continuación) grandes pronunciamentos para centrarse nas experiencias. A consecuencia é que en ningún momento vemos a Piñeiro erixirse unilateralmente en voceiro da súa xeración: el, ou mellor dito esta primeira persoa de plural, só relata, reflexiona, divaga (non narra: non hai aquí trama en sentido clásico. Non vou dicir que isto é innovador, porque hai décadas que non o é nin creo que Piñeiro o pretendese: o que si fai é usar a ausencia de trama con moita habelencia para aumentar a sensación de indefinición). Aí está, ao meu ver, o celme do éxito da obra: os retratos xeneracionais feitos adrede e autoconfesados teñen moito de arrogante e, o que é peor, non adoitan ser interesantes literariamente (outra cousa é que algunhas reseñas e mesmo a propia publicidade de A identidade fosen polo camino do retrato xeneracional, o que para min é incomprensíbel, pois non se sostén no propio texto).
Non semella tan acertado, ás veces, o xeito en que Piñeiro introduce datos estadísticos e citas bibliográficas. Estas achegas redondean o carácter ensaístico do texto e en moitas ocasións proporcionan un contrapunto á voz narrativa de Piñeiro ou simplemente dan información de interese, pero merecerían outro tratamento menos prosaico, menos de mala gana, menos baseado na linguaxe propia do xornalismo menos esforzado (“Santiago viuse, desde 1982 ata 1990, afectada polos maiores incrementos demográficos da súa historia”). Son pequenas pexas nunha lectura que coido quen de satisfacer a moitos lectores que busquen máis ca unha trama engaiolante ou uns personaxes cos que un se poida identificar.
♦ A identidade fascinada, de Antonio Piñeiro. Galaxia, 2015. 164 páxinas. ♠14€