BiosBardia

O país dos libros en galego

A importancia do “pitch” na narrativa actual

Ordenador iluminado por unha lámpada. KEVIN FU/NEGATIVE SPACE.

César Lorenzo Gil.

Empecemos explicando que é un pitch: Trátase dunha presentación moi breve e persuasiva dunha historia. O seu obxectivo non é contar esa historia, senón facer que alguén queira saber máis, coñecela, comprala… De que vai a túa novela e por que paga a pena lela?

Un pitch non é unha sinopse. É máis breve, máis directo, enfocado a chamar a atención. O seu dominio é absoluto na industria editorial (tamén na audiovisual) actual.

Máis ca un tema, os autores buscan un titular, un referente concreto, evocador, atractivo, que esperta o interese, xa non do público, senón dos medios de comunicación. O malo é que, en moitos casos, esa chispa é o único que o libro contén, se cadra luminosa, pero efémera coma un petardo, baleira coma unha promesa electoral.

O pitch non é, na maioría dos casos, a partícula na que nace e da que fermenta a obsesión do autor, senón unha curiosidade que consegue captar a atención do noso cerebro hiperestimulado o tempo suficiente para facer unha compra impulsiva.

Moitas veces desde fóra da industria é descoñecida a importancia que ten o relato sobre o relato. Tan difícil coma armar unha novela de 200, 500 páxinas, é soster un andamio sobre o motivo de que esa obra e non outra das ducias de miles que se publican, mereza a atención dos lectores. De vello, unha maneira de consolidar ese metarrelato é a través da figura do autor. A súa propia esencia en moitas ocasións axuda a vender unha novela. A historia dun inmigrante que atravesa África terá maior sentido se vén escrita por alguén que o viviu. No fondo, puxando dese fío, ao final aparece a autoficción. A engrenaxe perfecta na que trama e autoría converxen á perfección. O autor convertido en personaxe é imbatible. Durante as roldas de prensa e entrevistas, ese autor non ten que explicarnos o universo que inventou, só ten que convencernos de que el “habita” ese universo.

Mais conseguir autores que sexan a esencia dos seus relatos non sempre é doado. Necesitan ou ben unha traxectoria ou un “evento” que axude a captar a atención do lector. Estes son os pitchs que podemos catalogar como: “cousas curiosas que lle pasaron ao autor”. Hai de todo. De menor a maior grao de truculencia ou exotismo, os e as escritoras intentan vender os seus libros porque o lector vai atopar neles algo extraordinario. En moitas ocasións, por suposto que ese “evento” é o impulsor dunha obra orixinal e subxectiva capaz de pasar do máis elemental ao máis complexo, pero noutros casos, só hai sinal, non territorio. A arquitectura comercial de autor máis editorial consegue capturar a atención, pero o engado revélase demasiado cedo.

Noutros casos nin sequera hai engado. Son novelas convencionais, case sempre de xénero, confeccionadas co esquema clásico de calquera ficción, mais cuxo argumento ou estilo case nunca forman parte das intervencións do seu autor. No caso das novelas históricas, o autor utilizará a súa visibilidade para intentar convencer o lector de que “por primeira vez se fala disto que até agora estivo silenciado” ou que “nunca antes ninguén se interesara por este tema/personaxe”. É un lugar común que despois o autor aluda ao proceloso tempo de documentación en arquivos lóbregos ou a descuberta de testemuños aos que só el tivo acceso. Este metarrelato tamén se traslada á novela policial, que aínda que non teña ingredientes propiamente históricos na trama, pode beneficiarse do pitch coa simple alusión a figuras ou eventos históricos que se ficcionan máis ou menos en extenso.

Reparemos nos blurbs, que son esas frases curtas que invitan á lectura desde as bandas. Están infectadas de pitchs. Citas doutros escritores, moitas veces recomendacións de grandes mestres (algúns xa mortos e que dificilmente poderían recomendar a novela que o gabado acaba de publicar), conexión coa actualidade (“a gran novela de…”), conceptos como “rescate”, “descuberta”, “epopea”, “desafío”… Hai pouco un editor dicíame: “Como se convence a un lector de hoxe de que lea un conto, unha lenda, algo que sabe seguro que non lle pasou en algures a alguén”. Algo de razón ten. Quen escoitaba a Homero achaba que aqueles poemas falaban de algo que pasara de verdade. Hoxe a xente quizais non le Cien años de soledad, pero queda fascinada escoitando a García Márquez contando a peripecia que el e a súa dona viviron para poder enviar o mecanoscrito ao seu editor arxentino.

No fondo, a pesar da democratización da escrita literaria, a pesar de que en teoría calquera pode escribir, pois só se necesita tempo e vontade, para conseguir o favor do público segue sendo imprescindible recorrer ao misterio, á idea de que algo involuntario creou o obxecto. E é verdade, a arte non se busca, aparece. Pero, igual ca a Virxe María, adoita prodigarse menos do que a editores e libreiros nos gustaría.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *