A independencia da crítica, por Jaume Brossa

Xesús González Gómez.
Empezo a ler Le style réactionnaire, de Vincent Berthelier. A medida que vou lendo páxinas, penso que debería facer algo sobre el para Biosbardia. Soa o teléfono, é un amigo que me pide se teño determinado libro de J. V. Foix, dígolle que si, no volume Obra completa en vers i en prosa (Barcelona, Edicions 62/Diputació de Barcelona, 2000), e pregúntame se llo podo prestar. Ante a miña resposta afirmativa, di que pasara mañá a recollelo. Retíroo das baldas da biblioteca onde están colocados os libros cataláns e caen dous ao chan. Recólloos. Un deles é Jaume Brossa/Gabriel Alomar: Assaigs, que recolle Regeneracionisme i modernisme, de Brossa e El futurisme i altres assaigs, de Alomar. («El futurisme», de Alomar, é o texto dunha conferencia dada no Ateneu Barcelonés o 15 de xuño de 1904. Alomar adiantouse a Marinetti en case que cinco anos, xa que este publicou o seu Manifesto do futurismo en Le Figaro (en francés) o 20 de febreiro de 1909). É evidente que o futurismo do mallorquino é diferente do futurismo do italiano, aínda que teñan cousas en común. A polémica radica en se o italiano coñecía ou non o texto do mallorquino. Segundo Lily Litvak (Quaderns del Ponent, nº 2, Lleida 1980, p. 9-26) Marinetti coñecíao. Segundo Giuseppe E. Sansone: «Gabriel Alomar e il Futurismo italiano», aparecido en 1976 e traducido o ano seguinte ao catalán en Actes del quart col·loqui internacional de llengua i literatura catalanes (Barcelona, Publicacions de l’Abadia de Montserrat, 1977, p. 431-157), non.
Como había tempo que o lera, folleo o libro que, curiosamente (?), non anotei. Folléoo e dou cun escrito de Jaume Brosa que me interesa xa a partir do título e do que non lembraba nada: trátase de «La independència de la crítica». Despois de lelo xulgo que estaría ben traducilo ao galego, sobre todo tendo en conta que foi escrito (ou cando menos publicado) en febreiro de 1893, no número catro, febreiro do mencionado ano, na segunda xeira da revista L’Avenç. E tradúzoo, porque xulgo que o artigo, escrito hai case 132 anos, non perdeu nin un ápice da súa actualidade. Hoxe, evidentemente, escribiriámolo doutro xeito, mais, no fondo, viriamos dicir o que di Jaume Brossa.
Para aforrar tempo a posíbeis lectores e lectoras desta tradución, reproduzamos o que di sobre Jaume Brossa a web da Enciclopèdia Catalana:
«Jaume Brossa i Roger (1875–1919). Escritor. Publicou os seus primeiros ensaios na revista L’Avenç no ano 1892 e o ano seguinte era xa o principal animador da revista. Situado entre o anarquismo intelectual da fin de século, influído sobre todo por Nietzsche e Ibsen, e as actitudes dos ateneos obreiros; individualista, autor de artigos polémicos e agresivos de linguaxe grandilocuente, foi un do líderes do modernismo no derradeiro decenio do século XIX.
»En 1897 exiliouse e estabeleceuse en París[1], polo que minguou a súa influencia, a pesar dos escándalos que provocaron as súas conferencias no Ateneu Barcelonès. Dende 1898 colaborou en Catalònia e en La Revista Blanca de Madrid, e dende 1906, en El Poble Català. Cara ao 1914 volveu a Barcelona e publicou un panfleto mesiánico (La crisi del règim i el nou dever republicà, 1914), foi codirector de El Diluvio e colaborou na prensa aliadófila. En 1918 publicou Ecos de la tragedia. É tamén autor de dous dramas de influencia ibseniana: Els sepulcres blancs (1900) e Les flors del desert (estreado en 1902)».
Digamos que El Diluvio, fundado en 1879, era daquela un diario federal e anticlerical. Sempre foi anticlerical e de esquerdas. Desapareceu en 1939, cando a entrada das tropas franquistas en Barcelona, e o seu propietario morreu no cárcere; o seu director marchou a Cuba e diversos redactores foron condenados a penas de morte e cárcere…
Velaí a versión galega do mencionado escrito de Jaume Brossa:
A INDEPENDENCIA DA CRÍTICA
En literatura, ademais dos que teñen relación co método máis adecuado ao estudo da obra artística, existen algúns problemas cuxa discusión non pode descoidarse, e menos unha revista con L’Avenç[2], partidaria da verdade na arte e da independencia no libre exame. Estes problemas refírense á parte extrínseca da crítica, a parte social, é dicir, o alcance que pode ter aquela fronte ás preocupación vulgares e da susceptibilidades dos que producen. Poderá non acreditarse na crítica: o que non se pode negar é que elaborou o gusto público tanto como a propia obra de arte. Brutenière[3] chega a dicir que o século XIX é o século da crítica. Se por iso se entende a investigación desapiadada a que se suxeitou todo o existente, ten razón; mais xa non ten se quere chegar dicir que na literatura deste século a crítica ocupa o lugar privilexiado.
Nos países coma o noso, onde a sinceridade é unha planta exótica, a independencia de criterio é antipática á maioría da xente, a independencia do crítico é máis exótica aínda: semella cousa doutro planeta. Porque o crítico, en España, áchase diante de tres obstáculos formidábeis. O primeiro é a hipocrisía dominante por todas as partes; o segundo, o patriotismo; e o terceiro, a extrema susceptibilidade dos autores discutidos. O mellor modo de protestar enerxicamente contra os eufemismos imperantes nas letras catalás (coma nas castelás[4]) é expresar as propias ideas coma se fose un deber e a conciencia llo mandase categoricamente.
A característica de toda agrupación é a medianía, e esta fai valer a brutalidade do maior número para impor o seu criterio a todo o mundo. Cando alguén disinte, vén o interese absolutista da colectividade a facer calar a iniciativa individual. Ao espírito colectivo cústalle moito deixarse fecundar por unha idea benfeitora saída dun cerebro illado e refractario. Mais existe unha gran diferenza entre cando o «misoneísmo» (o horror ao novo) é produto dun cariño á tradición e cando é resultante dun eufemismo colectivo, mantedor de ideas e conceptos desaparecidos da consciencia persoa que os defenden. No último caso é necesario despregar unha cruzada contra a mojigatería, contra o canto dos egoístas que, alentando un escepticismo de casino, utilizan aínda o creto que desfrutan abstraccións pasadas de moda. Concretando esta cuestión en Cataluña, onde a intelixencia adquire escasa representación, son moitos os espantallos que unha crítica independente debe destruír. As frases baleiras de «intereses morais e materiais», a «orde social», veñen a miúdo á boca dos que opoñen a súa resistencia a unha crítica sa e robusta que investigue todo. O estado caótico actual obríganos a facermos unha análise desinteresada de todas as abstraccións que en forma de conceptos erróneos sostéñense na sociedade. Os conceptos de Arte, de Deus, da Moral, do Deber, do Dereito, do Honor, da Patria, da Sociedade, todos evolucionaron e é totalmente distinto o modo con que os entenden un redactor do Brusi[5] e un mozo radical modernista. Por iso non pode haber ningunha solidariedade nin afinidade de ideas entre os que están satisfeitos do presente, os que non desexan nada mellor, e aqueles que, coma nosoutros, queren un estado superior ao actual, teñen unha gran fe no porvir e oen no seu foro interno o aviso misterioso e inefábel que unha sociedade nova ha de vir a substituír forzosamente a que estamos a contemplar. E afirmámonos máis na anterior consideración cando vemos o pouco estímulo que hai aquí a pensar, xunto co horror a toda idea nova, e a barreira insuperábel que os Sancho Panza da arte, da literatura e da política opoñen á mocidade que se ve consumida por unha insaciábel sede ideais novos.
Os que acabamos de chegar á vida intelectual literaria (que noutros países seriamos humildes soldados rasos, mais que neste debemos rebelarnos contra autoridades consagradas cuxo culto implicaría a asfixia moral á intelixencia dos novos) procuramos directores, guías da mocidade que ensinen a fuxir do tradicionalismo e a rutina e dificilmente atopamos algún en toda Cataluña. Na nosa nacionalidade ninguén se viu con forzas dabondo para aspirar á fonda hexemonía que nas nacións grandes exercen talentos da medida de Zola, Tolstoi, Ibsen, Taine, Renan. Máis que ao exercicio do poder político, o ideal dos grandes homes, no presente século, encamiñouse a ter a dirección espiritual dun número determinado dos seus contemporáneos, modelar a súa intelixencia e romper as fronteiras naturais, xeográficas e as artificiosas do Estados modernos, creando a máis bela e grandiosa das patrias: a patria do pensamento. A forza da patria intelectual fai afrouxar os vínculos da patria obxectiva: así é que, fatalmente, un mozo catalán que lea a Zola, Tolstoi, Schopenhauer, Ibsen, Guyau, e que acepte as teorías de Mill e de Spencer ou de Proudhon e Karl Marx, ten máis afinidade íntima cun húngaro, un polaco ou un noruegués entusiasta partidario de calquera dos devanditos autores, que non con compatriotas nosos coma un Roca i Roca, Mañé i Flaquer, un Maragall ou un Sardà[6].
O patriotismo, o segundo punto que indicamos, preséntase baixo diversas fases, sendo unha das principais o amor que moitos teñen pola arte e a literatura indíxenas. En todas as evolucións literarias, a mocidade dunha época aquilata a importancia da obra creada pola xeración antecesora; mais, polos que aquí se ocupan destes asuntos, practicar aquela análise é unha cousa antipatriótica. A contestación máis lóxica que se pode dar é a seguinte: cando unha mocidade aproba ou sanciona todo canto fixo e conseguiu a xeración anterior, leva en si mesma o lévedo dunha xeración morta.
A sincera imparcialidade con que L’Avenç di o seu parecer sobre o movemento literario de Cataluña é cualificada de nihilista.
Segundo os protectores da nosa terra, a conduta dalgúns mozos cataláns inzados de radicalismo que piden unha métrica superior á usada até agora polos nosos poetas, unha prosa rica, correcta e elegante propia do tempo presente, unha novela inspirada na contemplación directa da realidade, unha dramaturxia que sexa un fiel e artístico espello da enorme fervura de ideas revolucionarias que absorben a sociedade contemporánea, e unha política nacionalista, autonomista, baseada no dereito federativo, é antipatriótica.
Como que aqueles patrioteiros coidan que o noso xuízo pesimista é consecuencia do exotismo, de aquí provén o proteccionismo bárbaro contra calquera importación intelectual. Aqueles «chauvinistas» esquecen que as obras literarias promoven entre elas as mesmas loitas que os organismos naturais, que manteñen unha forte concorrencia, é que só se deduce a súa verdade cando se puxeron en contacto cos exemplares máis potentes coñecidos no seu tempo. Isto non é proclamar o método comparativo no xuízo da obra literaria, senón que coa universalización do gusto estético e o cosmopolitismo da educación, as producións fican máis vitais e duradeiras en canto poden suxestionar maior número de civilizados. E a fe que o éxito, moitas veces, foi estraño á importancia que política e socialmente tivo a nación en que se produciu a obra de arte. Indubidablemente, aquí, en España, hai algúns críticos aproveitábeis, mais ningún acadou o éxito europeo conseguido por Brandés[7], crítico de Dinamarca, nación do mesmo numero de habitantes que Cataluña. Despois da loita e competencias que dan forza ás producións literarias, vén a importancia que para nós tería a asimilación do espírito das literaturas vigorosas como a francesa, a escandinava e a rusa, deixando de lado que, dando a aqueles espíritos forasteiros un selo esencialmente greco-latino, o xenio catalán imprimise o seu carácter peculiar.
Unha evolución tan fondo na literatura catalá, xa que non a queren facer os autores, deben operala os que se dediquen á crítica.
A susceptibilidade dos escritores, a súa soberbia olímpica, a corrupción que levou á súas intelixencias a loanza aduladora dalgúns críticos que fixeron servir a crítica de trampolín pasa subir a lugares vaidosos e de representación efémera (cando non para dobregarse ás esixencias dos cartos), axuntan unha pila de causas que determinaron que os actuais autores estean autosuxestionados polo culto admirador e hiperbólico das súas obras inmensurábeis, e que, odiándose reciprocamente, teñan cada un a firme convicción de que, fóra da súa obra, todo o demais é palla. Nós non acreditamos no seu entusiasmo pola arte: vémolo cheo de prexuízos e mofos, observamos a realidade que lles serviu de modelo e vemos as súas obras contrafeitas. Cando acabamos de glosar as obras dos nosos autores favoritos, achamos un gran baleiro nas dos autores que aquí presiden toda unha constelacións de adulacións finxidas e xesuíticas. Os altares que outra xeración erixiu xa non atraen a nosa devoción. Queremos continuar indo ao templo, pero só se se cambian as imaxes e, por si acaso é necesario, pórlle novas aras, porémoslle unhas que de seguro nos falarán máis ao corazón que as actuais. Aos mestres que continúan a cultivar unha arte arcaica, e aos aprendices que seguen as pegadas dos mestres, cando desprezan o crítico botándolle en cara que é o único que non produce e tachándoo de eunuco do templo da arte, débeselles responder que precisamente neste século [XIX] todos os máis grandes produtores tiveron que facer crítica, xa no sentido expresado de aquilatar o mérito da evolución anterior, xa no de analizar as obras dos seus coetáneos. Mais como aquí todo o mundo agacha o propio pensamento, os escritores estiman máis escangallarse sotto voce uns aos outros que estudar con elevación e nobreza e desinterese as obras dos seus émulos e amigos. Na literatura catalá hai moitas famas usurpadas e só unha crítica racional e desapaixonada pode pór as cousas, os méritos, as reputacións e as obras no seu debido lugar.
Visto o desprezo que na plutocrática sociedade catalá hai cara ás obras dos autores máis notábeis, os favorecidos pola atención da crítica deberían de estar satisfeitos por atraer investigación dos sinceros afeccionados ás letras, maiormente se estes están movidos por unha sede de encontrar beleza, sexa onde for, facéndoa salientar aos máis refractarios e indiferentes. Ademais, os tempos son sobradamente «difíciles» para que a atención da mocidade estudosa e buscadora dunha orientación fixa e definitiva poida distraerse facendo arabescos e filigranas para ir procurar unha beleza e unha verdade completamente problemáticas.
Ademais, está máis capacitado para facer obra artística conseguida, sen adulacións ao gusto groseiro do vulgo, aquel que non ten ningún reparo en sinalar os defectos aos seus contemporáneos, que non aquel que, rendendo vasalaxe ao xesuitismo imperante, fai unha obra que nin se pode contemplar como «expresión da sociedade» nin como exteriorización do espírito dun home que sente, pensa e ama prescindindo dos sentimentos, ideais e desexos da multitude. E se aquel que se ve con forzas de facer obra nova sutiliza e peneira as influencias que lle impón o medio ambiente creado polos que produciran anteriormente a el, pode ben xulgar que, aprendida a selección efectuada no seu «Eu», a súa personalidade literaria ou artística estará alixeirada de moitos defectos de herdanza ou de atavismo. Isto fai que o maior ideal que poidan ter o poeta, o novelista e o dramaturgo é que, na hora en que deixen fecundar a súa imaxinación polo espectáculo da vida, ao estampar na súa obra o timbre individual se vexa o vago e febril comechón dunha vida nova, como consecuencia lóxica e inmediata e ter unha compendiosa e fonda consciencia da realidade. En todas as nacións os mellores produtores recrútanse entre os verdadeiros negativistas, mesmo nihilistas, e é que na súa consciencia, ao destruír todo, levan a larva dunha arte nova e vivificadora. Este lema, que é a quintaesencia do noso programa, anímanos a lanzarnos polo verdadeiro camiño que conduce á verdadeira terra de promisión da arte catalá, sempre adiante, facendo que nunca unha mala tentación nos faga ser a outra muller de Lot: non viraremos a cabeza cara atrás para ver o incendio de Sodoma, para non quedarmos petrificados como a muller da bíblica lenda.
O pasado só debe servirnos de ensino para corrixir os nosos defectos; e, malia a choiva de anatemas que poidan facer caer sobre a nosa xusta imparcialidade, continuaremos a facer de anxos exterminadores, deplorando, de paso, que a obsesión do amor propio arrebate a serenidade de xuízo aos que recibiron da Natureza un pouquiño de intelixencia e quen tan malamente empregan.
L’Avenç, segunda época, nº 4 (22 febreiro de 1893).p. 49-52.
[1] O exilio foi debido á represión política (policial e xudicial) levada a cabo despois de que uns anarquistas lanzasen unha bomba á procesión do Corpus Christi (o 6 de xullo de 1896) que discorría pola rúa de Canvis Nous. Houbo doce mortos e setenta feridos. Foron executados cinco anarquistas e detidas case un centenar de persoas, entre eles o compañeiro de redacción e de movemento de Brossa, Pere Coromines. (Aínda non está nada claro que o atentado fose obra de anarquistas. Segundo Federica Montseny, o atentado foi obra dos militares e mais o goberno para deter o avance do anarquismo).
[2] Revista catalá que coñeceu dúas etapas: 1881-1884 e 1889-1993. Na primeira contou coas colaboración dos escritores cataláns máis prestixiosos do momento: Narcís Oller, Valentí Almirall ou Josep Yxart. E dende o primeiro día defendeu un catalán moderno. Na segunda, tiña como colaboradores a Pompeu Fabra, Raimon Casellas, Joaquim Casas, Joan Maragall, Jaume Brossa, etc. Impulsou un catalán modernizado fronte ao catalán dos xogos florais, e a partir de 1892 adaptou un ton esquerdoso e crítico coa burguesía catalá. Ao lector ou lectora curioso/a recoméndolle a clarificación sobre que é nacionalismo (rexionalismo) aos rexionalistas da Coruña que en 1893 estaban contra o traslado da Capitanía Xeral: L’Avenç, nº 1314, 15-31 xullo 1983. En 1903, os que foran responsábeis da revistas na súa segunda xeira, empezaron a publicar a Biblioteca Popular de «L’Avenç», que desapareceu en 1923 e publicou 151 títulos. O seu catálogo consta de orixinais cataláns e traducións. A Viquipèdia reproduce o título e autor (e tradutor) de todos os libros publicados.
[3] Ferdinand Brunetière (1849-1906), historiador, critico literario e académico francés. Escribiu contra Flaubert, contra Zola, contra Baudelaire. Librepensador e racionalista, acabou en nacionalista e convertido ao catolicismo.
[4] Podíamos engadir: e as galegas (Nota do tradutor)
[5] Nome popular conque se coñecía o Diario de Barcelona, de tendencias rexionalistas conservadoras.
[6] Josep Roca i Roca (1848-1924), xornalista, escritor e político catalán; Juan Mañé i Flaquer (1823-1921), xornalista catalán, director do conservador Diario de Barcelona; Joan Maragall (1860-1911), poeta e escritor catalán, a figura más importante da poesía modernista catalá; Joan Sardà (1851-1898), tradutor e crítico.
[7] Georg Brandes (1842-1927), gran crítico danés, ateo, progresista, manifestouse favorábel á revolución rusa. Influído por Niestzche foi un dos divulgadores da obra do filósofo alemán. Que eu saiba, en España só se traduciron dous libros seus: Nietszche: un ensayo sobre el radicalismo aristocrático (Sexto Piso) e El mito de Jesús (Ediciones Ibéricas), este último apareceu en 1930 co título Jesús es un mito, nas edicións de La Revista Blanca (anarquista), con prólogo de Federica Monstseny. Eu del só coñezo, e pareceume máis que interesante, L’École Romantique en France, publicado en francés por A. Michalon, en 1902, e que comprei hai séculos nunha libraría de vello de Barcelona por, exactamente, 100 pesetas, ou sexa, uns 60 cts. de euro.