BiosBardia

O país dos libros en galego

A lectura sae do armario

Muller lendo embaixo dunha árbore, obra de Jean-Victor Bertin.

Mercedes Corbillón.

A miña filla Lola, o meu tormentiño, ten oito anos e ningún interese pola lectura. Desengánate, mamá, dime. A min non me interesa a literatura, interésanme as artes escénicas. O que quere dicir que lle interesa ver a tele coma se non houber un máñá, convencida, ademais, que ela aprende máis do mundo nas pelis e nas series de maiores ca en seis meses de aburrimento na escola. E ás veces non me queda máis remedio que darlle a razón. O outro día iamos a ver Macbeth na 2 e ela sabía que era unha obra de William Shakespeare porque non sei que personaxe loitaba por un papel das bruxas nunha función escolar nun deses seriais que devora.

Así que, por moito que digan que os costumes se herdan, mentres eu paso os domingos lendo na cama, ela pásaos vendo series en Netflix. Somos unha familia desestruturada con afección ás historias. De cando en vez cruzamos pontes e lemos unha novela xuntas ou temos un momento sofá e peli. Hai pouco vimos Anna Karenina e ao rematar, o meu tormentiño sentenciou: é a peor peli que vin na miña vida pero non lle digas a ninguén que non me gustou, que así parezo culta… Tan pequena e tan á altura do espírito dos tempos. Hoxe máis que nunca queremos aparentar nesa fiestra “ao mundo” que supoñen as redes sociais: felicidade, exquisito gusto gastronómico, éxito económico , afán viaxeiro, rebeldía ou cultura, tamén queremos aparentar cultura. E claro está, un sorriso non significa ledicia continua e un libro nos xeonllos non significa coñecemento ningún. Non obstante, ás veces dáme a sensación de que presumir de comer ben está mellor visto que presumir de ler –ben ou mal. A que tanta acritude co feito de mostrar un libro?, pregúntome. Tranquilos todos, canto máis lemos máis conscientes somos da nosa ignorancia. O simple feito de ler non te fai culto nin che dá unha superioridade intelectual, nin moito menos moral, pero non facelo tampouco, así que quedamos en táboas. E unha vez  declarada a nosa cutrez e insignificancia, por que non enarborar a bandeira dese minúsculo exército lector. Non somos máis guapos, nin máis listos, nin máis felices, pero existimos. Lemos por pracer, por curiosidade, por medo ao aburrimento, por evadirnos da vulgaridade do mundo, lemos buscando a reflexión, para coñecermos, para descoñecermos, para fuxir de nós mesmos, para fuxir de vós, para estar no mundo, para saber máis, para saber que non sabemos nada, lemos por estética, por amor á arte, por indolencia, lemos para soñar e lemos para tocar a terra, lemos para que alguén lles poña unha frase aos nosos pensamentos, lemos por terquedade, porque nos peta, lemos para aforrar en ansiolíticos ou por prescrición médica.

Lemos e, ás veces, poñemos fotos no Facebook ou no Instagram coas nosas lecturas.

Unha frivolidade imperdoable!

Deberiamos estar nas catacumbas, non facer ostentación do noso vicio solitario e oscuro. Curiosamente, ese rechazo á exhibición pública do hábito lector vén máis do propio mundo da cultura que da outra banda. A inmensa maioría da xente vive allea ao mundo dos libros máis alá das obrigas escolares, para eles os libros son carísimos, máis que nada porque son inútiles e non vou ser eu a que os convenza do contrario, que lean a Nuccio Ordine. Para esta maioría saber de repente de que hai lugares chamados librerías que sobreviven sen apoios gubernamentais e onde acode xente voluntariamente e a miudo é toda unha sorpresa, igual que se sorprenden de ver a xente divertíndose cun libro. Pero deste lado pode haber indiferenza ou admiración cara ao raro e diferente, rara vez crítica, tan só estrañeza.

A crítica aberta ou soterrada vén do outro lado. Son os “donos da cultura” os que desprezan a pose, a imaxe baldeira, os que miran por riba do ombreiro esa plebe sen gusto nin formación que mostra con tanta alegría os libros que compra como os cocidos que toma coa familia. Os que , coma min, presumimos de lecturas como de pelaso nunca teremos pedigrí. E paréceme moi ben, que mérito tería un club onde admitisen xente da miña ralea.

Mostrarse, escoller un bonito contorno, xuntar o libro e unha cervexa, todos eses escenarios prefabricados teñen un punto mercantilista, ademais. Recordan demasiado a imaxes publicitarias, suxiren que igual estamos tratando un libro como produto, demostran que ademais de figurar queremos vender!

Touché. Son frívola e capitalista, quero chegar a fin de mes conservando o meu precioso cabelo e evitando os números vermellos. Desta non me redime nin o recitado público das obras completas de Virxilio.

Non estaría mal que os numerosísimos escritores/as deste país, moitos deles activísimos nas redes sociais, fixesen proselitismo da lectura, mostrasen imaxes dos libros que están lendo, amosasen as súas compras nas librerías, fixesen recomendacións, sinalasen de cando en cando un parágrafo brillante e subliñado que non sexa dun libro propio. Ganar lectores en xeral significa poder ganar lectores para un mesmo. Se fose malísima diría que moitos deles non compran endexamais un libro que non sexa na presentación dun amigo, pero como son riquiña e ademais me consta que hai moitos escritores que son lectores ávidos e silenciosos, debo supoñer que o resto están no mesmo caso, agochando por timidez ou por razóns que se me escapan, o seu hábito lector. Recoméndolles que sigan o exemplo de Emma Pedreira , insomne e prolífica lectora, ou de Pablo Fernández Barba que non deixa títere con cabeza mentres busca a novela perfecta, ou de Raquel Vázquez que anda na escolla de excelencias que nos mostra con artísticas e evocadoras imaxes. En fin, que saian do armario, que leven a lectura á rúa, que nos deixen admiralos, tamén, polo seu gusto lector.

Di César Lorenzo Gil que a lectura é un acto privado, solitario e caótico. Concordo, claro, o feito de ler é testarudamente individual. Un lector, sobre todo nun espazo público, ten un aquel de illa. Entre el e o mundo hai un mar invisible. Ata alí non chega o ruído do mundo. Alleo ao balbordo, mergulla por unhas profundidades inaccesibles para os que observamos. Se a lectura é a adecuada, seguramente está en conexión cunha zona abisal do seu subconsciente. Nese xesto de concentración e indiferenza hai unha  beleza incontestable.

Dun tempo a esta parte coa proliferación dos clubs de lectura, a primixenia soidade do lector pode contradicirse coa posibilidade de compartir nesas reunións. Non son as empanadas de despois, inexistentes no caso de Cronopios, os que os fan aproveitables, non. Non digo eu que non existan xuntanzas  onde a escusa é o libro e o verdadeiro motivo sexa  facer vida social, que tamén está ben, pero eu podo dicir que despois de toda unha vida lendo en soidade e erráticamente, e despóis de facer un senfín de actividades na librería, de recibir e conversar con escritores do máis alto nivel, a experiencia máis gratificante de todas é, sen dúbida, o Ilustre club de lectura de Cronopios. Alí coñecín e escoitei lectores exquisitos, de amplísimas lecturas e agudísima capacidade de análise, lectores preocupados polo estilo, lectores ambiciosos e complexos, xente con espírito crítico, sen pelos na lingua, con curiosidade infinita, con sentido do humor, enorme bagaxe cultural e desprovistos de arrogancia. Alí non deixo de comprobar cómo os libros levedan nas mentes dos lectores e o fan desigualmente en cadansúa. Alí ese errático devir de lecturas cambia un pouco o ritmo porque nos deixamos influír pola folla de ruta dos outros. Entre todos construímos un edificio de lecturas que ten un pouco de cada un, vamos de Meridiano de sangue, de McCarthy a Corrección, de Bernhard, de Boris Vian a Vila Matas, de Iris Murdoch a Suso de Toro. Deixarse contaminar un pouco, destinxir con outros é sempre enriquecedor, saber que a nosa mirada non é a única posible, que o noso camiño ten vías alternativas, saber que nunca saberemos exactamente por que unhas lecturas nos emocionan máis ca outras, máis ca a outros.

Os clubs de lectura sérvennos ás libreiras tamén para reivindicar, para sacar á luz libros condenados a unha inxusta grisura. A pesar de ser grandísimos e ávidos lectores, ninguén dos meus compañeiros leran Klaus e Lucas, sendo a obra de Agota Kristof unha das máis grandes novelas sobre a guerra. Hai historias que por alguna razón quedan fóra dos itinerarios máis recorrentes, e rescatalos, aínda que sexa para 25 ou 30 personas, é desas cousas inútiles que dan sentido a vivir coa absurda intención de facelo vendendo libros.

Nesa teima si que hai psicopatía.

2 thoughts on “A lectura sae do armario

  1. Con Meridiano de sangue e Corrección coñecín dúas novas dimensións da literatura. Creo incluso que dúas novas dimensións da realidade.
    Concordo en que deberiamos dar máis pistas dos libros que lemos.

  2. Tempos, Manuel, tempos de leitor ‘meridianamente’ entregado ao vicio da leitura, como xa che dixen mais abaixo, e que agora mesmo me resulta pouco menos que imposíbel de retomar. Tempos convulsos os que estamos a viver nesta Catalunya intervida, que non permiten acougo para a leitura. Ao que ía. A min MERIDIANO DE SANGUE lembroume muito a PEDRO PÁRAMO. Cuando o ía lendo, parecíame que ía cavalgando cos personaxes polas páxinas da novela “nosa” (lembro o teu artigo en A Nosa Terra); iso si, un PEDRO PÁRAMO mais trepidante e fronteirizo. Se isto, “Jinetes espectrales, pálidos de polvo, anónimos bajo el calor almenado. Por encima de todo parecían ir totalmente a la ventura, primordiales, efímeros, desprovistos de todo orden. Seres surgidos de la roca absoluta y abocados al anonimato y alojados en sus propios espejismos para errar famélicos y condenaos y mudos…”, non é PEDRO PÁRAMO, que veña Juan Rulfo e me enterre en Comala.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *