BiosBardia

O país dos libros en galego

‘A lei do mar’, boas intencións, pouca literatura

Manuel Esteban.

César Lorenzo Gil.

A lei do mar, de Manuel Esteban, é unha novela curta de pouco máis de cen páxinas, sobre o paso de emigrantes africanos a través do Mediterráneo cara a Europa e os barcos que se dedican ao seu rescate. O seu ton é de novela xuvenil, con capítulos moi curtos e dúas narracións, unha en primeira persoa, a dun mecánico naval que, durante a pandemia, e sen traballo, acepta ser tripulante dun buque ancorado en Sicilia cuxo destino é Euskadi. A outra, en terceira persoa, que supostamente segue a Policarpo, un guineano que vai viaxar nesa ruta tráxica, é máis lacónica e etérea, unha especie de voz que fabrica sentenzas. Despois falaremos delas. É unha obra que encaixa coma unha luva no programa de lecturas obrigatorias dun instituto: tema de actualidade, pouco para ler, posibilidade de reflexión e debate sociolóxico, non literario.

Mais aquí toca falar de literatura.

A novela está mal escrita, sustentada en boas intencións e un suposto acento lírico (o que usa o narrador omnisciente) que lle faga de contraste ao discurso máis convencional do mecánico naval. Non está ben armado ningún dos dous tons. Todo soa afectado, artificioso, mal adxectivado.

O autor afirma no epílogo que esta historia “é apenas a transcrición duns feitos que sucederon tal e como se narran”. Non é certo. Se algo lle falta a esta historia é naturalidade e o único que brilla é o sensacionalismo. A parte do mecánico naval parece copiada da peor narrativa galega actual. Por momentos parece escrita polo mesmo que escribiu A carteira. O personaxe non se ten de pé, é un monicreque recheo da palla que mellor lle convén ao autor.

Na parte do navegante estráñase un pouco máis de pericia narrativa e coñecemento da temática da que se fala. Hai determinados colectivos que crearon unha linguaxe gremial propia e vizosa. Quizais a dos traballadores do mar é a que meirande sofisticación acadou. As grandes novelas do mar están escritas co vocabulario das xentes do mar. Cando esa cultura non está, nótase moito. Velaí o caso d’As leis do mar.

O autor pretende parir unha frase maxistral por cada dous parágrafos, pero o resultado non vale nin para blurb dun libro de autoaxuda: “O mar é a patria dos que non teñen ningunha” (p. 15); “toda morte é unha perda para calquera en calquera parte do mundo” (p. 23); “ninguén lle preguntara nunca se quería sobrevivir. Simplemente, non lle deron alternativa” (p. 67); “o mar é nai que arrola e rifa” (p. 77).

Para quen queira ler un libro con certas coincidencias temáticas, pero opostos resultados literarios, é moi recomendable Miñán, de Ibrahima Balde e Amets Arzallus Antia (Rinoceronte, 2021).

♦ A lei do mar, de Manuel Esteban, Xerais, 2025. 112 páxinas. ♠17,50€

 

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *