A literatura galega como xénero
César Lorenzo Gil.
É común, en ámbitos relacionados coa cultura galega, falarmos de que un dos grandes problemas da expresión artística na nosa lingua é que non consegue crear un sistema, senón que se ten que conformar con ser unha categoría dentro dun sistema ou unha estrutura superior. Así, falarmos de cinema galego ou de música galega non tería a ver cun conxunto variado de formas de entender ambas formas de expresión, senón que entre si estarían sometidas a vínculos que van moito máis alá da lingua escollida. Por exemplo: o cinema galego tería que ser lento, a ser posible moi barato, con poucos diálogos e longos planos secuencia. Os seus temas sempre roldarían a perda, a identidade, a paisaxe…
Esta lectura, malia ser falsa, cala en parte do público obxectivo. Cando nos aparece unha película galega na carteleira do cinema ou na páxina de inicio de Filmin é fácil que comparemos ese título non con calquera outro co que comparta xénero ou temática, senón máis ben nacionalidade. Coma se houbese unha condición xenética ineludible que converte todos os directores en parentes entre si.
Na literatura, esta percepción tamén existe e aínda recibe un reforzo físico: os libros galegos (agás excepcións: por exemplo en Númax) están agrupados na libraría. Hai best-sellers, libro infantil, libro de non ficción e logo libro en galego. Esta posición é lóxica se temos en conta que só o 8% dos libros que se venden están escritos en galego. As librarías entenden o público que le en galego como unha reserva, marxinal e pouco numerosa, que escolle algo “distinto”. En determinados establecementos ese “pequeno grupo” pode homologarse aos que compran novela gráfica ou manuais de Agricultura. Son fieis, agradecidos e é bo ter para eles unha biblioteca estable onde poidan atopar novidades.
Non digo que esta lóxica sexa a única posible ou que sexa desexable, pero parece moi establecida. Combatela require de moitos recursos, estratexias e esforzos combinados, e cadaquén na industria cultural busca o xeito de aumentar as vendas de libros en galego, aumentar a súa visibilización e gañar público. O problema é que os propios creadores de libros en galego caian na trampa de pensarse eles tamén non participantes nunha “literatura”, senón nun xénero literario definido.
Porque o principal elemento fundacional dun xénero son as súas características, as “regras” que se seguen para escribir unha novela de detectives ou un soneto. O xénero, entendido como categoría popular, non seguindo a regra académica (xa saben: narrativa, poesía e teatro), triunfa porque etiqueta o produto e lle provoca ao consumidor unha satisfacción sobre as súas expectativas. Igual que compramos un termómetro para que marque ben a temperatura corporal e un Casio para que marque a hora exacta mentres lle dura a pila, lemos unha novela policial para que nos propoñan un enigma durante un determinado número de páxinas e ao final todo se aclare.
Existe tamén unha comunidade lectora que quere que a literatura en galego funcione cun mecanismo similar? Coido que non. Pero si hai unha imaxe do lector ideal por parte de moitos creadores de literatura galega. Este lector colectivo (e ficticio) constrúese mediante dúas variables que, dun xeito ou outro, condicionan o tipo de libros que se escriben maioritariamente en galego ano tras ano.
Por unha banda, o lector adolescente. Agás autores inocentes, que os haberá, o “lector adolescente” que imaxinan estes escritores é simplemente o corpo de profesores que decide que lecturas recomenda cada curso. Hai unha corrente de sobreentendidos tácitos entre quen argalla unha historia e quen se supón que a ten que consumir, pero non en base á realidade; nin sequera en base a unha suposición sobre que intereses lectores teñen eses adolescentes, senón a partir das supostas demandas “educativas” dos profesionais do ensino. Os docentes (sempre segundo esa creación fantasmagórica) utilizarían eses libros literarios non para crear libre o hábito da lectura ou estimular calquera das sensacións que provoca a experiencia da arte, senón para transmitir determinados valores e suscitar debates sociolóxicos entre o alumnado coa base nas historias deses libros.
Seguindo este fío, a literatura xuvenil galega tería tres grandes aliados e tres grandes inimigos. A favor: os temas do telexornal, o conflito interxeracional e o espazo recoñecible, é dicir, que as obras se desenvolvan en institutos. En contra: o vocabulario extenso, a ambigüidade, sobre todo moral, e a preponderancia do estilo sobre o tema.
Por suposto que estas coordenadas son comúns a outras literaturas xuvenís, pero no caso galego, ese “lector adolescente” tótem é tan temido que moitos libros pensados para público adulto se ven marcados por esta esixencia do “xénero literario galego”. Este temor é, simplemente, un temor comercial. Pero ten sentido. A masa de lectores en galego é pouco numerosa e impide que un discurso minoritario se consolide cun apoio mínimo. Un libro minoritario en inglés ou español pode xuntar cincocentos, mil lectores, e ser medianamente sostible. Cal sería a equivalencia para o caso galego: cincuenta lectores?
Esta realidade pode estar detrás da outra variable dese lector ideal de literatura galega. A súa identidade ocúltase tras a seguinte cuestión: Quen entra nunha libraría e compra un libro en galego sen que ninguén llo pida ou recomende?
Evidentemente, este modelo tamén é falaz. O que poderiamos definir como lector militante apenas existe. Pode haber quen estea máis atento ás novidades en galego dentro dun perfil de comprador ou lector habitual, pero pensarmos nun perfil que peregrina á libraría só para consumir libro en galego carece de fundamento, afortunadamente.
Mais que non exista non significa que, outra volta coma un fantasma, incida na creación de obras en galego. Este lector ideal, que ninguén coñece e que non se expresa, aparéceselles aos escritores en forma de xurado de premios literarios, crítico na prensa ou asistente a presentacións. Adoita falar en galego sempre (en galego “normativo”), vota polo Bloque, ten gastas as follas do Sempre en Galiza e case sempre anda enfurruñado: Se non é pola perda de falantes da lingua propia é polo aumento das tarabelas nas serras, o caso é non estar para chistes mentres continúa a aldraxe.
É quizais por iso que, tal e como ten comentado Jaureguizar en varios momentos, a literatura galega “mainstream” pivote entre temas que serían considerados marxinais noutras literaturas. É coma se algúns creadores en galego pensasen que só poden dirixirse ás capas lectoras galeguistas máis concienciadas. E o que é peor: esquivan o máis importante da literatura, que é a ollada subxectiva sobre a realidade.
Xa que está complicado espallar os libros escritos en galego polos catro cantos das librarías. Xa que é practicamente imposible que fuxan dos ferrollos dos suplementos culturais dos xornais en castelán, dos programas proscritos na G2. Xa que non contamos con que aparezan políticos e futbolistas cun libro en galego debaixo do brazo cando van dar unha rolda de prensa, polo menos que haxa escritores que rebenten os topes e escriban do que lles pete. Que manoseen a lingua e os argumentos porque o texto é o único certo; o demais son fantasmas.
Vai para un lustro. Curioso, por dicir, que non apareza entre os artigos bibliografRELACIONADOS:
https://biosbardia.wordpress.com/2018/10/04/as-lembranzas-perdidas-no-lago-antelvari-no-ronsel-afortunado-de-stephen-king/