A literatura hispánica, favorita para o Nobel 26

Javier Nogueira.
A publicación dunha previa do premio Nobel é sempre un exercicio de risco. Na edición de 2025 resultou premiado Laszlo Krasznahorkai, como en parte vaticinaramos na nosa peza —malia que o noso favorito fose o romanés Mircea Cartarescu—, mais nos días e horas previos ao anuncio do premio produciuse un feito infrecuente, que non insólito: a suba repentina dun par de candidatos en lingua española, o que non se recollía nas previsións. Non existía razón ningunha para ese ascenso, polo que se un utiliza a sempre útil navalla de Ockham chegará a unha conclusión tan evidente como imposíbel de demostrar: aquilo viña dunha filtración, como xa ocorreu hai dous anos no ascenso de Can Xue… que resultou no premio á surcoreana Han Kang —en galego, en Rinoceronte, sempre está ben lembralo—.
Unha das protagonistas deste episodio foi a escritora mexicano-estadounidense Cristina Rivera Garza, a autora da magnífica El invencible verano de Liliana. Como estamos en ano par, é ano de mulleres, norma non escrita en ningures, pero respectada dende 2018, co premio a Olga Tokarczuk. Como afeccionado á literatura de Rivera Garza, non teño nada claro que os seus méritos sexan superiores aos de Fernanda Melchor ou, sobre todo, Samantha Schweblin. O premio á novelista arxentina tería, por certo, sentido na liña de valorar a carreira de autoras novas coma Tokarczuk e Kang. Non obstante, comentarios valorativos á marxe, o Nobel a Rivera Garza arestora non sería unha sorpresa para ninguén.
Na súa candidatura conflúen algúns factores xa comentados e outros por anotar e que mesmo poden interferir no que ocorra o xoves, 8 de outubro. A lingua española leva anos de seca, xa dende o 2010 con Vargas Llosa, co que xa está na hora. Non se pode descartar que a posíbel filtración sexa certa e que, como se rumorea respecto aos Nobel de 2010 e 2011, os académicos chegasen a un compromiso: eu concedo Krasznahorkai este ano e, en troques, ti cedes Rivera Garza para o que vén. Por último, está a cuestión política: semella que na Europa progresista e no mundo en xeral non se vería con malos ollos un Nobel a unha autora que representa os latinos perseguidos por Donald Trump.
Opositoras a réximes autoritarios son tamén as outras dúas grandes candidatas: Can Xue e Liudmila Ulitskaia. A primeira aparece como favorita ao nivel de Rivera Garza, pero un pregúntase ata que punto o comité pode ter reparos en premiar consecutivamente dúas escritoras orientais. No caso da segunda é unha eterna candidata xa, mais quizais os seus 83 anos resulten demasiados se temos en conta a barreira —tamén non escrita— dos 80. Procedente pregunta é se na literatura rusa non será xa o momento de contar con Maria Stepanova, autora dun prestixio que medra no sempre influínte mundo anglosaxón.
No mundo das apostas do Nobel só aparece un dark horse entre as mulleres: a portuguesa Lídia Jorge. Os seus méritos son suficientes, mais é a primeira vez que aparece en listas, quizais polo efecto do pasamento dun clásico das nominacións, Lobo Antunes, e o premio sería unha relativa sorpresa. Se a aposta é por unha novelista europea, penso que xa podería ser o momento da alemá Jenny Erpenbeck, unha autora que aos poucos vai concentrando premios e mencións como finalista. Un pouco máis abaixo nas listas figura Ersi Sotiropoulos, pero a presenza dunha escritora grega fai pensar aos que seguimos o premio que Kallifatides podería andar nas conversas, coa súa peculiar traxectoria (é un autor en lingua sueca aínda que todas as súas novelas se desenvolvan en Grecia).
Na miña opinión resulta sorprendente que as casas de apostas británicas e estadounidenses non listen a Anne Carson, A poeta canadense, autora entre outros do marabilloso The Beauty of the Husband, xunta todos os trazos para unha candidatura forte agás un: que se poida considerar que o seu Nobel chocaría co que se lle deu hai pouco a Louise Glück.
Descarta todo isto un Nobel para un home? De ningún xeito, pois, tirando de topicazo, os designios do comité son inescrutábeis. E, neste caso, hai que dicir que o gran favorito é Enrique Vila-Matas —dentro de medio século saberemos se, como se supón, o Nobel do ano pasado estivo entre el, Cartarescu e o gañador—, encabeza todas as quinielas masculinas. Razóns non faltarían: España acumula a súa seca máis longa na historia do premio —dende Cela, en 1989— e é a única grande literatura europea xunto á italiana (sen candidatos realistas) que non gañou no século XXI. Se o Nobel vai para Rivera Garza suponse que anularía o de Vila-Matas (78 anos) e a candidatura española quizais se movese xa cara a Javier Cercas, autor publicado por Fitzcarraldo nos Estados Unidos/Inglaterra e abondo coñecido en Europa.
Suponse que a concesión a Krasznahorkai descarta a Cartarescu estes anos vindeiros. O romanés aínda é “novo” (70 anos), polo que volverá estar nas quinielas, se non median desgrazas, na década dos 30. E todo o que sexa un premio fóra destes nomes sería unha verdadeira sorpresa. Coma sempre figuran nas listas de candidatos Murakami —over and over and over and over, hai xente á que lle gusta tirar os cartos—, Michon e Houellebecq por Francia —na miña opinión os Nobel a Modiano e Ernaux deberían esgotar o cupo francés—, Thomas Pynchon —risas enlatadas despois da polémica con Bob Dylan— ou Gerald Murnane —que con 87 anos quedaría preto de bater o récord de Doris Lessing como gañador máis ancián—. Nunhas horas, diante das portas brancas da Academia, veremos como envellecen estes comentarios.






