BiosBardia

O país dos libros en galego

‘A modelo Inari’ vs ‘Promoción 6642’

Figura dun home e dunha muller facendo o coito.

Xornada 6. Pilar Vilaboy fronte a Marisol Gándara.

A modelo Inari

Adela ía a esta proba un pouco intrigada. Non tiña moi claro que había que facer. Viu o anuncio de traballo en internet e decidiu probar:

“Precisamos actor/actriz para facer de Inari. Terá contacto con outra figura semellante de xénero neutro. O atrezzo vai a cargo da empresa. Interesados presentarse ás 17.00 horas na Facultade de Belas Artes de Pontevedra. Prezo por hora: 60 euros”.

Cando chegou á facultade dirixiuse ao departamento de Debuxo artístico. Era a última e cinco minutos despois escoitou con outros catro contrincantes unhas nocións básicas da profesora Carla Doval. Faloulles de Inari, unha deidade xaponesa existente na relixión budista que representaba a fertilidade e o éxito. Polo visto, tamén era patroa dos actores e das prostitutas, o que a achegaba moito a todos os que viñan do mundo da farándula.

Carla ensinoulles unha foto do que sería a súa encomenda: dúas figuras andróxinas abrazadas. Seica nos manuais de arte tense discutido moito sobre o sexo das figuras. Faloulles do estudoso da arte oriental Kevin Kives, que ten asegurado que o cambio de tonalidade indica claramente que o máis escuro representa un home e a máis clara, unha muller. E así vai facer ela. Quere seleccionar dúas persoas para posar como modelos reais, en vivo, diante do alumado, que terán que pintalos ao natural. Así captarán mellor o hieratismo da escultura xaponesa, a indeterminación do sexo nas figuras, o leve sorriso e a mirada autómata.

Erguéronse tres competidores e quedaron un tal Mario e mais Adela. As figuras estaban espidas. A Adela deulle o riso parvo de histérica ao decatarse que o atrezzo non existía. Coma se oíse os seus pensamentos, Carla aclarou que lles daría unha perruca para simular o cabelo pintado á man con tinta chinesa.

Que simbolizan as figuras? As posicións sexuais da Inari esa?, preguntou unha Adela indecisa. A piques estaba de confesar que ela non era nin actriz, simplemente necesitaba os cartos.

Non, contestou Carla. Non hai ningún matiz sexual, hai unha conexión emocional de tres dos sete chakras. Podería usar manequíns, pero non son articulados para esas posturas tan explícitas. Eu sempre prefiro a figura humana. Aceptades o reto? 

Mario dixo que si enseguida, pero Adela querería saber que posición lle tocaría, se arriba ou abaixo; canto tempo debían estar así enguedellados, ulindo o alento do outro; se podían parar se lles daba unha cambra… Non podía con aquel vergoñento de exhibirse así núa, cun descoñecido para que a observasen outros descoñecidos durante horas…

Ao final, Adela contestou que si, porque non foi quen de negarse. Metéronos no mesmo vestiario onde lles sinalaron o resto de atrezzo. Unha especie de braga-faixa da cor da cerámica, unha beis clara e outro ton máis marrón. Podían escoller entre eles tanto a cor da peza de roupa como a posición.

Ante tanta empatía, quedábanlle poucas dúbidas que aclarar. Adela mirou como Mario comezou a espirse e pareceulle intuír unha mirada un tanto lasciva. Colleu a porta e fuxiu, sen despedirse.

Pilar Vilaboy.

……………………………………………

Promoción 6642

A práctica sexual non é doada. Está enraizada nas primeiras apertas. Ante a falta de contactos e a ausencia de nacementos naturais, os últimos proxenitores vía coito e o Estado traballaron na busca de solucións. Comezaron cun estudo que lle deu pé a un proxecto que derivou na fundación dun centro. A idea medrou co apoio das ANPAS, que se declararon incapaces para segundo que cousas. O goberno tomou cartas no asunto axudado polos científicos máis punteiros. Encargáronse de todo. Dende o principio. A partir da lei orgánica 4/6600 que regula a correcta aplicación das primeiras apertas, as escolas dos afectos multiplicáronse. A disposición en grupos de afectividade dende cativos aceleraba a consecución do obxectivo principal: que a familia volvese ser produtiva. 

As primeiras promocións xeraron expectativas e o goberno deu luz verde. Non embargante, a desviación de fondos a outros intereses minguou a capacidade de investigadores e docentes. Apagadas as cámaras que acompañaban os políticos, quedaron sós coas súas teorías. Na práctica, os erros quedaban agochados polas estatísticas. 

O día da avaliación a titora da última promoción repasa os arquivos antes de asinar as actas e facelas oficiais. Outra fornada de adolescentes será certificada para procrear.

Grupo 1: apegos seguros. Autoestima conservada, gustos variables. Asertivos. Non discuten, falan. Relacións sexuais mantidas no tempo. Dedúcese pracer por ambas partes en sucesivas escoitas. Conversa habitual sobre posturas e preferencias. Ausencia de tabús. Respecto mutuo. Vense dentro do mundo. Rexeitan abertamente a idea de perpetuarse noutro ser. A paternidade horrorízaos. Achéganse arquivos de audio. Vídeo non dispoñible. Avaliación: NM.  

Grupo 2: apegos ansiosos. Autoestima negativa. Debátense entre a pasividade e a agresión. Coerción e algún que outro berro. Minusvalóranse o un ao outro con absoluta falta de empatía. Impulsividade que demanda sempre máis sen metas precisas e comportamentos irresponsables sobre cando ou onde copular. Sorprende o seu pesimismo dado que en ocasións abrázanse como se se quixesen, ou se necesitasen, non queda claro nos datos observados. Achéganse arquivos de audio. Vídeo non dispoñible. Avaliación: NM 

Grupo 3: apegos evitativos. Autosuficiencia e valoración positiva de si mesmos. Buscan o clímax de xeito individual e ocasionalmente compartido. Refiren unha ampla gama de xogos sexuais consigo mesmos. Visión negativa do outro, refuxiándose en si mesmos. Escasa verbalización nas sesións de grupo. Achéganse arquivos de audio con silencios prolongados, non é fallo da gravación. Inclúense arquivos de vídeo para corroborar que estaban alí. Avaliación: NM 

Grupo 4: apegos desorganizados. Autoestima caótica. Poucas relacións e impersoais, tinguidas de desconfianza mutua. Sesións de terapia tensas nas que emerxe a dificultade de verbalizar os sentimentos. Temen o rechazo. Visión pesimista do mundo. “Todo é unha merda”, refiren con frecuencia, como se observa nos arquivos de audio que se achegan. Vídeos non dispoñibles. Posibles patoloxías futuras. Avaliación: NM

 

Cerra o arquivo. Suspira como se pechase algo máis que un curso. Por un segundo cuestiónase a utilización dos rapaces para que a familia siga a ser produtiva. Asina as actas. A sociedade continúa o seu avance. 

Marisol Gándara.

6 thoughts on “‘A modelo Inari’ vs ‘Promoción 6642’

  1. A modelo Inari

    Durante 493 palabras daslle vida a unha personaxe (Adela), daslle un trasfondo (precisa cartos) e uns rasgos de personalidade (é botada para adiante), introduces o disparador (o anuncio), sitúala na localizacion onde vai suceder a acción principal (o departamento de debuxo artistico), abrigalo todo cun elemento exotico (cultura xaponesa) e presentas o conflito (ten que posar espida, pegada a un tipo que tamen estará en pelotas, e mantendo unha postura sexual). Acto seguido, en 7 palabras, despachalo todo cun anticlimax de 8 graos na escala Richter.
    Unha pregunta para a/o autor/a: se che pasara isto na vida real, contariasllo así a un amigo/a? Pensao, pensadeo todos xa de paso. Si, xa sei que este relato está en terceira persoa e non é comparable de todo. En realidade sería como se contases unha anecdota que lle pasou a un amigo/a. Tamen me vale.

    Pensei na posibilidade de que o relato xogara a provocarnos. O tema sexual dase moito a especular co lector. Algo así como se xusto cando o lector se vai imaxinar a escena e ler algo “candente” para vivir a traves da prota esa situacion, zasca, négancho e qeudas con cara de parvo. Como digo, penseino, pero o texto non me da ese perfil.

    Promoción 6642

    Este é un relato para pensar. É o que teñen as distopias. O acto de situarte nun mundo onde reglas que das por feito xa non se cumplen faite remexer os miolos. Este tipo de relatos é unha porta á reflexion, e iso sempre é un punto a favor, sobre todo cando logran ligarse varios conceptos e dimensions do problema proposto como a actitude do goberno, por exemplo. É un relato con moita critica, unas mais directas que outras (o final é talvez explicito de mais, penso que a titora deberia estar inmersa na distopia, parece un aceno a posibles lectores despistados). Aparte diso hai moita marxe a que o criterio do lector monte a sua pelicula. O tema dos grupos gustoume pero tamen me deixou con moitas preguntas, non entendin ben se o problema é ter sexo ou ter fillos.
    Unha lectura estimulante inda que non sexa literariamente atractiva (digoo porque medio relato son apuntes para un informe, e iso en 500 palabras se non causa o efecto desexado pode ser unha lousa).

  2. Boas! Unha imaxe que, si ou si, remite a unha temática sexual. Velaquí as miñas impresións:

    ‘A modelo Inari’: A fidelidade á imaxe dada é absoluta, por como a coloca na historia e no papel da arte. En xeral interesoume, tanto a presentación da personaxe como o desenvolvemento. O problema téñoo con ese remate, que para min, estraga todo o conxunto. Non me cadra con todo o que lera ata o momento, case parece que a autora non soubera como acabar, e puxese o primeiro que se lle ocurriu. Unha mágoa, porque a trama prometía.

    ‘Promoción 6642’: A través dun futuro imaxinado fai unha boa crítica dalgúns aspectos da sociedade actual. Valoro a interpretación da imaxe dada e certo ton humorístico, e tamén concordo en que, talvez, a reflexión do final é mellorable.

    O meu voto é para ‘Promoción 6642’.

  3. Boa noite¡ Con tal imaxe para escribir, non sei eu se sairía enteiro de esta, pero vexo que as autoras deron boa conta dela¡
    A modelo Inari fíxoseme un relato moi ben levado. É fácil de ler e conecta todo de forma moi lixeira, presentando todos os elementos pero si que se precipita demasiado de cara ao final, de forma que parece case irreal que sexa a mesma voz a que o conte. Quizais se lle quedase corto de palabras pero seguro que un parágrafo máis explicando como escapa a modelo pódelle quedar ben.
    A distocia de Promoción 6642 é interesante como exposición pero creo que comigo non funciona especialmente o formato informe. Gustoume moito a primeira parte pero penso que non sei procesar relatos de ese tipo, porque cando chego á parte dos datos sácame. Penso que é problema meu como lector, pero non podo evitar que me desconecte do final. Aínda así, imaxinar un escenario así non é doado e darlle a lóxica necesaria para narralo con fundamento tampouco, meus parabéns.
    O meu voto, por ser traumas de informes é para A modelo Inari.

  4. Creo que padezo de todo o anterior exposto. ‘A modelo Inari’ estropeouseme un pouco na parte do diálogo, que me resultou fría, como se estivese narrada en lugar de falada, e desinchouseme no final, que foi tan abrupto que o lin varias veces por se non o entendera ben. En canto a ‘Promoción 6642’ pois tamén se me fixo moito dato documental para o relato, aínda que cheguei á conclusión de que o relato era, en realidade, toda esa documentación.
    O meu voto é para ‘Promoción 6642’

  5. Parabéns Marisol e a Pilar. Moi bos relatos para unha imaxe comprometedora. Non quero pensar no que faría o mestre Botana con ela tendo en conta os antecedentes.

    A modelo Inari gustoume moito. A ambientación universitaria resultoume moi acaída, así como a motivación da protagonista e o dilema ao que se ve exposta. Resúltame irónica a forma de rematar o texto cunha técnica que se podería nomear como “relatus interruptus” (perdón polo chiste fácil) pero aínda así é a que á miña vida gris lle parece máis verosímil.

    Promoción 6642 encantoume. Hai quilotóns de retranca na exposición do problema e a resolución do relato ao máis puro estilo punk. Coma se Johnny Rotten puxese un xersei de pico e sentase cun te quentiño e un ordenador para volver a escribir o seu “no future”. A min si me gusta a redacción tipo informe, que lle quere dar un ton frío e imparcial. Parabéns á autora.

    Con todo o exposto vou votar por A modelo Inari, coa petición expresa de que a súa creadora nos regale un reboot con máis unto no asunto.

  6. Oioioiooooi… como di Fran… se me chega tocar esa foto… Gustáronme bastante os relatos que saíron de aí.

    “A modelo Inari”. O mellor do relato é a personificación da persoaxe, dos seus medos e toda a narrativa eficaz que hai ata o final. A min o final non me disgustou tanto, inda que sí que é certo que queda un tanto abrupto e ese pode ser o seu erro. Eu penso que é un contrapunto a toda a parafernalia trascendental da profe acerca da Inari para despois ao final ser un: “vou estar dúas horas pegadas a un tipo ao que se lle vai poñer dura… Que vos jodan”. Igual podía quedar mellor con máis contexto ao final.

    “Promoción 6642”, perdeuse a oportunidade de poñer “Promocións 6969”, moi mal. Lino un lote de veces porque o ton me lembraba a algo, e resulta que era a Lem. Non caía porque os contos de Lem son ciencia ficción alegórica, e isto é distopía alegórica. Para min falta unha chisca de humor, porque ao ser tan alegórico e concreto ao mesmo tempo (un informe con datos e todo) o factor distópico pérdeme solidez. Igual lle viña ben unha chisca máis de irrealidade. Pero cóntanse moitas cousas de maneira crítica e mordaz, e xa só por iso paga moitísimo a pena.

    O meu VOTO vai pola carga de profundidade que leva por “Promoción 6642”

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *