BiosBardia

O país dos libros en galego

‘A mona de Schrödinger’, unha fábula con altos e baixos

Tapa de ‘A mona de Schrödinger’.

César Lorenzo Gil.

Unha mona (unha bonoba, concretamente) morre devorada por un leopardo e incapaz de reencarnarse nun novo membro da súa especie, decide «aceptar» un corpo e conciencia dun macho humano que á altura do relato está na adolescencia, convive cun pai alcólico e non ten precisamente boa fama no instituto, onde —entre outras coitas— arrastra o despeito da súa compañeira Rosa, da que gusta. O adolescente/mona ten conciencia da súa vida anterior e un alto interese polas ciencias, principalmente pola astronomía. Xunta con outro alumno e unha profesora terá que investigar un acontecemento biolóxico relacionado con abusos urbanísticos. Velaquí o argumento d’A mona de Schrödinger (Baía), debú literario de Uxío Larvós.

A mona de Schrödinger está dividida en 34 «arquivos» (hai un «Artigo 17» que parece unha gralla) nos que a narradora vai contando a súa historia en primeira persoa. Esta obra podemos catalogala como unha novela para público adolescente do xénero humorístico-customista. Na súa construción podemos analizar fallos e acertos.

Falla porque está escrita máis como un monólogo cómico destinado ao teatro que como unha novela. Porque no caso desta obra, os gags non forman parte dos feitos que se narran, senón que xorden unicamente do discurso da voz narradora.

Falla tamén pola dobre pirueta literaria de inventar unha voz narrativa dun adolescente que en realidade é unha mona reencarnada, que é consciente da súa reencarnación, pero que a maior parte do tempo nos fala con referencias dun adulto que xa pasou dos corenta. A voz do protagonista sóanos en demasiadas ocasións en falsete, coma se o autor remedase a voz dun rapazolo páxina tras páxina, mais que acaba cansando de finxir, e necesita soltar sen remedio as súas mellores coñas: «…algo así como o Luar da TVG, que se oes (sic) unha emisión de 2008 e outra de 2018, serías incapaz de saber cal é cal» (p. 85); «…o máis glamouroso dos meus chándales (un deses que en vez dun deportista, te fai parecer un xonqui de domingo)» (p. 100). O malo é que son coñas de quen viviu algo máis que apenas dúas décadas.

Acerta no ritmo dos parágrafos, que adoitan ser áxiles e evitar circunloquios. O apoio de bordóns recorrentes axuda a que a protagonista (que inunda a acción por completo) vaia gañando carisma.

Acerta case sempre nos diálogos, que axudan a comprender a acción e en moitas veces melloran a construción dos personaxes. De feito, é mágoa que non se explote aínda máis esta técnica para provocar comentarios e situacións grotescas ou paveras.

En definitiva, Larvós amosa certa soltura para a construción dunha voz narrativa cercana e informal e estaría ben velo máis natural, sen a aparataxe dunha protagonista tan innecesariamente exótica. Que a personaxe de Suso sexa ou non unha mona achega ben pouco, máis que no simbólico.

♦ A mona de Schrödinger, de Uxío Larvós. Baía, 2022. 216 páxinas. ♠14,35€

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *