A novela policial involuntaria
Xesús González Gómez.
Os especialistas en narrativa policial, sobre todo os franceses: Jacques Baudou, os defuntos Michel Lebrun e Claude Mesplède, J.-J. Schleret, François Guérif, Robert Deleuse, etc., falan moitas veces de narracións, maiormente novelas, que denominan «policiais involuntarios». Con este sintagma, os mencionados críticos queren referirse a novelas que non son nin queren ser narracións policiais (con todos os subxéneros que este tipo de narracións implica: thriller, de suspense, de sucesos, etc.) mais en cuxo interior hai crimes ou misterios por resolver. En realidade, se ampliásemos o concepto, case se podería afirmar que toda novela é un «policial» involuntario, polo que cabería acoutar a definición e aínda máis as obras ás que o sintagma se aplicaría: a ninguén se lle ocorrerá afirmar que, por exemplo, Crime e castigo é un policial involuntario. Nesta entrega falaremos de catro novelas galegas, de diversa índole e calidade, que poderiamos considerar como «policiais involuntarios», publicadas todas despois de 1936. E poderiamos consideralas policiais involuntarias sobre todo se un ten que encher a súa colaboración semanal e non sabe de que escribir.
Comentamos estas novelas por orde de aparición, orde que consideramos a máis democrática para presentalas ou, mellor dito, lembrárllas ao posíbel lector ou lectora. Aclarado isto, a primeira destas novelas é A teima, de Carlos Durán, publicada en 1973 pola Editorial Galaxia na colección Illa Nova.
Esta novela de Carlos Durán (que logo publicou, xa como Carlos Durão, dúas novelas máis: Galegos de Londres, 1978; e Silêncio, nós, 1988) pode ser definida como un thriller existencial. O thriller, como se sabe, é aquela novela policial na que xa se sabe quen é o asasino e adoita narrar a persecución e captura deste: velaí o «misterio» que encerra este tipo de narracións. O importante no thriller é, xa que logo, o desenvolvemento da acción. N’A teima o protagonista (sic) sabe quen matou o seu tío e quen foi o home que o arruinou. Acaba matando a ambos os dous. Durán, bien sûr, non quixo nin intentou escribir un thriller nin nada semellante. A súa novela é unha novela de tese (certa pegada do Camus d’A peste é máis que evidente): a teima turra do protagonista até obrigalo a matar para «poder vivir». Novela de tese e, como toda novela de tese, unha narración falida, mais cómpre dicirmos que era unha boa trama para unha novela policial… tirándolle teses e certos infantilismos narrativos que fan que a novela, nos seus comezos, semelle unha noveliña de Marcial Lafuente Estefanía. (O lector curioso pode atopar unha recensión da novela feita por Álvaro Cunqueiro, publicada no seu día no Faro de Vigo e recollida en No obradoiro do fabulador. Artigos en lingua galega. Faro de Vigo, 1972-1981, páx. 148-150 (Editorial Galaxia, 2019, edición de Iago Castro Buerger e Xosé-Henrique Costas).
A segunda destas novelas, e sempre por orde de aparición, é Seguindo o caminho do vento, de Jose-Ramom Rodrigues Fernandes, aparecida en 1985 e publicada polas Irmandades da Fala na colección Cadernos do povo. Rodrigues Fernandes é autor de diversas novelas e dun libro de conversas con Antóm Árias Curto. Esta novela poder considerarse tamén un thriller… político. Non vou insistir nas diferenzas existentes entre unha novela política e unha novela con política, caso este último da presente, e remítome ao que escribín nesta mesma web.
Seguindo o caminho do vento é unha novela na que falla tanto a relación tempo/espazo como a súa estrutura narrativa. Por non falarmos da verosimilitude: seica lle interesa máis ao autor dicir o que di que como o di e como conforma o que di. O autor puxo demasiadas cousas na narración, sen xerarquizalas, e entrou demasiado nela para que un lector poida lela sen se sentir dirixido. Ademais, a mestura entre a primeira parte –máis ou menos un relato situacional– e a segunda –a que poderiamos considerar thriller político– non está ben «combinada», polo que o resultado é un cóctel insípido e incoloro. (A obra pode lerse na Biblioteca virtual galega da Universidade da Coruña:.)
A terceira no tempo é Todo ben, de Manuel Rivas, publicada por Edicións Xerais na colección Xabarín (o primeiro autor galego que entraba nesta popular colección) no 1985. A obra de Rivas é unha mestura entre novela para a mocidade, novela de aventuras con inclusión polo medio de certo misterio que poderiamos denominar policial. A novela falla polo pouco deseño dos personaxes e da acción. O autor abrangue demasiado sen concentrar a información nos personaxes, como adoita acontecer nas novelas de aventuras, e así o que se iniciaba de maneira solvente, é dicir, co coñecemento das técnicas da novela denominada popular, convértese nun amasillo no cal o lector remata por se perder. Con todo, con esta novela Rivas manifestaba non só capacidades narrativas demostradas posteriormente, senón a capacidade para poder escribir unha boa novela policial e/ou de aventuras. En teoría, daquela semellaba o escritor galego mellor dotado para esta clase de narrativa, pero outros foron os seus camiños.
E a cuarta, e última novela por hoxe, tamén foi publicada por Edicións Xerais. Trátase de Os Brasileiros, de Xoán Manuel Casado, obra que foi finalista do II Premio Xerais de novela (1985), que gañou a obra As horas de cartón, de Lois Xosé Pereira (autor do que, despois de publicar en 1992 unha excelente novela: A vida vexetal, nunca máis se soubo). Antes de falarmos da obra de Xoán Manuel Casado contemos unha anécdota curiosa. Cando se deu a coñecer a novela gañadora do premio, o xurado recomendou a publicación da novela finalista, Os Brasileiros, da que non se coñecía o nome do autor por o xurado non abrir a plica, ao non ser o obra gañadora, como é preceptivo nestes casos. O curioso é que o título con que Xoán Manuel Casado presentou a súa novela ao premio era Longa noite, só na plica ía o verdadeiro título da obra co nome do seu autor. Visto o visto, a un non lle quedaba máis explicación que pensar que os membros do xurado do premio Xerais daquel ano de 1985 eran… videntes. Ou tiña outra, pero un sempre acredita na honradez dos xurados…
Os Brasileiros iníciase co anuncio dunha morte tripla, a de tres irmáns, coñecidos como os Brasileiros, odiados por todos os moradores da vila, xa que a dominan. Durante todo o desenvolvemento da novela trátase de descubrir quen puido «asasinalos». Matounos, en verdade, o azar. A novela esixe unha atenta lectura para que o lector poida descubrir quen «matou» os irmáns. A pericia narrativa de Xoán Manuel Casado, pericia que demostraría de novo na súa novela, publicada postumamente, Volta e revolta (A Nosa Terra, 2010), despistou no seu día a algúns «críticos», que nas súas recensións apuntaban a que podía existir identidade do culpábel do triplo «asasinato«, cando en verdade, como dixemos, e como se decatara o lector, matounos o «azar»: os tres irmáns morren despois de beberen un licor-café que eles mesmos envelenaran e lle regalaran a unha persoa que querían eliminar.
Algunhas novelas, galegas, máis poden ser consideradas «policiais involuntarios», hoxe trouxemos aquí estas catro, talvez outro día falemos dalgunha máis.