BiosBardia

O país dos libros en galego

A Peste Negra en Galicia

A pulga foi o animal que transportou a bacteria da peste bubónica.

César Lorenzo Gil.

A Peste Negra do 1348-1349 foi a grande epidemia da Idade Media. A súa virulencia e extensión xeográfica e socioeconómica marcaron unha cesura no devir de Galicia.

O mecanismo de contaxio da peste

Pulgas de rata infectadas coa bacteria da peste bubónica mentres chuchan nun ser humano, regurxitan parte do sangue que están a absorber, infectado por esas bacterias e vólvenllo inocular á persoa a través da súa picadela.

As bacterias da peste avanzan polo tracto linfático até o nódulo linfático onde se forman bubóns do tamaño dunha ervilla ou dun ovo e son brandos. Normalmente os bubóns fórmanse nos nódulos máis próximos ao lugar da picadela. A maior parte das pulgas ataca as pernas polo que son comúns as levazóns nas virillas. Tamén se producen nos sobacos ou no pescozo (zona submaxilar e detrás das orellas).

Había outro tipo de infección. Cando a pulga regurxitaba directamente o sangue infectado no torrente sanguíneo, a bacteria viaxaba rapidamente polo sangue e mataba a persoa en máis ou menos 14 ou 15 horas. Non deixaba marcas e non había posibilidade de supervivencia.

Un terceiro tipo de infección era a que pasaba dos nódulos linfáticos ao torrente sanguíneo. Dábase polo xeral no 50-60% dos casos de infectados. Case sempre era mortal.

Nalgúns casos, a bacteria pasaba ás veas periféricas e capilares e producía hemorraxias xusto baixo a pel. As manchas que provocaba chamábanlles petequias. Todos os enfermos aos que lles aparecían as petequias morrían. Eran os “sinais” que marcaban os que habían de morrer. Shakespeare falaba da peste sinalada.

Había casos nos que as bacterías pasaban do torrente do sangue aos pulmóns (entre o 10 e o 25%). É coñecida como peste pneumónica secundaria e producía nos enfermos tose e expectoración de sangue. Esas pingas de sangue infectado saídas dos pulmóns son moi contaxiosas e producen a chamada peste pneumónica primaria.

Os afectados pola peste pneumónica primaria adoitaban vivir día e medio, dous días, desde a infección. A tose non aparecía até as 24 horas polo que só tiñan 19 horas para contaxiar outras persoas a través das chamadas pingas de Flügge. Ademais, por seren as bacterias moi grandes, o contaxio non era doado xa que incluso inhalando as pingas de sangue contaminado, o máis habitual era que as bacterias non pasasen aos pulmóns senón que ficasen na farinxe e posteriormente entrasen no torrente sanguíneo, provocando a peste bacteriémica primaria.

É dicir, os infectados por pingas de sangue contaminado morren de peste bubónica pero sen desenvolver bubóns, xa que a infección pasa directamente ao sangue sen atinxir os nódulos linfáticos. E en moi pouco tempo.

Entre que a peste entra nunha comunidade, a través de pulgas de rata infectadas até que aparecen os primeiros casos de peste en humanos adoitan pasar de 16 a 23 días. As primeiras mortes aparecen entre 20 e 28 días despois de aparecer o foco infeccioso.

Para que unha comunidade humana se decate de que está a vivir unha epidemia, non un surto de calquera enfermidade deben pasar ao redor de 39 días.

Xeneralidades

No 1347, buques venecianos levaron a peste desde Caffa (a actual Feodosia), en Crimea, cara a Constantinopla e outros portos no Mediterráneo.

A cidade de Caffa era, xunto a Tana, eixo comercial de venecianos e xenoveses en territorio do antigo Imperio mogol, convertido naquela altura en multitude de reinos muslimes enfrontados entre si de entre os que destacaba o reino da Horda de Ouro, cuxos exércitos sitiaron Caffa no 1347. A peste primeiro decimou a tropa atacante, ao mando do khan de Kipchak e logo atacou con virulencia os habitantes de Caffa. Venecianos e xenoveses, aterrados pola peste, fuxiron en barco cara a outros lugares. Canda eles viaxaban as ratas e as súas pulgas.

A peste en Galicia

A peste notouse en Galicia entre abril do 1348 e setembro do 1349. Concretamente, a peste chegou a Santiago entre o 20 e o 27 de abril.

Pedro V e García Prego de Montaos, respectivamente arcebispo de Compostela e bispo de Tui, foron das primeiras vítimas de alto rango da peste negra en Galicia. Os dous morreron en xuño do 1348, o 14 o de Santiago e o 18 o de Tui. O bispo de Lugo, Xoán Martíns, desposuído do cargo desde o 1345, tamén ha morrer de peste no segundo semestre do 1348.

A hipótese do porqué da chegada da peste tan rapidamente a Galicia (moito antes ca ao resto dos reinos peninsulares) podería deberse a que o foco infeccioso estivese nun barco que partiu de Bordeos, con peregrinos e fuxitivos da pestilencia, e recalou na Coruña primeiro e máis tarde en Tui. Foron peregrinos apestados os que levaron as pulgas infecciosas desde o porto do Faro á tumba do Apóstolo. A Bordeos chegara a peste desde Marsella, principal foco infeccioso da península Ibérica desde o 1 de novembro do 1347, mercé aos tratos comerciais desta cidade provenzal (15.000 habitantes) cos portos italianos.

Morreu practicamente a metade da xente e a doenza eran levazóns nas virillas e so os brazos. Tiveron dores tanto os que morreron coma os que ficaron.

A xente percibía que o contaxio da peste se daba por contacto físico e proximidade. Era por iso que a xente levaba preservativos na boca ou entre as roupas para limitar o contacto. Durante a epidemia dilatábase o contacto cos familiares e veciños. As casas infectadas illábanse socialmente. Moitas persoas ficaban en casas ou alcobas, arrodeados unicamente de cavacas a arder no lume, xa que se consideraba que o lume preservaba da difusión dos miasmas

Entre os pobres, con todo, a peste non podía esquivarse, seguindo o vello refrán dos tres eles: se a peste anda á beira túa, usa os tres eles: vaite logo, lonxe e por longo tempo. Moitas veces durmían na mesma cama sans e doentes. Ademais, eran os pobres os que se encargaban do transporte dos enfermos e tamén dos mortos.

Como orixe da praga, fálase do ar. O ar como espazo corrompido no que os malos humores se concentran até que os respiramos. A peste está feita de pos velenosos de nubes. Planetas mortos que deitan o seu pestilente alento coma un leproso.

A visión hipocrática (antiga) da medicina consideraba que no corpo había catro humores no corpo: sangue, bile amarela, bile negra e flegma. Cada un tiña a súa analoxía cun dos catro elementos: sangue, quente e húmido coma o ar; bile negra, fría e seca coma a terra; a amarela, quente e seca coma o lume e a flegma, fría e húmida coma a auga. A peste proviña dun desequilibrio humoral, de que as condicións de calor e humidade dominaban as de secura e frialdade. 

Os médicos consideraban que a pel era a parte máis vulnerable para infectarse. Por iso prohibían bañarse, porque na auga encontraba a peste o mellor medio para penetrar no organismo. É logo da peste negra que o baño perde prestixio definitivamente, logo do acoso eclesiástico que consideraba tomar os baños un factor de relaxación moral.

A hixiene faise mudando a roupa ou lavando as mans, os pés e o rostro, mellor con vinagre ou con auga con pétalos de rosa ou limón. O baño de corpo enteiro non volveu instaurarse en Europa até o século XVIII.

Como acabar coa peste

Desde o principio, a peste considerouse un castigo divino que só Deus podía rematar. A peste chegaba e marchaba por mandato divino. É por iso que a devoción aumenta. Ladaíñas, rogativas, oracións, penitencias, procesións, comuñóns, esmolas, reconciliacións con inimigos acérrimos, arrepentimento dos pecados, estimular a piedade polos demais, a compaixón por un propio, a conmiseración por todos e o fervor popular como altofalante da devoción por Deus.

O santo ao que se lle pregaba era San Sebastián. O culto a San Roque en caso de pestes non se xeneraliza en Galicia até o século XVII.

O culto a San Sebastián en Galicia non foi dos máis estendidos pero aínda así hai sete parroquias repartidas por todo o territorio cuxo patrón avogado era este mártir galo-romano.

Enterrar os mortos

Por medo ao contaxio non se celebraban funerais. Os cadáveres ficaban amoreados gañando mosca. Enterrábanse en foxas extramuros da cidade. Habilitábanse criptas amplas, chamadas carneiros, non demasiado lonxe, para facilitar o transporte dos defuntos.

Oficios da peste

Os custodios: encargados de sinalar as casas con doentes e evitar que ninguén saíse. Había deseguido conflitos cos sans, que querían fuxir. Houbo mortes e subornos, tamén preitos ante o traballo destes vixilantes.

Sepultureiros: A comunidade fai unha pinza no nariz e pecha os ollos; deixa o coidado dos enfermos nas mans de xente sen escrúpulo, capaz de lidar coa ameaza da morte sen medo, guiados moitas veces pola insania: médicos ou sepultureiros que se deitan coas enfermas, enterradores que incumpren a obriga de queimar a roupa dos mortos e prefiren gardala para comerciar con ela, ladróns nas casas pechadas pola morte dos seus habitantes. A familiaridade coa morte facía que fosen coma personaxes de The Walking Dead, insensibles á morte, capaces de ir nos carros sobre unha pilla de defuntos, de cargar con brazos soltos dos corpos ou facer burla dos defuntos agarrándoos polas mandíbulas coma se fosen bonecos. Nalgúns lugares, para diferencialos, obrigábanos a levar unha carapucha azul.

Limpar as casas

Para facilitar que a praga marchase, usábanse diferentes métodos: queimábase romeu, branqueábanse as paredes con cal e lavábanse os chans con vinagre.

Non hai futuro

Non hai futuro era un lema moi estendido naqueles tempos da Peste Negra. As cidades estaban á mercé dos hedonistas que se lanzaban con ira aos praceres: nas casas ricas abandonadas polos seus donos (que se refuxiaban nas súas pousas na aldea) bébedos permanentes baleiraron as súas adegas. As festas de sexo e alcol foron correntes en plena rúa e a pleno sol. Mais tamén nos sotos se bebía e se fornicaba.

Creáronse comunidades epicúreas que aproveitaron a anarquía para vivir dun xeito sinxelo, sen os tabús que a sociedade impuña. Foi como se a peste permitise unha festa perpetua na que os roles non tiñan sentido e cadaquén se vía a si mesmo como alguén mortal e, polo tanto, sen atadullos de ningún tipo á vida.

Astroloxía

No 1348, o rei de Francia, Filipe VI, encargoulle á facultade de Medicina da Universidade de París que elaborase un informe sobre as causas da peste. A facultade remitiu un texto no que indicou que á unha do mediodía do 20 de marzo do 1345 se producira unha conxunción astral entre Saturno, Xúpiter e Marte na casa de Acuario. Aquela situación era dunha eficacia extrema para a aparición de enfermidades epidémicas, pois a conxunción de Saturno e Xúpiter provocaba mortes e desastres, mentres que a de Xúpiter e Marte diseminaba a peste polo ar. Esta teoría partía da base de que Xúpiter era cálido e húmido e extraía vapores nocivos tanto da terra coma da auga, mentres que Marte se consideraba cálido e seco e tiña, polo tanto, a capacidade de avivar eses vapores até convertelos nun lume infeccioso.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *