BiosBardia

O país dos libros en galego

‘A pintora. Caixóns de auga malva’ e ‘Eu son de aquí e de alá’: Mulleres que volven existir

Lupe Gómez, á esquerda, e Tamara Andrés.

Emma Pedreira.

Nos últimos anos a literatura galega está a desenvolver un traballo cada vez máis consciente de recuperación da memoria de mulleres creadoras que a historia cultural deixou nun segundo plano. Nesa liña poden lerse dous libros recentes que, desde linguaxes e sensibilidades diferentes, dialogan arredor dun mesmo propósito: devolverlles presenza a dúas figuras que habitaron durante moito tempo nas marxes da memoria pública.

En A pintora. Caixóns de auga malva, libro ganador do XIII Premio de Poesía Manuel López Ardeiro, Lupe Gómez achégase á figura da pintora María Antonia Dans a través dun texto híbrido no que a evocación poética se mestura coa memoria persoal e coa contemplación da obra pictórica da pintora veciña.

María Antonia Dans (Oza dos Ríos, 1922 – Madrid, 1988) foi unha artista galega cuxa obra bebeu das lembranzas da infancia pasada en Curtis e das paisaxes rurais que marcaron o seu imaxinario. A súa pintura caracterízase pola forza cromática e por unha linguaxe visual de trazos sinxelos e esquematizados. Aínda que ás veces foi etiquetada como naïf, a súa obra pode entenderse mellor como un expresionismo de inspiración popular, centrado nas escenas do campo e do mundo mariñeiro.

Nesta liña, podemos pensar que da súa pintura se nutriu sempre o imaxinario de Lupe Gómez. O libro inscríbese nun proxecto máis amplo desenvolvido ao longo dos últimos anos nunha serie de seis poemarios nos que foi reconstruíndo a lembranza de mulleres vinculadas ás terras de Fisteus, veciñas da súa contorna vital que, vivas ou xa desaparecidas, regresan á páxina como parte dunha memoria colectiva que a poeta se propón coidar e transmitir.

Dentro dese ciclo, este volume introduce unha figura distinta ao achegarse á figura da pintora Dans, xa recoñecida que, con todo, aparece filtrada pola mirada íntima da infancia na que compartiron as latitudes do locus amoenus sempre presente na poética de Lupe. A voz literaria tece un tapiz memorístico, desde o presente cara a aqueles veráns nos que, sendo nena, vía ocasionalmente a pintora na vila de Curtis. Aquela presenza quedou gravada na memoria como unha escena luminosa e as cores da súa pintura e o seu propio fulgor persoal aparecen evocadas como un estoupido de tonalidades vivas, case como unha feira de verduras onde verdes e malvas se mesturan entre as paletas plástica e a poética que comparten ambas creadoras.

“As mans da pintora

acollen os estalos profundos

da noite cando a terra

morre no outeiro

salvaxe das fotografías.”

A escritura convértese así nunha entrada na casa da pintora, hoxe espazo de memoria. A voz adulta percorre ese territorio cargado de recordos e volve tocar as cores, as pinceladas e os xestos que a impresionaran na infancia. O libro non procura reconstruír unha biografía exhaustiva de María Antonia Dans, senón establecer un diálogo emocional coa súa lembranza e a súa obra onde a palabra funciona como unha forma inxenua de mirar tan característica da poesía de Gómez, na que escribir é un acto respiratorio, case; inhala o recordo e exhala o poema.

Pola súa banda, Eu son de aquí e de alá, de Tamara Andrés, rescata a figura da poeta Matilde Lloria, autora que desenvolveu a súa obra entre territorios e identidades e que logo desaparece na desmemoria. O libro artéllase como un territorio híbrido de investigación, exploración da pertenza e dun finísimo ensaio literario. Todo sen chegar a ser nada disto, senón de bosquexalo como un encaixe onde a perfección do fío é infinitamente máis pequena que a fondura dos ocos, ese labor. Unha voz entre poética, teatral e dialogante constrúe pontes entre o presente, no que a autora conta os pasos da súa investigación e o pasado da figura de Lloria, recuperando fragmentos da súa historia e do seu universo creativo que pon sobre a mesa mentres nos amosa a perplexidade da desaparición, o descontento pola perda e nos apupa para sentírmonos no mesmo incomodo.

Matilde Lloria, pseudónimo de Matilde González Palau (Almansa, 1912– Valencia, 2002), foi unha escritora que desenvolveu a súa obra en castelán, catalán e galego. En 1942 instalouse en Ourense, cidade coa que mantivo unha forte vinculación e que a nomeou Filla Adoptiva. A súa obra poética atravesa varias linguas e etapas, con títulos como Conjugació en primera persona, Caixiña de música ou Unha casa no tempo.

Ao non ser nin de aquí nin de alá, Matilde, diluícheste na fronteira”.

Ambos os dous libros comparten un mesmo xesto: escribir contra o silencio, non permitir o esquecemento. Nin Gómez nin Andrés pretenden levantar monumentos biográficos nin elaborar estudos académicos exhaustivos. O que fan é algo tan distinto como crearen un espazo literario onde estas mulleres volvan existir. A memoria aparece así como un acto creativo e tamén político.

Hai, con todo, diferenzas significativas nos procedementos. No libro de Lupe Gómez a pintura convértese nunha materia sensorial que invade a escritura; as cores, os obxectos e os espazos da obra de María Antonia Dans transfórmanse nun museo íntimo habitado pola lembranza. En cambio, Tamara Andrés constrúe un diálogo máis reflexivo coa figura de Matilde Lloria, explorando as cuestións da identidade, do lugar e da transmisión da palabra poética a través de pistas, conversas con personaxes como Pura Vázquez ou Vicente Risco e afondando na inquietude ao encadear preguntas retóricas.

Se algo une estas dúas obras é a conciencia de que a historia cultural está chea de ocos e de que a literatura pode actuar como ferramenta de restitución. A través da evocación poética e da reconstrución fragmentaria, ambos libros devolven presenza a dúas creadoras que non sempre ocuparon o lugar que merecían na memoria colectiva.

Neste sentido, tanto A pintora. Caixóns de auga malva como Eu son de aquí e de alá poden lerse tamén como parte dun movemento máis amplo da literatura galega contemporánea: o intento de reconstruír a xenealoxía das creadoras que quedaron fóra do relato canónico. Non se trata só de recuperar nomes esquecidos, senón de revisar as formas nas que a memoria cultural se constrúe e se transmite.

Tanto Lupe Gómez como Tamara Andrés optan por afastarse da biografía tradicional para explorar outros camiños. A evocación poética, o diálogo coa obra, a reconstrución fragmentaria da lembranza. As figuras de María Antonia Dans e Matilde Lloria non aparecen aquí como estatuas inmóbiles da historia cultural, senón como presenzas que continúan irradiando significado no presente.

Quizais por iso estes libros funcionan tamén como un exercicio de transmisión. A memoria non aparece neles como un arquivo pechado, senón como un territorio vivo que cada xeración debe volver percorrer como algo activo e en progresiva construción. Ao escribir sobre estas mulleres creadoras, Gómez e Andrés non só as lembran senón que fan por inserirse nunha cadea de voces femininas que dialogan entre si a través do tempo.

A pintora. Caixóns de auga malva, de Lupe Gómez, Medulia, 2025. 68 páxinas. 14,90€

Eu son de aquí e de alá, de Tamara Andrés, Galaxia, 2026. 113 páxinas. ♠15,50

 

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *