‘A pintura debida’, madurez e tradición
César Lorenzo Gil.
Un dos temas de debate nas letras galegas que de cando en vez reaparece é o peso da tradición sobre os novos creadores. Na poesía, o peso da longa historia (desde a Idade Media) e o referente simbólico de Rosalía de Castro irradian unha autoestima que se manifesta acotío e que marca unha clara liña entre a tradición autóctona e as obras que se escriben na actualidade. No caso da narrativa, a tradición galega é máis curta. O campo técese principalmente no século XX e, evidentemente, cada nova obra, cada novo autor que foron incorporándose á nosa tradición trasladou non só o aprendido nos libros en galego, senón o que aprendeu nos autores universais de cada tempo.
Dito isto, hoxe en día non é novidoso dicir que autores aínda vivos como Xosé Luís Méndez Ferrín e Suso de Toro influíron e inflúen sobre o que se escribe e se publica. Ferrín é da xínea de Álvaro Cunqueiro, outro dos autores que aparecen na lista de referencias de moitos narradores galegos actuais. Co tempo, un dos escritores que aparecían como máis destacados e que se consideraba evidente que crearía escola era Carlos Casares. O seu estilo e técnica producían, como diría Ricardo Piglia, un mecanismo para facer literatura, e foi tanta a súa influencia na cultura galega no seu tempo que ninguén contaba con que apenas deixase discípulos. O máis recoñecible e recoñecido é Antón Riveiro Coello. Fabio Rivas (Pontevedra, 1997) podería ser outro.
Con matices, porque A pintura debida (colección ‘Redes’: Xerais) é moito máis ca un libro “casariano” (o adxectivo úsase no mellor dos sentidos: claridade; mirada psicolóxica, ampla e reflexiva…). É un reencontro dun autor moi novo coa tradición literaria desa metade do século XX. Tamén están Castelao e Ánxel Fole; por suposto Manuel Rivas e De Toro.
É importante neste caso destacar estas influencias porque son moi evidentes nos textos. Rivas dialoga cos temas, coa materia literaria viva (a experiencia, podemos dicir), pero tamén co magma literario, con aquilo que aprendemos nos libros, con esa idea tan gorentosa de falar do que lemos e do que soñamos, non só do que apreixamos cos cinco sentidos. Nalgúns relatos os libros son evidentes protagonistas (“Agnes e o peculio”, por exemplo), mais na súa totalidade o texto séntese rabuñado por alguén que, talvez canda Borges, presume máis do que le ca do que escribe.
Os oito relatos que compoñen A pintura debida teñen virtudes escasas para un debutante: dominio da técnica narrativa, especialmente da estrutura do relato (final sorprendente, protagonismo da voz narrativa, deseño de atmosferas…), seguridade expresiva e vontade de estilo.
Rivas consegue manter baixo rédea os diálogos e os lugares comúns. Con certeza en ambos casos, por ser este un libro de relatos onde deberían primar a precisión e o ritmo, hai elementos que están de máis, pero en moi poucos casos. Polo xeral o diálogo cumpre á perfección o seu cometido e destacan máis os achados de imaxinaría lingüística ca as frases feitas.
A pintura debida, ademais, é de lectura accesible. Ten varios niveis interpretativos e non agocha a súa intención de aproveitar a familiaridade de determinados xéneros (a intriga e o misterio exprésaos o autor con moito xeito) para recrearse no evocador e no inquietante. A proposta seduce as máis das veces porque consegue crear un clima de complicidade.
Os defectos do libro case sempre teñen a ver co propio formato. A pesar de que o autor ten claras determinadas regras do relato, por momentos os textos perden, como adiantaba, precisión e enfoque. En varios dos contos, Rivas déixase levar pola alma de novelista e engade elementos accesorios e superfluos que estorban máis ca axudan. De feito, poderiamos debater se moitos dos textos incluídos n’A pintura debida non será máis ben micronovelas ca relatos. O tratamento dos personaxes, do tempo e da sintaxe, en moitos momentos, produce a sensación de que os obxectivos narrativos non se axustan a ese pacto de lectura do relato clásico. E sendo este un libro que enarbora un evidente paradigma clásico, esta disfunción pode chegar a renxer.
Pero ao mesmo tempo tamén anima a pensar que Fabio Rivas xa ten moito camiñado para poder ofrecer unha obra narrativa máis longa. Pois calquera novidade no ronsel deste seu debú literario parte xa con varias calidades que o autor demostra que ten aprendidas.
♦ A pintura debida, de Fabio Rivas. Xerais, 2023. 160 páxinas. ♠14,50€