BiosBardia

O país dos libros en galego

A prehistoria de Marguerite Duras

Marguerite Duras.

Xesús González Gómez.

Diciamos a semana pasada que o libro de Barbara Probst Solomon Éxtasis y chalaneo abríase co artigo «A política da paixón». Este artigo é, en realidade, unha longa recensión d’O amante, de Marguerite Duras; recensión que non se detén neste libro da autora, senón que «pasea» por outros, máis recentes (o traballo está datado en 1987) e algúns máis antigos, así como por certos dos filmes realizados pola Duras. Recoñecendo que é unha boa escritora (non excelente), Probst Solomon fai unha lectura en profundidade, e baudeleriana (partidaria, política e apaixonada) do best-seller da nosa autora. Segundo a norteamericana, «Aínda que O amante ten os elementos habituais do estilo de Duras (erotismo inconexo e desprazado; sortilexios repetidos hipnoticamente sobre a morte e a eternidade; e un uso destro dun penetrante estilo confesional clasicamente francés, realizado todo iso en tomas curtas nunha secuencia non cronolóxica) é un texto excepcionalmente accesíbel»׃ (p. 16). Resume un pouco de que vai a novela: lémbrese, os amores dunha rapaciña branca «pobre» cun chinés, maior ca ela, rico, no Vietnam colonial. Os amores estes levan aos chineses ricos, anti-brancos, a considerar a pobre francesiña pobre como «a putiña branca de Sadec», etc. En realidade, afirma Probst Solomon: «A mensaxe sotto voce da novela é, en suma, colonial francés puro: dunha xenofobia bastante estrambótica, case como se a autora estivese sentada nunha cociña do Loire a explicarlle ao conserxe detalles arrepiantes do que significaba ser a môme [moza] orfa do outre-mer de Francia naqueles tempos en que Francia aínda posuía o seu imperio de Indochina» (p. 17), e continúa: «Duras quere apuntarse a todas. Como antigo pilar da esquerda francesa sería a primeira en chamar raciste ao do lado. […] Duras pode ser unha escritora dunha precisión política excepcional, diso non hai dúbida. Por que considera sempre os chineses, os naturais do pais, os indios os tipos malos dos cartos? Foron acaso os franceses explotados en Indochina? E os levantamentos de 1930 causados pola fame, por exemplo, que foron salvaxemente reprimidos polo goberno colonial? E a man de obra case escrava que recrutaron para as plantacións de caucho de Cochinchina? Os antibrancos de 1930 eran, en realidade, os mozos revolucionarios de Ho Chi Minh, non millonarios chineses» (p. 17-18). E continua Probst Solomon debullando as incoherencias políticas, e non só, da Duras… nun momento dado afirma: «Non rematan aquí, infelizmente, as resonancias políticas d’O amante, a súa habilidosa mestura de experiencia erótica e nostalxia racista. Duras cargou a súa novela cunha subtrama do máis incendiario que non se pode pasar por alto de maneira ningunha e que aclara tanto La Douleur como Hiroshima [mon amour]» (p.20). Cal é esta «subtrama»: o pasar bruscamente nun momento da narración a asuntos de Francia durante a ocupación alemá (p.20). O irmán maior da narradora converteuse nun colaboracionista, o seu marido foi deportado «e ela converteuse en amiga íntima de Betty, a esposa de Ramón Fernandez[1], escritor e colaboracionista francés que se sentía literalmente “no seu elemento” durante a ocupación alemá. De pronto, Duras mestura (como en Hiroshima) a historia real coa néboa política: “Drieu la Rochelle estivo alí unha vez… ás veces Brasillach… Sartre nunca veu”. E, nunha frase, case de pasada, di despreocupadamente: “…os Fernandez eran colaboracionistas. E eu dous anos despois da guerra era membro do Partido Comunista… Son dúas cousas iguais, a mesma falta de xuízo, a mesma superstición se queres, consistente en acreditar nunha solución política do problema persoal» (p. 20-21) [Drieu e Brasillach, con Céline foron os escritores franceses colaboracionistas máis famosos: Drieu suicidouse en 1945, Brasillach foi fusilado –era o máis furibundo antisemita de Francia– e no seu semanario Je suis partout, non paraba de denunciar durante a ocupación nazi de Francia posíbeis gaullistas, comunistas, xudeus, etc. E de Céline que dicir…]

Mais acabemos aquí, non sen deixar de lembrarmos que, segundo Prosbt Solomon, mediante Hiroshima mon amour, a Duras «lograba equiparar o sufrimento dos xaponeses despois da bomba co sufrimento dos franceses coa ocupación. Con este trastornamento ideolóxico, Francia convértese nunha devastación, chea de mortandade, Expropiando a traxedia de Hiroshima, Duras libraba a súa patria da lembranza molesta do seu sometemento aos alemás, etc.» (p. 24) e, «aínda que é probábel que ela non se vexa así, esta filla de outre-mer é, para ben ou para mal, a escritora nacionalista de mais éxito do  seu país, e un pouco como Céline, aínda que non se aproxime nin sequera ao seu talento, parece integrar na súa conciencia a fonda xenofobia da súa patria […]» (p. 25).

Pódese comprobar: os xuízos da escritora neoiorquina son duros. E non só con respecto a Duras. Para limitármonos á literatura, léase o seu escrito: «El talante estadounidense. Kerouac y Mailer», p. 63-39, publicado en 1959 e que acaba da seguinte maneira: «Por iso é polo que ven [os críticos estadounidenses: gardiáns eunucos dunha literatura impotente] en Kerouac só un pequeno pallaso tímido da palabra e se mostran indiferentes ante a súa atractiva apoloxía do novo estilo de fascismo: un fascismo romántico, afectuoso, riseiro do espírito», p. 69.

En 1940, no mes de maio, a editorial Gallimard deu ao prelo o libro L’Empire français, obra de Marguerite Donnadieu (secretaria do Ministerio das Colonias) e Philippe Roques. Velaí a prière d’inserer deste libro, realizada polo equipo editorial ou polos autores?:

«Desde hai algúns anos e sobre todo despois da guerra [a Primeira Guerra mundial], Francia tomou consciencia do seu Imperio. Os Territorios de Ultramar, que lles semellaban outrora non ser máis que un capital en reserva para explotacións futuras, móstranse hoxe como posuidores de recursos económicos e militares considerábeis que axudaron a conseguir a vitoria.

»Este libro, ao que a personalidade dos autores lle dá unha singular autoridade [por proceder ambos de colonias francesas ou traballar ambos no Ministerio das Colonias?], non ten outro obxectivo que facer sensíbel ao lector o que hai que entender por “Imperio Francés”.

»A historia colonial non é máis ca un eco da historia de Francia. Os autores esforzáronse en liberar as leis case inelutábeis que vinculan cada unha das nosas aventuras coloniais, por inesperadas que poidan parecer, á nosa historia nacional. Estabeleceron así relacións causa efecto que até agora escaparan aos observadores políticos máis advertidos.

»A xeografía, lonxe de ser unha compilación escolar, non é máis que unha presentación orixinal das nosas diversas colonias cuxo aspecto e pasado xeográfico son tan fondamente opostos.

»Igualmente, a defensa militar do Imperio é considerada no seu conxunto. Aparece entón como unha estrutura xigantesca, tanto pola súa amplitude como pola impresionante rapidez da súa organización. Non menos real e harmoniosa, a vida económica do noso Imperio é obxecto dun estudo profundo no que se traza o programa da economía imperial de mañá.

»Finalmente, os autores procuraron a explicación da entrega total dos indíxenas á Nai Patria. Algunhas páxinas conmovedoras mostran a cada francés a obra heroica do médico colonial, do misioneiro, do administrador, de todos os pioneiros de Francia e a continuidade perfecta dos esforzos de cada un deles. A gran preocupación de Philippe Roques e Marguerite Donnadieu foi evitar dar ao seu estudo un carácter demasiado técnico. Conseguiron facer o seu libro á vez instrutivo e atractivo, póndoo ao alcance de todos. Nalgo máis de 200 páxinas, trataron os problemas con comprensión e intelixencia, nun estilo claro  e ilustrado.

»En resumo, L’Empire français é un libro que todo francés debe ler e conservar, tirara del grandes esperanzas e un poderoso conforto nas dificultades do momento. Sentirá que o Imperio forma agora un todo co que Francia pode contar, tanto durante a guerra [lémbrese que en maio de 1940 Francia estaba en guerra coa Alemaña nazi] como despois da conclusión da paz, para lle asegurar a prosperidade e o equilibrio económico que lle son necesarios».

Como se decatará calquera lectora ou lector, esta prière d’inserer deitaba colonialismo, xa que logo racismo, por todas as letras. Imaxinen lectores e lectoras o que podía ser o libro, que eu non coñezo, e como o seu prezo non baixa de 100 euros nas vendas por internet, non penso comprar, claro. Por outra parte, supoño que lectoras e lectores se decataron, se non o sabían previamente, que Marguerite Donnadieu non é outra que Marguerite Duras –sendo este último o seu «pseudónimo» ou nome literario, xa que o seu apelido no rexistro civil non era outro que ese de Donnadieu.

O libro foi recibido con alborozo pola prensa colonial francesa e pola prensa dereitista: Le temps, L’écho annamita, Revue historique, Le monde coloniel illustré, a revista Rolet, etc., publicaron comentarios do libro,sempre lembrando que os autores tiñan o mérito de loar a «obra colonizadora/civilizadora de Francia», unha obra que para algúns deste medios se remontaba ás Cruzadas!

Aquel mes de maio de 1940, a revista L’Illustration, un dos semanarios de máis tiraxe de Francia, publicaba un artigo de «Mme. Donnadieu»: «La méthode colonisatrice de la France», que se iniciaba da seguinte maneira: «Setembro de 1939. Dende hai algunhas horas, Francia e Inglaterra acaban de comunicarlle a Alemaña que van tomar as armas para salvagardar as súas liberdades. E velaí que se amontoan no despacho do ministro das Colonias telegramas que proveñen dos nosos territorios afastados e que son outros tantos testemuños de lealdade e fidelidade á nai patria. Dende o máis humilde dos nativos ao xefe máis venerado, todos responden co mesmo entusiasmo ao chamamento de Francia». Marguerite Donnadieu afirmaba que o «indíxena nunca foi tratado coma vencido», que a política colonial francesa era facer do indíxena un home san, e para iso Francia despregou toda unha política sanitaria e hixiénica nas súas colonias; instruíu os nativos, fixo deles traballadores ben pagos, etc. Toda unha restra de mentiras que ninguén, na Francia de maio de 1940, podía denunciar. Todo o artigo de Donnadieu estaba atravesado polo suprematismo francés, europeo. Por un paternalismo de misioneiro e, no fondo, aínda que no artigo se afirmaba que a política colonial francesa non era racista, por un racismo de tintas moi claras. Por que, o seguinte parágrafo non denuncia un racismo/paternalista que intenta enganar o lector?: «Á hora de emancipar o nativo, a principal preocupación de Francia nunca é distraelo do que parece ser o destino natural da súa raza. Pola contra, esfórzase por levalo a unha existencia acorde ás súas habilidades e ao seu pasado. Non obstante, había necesidades prácticas; a solución a este problema dependía do noso ensino, que tiña que compatibilizarse cos principios que inspiraron a nosa colonización. Rendamos homenaxe nesta área aos misioneiros, que foron os primeiros en facerse cargo da infancia indíxena e establecer garderías e escolas. Estes pioneiros da virtude e do pensamento francés non afastaron ningunha tarefa nin proba e o seu catolicismo activo sentou as bases de toda a nosa política nativa».

«É estendendo amplamente a instrución que chegamos a formar en cada colonia unha elite capaz de realizar as funcións administrativas e destinada tamén a difundir entre as masas os principios da nosa civilización.

»O noso deber consistía en dar ao máis rico como ao máis pobre a súa oportunidade de éxito; tamén intentouse xeneralizar nas nosas posesións a instrución pública, mais ao ser a poboación das nosas colonias maiormente agrícola, a extensión paralela do ensino profesional agrícola, artesanal, doméstico, permitiu evitar que os nativos concorresen en número excesivo ás carreiras administrativas e que abandonasen as súas terras», etc.

Barbara Probst Solomon, que non debía coñecer nin o libro L’Empire français nin este nin outros artigos de Marguerite Donnadieu, soubo ver, viu, que por debaixo da trama de O amante[2], ademais dunha subtrama da que xa se falou parágrafos atrás, latexaba un racismo tipicamente colonial, tipicamente colonial francés. Un racismo que, dá a impresión, fai retornar á Marguerite Duras á súa mocidade e aos escritos co seu nome do rexistro civil. Só nos queda, xa que logo, recomendar a lectura deste libro, Extasis y chalaneo, máis que interesante da escritora neoiorquina. Libro, estou seguro, que non decepcionará a ningunha das súas lectoras e lectores.


[1] Sobre Ramon Fernandez, de ascendencia mexicana, pode lerse con interese o libro que lle dedicou seu fillo, Dominique Fernandez: Ramon, París, Grasset, 2009. Eliminamos o acento de Fernández; que  pon o tradutor español, xa que o escritor francés asinaba sen el, como fai tamén seu fillo.

[2] Debido á súa trama, esta novela de Marguerite Duras, coma Un dique contra o Pacífico e O amante da China norte, non son consideradas «novelas coloniais». Non estou tan seguro de que non o sexan. Ao artigo publicado nesta mesma web sobre unha novela colonial galega me remito.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *