A prol da reciclaxe de libros

César Lorenzo Gil.
De cando en vez observo nas redes sociais espectáculos de vestiduras rasgadas e sobredose de moralina ilustrados con imaxes de moreas de libros acaroados a un contedor de lixo, case sempre de cor azul, de reciclaxe de papel e derivados. Sempre xorde a voz de quen considera tirar libros unha abominación, quen se lamenta de non estar perto para “rescatalos”. E levalos para a casa, supoño.
Para estes corazóns delicados non recomendo a visita aos puntos limpos de varias cidades, nos que se amontoan libros canda monitores de tubo, lavadoras desmotorizadas e outras cousas inservibles. Tampouco recomendo que entren no almacén dunha libraría de segunda man ou nas fauces dunha grande imprenta. O seu corazonciño bibliófilo pode parar de vez ao encontrarse con ese cemiterio de libros amarelecidos, pasto dos microbios, inservibles, en definitiva, ora polo contido, ora polo continente.
Que coincidamos en sinalar o libro como un obxecto perfecto (de aí a súa resistencia á primeira vaga da dixitalización) non significa que o teñamos que sacralizar nin esquecer que, como calquera obra humana, está á mercé do paso do tempo. E igual que enterramos, calcinamos ou convertemos en diamante os restos humanos, é lóxico que fagamos o mesmo cos libros cando lles é chegada a hora.
Os libros malos
Hai libros malos. Non debera ser isto un susto. Contra a bonita sentenza de que cada libro ten o seu lector e que até o peor escrito ten o seu puntiño, a realidade é bastante máis categórica: hai libros ilexibles. Non só contemporáneos. A gran maioría do que se editou en España durante os primeiros vinte anos do franquismo (polo menos até a creación de Alianza, na década do 1960) non ten valía intelectual. Famosas coleccións de antano gardan hoxe só palla, liñas intragables das que ninguén vai tirar nada en limpo. O tempo pasa e fai limpeza. O que hai corenta, vinte, cinco anos, era popular ou recoñecido talvez hoxe sexa insufrible. Como en calquera produto humano, Juan Salvador Gaviota, Eu, Christiane F. e toda a novelística de Bryce Echenique pasou de moda. Quen lembra hoxe que Eden Burning, da novelista romántica estadounidense Belva Plain foi unha das obras máis vendidas, en todo o mundo, no 1983?
O libro non ten data de caducidade unicamente polo contido. Tamén, e sobre todo, pola súa natureza material. O papel, a cola, elementos sinxelos pero con data de caducidade. Se durante a ditadura as obras publicadas eran moitas veces dignas de infamia, que dicir das súas edicións? Un libro é un ecosistema e os seres vivos que se alimentan del acaban por degradalo até facelo inservible. Como alérxico aos ácaros sei do que falo.
Ademais, a reciclaxe dos libros favorece a propia lectura e a industria que tal hábito sustenta. A maior parte das obras que se publican en castelán non son obras novas senón reedicións. Selos hoxe prestixiosos como Impedimenta, Libros del Asteroide, Acantilado ou Hoja de Lata centran os seus catálogos no rescate de títulos que o tempo escureceu, devorou ou fixo ilexibles.
Decidir, polo tanto, tirar ou non un libro ao lixo, non ha depender de ningún tabú sobre o obxecto senón que necesitará criterio e oportunidade. Nos tempos previos á institución dos servizos públicos de tratamento de residuos toda unha industria se encargaba de reciclar e reutilizar (o Londres dickensiano era boa mostra diso). Ese papel, no referente aos libros, han facelo os libreiros de vello e os especialistas en libros antigos, raros ou valiosos.
Non pode quedar á tenza do herdeiro dunha biblioteca. O libro apenas se comparte. Empréstase, se tal, e na maior parte dos casos o empréstimo convértese en agasallo involuntario. O libro non é bo legado. Os vectores que conduciron a cadaquén a construír a súa biblioteca non teñen significado para os seus herdeiros. Talvez algúns volumes connotados, se cadra pola lembranza ou por vicios afíns. Mais o groso da biblioteca perde valor canda o seu dono. Se eu tivese unha funeraria ofrecería o servizo de cremación arrodeado de todos os libros que pertenceran ao finado. A alternativa é, na maior parte dos casos, vendelos en Re-Read por vinte céntimos o exemplar. Está boa de facer a conta.
En verdade, a reciclaxe de libros é boa cousa.En Barcelona, antes da pandemia, nos puntos verdes do Concello podíanse coller libros que a xente deixaba. Quen isto asina era un asiduo destes puntos verdes, e non atopaba só best-sellers de tempos pasados, senón libros actuais. Por exemplo,ao pouco de ser publicada, un mes ou dous, non máis, a biografia de Kafka escrita por Reiner Stach e publicada,en dous volumes, por Acantilado, este servidor encontrouna (logo souben que custa uns 80 euros; ah!, e estaba incluído o estoxo). Noutra ocasión, un meu amigo pontevedrés pediume que se encontraba a baixo prezo a biografía de Gramsci, de Giussepe Fiore, que acababa de publicar (reedición da versión de 1976, de Edicions Península), Capitñan Swing. Aos poucos días, atopeina nun punto verde.Onde teño atopado, por exemplo, unha libro titulado Carta ao rei sobre os males do liberalismo, escrita por un cura navarro en 1827 -encontrei a primeira edición dese ano, non sei se existe algunha outra (vendina a un libreiro por 100 euros) e un manual de toreo de 1870 (que vendín ao mesmo libreiro por 50 euros).digamos que estes dous libros tiñan o ex-libris do Conde de Güell. Teño encontrado libros galegos, asinados polo autor: Miro Villar é testemuña. E moitos libros máis. Dende as obras completas de Freud (do que só collin volumes que non tiña) até a historia da literatura española,de Ariel Editorial en sete volumes. Un dos últimos libros que atopei nun punto verde, foi unha edición de Prismes, antoloxía poética de Sebastià Sánchez Juan, impreso en xaneiro de 1939, uns días antes de que as tropas franquistas entrasen en Barcelona,debeu un dos últimos libros impresos en catalán no tempo republicano. Ah!, o exemplar está dedicado polo autor ao poeta catalán Josep María de Sagarra. Moitos, centos de libros interesantes, en galego, en italiano, en catalán, en francés, en castelán, mesmo teño atopado en portugués, e teño un en francés,da escritora islandesa Aour Ava Olaffsdótir, cunha dedicatoria a unha lectora francesa, asinada a dedicatoria Reikiavik, que quen sabe como chegou ao punto verde do Concello de Barcelona sito no Mercat do Ninot. Viva a reciclaxe de libros!!!”