BiosBardia

O país dos libros en galego

A prol dun premio de non ficción

Ferramentas. MADISON INOUYE/PEXELS.

César Lorenzo Gil.

O xornalismo está morto. Ou polo menos en grave crise. Da xente que estudou comigo a carreira só unha mínima parte se dedica a ese oficio, a pesar de que a maioría empezamos a traballar en medios de comunicación ao saírmos da facultade.

Non é o lugar para explicar as causas (variadas) que explican a profunda reconversión do xornalismo, especialmente desde a crise do 2008, nin son quen para dar receitas nin consellos sobre que deben facer cabeceiras e profesionais para reverter a situación. Este texto procura outra cousa: abrir un debate sobre o papel que as institucións poden cumprir para favorecer un xornalismo apegado á realidade galega e de interese público.

Estes días lin A sangue frío, de Truman Capote, un dos máis famosos libros de non ficción do século XX, do que me falaran na carreira e ao que nunca lle metera o dente por varios motivos: vira o filme baseado na novela, non conectara especialmente ben con outros textos de Capote… Non vou falar do argumento nin das técnicas empregadas polo grande escritor estadounidense, senón compartir algunhas reflexións preliminares.

Mentres lía, pensaba en se algo así podería escribirse en galego. Ter un xornalista dedicado moito tempo a unha única historia para espremela por completo é unha quimera para unha cultura coma a nosa. Nin tan sequera un xornal ou revista editado en castelán podería permitirse algo así. É dicir, poderiamos concluír que o bo xornalismo só é posible se hai unha masa de lectores potenciais tan enorme que compense as horas de esforzo dun profesional. Só as culturas numerosas poden permitirse contarse a si mesmas.

Se cremos en que ese labor lle corresponde unicamente á sociedade civil entendida como unión de consumidores, pouco temos para facer; admitirmos que a galega, como cultura demograficamente feble, non pode contarse a si mesma porque non hai unha masa suficiente para conseguilo. Isto pode constatarse ollando o noso sistema de medios de comunicación en lingua propia, repasando as dificultades que historicamente tivo para subsistir a prensa profesional en galego.

Pero ollando para ese sistema tamén coincidiremos na influencia decisiva das axudas públicas no seu mantemento. Non é este o lugar para criticalo nin profundar na influencia desa dependencia do erario na formación das axendas, pero si para demostrar que non sería extravagante que as nosas institucións públicas financiasen ese xornalismo de calidade do que carecemos.

En Galicia hai unha rede de premios literarios en todos os xéneros: teatro, poesía, relato, novela curta, novela a secas, novela con apelido… Teoricamente son certames creados para favorecer que a literatura poida chegar aos lectores sen a esixencia dun número de lectores e vendas que fagan viable a publicación nas librarías. Hai quen di que os premios se converteron en “bolsas” que lles permite aos autores premiados “comprar” tempo para poderen escribir. Polo tanto, na práctica, o molde xa está feito.

Se xuntamos a dificultade de producir e, polo tanto, ler traballos xornalísticos de fondo calado con ese modelo de premios literarios, coido que é factible e moi necesario reenfocar algúns dos galardóns existentes cara a formatos de non ficción ou promover novos galardóns que estimulen a creación de textos relacionados co xornalismo: biografía, reportaxe, crónica, entrevista…

O xénero da non ficción necesita ese estímulo porque en relación á produción noutros idiomas estamos moi atrasados. Só hai que estudar os catálogos editoriais e as cifras de vendas para nos decatar de que a nosa produción está subdesenvolvida. Con certeza, as editoriais poderían encargar traballos deste tipo, tal e como ocorre noutros espazos culturais, pero con que pagar os autores? Co 10% das vendas? Cantas horas de traballo pagan os mil euros que, ao sumo, podería pagar unha editora? Por suposto que hai vía para aumentar o número de traducións de libros deste estilo que se publican hoxe en día ao redor de temas de actualidade, e velaí outra materia pendente —Hércules ou Rinoceronte, entre outras, publican obras deste tipo—, pero iso só axudaría na normalización da non ficción nos andeis das librarías. Cómpre termos unha nómina de autores propios, cunha ollada propia, sobre o noso presente. Se non nos contamos nós mesmos coas nosas propias palabras, ou contarannos desde fóra ou, se cadra, non nos contará ninguén.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *