‘A raedeira’ vs ‘Introito a boca pecha’
Semifinal entre Lois Z e César Lorenzo Gil baixo o tema ‘Cantos non rodados’.
A raedeira
Aquel día Xaquín marchou para a escola con máis peso na carteira que de costume. Levaba consigo unha pedra que atopara seu pai no buraco onde estaban facendo a casa nova. Tiña o recado o rapaz de preguntarlle á mestra que valor podía ter o tal croio entallado. O pai de Xaquín non tiña o bacharelato, mais era can vello dabondo para xogar sen ensinar as cartas, por iso lle dixo ó fillo que contase que a pedra a quitara el, o neno, do pedrullo que trouxera un camión.
Cando Xaquín a amosou na clase foi coma se botase un feitizo. Os seus compañeiros quedaron aparvados mirando para ela. Dona Clodia, abraiada, explicoulles que esa pedra fora un utensilio de traballo da xente que vivira no Paleolítico, había máis de cen mil anos. A mestra foi á biblioteca por un libro e no resto da clase trocou as ciencias sociais pola prehistoria. Os rapaces facíanlle preguntas a Xaquín. “Onde a viches?” “Que vas facer con ela?” “Hostia, como mola o que atopou o Quini!” Ata os favoritos da mestra rogaban por un anaco da súa atención, que Xaquín lles concedía orgulloso.
“Mirade como se parece á do debuxo”, dixo Dona Clodia, “é unha raedeira”. E era certo, era cuspidiña á imaxe do libro. “Unha raedeira!”, berrou Xaquín emocionado. Pasaba os dedos con agarimo por onde lle sacaran as lascas, coma se fose unha cicatriz recente.
Na escola non se falaba doutra cousa que non fose da raedeira do Xaquín. Xaquín o espelido, Xaquín o afortunado, Xaquín o Indiana Jones. Chovía, e corría Xaquín rúa abaixo apertando o libro de historia prestado contra o peito para que non se lle mollase. Gustáballe sentirse importante, ninguén o tratara daquel xeito.
Contoullo todo ó pai, que peneirou a información a través do seu filtro de cu pelado. Polo entusiasmo co que falaba o neno comprendeu que alguén ía acabar metendo os fociños no asunto e descubrir a verdadeira orixe do achado arqueolóxico. E entón, adeus á casa nova. Díxolle ó rapaz que o fixera moi ben e reclamou o pelouro de volta. Partiuna en anacos co martelo no chan do pallote. Para asegurarse a lealdade do seu fillo rebuscou entre as ferramentas e premiouno cunha navalliña. “Gústache? Pódela levar no peto e non te cortas”. Ante a falta de resposta o pai fitou para Xaquín, pero non foi quen de descifrar a expresión da súa cara. “Pero non vaias laretar nada disto, estamos? Estamos, Xaquín?”.
Ó día seguinte un compañeiro preguntoulle a Xaquín pola raedeira. Se a traía con el, se podía vela outra vez. El cortouno en seco. “Tireina ó río”. O rapaz insistiu, gabándoo para amolecerlle a vontade. “Era só unha pedra de merda! Unha pedra de merda que fixeron uns monos de merda! Es ti un mono? Eh? Élo? Es un moniño?” Ó entrar na clase devolveulle o libro á mestra. O tempo das raedeiras rematara.
Lois Z.
Introito a boca pecha
Por fin acabara a xornada na sala de concertos. A apoteose final do Nazón de Breogán, de Breogaaaaaaaaán non puido tapar o desastre do prácido luaar. Mentres se desmaquillaba no camerino non daba tirado da cabeza os desafinados do rudo encono e dos imbéciles e escuros. Recordou as poucas caras que lle deixou adiviñar a forte luz dos focos nas butacas de diante. Caras aburridas, ollos de sono. Enormes bolsas de patacas fritas con sabor a polbo.
Cando saíu empezaba a tormenta. Non tiña paraugas pero se non bulía perdería o bus. O parque de atraccións soaba a ferruxe. O vento azoutaba as velas rasgadas dos barcos de Ith no estanque central. A chuvia apagou os fachóns dos irmandiños fusquenllos que iluminaban o xardín da tirolina. Un relampo alumeou as ruínas da torre da Frouseira, facendo brillar os raís branquiazuis do Tren da Historia. Xa apenas quedaba ninguén. Unicamente Carolo, o reconquistador de Vigo, que corría sorrindo, protexéndose co enorme martelo que todas as tardes abatía a porta de Gamboa.
Doíalle a gorxa. Xa non facían efecto nin a clara de ovo crúa nin o exvoto a san Brais. Apertou a bufanda ao redor do pescozo. Castelao e o rei García compartían un pito baixo a Montaña Rusa do Galeguismo. Non dicían que quedara libre unha praza no ballet das Cantigas de Santa María? Talvez podería entregar o seu currículo.
Na cancela, o Piloto, xa de paisano, axúdáballe a María Pita a desamalloar o xustillo. De fondo sentíase a voz do Cacique queixándose da baixa entrada perante a sombra alongada de Rosalía de Castro. Mellor non cruzarse con el. Calquera día traeríalle a carta de despedimento.
Na parada coincidiu con María Castaña, cos ollos chorosos. Contoulle que acababa de cortar co máis louro dos Mártires de Carral.
Ao chegar á casa, espiuse e meteuse na ducha. O cuarto de baño escondeuse na néboa. O ritmo da alcachofa de metal deulle o pé que necesitaba. Agora si. Aquel introito a boca pecha quedoulle perfecto. As cordas vocais vibraron liviás coma a serea dos Mariño. Todos os piñeiros da Brigantia estaban a fungar naquel apartamento. Nin os cons da Artabria habían reproducir tan ben a acústica coma aquelas paredes de azulexo. A auga repenicaba sobre as súas pálpebras mesturándose coas bágoas.
César Lorenzo Gil.
Mentres lía estes relatos pensei que o tema sería algún tipo de auga.. chuvia, duchas, ríos… despois fun mirar e resultou que non, pero tamén. Ben escritos os dous, desde a distancia que pode dar a terceira persoa, a medida que se achega o final do torneo van os autores poñéndose solemnes e, os dous outra vez, apostan por historias de final, do que sexa.
A raedeira. Moi bo relato sobre os acontecementos, insignificantes para calquera que non os vive, que van matando a infancia e nos converten no que, lamentablemente, acabamos sendo. Unha historia de fin de infancia que se le ben, sen sobresaltos, e unha pequena crítica á mentalidade galega, destruír a raedeira (ou o que sexa) para que non nos paren a obra é moi noso.
Introito a boca pecha. Outra historia de derrota. De final dos anos bos, cara a onde tamén imos indo todos. Pódese dicir o mesmo que do seu rival, ben escrito, ben fiado, sobrio que se soe dicir. Hai neste, así e todo, unha frase que non entendín: “Non tiña paraugas pero se non bulía perdería o bus.” Que ten que ver unha cousa coa outra? O paseo de volta, a pesar de que podo sentir/ver á personaxe arrastrando os pés entre tanta celebridade, fíxoseme un pouco longo.
Esas dúas cousas, que son mínimas e non deslocen o relato para nada, van decantar o meu voto cara “A Raedeira”, porque hai que votar por un, e non me queda outra.
a pesar do sentido do meu voto, o final de “introito…” é para tolear un pouquiño bastante, non?
Gustei dese parque temático. Unha idea xenial chea dun patetismo agridoce. Aínda así, creo que carece do gancho do primeiro conto. “Introito” quédase na superficie da idea e o seu contrincante vai máis aló. Raedeira é un conto redondo para o meu gusto, que aínda que poda ter algunha costura, está ben apertada. O autor lévanos a onde quere e sabe o que imos sentir.
O momento no que o pai escacha a pedra é unha desas escenas agasallo que vai colleitando este duelo. O meu voto para el.
Concordo cos dous anteriores, o meu voto vai para Raedeira. Pareceume unha radiografía brutal, visceral e real dos nosos cancros máis escuros e inconfesábeis (penso que no noso adn hai moitas máis cousas malas que boas e este relato saca á luz un bo feixe delas). Do segundo relato, síntoo, non fun quen de desconectar da sucesión infinita de escenas, nomes e símiles e non conseguín chegar á profundidade necesaria para captar a mensaxe.
O meu voto é para “A Raedeira”, é moi ilustrativo sobre unha realidade existente (e vergoñenta). O de “Introito a boca pecha” gustoume tamén moito, pero non acaba de ser todo o redondo que é o outro.
Duelazo. Son relatos son tan bos que custará moito decidir o voto. E mira que o tema era difícil. Así, na primeira pasada, pareceume que Introito era un texto con máis risco e que Raedeira máis verosímil aínda que tamén máis visto (a mesquindade da man da ignorancia). Non obstante, ambos os dous textos teñen moitas derivadas que cómpre deterse a analizalas como merecen antes de decidir.
Ben se nota que estamos nas semifinais!
“A raedeira” pareceume ben labrado, sinxelo no plantexamento e contundente na mensaxe. Con “Introito” tiven un problema. Aínda que esa idea dun parque temático “retrogalaico” me pareceu dun grotesco marabilloso, hai algo nesa sucesión de símbolos que me soou artificial (igual é voluntariamente artificial, claro, como calquera parque de atraccións que valla a pena). Por iso voto por “A raedeira”.
Veña, vou votar que xa nos andan a tirar das orellas polo fb.
Decántome pola historia da Raedeira, polo ben desenvolvida que está a miseria que nos devora como sociedade e polo ben que explica como se pode aniquilar a ilusión dun neno en poucas liñas.
Dito isto, ao relato rival matouno o formato. Esa idea non é que pida máis palabras, esa idea pide novela. Curta ou longa xa non sei, pero novela. Se a Raedeira ten un lene aroma a lingua de bolboreta, o Introito fede á Asfixia de Palahniuk polos catro costados, así que animo ao responsable a poñerse mans á obra con esa mala baba que atesoura.
Aquí tíveno algo máis fácil para decidirme. E non é porque algún dos relatos sexa malo, ao contrario, teñen os dous moita calidade, para algo estamos en semifinais. A raedeira é un relato case perfecto na súa concepción. Prosa discreta que vai moi acorde ao que está a contar. Máis alá do cuestionable que poida ser a acción do pai, no fondo o relato vai de como cambiamos cando a vida, en forma de martelo, esmaga as nosas fantasías. Pódense sacar moitas máis lecturas, e o relato segue a ter unha moi clara. Introito está fantasticamente contado, ten unha prosa que brilla moito. Pero esa hiper-referencia galeguista para min foi un ruído de fondo máis que unha axuda á narración. E é unha magoa porque o fondo do relato é bo. Coincido con Pablo en que unha maior metraxe lle podía prestar, para espallar algo as referencias e que non quedasen tan impostadas. Iso si, de novela non o acabo de ver.
Por todo isto o meu VOTO vai pola raedeira. Gracias aos dou polo duelo
Vai o meu voto para “Raedeira”. Aínda que me gustaron ambos, “Raedeira” pareceume máis redondo como relato. Breve pero votado! Desculpas pola tardanza 😀
A raedeira é un relato concibido de un xeito convencional pero non por elo deixa de ser tremendamente efectivo. Sabe que quere contar e o fai á perfección. Un primeiro parágrafo introdutorio onde se nos presenta a Xaquín, seu pai que moi culto non é e unha pedra misteriosa.
O relato flúe soltando a poucos a información, cunha verosimilitude total raiando o hiperrealista. Quizais choca que Dona Clodia, a mestra, sexa tan experta en industrias paleolíticas pero o personaxe non deixa de ser parte do atrezzo da historia. Aquí os importantes son Xaquín e seu pai. É un relato sobre a ilusión do neno que por unha vez na súa vida é o centro de atención e como a mesquindade do pai a rompe a martelazos e a troca por unha miserenta navalla. Como di David, é dunha forza brutal. Para o pai, Xaquín só é un instrumento. É un pai á antiga usanza: insensible e distante. O importante é a casa, non o neno. Os nenos son só nenos e as desilusións pronto pasan, esquécelles por calquera trangallada.
O neno, maltratado no súa psique, reacciona maltratando verbalmente ao compañeiro. Xenial. Do relato só vexo dúas cousiñas que non me gustaron de todo: o narrador fíxoseme no desenlace demasiado explicativo: “para asegurarse a lealdade”, “e entón adeus á casa nova”, “comprendeu que alguén ía acabar metendo os fociños no asunto e descubrir a verdadeira orixe do achado arqueolóxico”. Tampouco me pareceu que vaia con ton do relato a expresión “de cu pelado”.
En definitiva, un bo relato sen se meter en alardes estilísticos, con moita carga de profundidade no seu significado.
Introito a boca pecha é en certo sentido moi distinto. Parte dunha realidade moi clara, un personaxe (home ou muller? Non fun quen de descubrir o seu sexo , visualiceino como home pero ben podería ser muller, o maquillaxe que quita o apoiaría), un personaxe dicía que é un cantante que viviu tempos mellores e que semella moi asociado ao galeguismo: escólleno para cantar o himno pero perdeu a voz. Non sei se tanto coma un Joselito, pero teme o despedimento, o ter que cantar nun lugar de pouca monta.
O personaxe ten un patetismo (ten que mollarse para chegar á parada do bus a tempo de non perdelo) que o fai entrañable. O recurso dos fitos do galeguismo ou a galeguidade si me pareceu moi axeitado: é moito máis arriscado que o seu rival ao apostar á literatura que pon énfase na forma máis que o contido (unha vella gloria que é consciente da súa decadencia). Que pinta aquí toda esa leria? Pois que o personaxe (gustaríame poñerlle sexo e nome, por certo) ve a realidade a través do prisma da Galicia do himno, do símbolo do seu fracaso, da súa decadencia e quizais nos fale del (ou dela) máis do que parece: é el/ela mesmo un símbolo do galeguismo / cantante galego ou galega?
O final das bágoas un pouco visto, quizais o relato precisaba unha volta de orixinalidade acorde co acompañamento da historia de Galicia. Tamén algunha das referencias a notei con falta de chispa, como un pouco metida con calzador.
Despois de moito pensar, decántome por A raedeira porque creo que quedou un relato máis redondo, un canto máis rodado.