BiosBardia

O país dos libros en galego

A recepción en Galicia das traducións ao castelán de libros en galego

Anuncio dos centros en Galicia de El Corte Inglés nas redes sociais alusivo ao 17 de Maio do 2026.

César Lorenzo Gil.

Hai pouco, en senllas columnas de opinión na prensa, as escritoras María Reimóndez e Inma López Silva reflexionaban, desde diferentes beiras do taboleiro, sobre a relación entre a industria do libro en Galicia e as traducións ao castelán de libros escritos en lingua galega. Como ambos textos me parecen lúcidos, estráñame que non xerasen máis debate. Ben, non me estraña, coido que non lle estraña a ninguén. Máis ben, dóeme que non esperten máis comentarios.

Porque, en efecto, hai determinados fenómenos ao redor do libro galego traducido ao castelán que chaman a atención e que esixen, por parte de todos aqueles que participamos no sistema, dun ou doutro xeito, certa atención. Determinadas prácticas poden ser cada vez máis habituais, pero non por iso deberían adoptarse con naturalidade, porque non o son.

Primeiro cómpre delimitar a propia identidade dunha literatura. Non existe literatura bilingüe. Pode haber, evidentemente, un autor ou autora que escribe ora en galego ora en castelán, pero unha novela, un relato, un poema, un ensaio, teñen unha única lingua emisora. Dicíase que un famoso escritor de novela policial galego escribía as súas novelas combinando un parágrafo en galego e outro en castelán, pero esa lenda urbana parece tan intereseira coma o comentario aquel de José María Aznar cando afirmaba que falaba o catalán na intimidade. Na intimidade dun texto só hai unha lingua e esta debe figurar con claridade cando se lles amosa aos lectores. Como ben apunta López Silva, hai moitas, demasiadas, novelas que se publican a un tempo en galego e en castelán coma se nacesen, misteriosamente, nesas dúas linguas a un tempo. E iso é imposible. Unha das dúas versións é a orixinal, a outra, copia traducida. E dáme igual que haxa autores e autoras que se defendan dicindo que esa opacidade é a peaxe para poder publicar a tradución en castelán, ou que, como son autotraducións, pois claro que manteñen esa alma híbrida. Non. Está ben que haxa autores e autoras que escriban tramas cheas de trucos e trampas, pero a filiación da obra debe estar clara e non pasa nada. Hai autores galegos de nación castelán-escribentes, igual que hai escritores nacidos fóra que aprenderon a escribir en galego e o fan habitualmente. Os lectores merecen respecto e transparencia. Unha obra pode saír a un tempo en dúas, tres, vinte idiomas, e explicar cal foi a lingua orixinal. Isto pasa entre o galego e o castelán porque en Madrid (e Barcelona, que a efectos editoriais no que respecta á lingua castelá é tan españolista ou máis ca a capital) porque o sistema cultural estatal se basea na uniformidade. Non se pode concibir que Galicia teña literatura de seu. Unha literatura de seu que poida interesar máis alá das nosas fronteiras. Sería conveniente que existise un período de carencia entre a edición galega e a tradución ao castelán (algo que esixiu sempre Manuel Rivas, por exemplo), para permitir, como falaremos máis adiante, que a novidade en galego cobre vantaxe ante lectores ávidos nun ecosistema hostil. E se iso non se pode lograr, aqueles autores e autoras que publican nas dúas linguas a un tempo deben ser sinceros cos lectores.

Segundo, ninguén está obrigado a escribir en galego, pero “publicar” en galego non pode ser un premio de consolación. Hoxe, a tradución automática parece favorecer o paso dunha lingua a outra con facilidade. É só unha sinxeleza aparente. Como di Eva Moreda, a literatura galega non se sustenta nun determinado léxico, máis ou menos sancionado pola normativa. É na prosodia e na sintaxe onde a columna vertebral da nosa lingua aparece, coma cando dobramos o lombo. É aí onde esa literatura en aparencia galega amosa as súas marcas de nacemento castelás. É obriga dos xurados dos premios e da crítica literaria analizar tamén estes elementos no xuízo sobre unha obra. Por supostos que hai casos onde ese traballo de tradución foi demorado, unha reescritura sobre materiais inéditos que, no momento crucial, cando se edita e publica, conseguiron unha mutación completa; pero hai moitos casos nos que as costuras están aí á vista.

Terceiro: O concepto mesmo da tradución implica un estrañamento da obra. É dicir, tradúcese un libro para que lle sexa accesible a un público alleo ao propio da comunidade que o crea. Á parte de comentarios megalómanos, coma o desa editorial española que coida que ao traducir un libro galego “está a abrilo ao resto do mundo”, si que é certo que cada tradución lle abre a unha obra unha porta á biblioteca específica de cada unha das culturas nas que se publica. Pero non pode ser que se truque o xogo. Unha obra publicada e difundida primeiro en galego en Galicia non necesita unha “revoda” en Galicia cando chega a versión en castelán. En todo caso, a publicación en castelán debería servir para que a edición orixinal se aproveitase da evidente inercia en canto a difusión que outorga o altofalante da cultura hexemónica castelá, pero non para calar esa voz primixenia coa anuencia do autor ou autora. É normal que iso o fagan aqueles escritores que escriben en castelán, xa que o seu desexo, lexítimo, é ocupar o maior espazo posible, incluso nos casos nos que tamén publiquen traducións ao galego. Pero para os escritores galegos debería ser tabú presentar en Galicia versións foráneas dos seus libros. Ultimamente déronse casos de autores e autoras que fixeron unha nova xira por librarías e clubs de lectura en Galicia coa tradución ao castelán de libros que levaban anos no mercado en galego e que, afortunadamente seguen vivos nos catálogos editoriais. Que mensaxe lanza un acto así? En que idioma fan esas novas presentacións? Falan en galego para defender un libro en castelán? Falan en castelán no mesmo sitio onde meses antes falaran en galego? Poderiamos pensar que este tipo de comportamentos son delatores dun desprezo implícito á literatura galega como autónoma. E sería lóxico sospeitarmos que estas versións en castelán son, por fin, as que o escritor ou escritora argallara no primeiro momento.

É evidente que a cultura galega valora máis o que nos vén ratificado desde fóra, que para moitos escritores e escritoras hai auténtica obsesión por conseguir unha publicación en castelán. Que é máis doado estar na feira do libro de Bos Aires, que se consegue máis rápido un cariño no suplemento cultural de La Voz, que o acento galego ás veces axuda a vender, sempre que sexa só iso, acento. Por suposto que, parafraseando a Carlos Callón, en castellano no hay problema; que, como di a canción de SonDaRúa, “fala castejaaano, que se che entende moito mellor, e é moito máis sano“, pero igual que en calquera outro ámbito de consumo, a consciencia é fundamental e somos nós, lectores e compradores, quen decidimos premiar ou castigar hábitos que contradín os nosos valores, igual que intentaremos evitar comprar produtos dunha marca israelí ou alimentos onde haxa máis aditivos que materia prima auténtica. No supermercado, ás veces, temos que facer de tripas corazón, porque non todos os petos se poden permitir ser coherentes, mais os libros custan o mesmo en todos os comercios.

 

 

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *