BiosBardia

O país dos libros en galego

A reivindicación do celtismo de Carlos Núñez

César Lorenzo Gil.

Non vou falar do Carlos Núñez músico, autor da recente La hermandad de los celtas (Espasa) senón de Vigo metropolitano na Galicia céltica,de Carlos Núñez sénior, un traballo que toma a Vigo como escusa para reivindicar a pertenza de Galicia ao espazo simbólico e xeográfico celta desde a prehistoria. Publica Xerais.

Núñez fai un percorrido temático polo celtismo: a lingua, a simboloxía, as tradicións, a alimentación, a relación coas outras culturas e co Universo. E logo atende tamén ás circunstancias do celtismo propiamente galego, en especial o proceso de romanización e posterior simbiose cultural co cristianismo.

É nesta segunda liña onde aparecen as maiores referencias á pegada céltica sobre Vigo e a súa actual comarca. Núñez publica interesantes recreacións do que puido ser o Vigo romano (Bubida), co seu porto no actual Berbés e os poboados próximos do que logo sería Santiago de Vigo e o Castro. Tamén está presente o legado prehistórico vigués (nun sentido amplo) na pesquisa sobre os signos protográfcos que aparecen en diversos petróglifos de todo o territorio. É moi interesante partir desas marcas reais e tanxibles para chegar á conclusión de por que o celtismo careceu dun sistema de escritura.

Explícanos Núñez que a diferenza doutras culturas, os celtas consideraban a escritura como un código pechado, monopolizado polos druídas, que si o coñecían pero que non o compartían para nada máis que para comunicarse entre eles e mais coa divindade. A escritura nesta cultura non era un código aberto senón unha forma pechada e elitista de control social.

Este aspecto é só un dos moitos que o autor vai debullando no libro, que se converte nunha pequena enciclopedia de urxencia sobre o celtismo. Núñez está ao tanto das novas teorías antropolóxicas e históricas e defende un celtismo máis cultural ca étnico, unha forma de civilización que se estendeu por amplos territorios europeos e que creou lazos e redes entre os diferentes núcleos de poboamento e desenvolvemento social nas proximidades do Océano Atlántico. É por iso que non debera estrañarnos que existisen naqueles tempos afastados contactos seguros e constantes entre os galaicos e os británicos ou tamén cos habitantes do que logo se coñeceu como a Bretaña.

Núñez oponse ás teorías de conquista, aos mitos que falan de que Galicia sufriu invasións que supuxeron unha cesura radical no evoluír histórico da poboación. Segundo a súa reflexión, a cultura galaica mantense estable desde o período do ano 3.500 a.c., cunha estabilidade a todos os niveis que só se interrompe (pero tampouco en exceso) coa dominación romana. De feito, seguindo este libro, podemos afirmar que a fin do celtismo en Galicia non ten a ver coa chegada dos romanos, que simplemente acomodan os seus intereses colonizadores e imperialistas á estrutura cultural e social previa, senón coa chegada do cristianismo, que si supón un cambio total no plano cultural. O cristianismo despraza a relixión celta (mediante o sincretismo e a persecución dos cultos autóctonos) e o idioma, consolidando o latín como lingua.

Núñez explica tamén como a cultura celta, a pesar de non se aproveitar da escritura, era complexa. Por exemplo, explica como as gravuras nas pedras eran en moitos casos útiles calendarios ou mapas celestes, que axudaban a poboación agraria, pescadora e gandeira dos castros na planificación do día a día. Noutros casos, os petróglifos agochaban simboloxía relixiosa (o tríscele ou trisquel podería ser unha homenaxe aos deuses Lug, Dagda e Ogme; a espiral simboliza o tempo perenne, a cobra ten un valor divino…

Nesta obra recóllese tamén a cotidianidade do pobo céltico, subliñando o comportamento particular dos asentamentos vigueses. Por exemplo fálasenos da dieta céltica, baseada no consumo de peixe e marisco mais tamén de cereais e gando. Chama a atención que os celtas comesen as landras, un produto que hoxe se dedica integramente á forraxe. Segundo os estudos, os celtas esperaban a que as landras estivesen moi maduras e logo facían con elas unha fariña coa que se confeccionaba unha especie de pan.

O libro repara tamén no que queda hoxe da cultura celta (o celtismo pop), obxecto de mercadotecnia mais tamén de identidade colectiva daqueles pobos que en tempos pertenceron a esa comunidade civilizatoria tan importante na historia europea.

Son moi interesantes tamén a cronoloxía e o glosario que se inclúen ao final do volume. Así saberemos, por exemplo, que no ano 600 a.c xa había na área metropolitana do actual Vigo 27 núcleos de poboación, o máis destacado o do Castro, que naquela altura podía acoller a 5.000 habitantes, ou que no 50 a.c, Roma temía os piratas que se refuxiaban nas Cíes.

One thought on “A reivindicación do celtismo de Carlos Núñez

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *