BiosBardia

O país dos libros en galego

‘A rosa falsa’, un pasiño atrás

Ilustración d’A rosa falsa, de Jakob Wegelius.

César Lorenzo Gil.

Sushi Books publica A rosa falsa, do sueco Jakob Wegelius, nova entrega da serie das aventuras de Sally Jones, unha gorila do Congo que, entre as súas moitas habilidades, conta coa de saber escribir e que neste libro volve ser a narradora. Este novo título encaixa perfectamente c’O mono do asasino, tanto no referido ao argumento coma no formato do volume, peculiar non só polo seu tamaño, senón pola súa tapa dura e as preciosas ilustracións do propio Wegelius.

A rosa falsa volve, polo tanto, polo rego da súa antecesora, é dicir, polos raís da boa novela xuvenil de aventuras con resaibo clásico e popular, armado na capacidade do autor para describir un universo que nos é familiar polo cinema, a televisión, a literatura e o cómic, pero que atopa a novidade no punto de vista da narradora animal. Os personaxes van enredándonse nos acontecementos dun xeito ben argallado e determinados tópicos da narrativa de aventuras (as organizacións criminais/secretas; os vicios das clases altas; a explotación das riquezas coloniais…) están representados ao estilo Wegelius: cunha mirada moderna (próxima e á vez abraiada, a de Sally Jones), pero sempre pendente da tradición da que bebe. O texto está moi ben escrito e, coma nun cómic de liña clara, o sueco necesita moi poucos trazos para compoñer escenas e personaxes.

O problema d’A rosa falsa é que exista O mono do asasino. Sen ese antecedente, esta novela cumpriría correctamente as expectativas. Pero fronte á anterior entrega, Wegelius deu un pasiño para atrás. Sen coñecermos o motivo de volver ao universo de Sally Jones, si parece evidente que o autor e ilustrador preferiu repetir o molde que innovar, estirar a fascinación que espertaran os outros libros sen reparar en que, igual ca en outros moitos contextos, se algo non avanza, retrocede. E este libro é un pasiño atrás, insisto, un pasiño, fronte aos outros libros da serie.

Outro tópico afirma que non se debe mover o que funciona ben, pero un novo libro, por moi asentado que estea o seu universo, é sempre autónomo. E máis neste caso onde se nota que Wegelius tivo que sacar os seus personaxes da conclusión plácida na que estaban ao final da anterior entrega. Por fortuna, esta continuación non estiñou a historia nin lle resta nin unha chisca de brillo á serie no seu conxunto. Ao contrario do que ocorre habitualmente coas series de televisión ou tamén pasa con algunhas sagas literarias, este retroceso literario d’A rosa falsa non pon en risco a gran valía das aventuras de Sally Jones como fonte de entretemento para os lectores novos e non tanto, e como escola de escritores de literatura xuvenil.

♦ A rosa falsa, de Jakob Wegelius. Tradución de Moisés Barcia. Sushi Books, 2021. 528 páxinas. ♠24€

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *