‘A saudade’ vs ‘Pastiche’
Xornada 1. Grupo B. Miguel R. Fervenza vs Álex Bayorti.
Pastiche
Miguel R. Fervenza.
—Madame CLQ72, podería traernos xa o té?
—Por su-pos-to, mon-sieur Ca-goule —respondeu a serventa cunha voz metálica—. Con que o han de que-rer a-com-pa-ñar?
—A min gustaríanme unhas pastas como as que lle servían á duquesa de Bedford.
—Fal-ta-rí-a máis, la-dy Goul-bourne. E vos-te-de?
—Sorpréndame —dixo monsieur Cagoule con afouteza.
O artefacto repoludo de latón retirouse rodando á cociña. Estaba cuberto dunha capa de —desexada— ferruxe que delataba as décadas de servizo.
—Como lle estaba a contar, a obra destilará un clasicismo ecléctico que contrasta coa ánima deturpada destes tempos —apuntou monsieur Cagoule con importancia.
—Devezo por contemplar o seu traballo finalizado —replicou lady Goulbourne con entusiasmo.
—A-quí te-ñen —anunciou a androide mentres dispoñía o contido da bandexa de prata sobre a mesa do salón.
Lady Goulbourne colleu unha das pastas con delicadeza e degustouna:
—Que man ten para a repostaría, madame CLQ72, ninguén a imprime coma vostede! —O afago provocou que se lle prendesen as bombillas que facían as veces de fazulas.
Monsieur Cagoule destapou o seu acompañamento: a impresión dunha lata de xoubas envasada no século xx en Saint-Gilles-Croix-de-Vie. Prendeu un anaco de peixe co garfo, somerxeuno uns segundos na infusión —a superficie tinguiuse con manchas oleaxinosas—, ergueuno até que deixou de gotear e pousouno na lingua.
Lady Goulbourne introduciu a man dereita na manga oposta do vestido turquesa de estilo victoriano e sacou un reloxo de peto:
—Coido que debo partir, monsieur Cagoule, ás seis teño concertada no club de donas da capital unha partida de Tetris con dame Raschig. Abofé que lle hei falar do seu proxecto.
—Agradézolle a consideración, mais non ten por que. Acompáñoa á saída.
O home axeitou o pano da cabeza e ergueuse tras ela. Na porta, monsieur Cagoule despediuse cunha lixeira reverencia. A muller respondeu coa flexión dunha perna por detrás da outra e termou ao tempo da saia. Dedicoulle un sorriso e xirouse para abandonar a casa. O anfitrión soltou aire, colleu a espada xaponesa pendurada da parede, agardou un intre e seccionou a cabeza da moza.
Tentou sacudir en balde as pingas de sangue da súa xarreteira esquerda. De regreso ao salón, sentou na cadeira de brazos vienesa, desatou as Converse na procura de confort e prendeu un vapeador taiwanés do século xxi cargado con aroma de regalicia marroquí. Fíxolle un ceno coa cabeza a madame CLQ72: a androide introduciu un disco metálico na fenda para as moedas da jukebox. Mentres soaba a Marcha triunfal da Aida de Verdi, reparou en que derriba da mesa auxiliar de caoba repousaba un sobre holográfico. Estendeu o polgar, o mostreiro e o maior enriba del para despregar a misiva.
Adorado monsieur Cagoule:
Esquecín o reloxo no seu salón. Se non lle resulta inconveniente, voume imprimir na súa casa ao rematar a partida para recollelo en persoa. Aproveitarei tamén para contarlle as intencións de dame Raschig respecto ao seu proxecto.
Sempre súa,
Davidia Goulbourne
Enviada ás 17:58 ✔
…………………………………….
A saudade
Álex Bayorti.
Coñecérano todas e cada unha das almas que habitaban aquela demarcación: desde Allariz até a Baixa Limia, de Ourense capital á Terra de Celanova. A súa sona de fillo de puta e de bandoleiro déralle non poucas alegrías durante todos os seus anos de mocidade e poucos eran os que non o temían cando o tiñan diante, con esa indumentaria escura que inspiraba terror. Anos atrás ningún paisano ousaría non render tributo ante a súa mirada desafiante e segura, altiva e confiada. Pasaba as horas libres de asaltos na taberna, en calquera taberna onde todos os patróns lle gabasen as historias que contaba, mentres o convidaban a cuncas que rebordaban viño e lle facían confidencias sobre quen podía ser a vindeira vítima daquel orgulloso Can do Urco. Realizaba a súa sacra vontade, que condenaba ou absolvía a pracer segundo a súa conveniencia.
—Vello tolo… —dixo un mozo duns vinte anos que tomaba unha cervexa na barra. Aquel a quen chamaran “o corsario” estaba perante o limiar da taberna vestido co traxe de gala, tal como o facía sempre até só un par de días atrás, até o momento en que a artrite e a idade lle impediran continuar. Mentres todas as miradas se pousaban sobre el, sentiu algo que só vivira na súa nenez máis tenra, a saudade. O odio brillaba nos ollos de todos aqueles compañeiros de xoldras. Non entendía o que estaba a acontecer. Nin unha soa desas miradas viña acompañada doutra cousa que non fose silencio, nin unhas palabras de apoio a aquel vello ancián a quen temeran e gabaran. Foi entón cando se decatou. Non puxera o tricorne. Como raio o ían recoñecer sen o tricorne?
Difícil decisión.
A ambientación de “Pastiche” paréceme impecábel e moi imaxinativa. Encántanme a ciencia ficción e o steam punk, polo que unha mestura entre as dúas sábeme a vainilla e chocolate.
A sinxeleza de “Saudade” resúltame refrescante. Valoro moito a afouteza de tentar facer humor en tempos tan escuros.
Porén, como hai que decidir entre algún dos dous, doulle o meu voto a “Saudade”.
Pastiche sorprendeume, descolocoume pero cunha senda lectura atopeino moito mellor. Gustoume o emprego da imaxe nel e a escritura.
De A saudade, penso que está moi ben escrito, de forma sólida. Meus parabéns a quen o fixera.
Sen embargo o meu voto vai para Pastiche, pareceume un chisco máis orixinal, sen desmerecer ao outro, por suposto.
“Pastiche”
Ó igual que Fran gústame o steam punk e coido que esa atmosfera está ben acadada. Malia a que nunha segunda lectura apreciei novos detalles do meu gusto (ó igual que Carlos) dáme a sensación de que perde forza ó ir chegando á resolución.
“A saudade”
Gustoume esa división en dúas partes diferenciadas e coido que ámbalas dúas están moi ben realizadas. Tamén gustei de como consegue mudar a opinión do lector sobre a personaxe.
O meu voto vai para “A saudade”
De novo, parabéns a ambos por enfrontarse con xeito a unha fotografía que a min non me inspira gran cousa, a verdade
Pastiche
Como xa se comentou unha boa ambientación, con personaxes traballados e detalles moi lúcidos como o de almorzar a impresión dunha sardiña. Esa imaxe é realmente boa. Porén, eu non acabri de entrar na historia e, debo admitir, que non comprendín ao final. Imaxino que foi culpa miña, mais non pillei a revelación da nota.
Saudade
Un relato moi ben escrito e estruturado. Máis clásico. Mostra ben ao protagonista e conseguiu facerme rir con ese gran final. Por poñer unha chata, preferiría que a segunda parte do texto se ambientase noutro lugar, quizais enfatizando máis o patetismo do protagonista.
En todo caso, o meu voto vai para Saudade
No grupo B, nesta xornada, cadaquén buscou un xeito diferente para o relato, o que confirma que o microrrelato é unha das formas máis versátiles da narrativa. Viva a imaxinación! Neste duelo ademais é onde máis se deixa notar a influencia da imaxe sobre o relato.
Pastiche
O máis destacado deste relato é o dominio da escena do autor/a. Hai un universo narrativo moi definido, completa coherencia de principio a final e unha visión moi orixinal sobre o futuro. Non hai moito que obxectar. Parabéns.
A saudade
Rechifloume. Sinxelo, conciso, evocador. É dos mellores relatos, para min, da xornada. Así como na narrativa longa é, desde o meu punto de vista, un atraso querer remedar determinadas técnicas narrativas que xa foron superadas ou, simplemente, son antigas, no formato curto viste ben ese regusto clásico, sempre que non se pase a liña tan fina entre homenaxe e copia. O autor ou autora coido que conseguiu o ton perfecto. O final é brillante a pesar de que a anécdota do personaxe que se fai irrecoñecible por un detalle aparentemente menor poida considerarse un tópico literario moi visto. E por que funciona neste caso? Quen o sabe! Velaí a maxia da literatura.
Voto por A saudade.
“Pastiche”
As letras dos séculos deben ser maiúsculas.
Creo que entendín o final, pero non estou segura de todo. Fai honra ó título, e teño que admitir que este remexido do futuro, o pasado e o contemporáneo é moi do meu gusto, porque imaxino unha sociedade futura que mestura referencias anacrónicas sen ton nin son. Mais non atopo unha trama, só unha mostra dese mundo que contrasta o novo co vello.
“A saudade”
O auxe e caída dun vilán. A estrutura está ben escollida, pasado e presente, mais eu poría o de “—Vello tolo… —dixo un mozo duns vinte anos que tomaba unha cervexa na barra.” nunha liña aparte, para cortar efectivamente o recordo e marcar o cambio de época.
Malia que “Pastiche” ten unha proposta orixinal, a execución de “A saudade” foi mellor, e por iso o meu voto vai para esta.
Grazas polo comentario, Leticia, gústame que tamén fagas apuntes sobre a gramática e a ortografía. Respecto á forma de escribir os séculos, van en maiúsculas, mais nun tipo de maiúscula especial: a versaleta. É unha maiúscula do mesmo tamaño da minúscula. No documento orixinal que enviei os séculos estaban en versaletas, mais figúrome que ao pegala en WordPress non respectou o formato e traduciuna nunha minúscula.
Aaaamigo, os cambios de formato cárgaos o diaño. Tamén poden ir en maiúscula normal, para ir sobre seguro.
Lin a túa explicación e si que entendera o final da historia, así que debe de estar bastante claro porque eu para estas cousas son bastante densa. Creo que deberías aproveitar este worldbuilding porque é moi interesante.
Si, grazas, Leticia, no futuro usarei as maiúsculas se xorde nalgún outro relato do torneo (ou en publicacións onde o formato poida supoñer un problema) para evitar sustos. Esquecérame de nomearte sobre o final, porque si que reparara en que dicías crer entendelo. Tamén agradezo eses ánimos para aproveitar a ambientación creada, agora que está plasmada é máis doado que a poida recuperar para un uso literario ou noutro medio.
buufff… difícil decisión. Saudade é unha pequena peza perfecta. As lembranzas dos tempos mellores dun bandoleiro que vai decrépito e perdeu o apoio da xente que lle rendía tributo… todo conseguido de xeito breve e conciso. supoño que máis importante para o final desta historia é a artrose que o tricorne
Polo outro lado Pastiche, un relato cheo de detalles e desbordado de imaxinación. Canto me perden a min todos eses detalliños… sen avasalar van saltando e enchen a cabeza de imaxes curiosas, potentes, fermosas… hai un final, algo incerto no que intúo un intento de roubo por un impostor copia proxectos. dos dous relatos do que me queda máis ganas de saber máis é o de o mundo-Pastiche
Voto logo por el: Pastiche.
“Pastiche”
O autor que fixera este relato nótase que domina moi ben o xénero. Pareceume sublime toda a trama. Esa pomposidade extrema doutro tempo que xa case nos resulta ficticia, xunto co propiamente ficticio do mundo futurista é xenial, e tanto os personaxes, como o diálogo, como a ambientación son brutales. Creo que se un se pon a ler a primeira metade cun café na man, acábase vendo co maimiño levantado inconscientemente. Despois dalle un xiro, que confeso que non cheguei a comprender moi ben, cousa que forma parte do peso abstracto do propio estilo literario. Case me dá mal da risa ca xouba mollada na infusión.
“A saudade”
Concordo con outros comentarios en que a escrita roza a perfección. Ademáis ten os tres aspectos que para min fan que un microrrelato gañe en méritos: 1. Decir moito en pouco 2. Un bo final 3. A segunda lectura cobra sentido a partires da primeira. Cumpre os tres aspectos de maneira redonda.
Foi un dos duelos no que máis me custou decidir. Ambos teñen aspectos moi determinantes en canto á narrativa. En orixinalidade gaña “Pastiche”, en trama “A Saudade”… Parabéns ós dous autores.
Voto finalmente por “Pastiche”
Este é outro caso curioso de como a mesma imaxe é lida e interpretada de xeitos totalmente opostos.
Respecto de “Pastiche”, é un estilo que me resulta un tanto alleo pero nunha segunda lectura recoñézolle un grande traballo de recreación, con grandes aportancións, un rococó de comportamentos e atmósfera e a ideas das impresións, simplemente xenial. Nembargantes, pásame o que non acabo de entender moi ben o final. O proxecto era qué facer coa moza asasinada? Non o teño moi claro.
“Saudade” é como ben dicides máis clásico pero moi ben levado. Non é unha temática da que sexa moi seguidora pero é un relato claro, conciso e cunha denuncia que non deixa lugar a equívocos.
Voto entón por “Saudade”
O meu voto vai para “Pastiche”. Unha proposta moi orixinal. Moi bo texto, mergulleime nese universo dende a primeira frase. E os diálogos encántanme.
“A saudade” está moi ben escrito, ben ambientado e é de lectura fácil (como me gusta a min) pero non chego a collerlle o punto
O meu vou voto vai ir para ‘A saudade’: aínda que a trama que plantexa ‘Pastiche’ e máis orixinal e está moi ben ambientada, gustoume moito a trama de ‘A saudade’, a forma na que está escrita e o xeito no que, con sinxeleza, desenvolve o relato.
Que pasada “Pastiche”! Estou eu moi Ciberpunk estos días, este relato chegoume como auga de maio… o voto vai estar moi condicionado. Este é un desos relatos onde (coma no Ciberpunk) manda o estilo sobre o fondo. As imaxes son moi frescas e incribles, a pesar de que o que se conta está algo… escuro. Despois de lelo unhas catro veces sigo sen telo claro de todo e iso non o fai un bo final aberto, os finales deste tipo teñen que ofrecer múltiples opcións.
“Saudade” está moi ben montado, cun aforro incrible de palabras, economía narrativa en estado puro. Aquí si que hai relato enteiro, cunha mensaxe moi ben lanzada. A persoaxe está perfectamente definida, apoiándose no propio imaxinario local que temos todos.
Pero no decadente mundo de Pastiche móllanse as xoubas no té…e iso é insuperable. O meu VOTO é por “Pastiche”.
Dende o meu punto dr vista unha das imaxes mais difíciles desta primeira xornada d sen embargo moi ben resolta polos dous autores!!!!
Cada vez resultame mais complexo decantarme por un!!!
De pastiche destaco a orixinalidade do formato que o fai moi atractivo.
Sen embargo quedome con A saudade , porque a temática e como s esenrolla me parece brillante.
Moi ben!!!!!!
Aínda que son moito máis do mundo “Pastiche” que do mundo “Saudade”, teño que ser honesto. Para min, “Pastiche” queda a medias usando demasiado diálogo. Ten pinceladas moi boas, pero non me acabou de deixar entrar nel. Como relato, paréceme moito máis pechado, redondo e con economía de medios, “Saudade”, por iso vou votar por el.
Pastiche
A voz robótica de CLQ72 está moi ben conseguida, oina claramente. É moi entretido tamén seguir as referencias desa amalgama de tempos, culturas, modas e estilos que é o relato. Por desgraza aparte diso non din atopado no texto algo que me fixese conectar coas personaxes ou con algún subtexto que puidese captar a miña atencion. Vin só unha escena aleatoria dun ¿futuro? posible, sen máis profundidade aparente que o pastiche en si mesmo. A decapitación damoza sorprendeume, entendo que non se trata dun asasinato, xa que se suxire que os seus corpos son só impresións. Tampouco teño claro quen é a decapitada, o corpo xa baleiro da sua invitada?
Como din os outros comentaristas, unha ambientacion, por moi ben deseñada que estea ten moi dificil levantar un relato se non vai acompañada de algo mais, algo que non fun quen de atopar no Pastiche.
A saudade
“A súa sona de fillo de puta e de bandoleiro déralle non poucas alegrías”
creo que entendo o que a/o autor/a quixo dicir aqui, pero non me cadra ben a mala sona do tipo co de “darlle alegrías”. Podería darlle ventaxas ou privilexios (estou dicindo só cousas positivas) pero alegrías non o vexo, excepto se é unha sona impostada, que non é o caso.
“Pasaba as horas libres de asaltos na taberna”
a esta frase cómprelle un arreglo.
O primeiro parágrafo resultoume redundante. O inicio é moi bo, directo e con gancho, pero chegados á metade xa temos todo o que precisamos saber, ou mellor dito, xa sabemos todo o que a/o autor/a elexiu dicirnos e seguimos ignorando todo o que elexiu ocultarnos (nótase que hai algo clave que a/o autor/a fai esforzos por non dicir a pesar de ter que seguir consumindo palabras para poder producir orelato, e iso non é bo sinal).
O segundo parágrafo paréceme ben levado na intención pero non tanto na execución. Para o meu gusto sobran moitas palabras, é coma se estivese escrito a cámara lenta. O final dalle sentido ó relato (ou dito doutra maneira, sen el non ten sentido) e crea unha escena da que por fin puiden sacar algo en limpo. Aprecio a intención de contrastar a descripcion dun criminal co que despois será un suposto defensor da lei. Quedome con iso, pero o texto en si eu cambiariao de arriba a abaixo. Por que non dicir desde o inicio que é un garda civil? Un xiro final funciona mellor cando hai unha base sobre a que xirar. Aquí a base é feble porque o retrato do suposto criminal é vago, xenerico, está moi contido.
VITORIA DE ‘A SAUDADE’.
Parabéns a Álex pola merecida vitoria.
Grazas a todas as duelistas polos comentarios, o que máis me chamou para participar foi ese carácter de taller, a posibilidade de aprender e compartir. Grazas en especial a Lois, que non está obrigado e aínda así toma o tempo para deixar as súas opinións (sempre resultan valiosas). Mágoa que no estea en competición nesta edición.
O retrato do rapeiro Ski Mask the Slump God non me inspiraba nadiña ao principio. Despois foron xurdindo cousas, se cadra demasiadas, até conformar un universo. Non souben atopar a forma de erguer a ambientación e desenvolver unha trama ao tempo nun relato desta extensión, así que decidín facer do retrato da imaxe outro retrato literario: dun tempo (que, coma sempre na ciencia ficción, fala máis do presente ca dese futuro) e dun personaxe. Querer facer demasiadas cousas nun conto curto non é boa idea —era consciente—; mais probabelmente se a desbotase en favor de algo máis centrado, non recuperaría esa ambientación en ningún escrito futuro. Apetecíame plasmala en quente.
Tentei usar unha das trazas dese universo para darlle remate e reclamar un chisco da persoa que o estivese a ler. Moi mal resolto á claridade que ofrecen os comentarios. Para quen quedase coa dúbida, como nun retrato, a idea era captar un momento, non unha evolución. Así que ese suposto asasinato, como só Lois pareceu comprender das persoas que se referiron a el, non era tal. Ao falar de impresións, tamén de seres impresos (que foi a forma de introdución no conflito do significado que tomaría a vida nun universo coma ese), de horas, de viaxes distantes e de confirmacións de chegadas a tempo ao destino e posteriores promesas de regreso… pensaba que fornecera información abonda. Non foi así, é evidente. Sopesei introducir un flash no compás de espera do protagonista coa espada na man, para referir a un escaneo de lady Goulbourne para a inmediata impresión no club de damas da capital; mais temín que iso restase sentido á carta final. A non-morte dese receptáculo que quedara despois de imprimir a lady Goulbourne na capital, a destrución para posterior reciclaxe da materia que compón o corpo xa desprovido de función, crin que concordaba co carácter do protagonista que se producise desa forma, no canto de algo máis aséptico. Tamén pequei ao introducir o tema da obra do protagonista, dese proxecto artístico, que non tiña outra intención que servir de tema de conversa entre os dous personaxes. Ao final converteuse sen querelo nunha pista falsa que complicou a comprensión do final.
moi interesante. vin parte do que contas, pero non todo. e é certo que o tema da obra do prota foi un faro escuro no relato. mencionalo unha vez captou a atencion, á segunda xa o converteches nun dos pilares da historia, que ó resultar “falso” debilitou a estrutura toda da obra. Ó lector, por se acaso, é bo que darlle un cebo obvio (o humor, por exemplo funciona moi ben nese papel), e despois,cando xa sabes que van sacar algo do relato, metes as segundas, terceiras e cuartas lecturas a gusto, a critica á razon pura e a glandula pineal de Descartes.
Grazas polo consello, tereino en conta.
Fun eu quen propuxo esta foto e non podo deixar de dar os meus parabéns aos dous autores. Agora que a vexo, eu non daría sacado nin a metade dunha imaxe así. Moito animo no torneo¡